Galería de imaxes das mobilizacións do 25N de 2020

Estamos nun momento de incertidume e de restricións á mobilidade e á vida pública mais desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres defendemos que non podemos abandonar as rúas e a loita contra a violencia machista e a súa visibilización. A saúde é unha cuestión prioritaria.

Dende a Marcha Mundial das Mulleres levamos dende o inicio da crise sanitaria defendendo a saúde como unha cuestión vital para as mulleres e a sociedade no seu conxunto e reivindicamos un sistema de saúde forte que poda dar resposta a esta e outras crises, con contratos decentes do persoal e recursos suficientes. Neste 25N defendemos ademáis que a loita contra a violencia machista é unha cuestión de saúde, individual e colectiva. Unha sociedade que non se mobiliza para combater a violencia que sufren as mulleres e as crianzas é unha sociedade enferma e que a crise sanitaria non pode ser unha excusa para desmobilizarnos.

Acción o día 24 en Vigo

Vídeo manifesto das compañeiras de FEM Forte que recolle textos da Marcha Mundial das Mulleres

Campaña de denuncia en Ourense dos asasinatos de Nerea Añel e Socorro Pérez

Este 25N saímos ás rúas contra a violencia machista e contra a invisibilidade que esta loita esta vivindo durante a crise sanitaria. A vida postérgase, para, confínase, pero a violencia continúa! Lugares das mobilizacións:

📣 A Coruña, concentración 20h no Obelisco
📣 As Pontes, concentración 19.30h na Praza do Hospital
📣 E Estrada, concentración 20h diante do Concello
📣 Ferrolterra, concentración 19h Praza Amada García
📣 Carballo, cazolada 19.30h dende os balcóns
📣 Catoira, concentración 20h no Adro
📣 Celanova, concentración 19h na Praza Maior
📣 Compostela, concentración 20h Praza do Obradoiro
📣 Lalín, 20.30h concentración KM0.
📣 Lugo, 20h diante do Concello
📣 Marín, cazolada 20.30h dende os balcóns
📣 Miño, concentración 20.30h Praza do Parchís
📣 Ourense, manifestación 19h Subdelegación do Goberno
📣 San Cosme de Barreiros, 20h diante do Concello
📣 Vedra, concentración 20.30h velódromo municipal.
📣 Vigo, manifestación 19h saída Vía Norte
📣 Vilaboa, 20h diante do Concello
📣 Vilagarcía, concentración 20.30h na Praza de Galicia

Na noite e na festa o machismo sempre apesta!

NaNoiteENaFesta

Os Cafés Feministas que iniciamos en Ourense a principios de 2020 estan sendo espazos de reflexión e partilla que en moitas ocasións traen ideas para acción como é o caso desta campaña que nace na localidade mas que pretende chegar a todo o país.

Recollendo un lema histórico do feminismo galego como é “Na noite e na festa o machismo sempre apesta” apostamos por unha campaña de visibilización desa violencia que sufrimos as mulleres nos espazos de ocio e que se naturaliza.

Todas de forma individual ou colectiva trazamos estratexias de defensa e resposta ante esas violencias que toman forma de comentarios, asedios, invasión do noso espazo, violencia física ou sexual e precisamos visibilizar colectivamente que esa violencia existe e que debe ser outro dos campos de batalla que afrontemos como feministas. Se hai violencia non hai lecer nen festa.

A segunda parte da campaña pretende recoller os relatos desas violencias nun mapeado dos locais e lugares onde as sufrimos para sinalar e visibilizar o que esta pasando e a necesidade de enfrontalas de forma colectiva con accións directas ou campañas específicas que as poñan en evidencia. Na páxina www.feminismo.gal existe un cuestionario no que queremos que as mulleres denuncien esa violencia que moitas veces fica no íntimo ou no reducido círculo de amizadas e que non sae á luz. Animámosvos a todas a distribuír o material e a facer parte desta campaña.

Algunhas fotos de colantes que colocaron compañeiras:

Operación Jaro: a xustiza machista carece de credibilidade.

No feminismo coñecemos bem o aparato xudicial do Estado Español, nos últimos anos asistimos ás consecuencias da actuación dunha xustiza machista e cega ante as demandas de maior formación e sensibilidade por parque de quen a instrúe e imparte.

Casos mediáticos como a sentenza pola violación nos San Fermíns (o caso chamado de “la manada”), o calvario de Juana Rivas que acabou acusada cando pretendía defender as súas crianzas dun pai maltratador ou a muller que denunciou a José Manuel Baltar por acaso sexual e sufriu unha persecución xudicial posterior ao servizo do presidente do Partido Popular en Ourense son exemplos moi públicos mas cada día nos xulgados atopamos procesos xudiciais nos que se cuestiona a veracidade das denuncias das mulleres e se nos coloca nunha posición de indefensión fronte aos agresores e en moitos casos se nos obriga a compartir a crianza das nosas fillas cos maltratadores.

O sistema xudicial español é profundamente machista e por isto, profundamente inxusto. Que credibilidade pode ter unha xustiza na que quen interpreta e imparte xustiza cuestiona o que é ou non é a violencia sexual, agresión ou xustifica moitas delas polas circunstancias vitais de quen as padece?.

Coñecemos e loitamos incansábeis denunciando a xustiza machista e os seus mecanismos de poder ao servizo dunha sociedade patriarcal. Manifestámonos en prazas, rúas e nas portas dos xulgados ante sentenzas nas que se nos revictimiza, agrede e minte en favor dos nosos agresores. Defendemos a desobediencia das mulleres ás que o sistema xudicial pretende arrincar as crianzas para que estan manteñan o trato co seu maltratador e en ocasións con quen as agrediu sexualmente.

Facémolo porque sabemos como se emprega a xustiza en favor de quen ten o poder social, económico e político.

En 2015 a Audiencia Nacional pon en marcha a Operación Jaro e ordena deter nove independentistas na Galiza, sobre a acusación de “brazo político de Resistencia Galega” iniciaba un novo proceso de criminalización do independentismo galego cun forte operativo policial acompañado dun operativo propagandístico acorde aos intereses do poder. Dous anos despóis lanzábase a Operación Jaro II onde tres independentistas son detidas baixo acusación de “enaltecemento do terrorismo” e con peticións de cárcere e ilegalización do organismo antirrepresivo Ceivar.

En novembro de 2019 a Audiencia Nacional co impulso do Goberno do Estado decide acusar ás 12 inpendentistas detidas de pertenza a banda criminosa para o enaltecemento do terrorismo o que significa unha petición de 102 anos de prisión, co condenas que van de 4 a 12 anos; unha extorsom económica global de 348.000€ e a suspensión de dereitos civís e laborais das procesadas.

Empregando os mesmos mecanismos que en moitos casos de violencia machista a xustiza constrúe un relato no que quen ten todo o poder aparece como víctima e quen sufre a represión e a violencia aparece como culpábel a ollos dunha sociedade intoxicada polos medios de información que tamén sabemos responden aos intereses do poder.

O independentismo, como o feminismo e outras loitas sociais, vive un proceso de criminalización e estigmatización que serve ao sistema como chivo expiatorio dos seus intereses. Asistimos hoxe á criminalización das mobilizacións do 8M, tamén con procesos xudiciais polo medio, como forma de construír unha mensaxe política encamiñada a desartellar o noso movemento político. Da mesma maneira actúa a operación Jaro co independentismo galegoprocurando desarticular as redes militantes e organizativa ás que golpea, tentando mudar as posicións e forzar renuncias persoas e colectivas instaurando o medo e condicionando as actuacións políticas a través da represión.

Fronte a esta situación o feminismo debe estar ao lado das compañeiras que libran, coma nós, unha batalla contra un aparato xudicial herdeiro do franquismo e fillo do poder institucional que carece de calquera mínima garantía democrática.

Dende a Marcha Mundial das Mulleres na Galiza denunciamos a persecución das 12 independentistas da operación Jaro e amosamoslles a nosa sororidade e compromiso coa denuncia do proceso xudicial ao que estan sendo sometidas. Sumamos a nosa voz á denuncia dunha xustiza que responde a intereses políticos, machista e sen garantías democráticas e emprazamos ás nosas compañeiras do movemento feminista galego á denuncia desta situación.

En sororidade feminista.
Galiza, maio de 2020.

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram