25N // Se o presente é loita, o futuro será libre!

Mobilízate este #25N: [en actualización]

→ A Coruña, 20h no Obelisco.
→ A Estrada, 20h30 Praza do Concello
→ As Pontes, 19h30 Praza do Hospital
→ Betanzos, 20h30 detrás do palco da música
→ Carnota, 19h30 Praza da Pedra
→ Catoira, 20h Alameda do Concello
→ Cee, 20h na Praza 8 de marzo
→ Celanova, 19h30 Praza Maior
→ Compostela, 20h Praza 8 de marzo
→ Lalín, 20h30 Praza da Igrexa
→ Lugo, 20h diante da Subdelegación do Goberno
→ Narón, 19h30 Praza da Gándara
→ Noia, 20h30 diante do Concello
→ O Porriño, 20h Praza do Concello
→ Ordes, 20h30 Alameda
→ Ourense, 20h Castañeira
→ Ponteceso, 20h Praza do Recheo
→ Pontevedra, 20h Audiencia Provincial
→ Ribadavia, 20h Praza Maior
→ Sarria, 20h30 Praza da Vila
→ Val Miñor, 20h no Cruce da Ramallosa
→ Vigo, 20h Vía Norte
→ Vilagarcía, 20h30 Praza de Galiza
→ Vila de Cruces, 19h Praza da Igrexa
→ Vilalba, 20h30 na Praza da Constitución

Poderás descargar aquí o noso manifesto

Material descargábel

Posicionamento político da Coordinadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres:

A data 25 de novembro, escollida no 1981 no I Encontro Feminista Latino – Americano e do Caribe, presta homenaxe ás irmás Mirabal, vítimas do feminicidio e da ditadura. Elas foron ecarceradas, violadas e asasinadas a mando da ditadura da República Dominicana nos anos 60. En nome da memoria colectiva, o día marca as loitas polo fin das violencias contra as mulleres. 

Neste momento, vivimos nun contexto de crise no que sentimos a devastación causada polo capitalismo, que se tornou aínda máis visíbel nestes últimos 3 anos desde a pandemia e que se incrementou cos movementos xeopolíticos no leste do continente europeo que agudizaron a inflación e a carestía da vida até chegar uns niveis sen precedentes e que de novo, aumentou a situación de emerxencia social e crise. 

Hoxe, as contradicións acumuladas polo capitalismo chegaron ao punto de ser insostíbeis, o aumento do desemprego, da inseguranza,  a inestabilidade económica… volveu evidente que o sistema precisa aumentar a explotación e o empobrecemento xeral da poboación para poder sobrevivir. A privatización e mercantilización dos servizos públicos, a crise ecolóxica e climática, os intereses capitalistas e corporativos colocados por diante da nosa saúde, o poder imparábel das transnacionais… son efectos do agravamento do conflito capital-vida. 

Sabemos que son tempos difíciles para facer traballo fóra das lóxicas do sistema mais é a nosa obriga, neste 25 de novembro, seguir sinalando as violencias que nos atravesan a todas e cada unha de nós e que cada día son agravadas por un sistema no que non poderemos nunca sermos libres. 

É por isto que escollemos o lema Se o presente é loita, o futuro será libre, para podermos ser quen de analizar todas as violencias que nos atravesan e ter a capacidade de dar unha resposta contundente e alzar a voz en denuncia de todas elas. Porque ningunha pode ter cabida na nosa vida. 

A violencia psicolóxica: as emocións anteceden e, a súa vez, forman parte de todas as violencias coas que o patriarcado nos agrede. Algunhas destas violencias correspóndense con iso que Bourdieu definiu como violencia simbólica; aquela indirecta e dificilmente identificábel, que nos converte en persoas agredidas mais sen consciencia de selo. Esta violencia, aínda que non se exerce de xeito directo sobre todas nós, sirve como un aviso, a través do medo, sobre aquilo que non debemos ser ou facer; aconteceu no verán, coas picadas denunciadas masivamente por mozas cuxo obxectivo era, fundamentalmente, reforzar a posición de poder do xénero masculino sobre as mulleres e arrebatarnos a liberdade de gozar seguras do noso tempo de ocio.

