Contidos do Encontro

TRANSFORMACIÓN SOCIAL E ARTICULACIÓN NACIONAL 

  • Posta en común das axendas locais.
  • Identificar axendas comúns. 
  • Consensos e disensos e como traballalos.
  • 8M, a vixencia da folga feminista como ferramenta transformadora.
  • Desafíos do feminismo galego após a pandemia.
  • Articulación da axenda feminista galega. 
  • Como e a que institucionalidades interpelamos na loita feminista.
  • As nosas propostas e demandas concretas. 
  • Como interpelar ao poder coas nosas demandas.
  • Como articular unha voz potente que permita avanzar en dereitos.

Horarios

10h Chegada e acreditación.
10.15h Presentación do Encontro.
10.45h Traballo por grupos. 
12.00h Descanso. 
12.15h Traballo en Plenario.
14.30h Xantar. 

Servizos

Durante todo o Encontro Nacional teremos un espazo para crianzas. 

Xantar

Organizaremos un xantar comunitario onde cada quen aporta na medida das súas posibilidades. 

Lugar do Encontro

MOME
Avda. Benito Vigo, 92 A Estrada (San Paio).
36680 A Estrada.
Pontevedra

Encontro Nacional. Feminismo para transformar a vida. 

No pasado ano a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres cumplía vinte anos de historia construíndo un feminismo de base, anticapitalista, antirracista e antiimperialista na Galiza. Ao longo destes anos contribuímos para a construción dun feminismo galego centrado no país, forte, con capacidade de incidencia social e con voz de seu no mundo en pé de igualdade co resto de pobos. 

A Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres e todas as mulleres que pasaron pola organización contribuíron á construción dun percurso histórico cheo de reivindicacións e conquistas sociais que hoxe continúan e seguen medrando. Impulsamos e participamos da mobilización das mulleres ante a catástrofe do Prestige, o nacemento dun protocolo nacional de resposta ante os feminicidios que comezou coa mobilización de apenas catro ou cinco localidades e que hoxe consegue mobilizar a medio cento, a reivindicación da transformación das políticas públicas en materia de igualdade, a demanda dunha Lei de igualdade avanzada que finalmente se acadou na Galiza e hoxe continúa estando moi por diante da lei estatal, a lei de interrupción do embarazo… e a recente victoria de impedir o peche do paritorio de Verín que demos en alianza coas compañeiras da sanidade pública e as veciñas da comarca…  son tantas as loitas que temos dado… 

Tamén nestes 21 anos tivemos a ocasión de organizar na Galiza o VII Encontro Internacional da Marcha Mundial e dous Encontros Europeos recibindo a mulleres dos cinco continentes para o debate e a reflexión feminista. Acompañamos tamén as cinco accións internacionais da Marcha Mundial das Mulleres (2000, 2005, 2010, 2015 e 2020) dando presenza a Galiza e ao feminismo galego  nestes eventos mundiais e levando a nosa voz e as das nosas compañeiras a todos os rincóns do planeta.  

Ao longo da nosa historia vivimos mellores e peores momentos e estes últimos años teñen sido de especial pulo e crecemento da nosa organización e do conxunto do movemento feminista galego por iso nos parece esencial tomarnos o tempo necesario de analizar, pór en común, e compartir propostas para os retos que aínda temos por diante. 

Así non queremos rematar este 2021 sen un Encontro Nacional que nos permita pór en común coas nosas compañeiras aqueles eixos de traballo que nos ocupan no día a día alén das datas de reivindicación histórica. Resituar os debates no País e nas consecuencias que para as mulleres traballadoras galegas ten o patriarcado capitalista, racista e colonial e cales son os retos e as ideas que podemos pór en común para afrontalos. 

Após dúas décadas que trouxeron a consolidación de datas reivindicativas como o 8 de Marzo ou o 25 de Novembro e a asimilación institucional de parte do noso ideario feminista pensamos que toca rearmarse, redefinir as prioridades e os espazos de loita, reforzar unha reivindicación radical da transformación social e construír redes de traballo sólidas que nos permitan intervir no día a día en chave feminista e anticapitalista. 

Por todo isto convocámonos ao Encontro Nacional “Feminismo para transformar a vida.” que realizamos o 20 de novembro na Estrada e que queremos compartir co conxunto do feminismo galego. 

Formulario de Inscripción

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram