Queixa á Valedora do Pobo sobre “xestación por substitución”

Dende PETRA e a Marcha Mundial das Mulleres iniciamos unha campaña para denunciar ante a Valedora do Pobo o recoñecemento dos ventres de alugueiro que se fai baixo o eufeminismo de “xestación por substitución” no formulario da Seguridade Social no que se solicitan os permisos maternos/paternos por nacemento.

Con esta acción queremos denunciar que se normalice unha práctica ilegal por vías indirectas recoñecendo dereitos a través de formularios oficiais que non se ciñen á legalidade vixente. A nosa demanda é que se retire dos formularios a casilla que permite este recoñecemento ao permiso de maternidade/paternidade, que só contribúe ao blanqueamiento ético da trata de seres humanos.

Para sumarte a esta acción comparte e envía o texto a valedor@valedordopobo.gal

TEXTO DA QUEIXA

Eu _______________________________ con DNI __________ e domicilio en ____________________________________ solicito a intervención da Valedora do Pobo ante a Administración da Seguridade Social por recoñecer de maneira encuberta, no formulario de solicitude do permiso de maternidade e paternidade, o nacemento por ventre de alugueiro ou “maternidade subrogada”, baixo o eufemismo “xestación por substitución”.

No devandito formulario, achegado na presente queixa, inclúese a casilla de “xestación por substitución” no epígrafe 2, xunto á casilla de nacemento, e en epígrafes posteriores, quedando así normalizada e branqueada unha práctica prohibida no noso país. Desta maneira, mediante un acto administrativo por parte da Seguridade Social recoñécese e estende o dereito a un permiso de maternidade e paternidade retribuído con fondos públicos a persoas que cometeron un acto ilegal, conscientes ademais diso. Engadir a opción “xestación por substitución” neste formulario equivale a asimilala como alternativa perfectamente lexítima para calquera que se descargue e encha esta solicitude de agora en adiante, e para estas mesmas persoas que despois de recorrer a artimañas legais para rexistrar a bebés nados por ventre de alugueiro, ven como á fin e ao cabo, a Seguridade Social recoñécelles o dereito a este permiso retribuído.

É por isto que solicito que se retire dos formularios a casilla que permite este recoñecemento ao permiso de maternidade/paternidade, que só contribúe ao blanqueamiento ético da trata de seres humanos. A mal chamada “xestación por substitución” ou “maternidade subrogada” implica a explotación reprodutiva de mulleres ás que se manipula con mala praxes psicolóxicas para convencelas de que as criaturas que xestan non son súas porque o óvulo é doutra, para forzalas a ” desapegarse emocionalmente”, coma se isto fose posible e non as prexudicase a elas e ás súas criaturas. Implica tamén a separación violenta destes bebés das súas nais nada máis nacer, a maioría mediante cesárea, para ser entregados a persoas que cren que porque levan a súa carga xenética, (e tampouco sempre é así), e porque pagan por iso, teñen dereito a consideralos os seus fillos e fillas por encima do da nai xestante; persoas que, ademais, non pasan por ningunha avaliación antes de que esas criaturas, coas que non hai ningún vínculo emocional previo, tan só un desexo, sexanlles entregadas. As clínicas e as persoas que obteñen beneficios millonarios dedicándose a explotar mulleres e bebés como produtos de mercado, menten e manipulan a estas mulleres e aos seus potenciais clientes, vendéndolles a idea de que o útero dunha muller, a falta dun útero artificial, é un órgano independente do resto do corpo, coma se só fose un forno para crear bebés para calquera que poña o seu embrión alí. Estas campañas de márketing fraudulentas por parte destas clínicas son a clave para branquear e aceptar como válida a substracción de recén nados ás súas nais no imaxinario común, pechando os ollos á realidade de que somos mamíferas, e non ovíparas, por tanto o proceso de xestar, parir e aleitar é o que define á nai biolóxica como tal. O empeño en anular este feito, de maneira cruel e inútil, supón provocar unha ferida primal a estas criaturas ao separalas da súa nai, e a estas, ao non volver ver á súa cría. Trátase pois, de adopcións de deseño: persoas planificadas e deseñadas en laboratorio para ser adoptadas por encargo.

Considero que as autoridades políticas e xurídicas deste país están a permitir, facilitando e contribuíndo á normalización desta práctica ao non impedir o rexistro destes bebés no Rexistro Civil, e ao non perseguir nin penalizar legalmente estes actos, sexa ás axencias, sexa a quen contrata os seus servizos. Recoñecer o dereito a un permiso de maternidade/paternidade retribuído con fondos públicos a persoas que recorreron á explotación reprodutiva dos corpos das mulleres, levándose aos bebés desas nais xestantes, equivale a lexitimar estes feitos baixo a escusa de “protección do menor”, menor cuxos dereitos humanos non se tiveron en conta previamente, debido a que se segue permitindo a súa filiación e aceptando as sentenzas xudiciais de países onde se acepta como válida a renuncia dunha muller, que foi manipulada psicolóxicamente para vender ao seu bebé, a facerse cargo do seu fillo/a, e, por tanto, non se pon fin de facto a esta práctica, pois as trabas burocráticas necesarias para que pareza que se fai algo por evitalo en realidade só contribúen á romantización de historias de maternidades e paternidades de “pais comitentes ou de intención” que teñen que salvar obstáculos pero que culminan no éxito, e co premio dun permiso por nacemento retribuído con fondos públicos por parte da Seguridade Social, usando o mesmo formulario que o resto de nais e pais que non recorreron a estas prácticas, poñendo ao mesmo nivel ético e legal todos os nacementos.

Dado que esta práctica segue adiante, polo exposto anteriormente, e estas criaturas necesitan un coidador ou coidadora, sei que se argumentará que unha vez recoñecida a filiación no Rexistro Civil, pódese solicitar un permiso por nacemento, e é por isto que esixo que os trámites para a obtención deste permiso de maternidade/paternidade fáganse por outra vía, en todo caso sen o recoñecemento para recibir unha retribución por parte do estado, e non como opción neste formulario en cuestión, engadindo a casa de “xestación por substitución”, detrás da cal se esconde a vulneración de dereitos humanos fundamentais.

Solicito tamén ter coñecemento das accións que se levaron ata a data por parte das administracións públicas para perseguir e penalizar ás axencias, clínicas e comerciais que venden os seus servizos de explotación reprodutiva en España, mediante campañas de publicidade en calquera medio, eventos comerciais, e tamén mediante as campañas de promoción encubertas orquestradas polos medios de comunicación que se posicionan a favor de trata de bebés exhibindo contidos onde tan só aparece a versión de quen se beneficia destas prácticas, ocultando calquera información sobre a realidade económica, política e social dos países onde se permite explotar a mulleres e substraer bebés, sobre como levan a cabo os partos, sobre os datos e feitos científicos relacionados coa psicoloxía e saúde perinatal, sobre as consecuencias a longo prazo para as persoas nadas por ventre de alugueiro e as nais que os xestaron e pariron, e sobre as clínicas que se lucran con mala praxe, manipulando as emocións de todas as persoas involucradas, incluídos os clientes, e vulnerando dereitos humanos fundamentais ao converter ás persoas en produtos de fábrica e comercialización.

PETRA e a Marcha Mundial das Mulleres alíanse para reforzar a defensa dunha maternidade feminista

Desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres e PETRA Maternidades Feministas Galiza queremos manifestar o noso compromiso conxunto de reforzar a nosa loita e as nosas organizacións a través dunha alianza que recoñece mutuamente o noso labor no movemento feminista. 

Ambas organizacións compartimos a imprescindíbel perspectiva anticapitalista da loita feminista e a necesidade de que esta perspectiva estea presente en todas as reivindicacións que realizamos na loita polos dereitos das mulleres. 

Nunha sociedade capitalista e patriarca, como a nosa, a maternidade desde posicións feministas é un acto político de rebeldía contra a lóxica individualista e mercantilista das nosas vidas e dos imprescindíbeis coidados que todas precisamos. As crianzas son un ben social pois encarnan o noso futuro colectivo, e como tales os seus coidados deben interpelarnos a todas e temos que garantir colectivamente as mellores condicións en que eses coidados poidan desenvolverse.

Tanto a Marcha Mundial das Mulleres como PETRA defendemos o dereito das mulleres a decidir libremente sobre os seus corpos e a súa maternidade, garantindo por un lado a todas as mulleres unha interrupción voluntaria do embarazo segura e gratuíta na sanidade pública e por outro as condicións sociais e económicas necesarias e dignas para exercer unha maternidade libre. Como feminismos anticapitalistas denunciamos a mercantilización dos corpos das mulleres a través dos ventres de alugueiro, unha forma de compra venta de crianzas que ademáis despreza ás mulleres como suxeitos de dereitos. 

Con esta alianza queremos expresar o noso compromiso de loita por unha maternidade libre e profundamente política que coloque a vida e a súa reproducción no centro das políticas reclamando: 

  • A ampliación dos permisos por nacemento e a súa transferibilidade nun tempo non inferior ao recomendado como período de lactancia (6 meses). Con especial atención ás familias monomarentais.
  • Protección das mulleres e as crianzas fronte á violencia obstétrica pola súa condición de violencia machista revisando as prácticas e protocolos do SERGAS de cara a garantir a eliminación desta violencia dos procesos de embarazo-parto-puerperio. 
  • Garantías no eido laboral para as embarazadas e mulleres nais: reduccións de xornada co 100% do salario, aumentar o tempo dos permisos retribuídos por enfermidade das crianzas, reducción da xornada laboral a 30 horas para traballador@s con crianzas menores de 12 anos e asignacións universais por crianzas a cargo. E sobre todo garantír un sistema laboral que non penalice a maternidade e o coidado das crianzas que son un ben social e colectivo. 
  • Transformacións no eido educativo e social eliminando a ollada adultocéntrica sobre as crianzas e entendendo a necesidade dunha corresponsabilidade social para a crianza. 

O compromiso que adquirimos desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres e PETRA Maternidades Feministas Galiza con este alianza é traballar xuntas e colaborar en que os nosos obxetivos políticos sexan acadados a través da mobilización social, a intervención política e a reflexión e debate colectivo sempre desde a sororidade e o apoio mútuo. 

Galiza, marzo de 2021.

YouTube
YouTube
Set Youtube Channel ID
Instagram
Telegram