Neste caso co medo e noutros milleiros con diversas emocións, o patriarcado tenta anularnos coma suxeito de noso, tendo como ferramenta fundamental a violencia psicolóxica que sobre nós se exerce. En moitos casos esta violencia diríxese á nosa individualidade, como acontece nos casos de violencia machista que moitas mulleres sofren nas súas relacións de parella. Porén, todas nós sufrimos unha violencia psicolóxica estrutural, non individualizada, que determina en certa medida a nosa relación co mundo e a nosa autoconcepción.

Esta violencia psicolóxica estrutural viría representada polos canons de beleza, polo mito do amor romántico, pola división do traballo e pola idea mesma de feminidade. Consistiría na imposición duns estándares -físicos, románticos, laborais e emocionais- imposíbeis de acadar e mesmo prexuizosos para nós e o noso entorno. Estes estándares reforzarían os roles de xénero que nos sitúan nunha situación de dependencia e subordinación ao home na que este exerce violencia sistemática sobre nós. A súa vez, os medios de comunicación, a arte e toda manifestación na que o capital ostenta a hexemonía viría a reproducilos e reforzalos.

De igual modo, estas ideas, en tanto en canto a división público-privada non existe realmente, virían a manifestarse na nosa vida persoal de diferentes formas. A nivel individual, cunha maior tendencia das mulleres a situacións de depresión ou trastornos como os da conducta alimentaria, relacionándose coa carga mental, o traballo no eido dos coidados que se complentaría co propio traballo asalariado ou a imposición dun canon imposíbel de acadar. A nivel relacional, coa vixencia dun mito acerca do amor romántico que reforza os roles de xénero na esfera da parella, romantiza as situacións de abuso e maltrato sufridas por moitas mulleres e xustifica a violencia exercida polo home.

Para pór fin a todas estas violencias baixo a violencia psicolóxica, acreditamos na existencia de institucións que faciliten a loita contra este sistema e por iso reclamamos:

  • Reforzo da atención psicolóxica nos CIM
  • Reforzo da atención psicolóxica nos centros Quérote +
  • Atención psicolóxica con perspectiva de xénero garantida na seguridade social. 

A violencia na saúde mental das mulleres: a ausencia de perspectiva de xénero na medicina é un serio problema para a nosa saúde. No día a día, sabemos que a atención a homes e mulleres ante síntomas similares relacionados co malestar emocional, non se analizan co mesmo rigor nas consultas médicas, e a miúdo trivialízanse ou menosprézanse as expresións de malestar das mulleres. Aliás, padecemos todas as persoas unha atención sanitaria que carece de recursos suficientes para prestar a atención necesaria e que habitualmente recorre á saída fácil do tratamento farmacolóxico, negando o acceso a outro tipo de solucións verdadeiramente terapéuticas. 

Historicamente a psiquiatría converteu en doenzas mentais os malestares que padecemos as mulleres por efecto das violencias machistas que sufrimos ao longo de toda a nosa vida. O invento da histeria como doenza mental propia das mulleres dá boa mostra do papel da psiquiatría como ferramenta coercitiva ao servizo do patriarcado. Non só coas mulleres, tamén coas persoas homosexuais e trans actuou como correctora das disidencias coa norma. En nome da ciencia médica practicouse o illamento en centros psiquiátricos, as técnicas como o electroshock, a contención mecánica, as terapias de conversión, a droga dura da medicación, etc. A crenza popular de seren as tolas persoas agresivas facía aceptábel o uso destas prácticas e arredalas da sociedade, ficando así oculta a doenza psíquica e o seu estigma para a persoa e a familia. Aínda persisten as prácticas que anulan a vontade destas persoas, que lles negan calquera capacidade de decisión, convertendo as familias ou os profesionais nos seus enterradores en vida. 

