Nós, militantes da Marcha Mundial das Mulleres, denunciamos o papel que xoga a OTAN no mundo como unha ferramenta do capital occidental para asentar e reforzar un sistema criminal que ataca frontalmente a vida de millóns de persoas no mundo e a soberanía dos seus pobos. Nacida como ferramenta para combater o bloque socialista, a OTAN foi desde entón unha ferramenta para a expansión militar, ideolóxica e económica do capital no mundo.
Como feministas anticapitalistas a nosa axenda ten como centro de acción a defensa radical da vida fronte á ofensiva dos mercados e os seus mecanismos coercitivos e militares para impór a explotación, a violencia e o expolio das nosas vidas, dos nosos corpos e dos nosos territorios.
Como antiimperialistas denunciamos o papel que a OTAN, ferramenta do imperialismo, xoga no proceso de acumulación capitalista e desposuimento. O antiimperialismo é fundamental para construír un feminismo popular capaz de prover alternativas para un mundo con xustiza, igualdade, paz e solidariedade.
Estamos vivindo un momento de reorganización do poder transnacional que precisa buscar a súa propia supervivencia nunha situación extrema: un momento de maior espolio dos bens comúns, explotación da man de obra e do traballo non remunerado, crise multidimensional (climática, alimentaria, financieira e de coidados) e exacerbación do racismo. As forzas da extrema dereita en moitos países están enfrontadas cos movementos populares e, motivadas por disputas xeopolíticas, ameazan a hexemonía dos EUA, un estado sumido nunha profunda crise.
Neste contexto, as oligarquías mundiais están apostando de volta por unha economía de guerra, que non só serve para a acumulación e o enriquecemento, tamén para o disciplinamento e control social. É neste escenario no que a OTAN xoga o seu papel de ferramenta ao servizo do imperialismo, aplicando non só unha lóxica militar, mais sobretodo unha guerra cultural e ideolóxica para impór a axenda do capital.
Como feministas sabemos que as lóxicas de desposuimento e militares do capital impactan con maior forza nas vidas das mulleres porque a vida mesma é a que está baixo ataque. Somos as mulleres traballadoras nas que descansa, por todo o planeta, o labor de reproducir a vida, até nese sitios onde o Estado aprópiase de parte desta tarefa en tempos de crise económica, é desde aí que os recursos son primeiramente retirados e onde os recortes impactan primeiro. En Estados onde o impacto ideolóxico e económico da guerra acompaña militarización e conflito bélico, somos as mulleres, os nosos corpos e as nosas vidas, quen somos as primeiras en sufrir as consecuencias tal e como as vemos en cada conflito que o capital por en marcha para reproducirse.
Denunciamos o papel dos estados membros da OTAN na súa política de reforzo e expansión capitalista arredor do mundo, dobregándose aos mandatos das oligarquías e non dos pobos, e tamén a aqueles que debuxan alianzas para a expansión ou reforzo desta estrutura a nivel mundial.
Europa vive hoxe unha guerra fomentada polos intereses económicos do capital occidental transnacional e a resposta militar dunha Rusia nas mans da oligarquía da que a OTAN se aproveitou para acelerar o proceso de expansión en Europa e África, non só para reflotar aos EUA coa economía de guerra tamén para impoñer a axenda do capitalismo no mundo e a reorganización deste para a súa supervivencia.
Esta axenda está sendo usada para conter o crecente descontento social que é resultado do alto custe da vida debido a un sistema en crise que busca maximizar o beneficio a costa da clase obreira, empobrecendo máis e máis ao pobo, con especial impacto nas mulleres.
De cara á cimeira da OTAN, denunciamos o papel dos gobernos europeos que acompañan esta lóxica e que non só se someten aos interes da oligarquía tamén están dispostos a destinar recursos públicos para financialos mediante un aumento do orzamento militar até o 2% do PIB. Os gobernos invisten en armas, tecnoloxías de vixilancia e fronteiras, mentres a desigualdades aumentan e a precariedade da vida se xeraliza.
Como movemento feminista internacional, denunciamos os intentos dos medios para esconder e normalizar conflitos e guerra no sur global, territorios que sufren sistematicamente militarización e guerras, onde é evidente o avance dos conflitos polo acaparamento da terra e dos recursos.
Neste mundo de guerras no que o capital ataca a vida, a Marcha Mundial das Mulleres está comprometida cunha axenda política na cal a sostenibilidade da vida é o centro. A nosa loita é pola desmercantilización e expansión dos servizos públicos para apoiar a reprodución social, pola soberanía alimentar e por cambios estruturales no actual modelo de produción e consumo, orientado polo recoñemento da nosa interdependenica e a ecodependencia.
Paz e desmilitarización son compromisos fundacionales na construción da Marcha Mundial das Mulleres, tanto como a nosa solidariedade internacionalista e incansable loita pola soberanía e autodeterminación dos pobos como condición para superar o capitalismo heteropatriarcal e racista.
Facemos un chamamento a todas as mulleres do mundo para reforzar e ampliar a loita pola paz e a desmilitarización, para confrontar o imperialismo e construír as condicións para un mundo no que a sostenibilidade da vida estea no centro.
Resistimos para vivir, marchamos para transformar.