Monthly Archives: Febreiro 2012

Simone de Beauvoir – Entrevistas e declaracións

beauvoir1

Reportaxe do programa Arquivo N sobre Simone de Beauvoir que inclúe entrevistas e declaracións súas.

Aborto: Unha cuestión de soberanía

begonha

O debate en torno á reforma da Lei do Aborto debería deixar de agocharse tras vellos tópicos como os dereitos da criatura non nata ou cuestións tan difíciles de resolver como o momento en que o embrión deixa de ser un conxunto de células a se multiplicar para se converter nunha persoa, para centrarse na cuestión de fondo que o suscite e que non é outra que determinar a quen pertence o corpo das mulleres.

O aborto provocado, ou sexa, a interrupción voluntaria do embarazo (IVE) está, dende que existe o patriarcado, controlado polos homes, xa como entes individuais con potestade para decidiren sobre o corpo das mulleres ao seu cargo (maridos, pais, etc.) xa baixo a forma das institucións patriarcais e as súas leis. A criminalización ou non da IVE foi sempre unha decisión allea ás mulleres, os diferentes contextos, ideoloxías, credos ou intereses demográficos e económicos do patriarcado son os que determinan en que cada momento e sociedade cando e de que modo debe ser o aborto penalizado ou permitido.

Mesmo a Lei vixente que o actual goberno pretende modificar, sendo unha norma “progresista” non supón un recoñecemento do dereito das mulleres a decidirmos sobre o noso corpo, xa que segue a ser o aparato do Estado, o poder, o que decide por nós , mantendo así a nosa alienación ao privarnos de sermos as únicas con capacidade e autoridade para determinar cando e porque interrompimos os nosos embarazos.

As feministas opoñémonos á reforma da Lei anunciada polo novo ministro de Xustiza non só porque supoña un recorte das posibilidades de autonomía contempladas na norma actual e un grave retroceso ao pretender fixar novamente os supostos en que se nos permitirá levar a cabo con garantías sanitarias e legais esa interrupción, senón porque, máis unha vez, a reforma se fai de costas ás únicas realmente implicadas: as mulleres. Tamén nos opoñemos á reforma porque se fai apelando a cuestións morais de dificil solución nun debate científico e atendendo aos intereses dos sectores máis reaccionarios da igrexa católica e o seu poder eclesiástico interesados en perpetuar o sometimento das mulleres através da expropiación dos nosos corpos.

Para o feminismo, a única norma satisfactoria será aquela que garanta a todas e cada unha das mulleres o dereito a ser dona única do seu corpo; a que recoñeza a nosa total soberanía sobre o territorio primeiro que habitamos. Negámoslle, pois, ao Estado a capacidade de lexislar nesa materia calquera aspecto que supoña ir máis aló de garantirnos o exercicío pleno da nosa soberanía persoal e repetimos a vella e, desgraciadamente, tan actual consigna de “as mulleres deciden, a sociedade respecta, o estado garante”. Só existen dúas razóns posibles para aceptar que alguen decida sobre o corpo doutra persoa: a súa consideración como un ser infantil e inmaduro incapaz de saber que o que lle convén e , xa que logo, de tomar decidións axeitadas , ou ben entender que ese corpo non lle pertence e, polo tanto, é ao seu verdadeiro dono a quen lle corresponde en dereito tomar as decisións sobre el. As dúas posibilidades lévannos ao mesmo sitio: a non consideración das mulleres como persoas plenas e donas de seu; a mesma consideración que permite que sexamos violadas, maltratadas, discriminadas ou asasinadas , ao cabo, non nos pertencemos a nós mesmas e serán as leis, o poder, o patriarcado en fin, quen determine cando é delito e cando non o é agredir unha muller.

Por iso, o dereito ao aborto, mellor dito, o dereito dunha muller a interromper o seu embarazo supón para nós unha causa fundamental. Non falamos de prazos, nin de supostos, non queremos discutir sobre semanas ou circunstancias, falamos de algo moito máis básico e vital: o recoñecemento do noso dereito intrínseco a decidir sobre nós mesmas, o dereito a sermos donas de nós, soberanas únicas dos nosos corpos. Poñemos sobre a mesa a raíz da cuestión e preguntamos: a quen pertence o corpo das mulleres? E advertimos: só hai unha resposta que estamos dispostas a aceptar.

Begoña Caamaño é xornalista, escritora e activista feminista.

Fonte: Sermos Galiza

Quedara-nos Portugal?

abortoportugal

Eram finais dos setenta, princípios dos oitenta, quando íamos exercer o nosso direito a abortar, no vizinho país. Um direito que estava negado também ali como no nosso, mas que contava cumha permissividade maior. Era custoso e perigoso. Tinhas que viajar muitos quilômetros, e na volta corrias serio perigo se algo ia mal, e se apresentava algumha complicaçom que precisara intervençom médica. Ás vezes se acudia a algumha consulta privada onde nom existiam muitas garantias. Também se podia acudir a algumhas clínicas, melhor equipadas, onde sempre encontravas gente da tua cidade, os endereços que circulavam iam sendo os mesmos. Só coa solidariedade e apoio, em médios e dinheiro para a viagem, das pessoas que acreditavam que o aborto era um direito que tínhamos que conquistar, era possível, naqueles tempos como noutros mais escuros, escapar dos abortos clandestinos que tinham arrebatado a vida a miles de mulheres.

Logo vinherom as clínicas no país, onde descobrimos que o aborto podia ser umha pequena intervençom de ambulatório com anestesia local. As vizinhas, familiares, conhecidas… íamos quadrando na sá de espera sabendo do bom trato, da seguridade, da profissionalidade… mas também sabendo do custe econômico, que muitas mulheres podiam afrontar também, mais umha vez, coa solidariedade e apoio mútuo.

A reforma do 2009 supuxo um passo de gigante em quanto a garantias e tutelas na hora de decidir. Mas quedavam sem tocar elementos clave para assegurar que umha volta atrás fosse tam doada como a que está preparando um dos “Ministro dos obispos”, Ruiz Gallardon.

Ter resoltos os problemas da objecçom de consciência, suspeitosamente maioritários nas plantas de ginecologia dos hospitais públicos, e o próprio acolhimento da prática do aborto nestas instalaçons, sem intermediaçom das clínicas privadas e polo tanto com cobertura completa e universal, houvessem amortiguado a decissom do PP em relaçom ao direito ao aborto. Todo o mais estaríamos falando, imolado no altar da crise, da sua privatizaçom.

Agora, quando as bolsas de pobreza rebentam por toda parte, quando se fai mais difícil o aceso aos serviços básicos, quando os salários, de existirem, descobrem o elevado prezo dos métodos anticonceptivos, querem que regressemos ao passado, e nós sabemos, que quando os que estám detrás dos confessionários onde se ajoelham os ministros e as ministras, falam do passado, estam-se a referir ao seu passado. Um passado onde “Red Madre” era “Maria Madre”, umha organizaçom que em Euskal Herria, SOS Bebés Robados Euskadi, denuncia por vinculaçom coa rede que traficava com bebés recém nados durante o franquismo e até mediada a década dos noventa.

Pessoas que soterravam pequenos cadaleitos brancos, que agora agromam baleiros. Essas pessoas decidiam se um mulher merecia ou nom criar á criatura recém parida, ou se polo contrario deveria ser entregada a outra família afecta ao régime franquista. Alguém decidia por ela tirando um lucro. Agora, outra vez os confessionários, as redes ultra e um partido político que os representa, volvem decidir por nós, volvem julgar-nos, volvem invadir o nosso útero para expropriar-nos de nós mesmas e especular coa nossa capacidade de dar vida.

Lupe Ces

http://lupeces.blogspot.com