A patoloxización do malestar emocional está máis presente que nunca. É a consecuencia das dinámicas sociais do sistema capitalista e patriarcal, que só obedecen á máxima do beneficio económico das minorías, unha sociedade a cada paso máis deshumanizada, onde a atención e os coidados que todas precisamos non teñen cabida.

A depresión e a ansiedade son diagnósticos que se multiplican por tres no caso das mulleres. E non é estraño se temos en conta que a atención ás persoas dependentes seguímola asumindo case exclusivamente as mulleres, que multiplicamos as nosas tarefas coas dobres xornadas, que o noso traballo está infravalorado, que soportamos a presión das exixencias dos canons de beleza e da suposta feminidade a través da obxectualización do noso corpo, que convivimos co medo ou coa experiencia de sermos vítimas de agresións sexuais e outras violencias… Todo isto non se cura con psicofármacos, o que nos cómpre é derrubar o sistema capitalista e patriarcal e nese camiño aspiramos á realización dos seguintes obxectivos inmediatos:

  • Unha atención sanitaria con perspectiva de xénero que dea prioridade á saúde mental.
  • Que se aborde a saúde mental desde  terapias humanizadas, desde a atención, a comunicación e o respecto.
  • Unha educación inclusiva, que ensine o autocoñecemento do corpo e das emocións, co que se aprenda a situar nun lugar central o coidado propio e o coidado das outras.

A violencia sexual:  Hai unha problemática que atinxe á totalidade do territorio galego, Galiza é a quinta comunidade con máis mulleres en situación de prostitución e con máis burdeis, colocándose por diante doutras do Estado Español con maior poboación. O emprego de substancias para inhibir a vontade das mozas nos espazos de ocio, os ataques sistémicos ás xogadoras de equipos deportivos, as agresións sexuais… son exemplos da mesma problemática: a obxectificación e hipersexualización das mulleres. 

Somos vistas como un obxecto de pracer, sen vontade nin opinión, categorizadas como humanas de segunda, as eternas vítimas rexulgadas nun sistema baseado na cultura da violación. O dedo acusador nunca sinala o agresor, sempre á agredida. Somos as agredidas quen debemos readaptarnos para encaixar nos roles que nos impoñen, quen temos que xustificar o non ser agredidas para encaixar nun sistema no que o patriarcado nos explota e agrede. 

Fronte á violencia sexual que golpea na vida de moitas mulheres de diferentes xeitos pedimos: 

  • Programas que favorezan a superación da situación de mulleres en situación de prostitución e de trata. 
  • Acceso das persoas prostituídas e as súas crianzas a mecanismos de protección social (vivenda, saúde, escolarización, formación profesional…)
  • Creación, por parte do Estado Español, de programas de saída da prostitución que garantan ás mulleres a oportunidade de iniciar un novo proxecto de vida, libre de todo tipo de violencia. 
  • Talleres e obradoiros de educación sexual que se impartan a axentes orgánicos que traballen con calquera tipo de violencia sexual. 

A violencia institucional: A violencia institucional ocorre cando axentes ou membros de organismos públicos levan a cabo de xeito inadecuado as súas funcións e non proporcionan nin a información nin os servizos de forma adecuada provocando un trato inxusto e incorrendo en situacións de abuso de poder. Neste sentido, calquera autoridade pode incorrer neste tipo de prácticas que teñen efectos discriminatorios e negativos directos nos dereitos das mulleres e que poden afectar tanto a integridade individual como a colectiva. 

Quen goberna e lexisla, actúa e traballa en suposto beneficio da totalidade da poboación. Este tipo de agresións contra a vida das mulleres pode darse de xeitos moi diferentes, unha das máis visibles é a que exercen as forzas policiais e que a maior parte das veces se dan en contextos de desigualdade. Deste xeito, actúan violando os seus propios límites e controlan ou maltratan sectores populares dun modo co que non actuarían cos sectores poderosos. A violencia que exercen as propias forzas de seguridade vaise sumando ás das propias institucións públicas que en moitos casos se manifesta con neglixencias, falta de solucións, indiferenza, mal proceder a mantenta…

Un exemplo moi recorrente da violencia institucional é a chamada revitimización, cando ocorre un dano a cause dun delito, é a vítima a que ten que falar disto. Isto quere dicir que a vítima volve padecer un perxuízo ao ser cuestionada polo delito que se cometeu contra ela, isto é aínda maior cando falamos da violencia machista na xustiza. 

  • Violencia xudicial

Cada día nas comisarías e xulgados da Galiza mulleres que denuncian violencia machista ven violentados os seus dereitos á defensa, á protección das súas fillas ou á protección fronte aos seus agresores. Falta de asesoramento cando se decide denunciar e no momento da denuncia e do atestado policial que as acompañará durante todo o proceso posterior, medidas cautelares que na mesma orden se dita afastamento para os agresores e vistas do agresor ás súas crianzas, réximes de visitas para agresores sexuais das crianzas, informes que culpabilizan, xulgan ou revictimizan ás mulleres, unha xudicatura machista empeñada en que os maltratadores poden ser bos pais para crianzas que a lexislación xa define como vítimas de violencia machista, falta de formación, falta de empatía e implicación dos axentes que interveñen nos procesos xudiciais, falta de xulgados específicos de violencia machista, …

Todo isto sucede cada día no noso país, marcando a vida de mulleres e crianzas para as que a violencia nunca remata coa denuncia senón que pasa do ámbito máis privado ao público, engadindo á violencia machista a institucional. Non se trata só de que se emitan sentenzas machistas; trátase de todo o proceso xudicial que lonxe de protexer ás mulleres e ás crianzas acaba por sometelas a máis violencias.

A responsabilidade de que isto remate é colectiva, comezando por todas e cada unha unha das persoas que interveñen no proceso: dende quen recibe á agredida cando vai denunciar, pasando por quen realiza os informes ignorando o benestar das mulleres e das crianzas, a quen dicta sentenza ou atende nos puntos de encontro familiar. Cada unha destas intervencións pode xerar unha violencia ou contribuír para acabar con ela.

Para frear esta violencia institucional no marco da xustiza é preciso coñecer e sinalar o que esta pasando, facernos conscientes de que de nada serve todo o traballo que facemos para que a sociedade tome consciencia, identifique e denuncie a violencia machista se o proceso de denuncia vai colocar ás mulleres e ás crianzas en situación de sufrir máis violencia.

Por isto reclamamos ás institucións:

  • Información pública do proceso de denuncia machista e dos dereitos das mulleres: a estar acompañadas por avogadas no momento da denuncia, á atención psicolóxica e o acompañamento, a solicitar medidas de protección, a coñecer os recursos á súa disposición.
  • Formación específica de todo o persoal e axentes que atenden a mulleres que sufren violencia machista en todos os níveis da administración pública: policial, xudicial, administrativo e social.
  • Dotar aos CIMM da Galiza de medios suficientes para a atención e asesoramento de mulleres que sufran violencia e que ese persoal que acredite formación específica en violencia machista.
  • Esixir que os recursos públicos postos a disposición da atención e o acompañamento das mulleres que sufren violencia machista mediante programas ou finanzamento público traballen de forma coordenada e se informe da disponibilidade dos mesmos a todos os axentes que interveñen. A violencia machista non sabe de horarios de oficina.
  • Revisión da atención e servizo que se presta nos organismos públicos nos que se emiten informes que afectan aos procesos de denuncia: Incrementar o persoal do IMELGA e supervisar a súa formación en materia de violencia machista para evitar que se empreguen invencións como o Síndrome de Alienación Parental contra as mulleres.
  • Modificar o decreto dos Puntos de Encontro Familiar para esixir formación específica sobre violencia machista ás traballadoras dos mesmos, garantir a protección das nenas e nenos e establecer un tratamento diferenciado para casos nos que exista sospeita de violencia machista e facelo con xestión pública e non privatizada.
  • Modificar o decreto dos Puntos de Encontro Familiar para esixir que nos casos de viollencia machista non se empregue pois a finalidade deste recurso é a normalización das relacións familiares.
  • Solucións económicas reais para as mulleres que denuncian violencia machista que garantan a súa capacidade económica como incrementar o salario da liberdade en cuantía e duración.
  • Esiximos á Xunta de Galiza instar ao Ministerio de Xustiza e ao goberno do Estado a:
  • Aplicar a lexislación internacional en materia de violencia machista retirando as visitas das crianzas a homes denunciados por agresións machista ate a existencia dunha sentenza firme.
  • Retirar as visitas e patrias potestades das crianzas a homes denunciados por agresión sexual ou maltrato infantil ante a existencia de sentenza firme por violencia machista.
  • Reclamar o fin da imposición da custodia compartida imposta con maltratadores.
  • Modificar a Lei 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero para establecer medidas de protección das crianzas vítimas de violencia machista fronte ao agresor.
  • Creación de máis xulgados específicos de violencia machista na Galiza con persoal especializado.

Tamén a violencia na saúde e no sistema de saúde galego que nos priva sistematicamente do acceso a un sistema sanitario autocentrado en nós. Un sistema sanitario que é desmantelado por momentos desde o goberno da Xunta de Galiza, que precisa maior investimento, que precisa pór atención na saúde das mulleres. Condeamos a violencia que se desenvolve no sistema de saúde, desde a falta de investimento e educación sexual, como a falta de formación de moitas das profesionais no SERGAS, a aínda non garantida práctica de interrupción do embarazo en todos os hospitais do noso país, a violencia xinecolóxica e obstétrica, o incumprimento sistemático dos plans de parto, a vulneración dos dereitos en todos os aspectos na saúde das mulleres. Para isto reclamamos: 

  • Unha liña de programas de formación e divulgación sobre dereitos sexuais e reprodutivos a través dos CIMM en colaboración coas entidades locais.
  • Campañas especificas de acceso a anticonceptivos e programas de educación afectivo sexual a través dos Centros Quérote +
  • Unha materia obrigatoria no Ensino Obrigatorio con contidos específicos sobre educación afectivo-sexual, relacións, identidade e xéneros.
  • Maior investimento en saúde das mulleres, é dicir, máis investigación en patoloxías que afectan especialmente ás mulleres.
  • Dereito ao aborto garantido na sanidade pública galega
  • A exixencia do cese da violencia obstétrica cara as mulleres

//SUBMISIÓN QUÍMICA NA NOITE

🛑 COIDÉMONOS ENTRE TODAS.

Nos últimos días estamos tendo numerosas noticias de agresións a mulleres coa submisión química como método para o abuso. Varias denuncias no noso país póñennos en alerta e cremos que temos que falar de como nos armamos e protexemos ante estas prácticas. Se sintes que algo anda mal pide axuda, se alguén pide axuda dálla.

A maior ferramenta que temos contra o patriarcado é a sororidade.

Se notas unha picada estando de festa:

  • Non penses que foi unha sensación, é un novo método de submisión química para agresións sexuais.
  • Pide axuda (á seguranza, ás amigas, camareiras…)
  • Informa á policía, acode a un hospital para pedir un protocolo de submisión química.

Efectos da picada:

  • Dor física da picada.
  • Mareo e/ou sensación de desorientación.
  • Cansancio.
  • Sono.

En apoio de Sara Outeiral Cameán

Diferentes colectivos e individualidades feministas e do sindicalismo de clase en Vigo condenamos todo tipo de agresións machistas, en calquera espazo; e tamén ás organizacións sociais e políticas que, en troques de asumir a súa responsabilidade na erradicación das violencias patriarcais, só ofrecen silenciamento e humillación á vítima, e complicidade e cobertura ao agresor. Este modus operandi significa que as organizacións promoven, avalan e perpetúan as violencias machistas e o sistema heteropatriarcal. Por isto, esiximos que as organizacións sociais e políticas que conscientemente actuaron dende a inoperancia e o secretismo, e na que ademais está integrado e incluso ostenta un cargo público e orgánico o maltratador rectifiquen as súas ameazas e deixen de victimizalo.

O feminismo non é un slogan. As organizacións que se nomean como feministas
teñen dúas opcións: aplicalo nas súas estruturas e practicalo ou deixar de denominarse como tal.

Logo de ler os comunicados tanto do propio maltratador, do seu partido e na propia prensa publicados nos últimos días en redes sociais e noutros medios a respeito de liberarse da denuncia e do xuízo que está en marcha máis ameazando e victimizando ao denunciado, vemos necesario lanzar todo o noso apoio á compañeira Sara Outeiral Cameán, nós crémoste! Ningunha muller pasaría por todo este proceso porque “lle apetece”.

Hai que repensar as agresións machistas que se sofren en diferentes organizacións da esquerda “revolucionaria”, sentimos a necesidade de nos situar ao seu carón e dar unha resposta como colectivo á súa denuncia porque nos identificamos coas súas palabras e queremos darlle todo o noso apoio. Ademais, queremos facer notar que os feitos máis comentados en redes sociais non é un caso illado e puntual nin é exclusivo dunha organización concreta. Sabemos por experiencia que en todas as organizacións mixtas hai casos de agresións machistas.

A publicación da nosa resposta non foi inmediata porque queriamos tomarnos o tempo para meditar, para falar coa compañeira exposta e entre nós coma activistas feministas que somos.

Ao longo dos anos temos vivido (e coñecido) ataques sexistas por parte de militantes da esquerda: como parella, como compañeiras de organización, como rede de amizade e nos espazos de lecer. Recoñecemos tamén que en máis dunha ocasión non fomos quen de afrontarmos colectivamente estas situacións.

Sabemos que hai máis persoas que as denunciadas publicamente que practican a violencia contra as mulleres nos movementos da esquerda: violencia psicolóxica, sexual, física, institucional… hai máis experiencias e casos na sombra de silencio e conivencia das organizacións e colectivos que se din de esquerdas. Os feitos que coñecemos nos últimos días son só unha pinga máis nun vaso que rebordou.

É por iso que queremos dar resposta, porque se hai casos de violencia machista que persisten durante anos, é evidente que é precisa unha mudanza de estratexias, feitos, prácticas… unha verdadeira mudanza na esquerda. Até o de agora todas as accións e medidas tomadas fan que sexan as mulleres as que desaparecen do mapa como resultado da violencia machista; son medidas que non rompen coa lóxica patriarcal.

É a mesma lóxica das medidas que criticamos cando son tomadas por estados, gobernos, empresas e partidos que cualificamos de hipócritas nos seus posicionamentos propagandísticos en relación ao terrorismo machista.

As accións e protocolos que se fan en diversas organizacións da esquerda autodenominada antipatriarcal na maioría das ocasións non funcionan porque nin garanten mudanzas reais de actitude nin respectan as vontades e as necesidades das persoas que denuncian agresión sexistas. Por que os homes que exerceron a violencia manteñen a súa membresía/as súas posicións/o seu poder de decisión dentro das organizacións ou son trasladados a cargos de poder de organizacións afíns e as mulleres agredidas desaparecemos dos espazos militantes/das áreas de socialización e lecer/dos nosos barrios, vilas ou aldeas? Que se está a reproducir?

