Xoves 16 de Outubro, Encontro de Delegadas en Panxón.

Aínda se están incorporando nestes días novas delegadas que chegaron da India e Holanda. Así se incorporan á programación das accións globais da Marcha a nivel mundial, para o 2110. Estas accións van ser mui variadas e van desenvolver os obxectivos marcados nas áreas de traballo (traballo das mulleres, ben comun, violencia, paz e antimilitarismo).

As propostas son ben inovadoras: unha serie de deseños animados que denuncie todas as accións que van en contra dos dereitos humanos e das mulleres, unha marcha dunha caravana de trens na India, para comunicar todo o país, e moitas outras que cada rexión vai adaptar á súa realidade concreta.

A sesión xeral do día foi a presentación da coordenadora galega, a organizadora do VII Encontro, e correu a cargo de Concha Fernández e Lupe Ces, quen fixeron un percorrido histórico do feminismo galego desde os anos sesenta á actualidade.

Concha Fernández,  lembrou publicacións históricas do feminismo galego como Alborada e Muller en loita, A saia, e a primeira revista feminista galega que defende o feminismo da diferencia, Andaina, o proxecto de participación literaria das mulleres A festa da palabra silenciada, que se manteñen até os nosos días, e o nacimento das primeiras organizacións feministas: A Asociación Galega da Muller (1976), a FIGA e a Coordenadora Feminista Galega e a traxectoria de moitas outras organizacións.

A cidade de Vigo foi escenario, e sígueo sendo, da reivindicación feminista, por iso esta cidade é un referente.

Respecto das reivindicacións históricas do feminismo galego, lembrou a loita para cambiar a situación legal das mulleres casadas, o divorcio, a liberdade sexual, as denuncias de casos concretos de abusos e violacións; muitas delas baixo lemas históricos como “Eu tamén son adúltera” e as campañas do aborto con mulleres denunciadas, como hoxe en día está sucedendo, por teren abortado en Ourense, Carballo, etc, nos anos 70.

Non é por casualidade que se está a celebrar na Galiza o VII Encontro Internacional da maior rede organizada do feminismo internacional.

O feminismo galego tense caracterizado pola súa implicación en temas como o ecoloxismo e o pacifismo. O uso das armas nucleares foi rexeitado con campañas concretas e hoxe vese como histórica a acampada feminista na alameda de Santiago. Tamén as manifestacións a favor do exercicio libre da sexualidade das persoas, a homosexualidade e o lesbianismo en concreto en campañas que se levaron no ano 1986.

“Liberdade para camiñar soas de noite e de día” e “Ningunha agresión sen resposta” son lemas de finais dos 80, anos en que se deron as primeiras denuncias de violencia machista e aínda houbo que agardar a principios dos 90 para ver as  primeiras casas de acollida.

Lupe Ces,  foi a encargada de facer un relato histórico sobre a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres, das accións, do modo de organización, e sinalou que para as feministas galegas os inícios como Marcha Mundial foron doados, porque “o terreo do feminismo estaba aboado na Galiza polo traballo histórico do feminismo galego, nós puxemos a semente neste terreo aboado, porque queríamos abrir o feminismo galego a accións globais”.

Despois de facer un percorrido polas principais reivindicacións da Marcha na Galiza: o aborto libre e gratuito, contra a violencia de xénero, a paz, e nos últimos tempos a soberanía alimentaria e a igualdade das mulleres no deporte, explicou às restantes coordenadoras nacionais dos 48 países presentes neste VII Encontro Internacional, os principios organizativos e as alianzas realizadas, dando conta da diversidade e pluralidade da Marcha na Galiza e do funcionamento baixo o principio do “liderado compartido” e o “coidado das outras” e o fomento da unidade, xa que as decisións sempre se toman por consenso.“O liderado compartido é obxecto de mimo, e está baseado na autoridade que dá o traballo diario, os acertos e a capacidade de conseguir consensos. Este liderado compartico ten a particularidade de que recae sobre todas, vai cambiando e é participado.”

Finalizou o plenario coa entrega da delegación ruandesa dun  presente á delegación galega, que por voz de Lupe Ces respondeu que era “un orgullo recibir un regalo dunhas mulleres que sobreviviron a un xenocidio”. As músicas do mundo pecharon o encontro deste día como vén sendo habitual.

Deixa un comentario

YouTube
YouTube
Set Youtube Channel ID
Instagram
Telegram