Combatamos a violencia vicaria.

Cada día en cada xulgado, na Galiza, ao noso lado, a xustiza dá custodias a maltratadores, visitas non tuteladas a agresores e permite que a violencia bata en nós e nas nosas crianzas.

Temos que combater a violencia cada día, colocar o foco na xustiza, no que esta pasando cos agresores e as custodias.

O feminismo non é apenas para reaxir ante a violencia, é sobre todo a nosa ferramenta para evitar que esta se produza.

Nós temos unha campaña contra a xustiza patriarcal, que se estenda!

👉http://feminismo.info/feminismo/nonaxustizapatriarcal/

Coñecemos onte a nova da aparición do corpo de Olivia, secuestrada xunto á súa irmá por un maltratador que segou as súas vidas para causar danos á nai das crianzas.

Violencia Vicaria empregada contra as mulleres. Violencia machista que non cesa.

Operación Jaro: a xustiza machista carece de credibilidade.

No feminismo coñecemos bem o aparato xudicial do Estado Español, nos últimos anos asistimos ás consecuencias da actuación dunha xustiza machista e cega ante as demandas de maior formación e sensibilidade por parque de quen a instrúe e imparte.

Casos mediáticos como a sentenza pola violación nos San Fermíns (o caso chamado de “la manada”), o calvario de Juana Rivas que acabou acusada cando pretendía defender as súas crianzas dun pai maltratador ou a muller que denunciou a José Manuel Baltar por acaso sexual e sufriu unha persecución xudicial posterior ao servizo do presidente do Partido Popular en Ourense son exemplos moi públicos mas cada día nos xulgados atopamos procesos xudiciais nos que se cuestiona a veracidade das denuncias das mulleres e se nos coloca nunha posición de indefensión fronte aos agresores e en moitos casos se nos obriga a compartir a crianza das nosas fillas cos maltratadores.

O sistema xudicial español é profundamente machista e por isto, profundamente inxusto. Que credibilidade pode ter unha xustiza na que quen interpreta e imparte xustiza cuestiona o que é ou non é a violencia sexual, agresión ou xustifica moitas delas polas circunstancias vitais de quen as padece?.

Coñecemos e loitamos incansábeis denunciando a xustiza machista e os seus mecanismos de poder ao servizo dunha sociedade patriarcal. Manifestámonos en prazas, rúas e nas portas dos xulgados ante sentenzas nas que se nos revictimiza, agrede e minte en favor dos nosos agresores. Defendemos a desobediencia das mulleres ás que o sistema xudicial pretende arrincar as crianzas para que estan manteñan o trato co seu maltratador e en ocasións con quen as agrediu sexualmente.

Facémolo porque sabemos como se emprega a xustiza en favor de quen ten o poder social, económico e político.

En 2015 a Audiencia Nacional pon en marcha a Operación Jaro e ordena deter nove independentistas na Galiza, sobre a acusación de “brazo político de Resistencia Galega” iniciaba un novo proceso de criminalización do independentismo galego cun forte operativo policial acompañado dun operativo propagandístico acorde aos intereses do poder. Dous anos despóis lanzábase a Operación Jaro II onde tres independentistas son detidas baixo acusación de “enaltecemento do terrorismo” e con peticións de cárcere e ilegalización do organismo antirrepresivo Ceivar.

En novembro de 2019 a Audiencia Nacional co impulso do Goberno do Estado decide acusar ás 12 inpendentistas detidas de pertenza a banda criminosa para o enaltecemento do terrorismo o que significa unha petición de 102 anos de prisión, co condenas que van de 4 a 12 anos; unha extorsom económica global de 348.000€ e a suspensión de dereitos civís e laborais das procesadas.

Empregando os mesmos mecanismos que en moitos casos de violencia machista a xustiza constrúe un relato no que quen ten todo o poder aparece como víctima e quen sufre a represión e a violencia aparece como culpábel a ollos dunha sociedade intoxicada polos medios de información que tamén sabemos responden aos intereses do poder.

O independentismo, como o feminismo e outras loitas sociais, vive un proceso de criminalización e estigmatización que serve ao sistema como chivo expiatorio dos seus intereses. Asistimos hoxe á criminalización das mobilizacións do 8M, tamén con procesos xudiciais polo medio, como forma de construír unha mensaxe política encamiñada a desartellar o noso movemento político. Da mesma maneira actúa a operación Jaro co independentismo galegoprocurando desarticular as redes militantes e organizativa ás que golpea, tentando mudar as posicións e forzar renuncias persoas e colectivas instaurando o medo e condicionando as actuacións políticas a través da represión.

Fronte a esta situación o feminismo debe estar ao lado das compañeiras que libran, coma nós, unha batalla contra un aparato xudicial herdeiro do franquismo e fillo do poder institucional que carece de calquera mínima garantía democrática.

Dende a Marcha Mundial das Mulleres na Galiza denunciamos a persecución das 12 independentistas da operación Jaro e amosamoslles a nosa sororidade e compromiso coa denuncia do proceso xudicial ao que estan sendo sometidas. Sumamos a nosa voz á denuncia dunha xustiza que responde a intereses políticos, machista e sen garantías democráticas e emprazamos ás nosas compañeiras do movemento feminista galego á denuncia desta situación.

En sororidade feminista.
Galiza, maio de 2020.

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram