Diante da eliminación da Secretaría Xeral de Igualdade do organigrama do goberno da Xunta, as organizacións feministas galegas queremos manifestar:
A pesar das mostras de fortaleza do feminismo galego nos últimos tempos e do clamor social pola necesidade de políticas decididas cara á superación das discriminacións que historicamente se cometeron coas mulleres, non se albiscan por parte do goberno da Xunta políticas encamiñadas a este fin.
Desde as últimas décadas do século XX, as institucións e organizacións sociais fixéronse eco das demandas do feminismo , entre outras cousas, creando organismos encargados da aplicación de medidas conducentes á igualdade de xénero. É así como se formalizan as vocalías ou secretarías das mulleres nas organizacións sindicais, asociacións e patidos, as áreas de igualdade nos concellos, etc. Nesta liña, en 2005 o goberno galego de BNG e PSOE crea a Secretaría Xeral de Igualdade. Pois ben, ao igual que aconteceu co resto de políticas e actuacións que botaron a andar neste tempo, o Partido Popular fai desaparecer agora un organismo de goberno que no lugar que debería ocupar, dependente da Presidencia, tería que deseñar o conxunto de políticas a aplicar desde os diferentes departamentos do goberno galego. Trátase do último paso dado, até agora, após a desaparición do Sistema Galego de Igualdade, ou o vaciamento de recursos dos centros Quérote, dos CIM, dos pisos de acollida … A ideoloxía retrógrada en materia de igualdade do PP manifestouse tamén ás claras co torpedeo constante do dereito ao aborto, coas subvencións e institucionalización da Red Madre, co desvío das intervencións de interrupción do embarazo a clínicas privadas… en definitiva, impedindo o exercicio deste dereito sen estigmatizar ás mulleres que abortan.
Eliminar a Secretaría Xeral de Igualdade é un paso máis na progresión de políticas retrógradas cos dereitos das mulleres por parte do Partido Popular. É a demostración de que a igualdade perde peso nas políticas do goberno galego, rebaixando a súa importancia desde a Secretaría até a Dirección Xeral. Por outro lado, que implica que a a violencia de xénero e a igualdade se desvinculen en dous departmentos diferentes, a Dirección Xeral contra a Violencia de Xénero e a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade? Acaso a violencia e a desigualdade non son dúas caras da mesma moeda? Cabe pór en práctica medidas efectivas contra a violencia que non ataquen as desigualdades? Non é a igualdade o verdadeiro antídoto para combater a violencia? Tampouco nos parece baladí que se poña un home á fronte da Dirección Xeral contra a violencia.
Por todo o dito, exiximos ao goberno galego que dea ás políticas de igualdade o peso que lles corresponde, coa restitución da Secreatría Xeral de Igualdade, facéndoa depender non dunha Consellaría senón da Presidencia, pois para combater a violencia contra as mulleres e avanzar na igualdade débese actuar desde todas as frontes e non só desde os servizos sociais.
Queremos que saiba este goberno que a sociedade galega do século XXI non vai consentir máis minusvaloración e discrimicación das mulleres, que as mulleres non imos consentir que se nos neguen dereitos que tanto costou conquistar.
Colectivos adheridos (actualizado 14/05)
- Marcha Mundial das Mulleres Galiza
- Plataforma Feminista Galega
- Asemblea Feminista Aberta de Compostela
- Asociación de Empregadas do Fogar Xiara
- Son Lilá
- Colectivo Feminista das Mariñas
- Asociación de Mulleres Area Loura do Val Miñor
- Asociación Feminista MoradAura de Padrón
- Colectivo Feminista Levedar de Vila de Cruces
- Colectivo Carballas do Rosal
- Buserana Organización de Mulleres Feministas na Costa da Morte
- Colectivo Feminista das Pontes
- Plataforma Feminista de Lugo
- Asociación Polamiúda de Chantada
- Tamborililás batukada transfeminista Compostela
- O sonho de Lilith
- Feministas da Terra Cha
- Curandeiras de Vimianzo
- Nós Mesmas
- Comando Mazá Pontevedra
- Feminismo en pé de Ponteceso
- Asociación de Mulleres Rurais de Arzúa
- Obradoiro feminista de Casardeita
- Colectivo Feminista de Moraña As Moiras
- Unión de muchachas de Boiro
- Feministas de Catoira
- Colectivo Transfeminista F.U.L.A.N.A.S. de Pontevedra
- O refaixo de Carolina de Valga
- Asociación ElasProIgualdade de Bergondo
- Asociación de mulleres Dorna de Vigo
- MaterFem Maternidades Feministas Galegas
- Foro Feminista de Lugo
- Colectivo Feminista do Eume
- Colectivo Feminista Pontevedra
- Colectivo Feminista Deza-Tabeirós
- Mulleres Barbanza
- Secretaría das Mulleres da CIG
- Asemblea de Mulleres de STEG
- Secretaría de Mulleres Igualdade e políticas LGTBI de CCOO
- Secretaría das Mulleres de Comisións Labregas