// Mobilización en repulsa do ataque transfóbico en Lugo

Un home tira dunha ponte a unha muller para intentar matala, hoxe sabemos que se trata dunha muller trans e que ademáis de misoxinia o acto tamén é LGBTFóbico. Cómpre frear o odio con organización e redes de apoio e resposta fronte á violencia patriarcal, en calquera das súas formas.

Ante a agresión tránsfoba que tivo lugar en Lugo a resposta dos movementos feminista e LGBT da cidade terá lugar este venres!

Acude e difunde!

Contra a transfobia: o feminismo será para liberarnos a todas ou non será

Desde a Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres en Galiza manifestamos o noso rexeitamento ao argumentario interno do PSOE, publicitado nas redes sociais por varias militantes desta organización, baixo a denominación “Argumentos contra as teorías que negan a realidade das mulleres” e manifestamos o noso total arroupe ás nosas compañeiras trans, fronte a este ataque.

O documento, asinado por Carmen Calvo Poyate (Secretaria de Igualdade), José Luís Ábalos (Secretario de Organización), Alfonso Rodríguez Gómez de Celis (Secretario de Relacións Institucionais) e Santos Cerdán León (Secretario de Coordenación Territorial e Relacións Partido/Goberno) é un argumentario no que sintetizan a posición política respecto deste tema, e vai dirixido ás Secretarías de Igualdade, Secretarías de Organización, Portavoces do Partido en todo o Estado Español e organismos da UE.

Pretende ser un documento aclaratorio sobre conceptos fundamentais no feminismo como son o sexo e o xénero, mais é empregado para distorsionar a teoría queer e que se cuestione a existencia do sexo biolóxico, xa que de facelo, segundo estas persoas, “desdibuxaríase a realidade das mulleres”.

Rexeitamos integramente o escrito asinado por parte importante do goberno do Estado, nun ámbito que é o dereito das persoas, xa que estamos a falar de dereitos humanos. Falamos da primeira vez que parte dun goberno democrático do Estado Español, presuntamente progresista, constrúe un argumentario para o debate feminista do suxeito político da loita das mulleres interferindo e mesmo atrevéndose a dar carnés de quen é ou non muller, no que se nega que as mulleres trans sexan mulleres, dividen en mulleres reais e que non o son, falan de bioloxía, de nacer cuns ou outros xenitais, cando está demostrado que o sexo vai máis aló dunha dicotomía biolóxica e o feminismo leva décadas cun rico e intenso debate para combater ao patriarcado integrando a diversidade e pluralidade do movemento político.

Aliás o texto simplifica unha realidade que é complexa. Ou, que pasa coas persoas intersexuais? Que pasa coas persoas que nacen con cromosoma XX con pene ou XY con vulva? Que é o que pretenden? Realizar unha análise de sangue e observar os xenitais para autorizar quen pode ir a un baño, vestiario dun ou doutro xénero, ou facer parte dunha loita política como a feminista? Onde queren colocar ás persoas trans? Pretenden derivalas a un lugar especifico porque son cousa aparte, persoas cunha patoloxía como se pretendía identificar até fai ben pouco?

O que constitúe unha enfermidade é infectar de odio un discurso que vai máis aló dun debate sobre as distintas posturas ou mesmo teorías do feminismo. Pódese discrepar sobre a teoría queer, mais non se pode afirmar o compromiso cos dereitos das personas trans e ao tempo, cuestionar que teñan recoñecemento xurídico. Iso é un exercizo de hipocrisía e o único que conleva é unha xenreira que vai medrando, que vai alimentando a extrema dereita e que unha pequena faísca no momento xusto é o que se necesita para prender lume e facer desaparecer todos os dereitos conseguidos até o de agora.

Non son os primeiros no mundo en encher de odio os discursos, outros países xa o fixeron, como Alemaña, Rusia, EUA ou Hungría que recentemente negaron o dereito para vivir ás persoas trans cunha lei que nega o seu dereito para ser quen son.

Non podemos permitir que quen goberna e lexisla espalle discursos de odio e isto non teña consecuencias, que se utilicen estructuras partidarias e o poder que lles dá o goberno para defender opinións contrarias aos dereitos humanos á conta da vida de outras persoas.

Porque a realidade é está, hai mulleres, hai homes e hai persoas non binarias, ou respectas a súa existencia ou non respectas os dereitos humanos. O feminismo non ten aberto un debate sobre se as mulleres trans son ou non mulleres, sobre se son reais ou non, porque as discriminacións que sufrimos teñen que ver coa construción social do que é ser muller. Ademáis de sufrir a discriminación e machismo por sermos mulleres, por identificarnos como tales, sufremos abusos misóxinos polas etiquetas que esta sociedade ve, e que por moito que queiran ocultalas, segue xulgándoas. Somos discriminadas por ser mulleres racializadas, pola nosa orientación afectiva, por vivir nunha nación colonizada, por falarmos na nosa lingua, por formar parte da clase traballadora, por sermos precarias, por non formar parte do sistema heteropatriarcal e capitalista no que vivimos. E por moito que falemos de intanxibles e non queiramos velo, mentres non consigamos unha igualdade real, isto seguirá pasando.

Non imos ficar caladas ante estes discursos de odio. Nin ante os discurso bárbaros nin ante os máis sutiles. Ás portas da conmemoración do 28 de xuño, na que a meirande parte dos partidos políticos, e concretamente o PSOE, alzarán a bandeira multicor proclamando o seu apoio á loita LGBTI exiximos menos exercizos de hipocrisía e máis compromiso real cos dereitos das persoas. E co lema feminista (transfeminista) por bandeira: SE ATACAN A UNHA, RESPOSTAMOS TODAS!

Galiza, xuño de 2020.

Posicionamento do PSOE que denunciamos:

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram