Disponibilizamos o texto que leremos nas concentracións polo feminicidio de Clara María Expósito Vilanova en Lugo este 8 de xaneiro de 2020.
COORDENADORA
GALEGA DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES
Ante o asasinato de Clara
María Expósito Vilanova, nas Gándaras en Lugo
Aínda
non pasou un mes do feminicidio de Manuela Iglesias Fernández, na
Pastoriza, e sen embargo vémonos de novo nas rúas para participar
dunha nova xornada de loita e reivindicación do feminismo galego
dando resposta á violencia machista.
Este
sábado, a nosa compañeira Clara María Expósito Vilanova, de 49
anos, era atopada no baño do seu fogar, logo de ser degolada pola
súa parella, F.J.B.F., de 46 anos.
Grazas
á loita feminista conseguimos visibilizar os feminicidios dun xeito
global e transversal, e que non se vexan como un suceso íntimo.
Conseguimos reunir á poboación neste berro conxunto, nesta denuncia
colectiva de que as mulleres somos asasinadas polo feito de selo,
porque hai un sistema de opresión estrutural que se filtra en todos
e cada uns dos comportamentos que mantemos na nosa vida e que moitas
veces leva á peor e máis tráxica das consecuencias, o asasinato.
As
mulleres somos o 51% da poboación mundial e precisamos vivir cos
mesmos dereitos, non somos cidadás de segunda. Non queremos vivir
con medo, queremos saír á rúa sempre que nos pete, emprender
relacións e dalas por rematadas cando así o consideremos, sen que
se atente contra as nosas vidas, porque temos dereito a vivir
libremente, e porque mentres as mulleres non sexamos libres, o mundo
non vivirá en paz.
Estamos
cansas de denunciar as agresións machistas, as violencias
institucionais, o acoso, as fendas salariais, a desvalorización dos
traballos que realizamos as mulleres, todo aquilo que nos discrimina
e que algúns non están dispostos a mudar porque lles beneficia,
porque non queren perder os seus privilexios. Por iso precisamos que
cada unha e cada un de nós mudemos os nosos comportamentos, que non
toleremos ningún tipo de comentario nin actitude machista, violenta,
discriminatoria, que non miremos para outro lado.
Temos
que soterrar o patriarcado e apartalo das nosas vidas. Reclamamos
medidas reais e efectivas para a prevención da violencia machista.
Repetimos unha vez máis que só coa educación e con cambios
radicais estaremos en disposición de dar pasos reais para acabar
coas causas da violencia machista. Que seguimos estando soas cando
denunciamos, que as nosas crianzas sofren as consecuencias da
violencia cando se lles nega protección fronte aos maltratadores.
Que a sociedade segue sen estar á altura da resposta que precisamos
para que a vida das mulleres se coloque no centro e un asasinato
deixe de ser apenas unha anécdota.
Non
valen as boas palabras de condena pronunciadas ao día seguinte dun
feminicidio, as declaracións institucionais, os minutos de silencio,
queremos feitos, queremos unha lexislación con perspectiva de
xénero, queremos que se apliquen medidas contundentes e reais,
recursos e orzamentos que garantan que se pode avanzar na formación
de todos os axentes que interveñen na educación, a sanidade e a
prevención e atención das mulleres que sofren violencia machista,
queremos avances e non compromisos.
Fronte
aos discursos de odio que negan existencia da violencia,
organicémonos e mobilicémonos, porque non podemos deixar de facelo
mentres as aulas se baleiran de contidos de xénero e de metodoloxías
pedagóxicas transformadoras, e se fala máis de pins
parentais
que de educación afectiva e sexual, mentres a sanidade se recorta e
a detección da violencia na mesma se imposibilita, mentres os puntos
de encontro familiar se enchen de maltratadores que visitan ás
crianzas, os xulgados se ateigan de mulleres que deciden non facer
efectiva a denuncia, se chegan a facela, as sentenzas deitan unha e
outra vez custodias compartidas con agresores, as comisarías se
baleiran de efectivos para vixiar as ordes de afastamento, os medios
procuran o morbo nos feminicidios, as vítimas seguen cuestionadas, o
machismo continúa ocupando o espazo público e se branquea aos
reaccionarios que combaten os avances do feminismo.
A
mensaxe que de verdade precisamos reiterar hoxe é que a mobilización
e a loita pola transformación social dende o feminismo é unha
tarefa que ten que ocupar os 365 días do ano. Que hai que
organizarse para construír dende o local ao nacional un feminismo
forte que procure avances reais e medidas transformadoras e non fique
apenas en celebracións rutinarias ou meras medidas simbólicas. A
axenda non pode ter descanso, non pode descansar tampouco na única
aspiración de ocupar unhas institucións incapaces de ser
transformadoras. As mudanzas e as transformacións sociais só son
posíbeis dende a base, organizadas, e con poder para tensionar ao
poder e arrincarlle os dereitos que queremos conquistar. Como
arrincamos o voto, o dereito ao divorcio ou o aborto, teremos que
arrincarlle a un poder machista os recursos e as medidas que
contribúan para o fin da violencia machista.
Estamos
e seguiremos na rúa porque urxe considerar a violencia machista como
problema social e político de extrema gravidade, pero para esixir
cambios REAIS. Estes asasinatos non poden ser considerados como un
máis dunha longa lista de feminicidios. Non podemos asumir a
cotidianidade dos asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos,
máis de medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia
machista, mais dun millar no no estado español.
Esiximos
que a Lei Galega de violencia de xénero sexa efectiva, esiximos
recursos e un compromiso de vontade real para acabar co terrorismo
machista. Non queremos máis mulleres asasinadas. Non queremos
pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito.
Queremos que non haxa ningunha muller máis asasinada.
Querémonos
Libres! Querémonos Vivas!
E seguiremos en marcha, ata que todas sexamos libres!