Ben, na nosa opinión, fica unha mensaxe moi clara: que unha vez máis somos as mulleres as que temos o problema, aquelas que temos que ser castigadas e culpadas. Como feministas sabemos que o problema non é a seguridade das mulleres, senón as posicións de poder e, nomeadamente, de poder patriarcal que se exercen para agredir. Sabemos que o problema non é a sub-representación feminina, senón a super-representación masculina patriarcal. Sabemos que o problema non é o que vai pasar se se sabe senón que pasará se non se sabe. Se non nos facemos responsables das actitudes e da violencia sexista, e rexeitamos adoptar formas de funcionamento para erradicala nas organizacións, estamos condenadas a que se repitan.

O eco da pedra picada ao longo dos anos polos feminismos resoa nas nosas vidas e quen formamos parte de Feminismo Unitario de Vigo non podemos nin queremos ficar alleas e caladas. A denuncia pública das agresións dentro dos colectivos e organizacións da esquerda é un sinal do traballo realizado polo feminismo e fai que, por sorte, nos movementos de esquerda non todo continúe como se nada pasara.

Agora que a orde patriarcal abanea, máis que nunca, sabemos que nada vai cambiar se non mudamos as nosas vidas porque o persoal é político e o momento é agora. É o momento de non adiar a eliminación da violencia machista dentro dos espazos de loita que din querer reverter todo. Porque estamos a loitar por construír o novo, e se no momento da verdade non deixamos caer as vellas prácticas que ten realmente de novo?

Ademais, non só queremos centrarnos nestas evidencias senón como a prensa vitimizou ao maltratador sen nin sequera asegurarse de que a súa información era a acertada, unha linguaxe sexista que nos atopamos en moitos casos dunha forma delirante. Pedímoslle aos medios que se informen, xa que se trata de casos moi delicados, e se formen en violencia machista para así poder dar a información coma corresponde. Tamén repensar o eido xudicial patriarcal ao que nos someten e á propia sociedade.

A falta de ferramentas para xestionar correctamente as agresións machistas convirte ás organizacións nunha centrifugadora que acaba ferindo a un gran número de mulleres. Non só das propias organizacións senón tamén do movemento popular que se pretende construír.

Por todo isto esiximos:

  • Un profundo debate na denominada esquerda revolucionaria e antipatriarcal da xestión, tanto interna como externa, das agresións sexistas..
  • Rectificación dos diferentes colectivos e prensa das calumnias sobre a compañeira.
  • Que a prensa utilice unha linguaxe acaída e se forme en violencia machista.
  • A dimisión do maltratador do seu cargo público e orgánico.
  • Que se dispoñan os mecanismos necesarios para asegurar que non volverá agredir.
  • Que diante dunha agresión sexista se tomen as medidas necesarias para protexer política e persoalmente a quen recibiu a agresión e non ao agresor.
  • Basta de ameazas!

Agradecemos a sinceridade e coraxe da vítima e loitadora que denunciou a agresión machista dentro das organizacións e colectivos sociais. Agardamos facer abalar a impunidade patriarcal dentro dos espazos de loita. Esperamos que outras mulleres sexan chamadas a romper o silencio ou se animen a facer o que consideren que é o máis acaído e o que realmente queren. Agardamos que se inicie un debate aberto e sincero nas organizacións da esquerda co obxectivo de adoptar novas formas e estratexias que teñan como obxectivo facer que estas sexan realmente espazos libres de violencia machista.

Finalmente, animamos a todas as mulleres que estean en situación de violencia sexista a emprender as accións que consideren necesarias e, de ser necesario, facelas públicas. Pero sobre todo, que non teñan medo de superar o sentimento de culpa e a atopar as forzas necesarias para afrontar e transformar a sociedade patriarcal na que vivimos. Non estás soa irmá, nós crémoste!

Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres.

Asinamos este comunicado con:

Feminismo Unitario Vigo
Mulheres Nacionalistas Galegas
Plataforma Feminista Galega Vigo
Mulleres en Movemento
Abrir Fenda
Secretaría da Muller da UC Vigo de CCOO
ASC As da Industria
CNT-Vigo
Anticapitalistas Galiza
Nós Mesmas

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram