Daily Archives: Marzo 14, 2012

Unha reflexión sobre “Feminazis”

Ivan-Méndez-López

Vinte e tantos ilustrísimos e 3 ilustrísimas señoras da Real Academia Española:

Quen subscribe este artigo participou na redacción dun manual de Criterios para o uso da lingua onde se recollía un apartado sobre o uso non sexista. Como non tiven abondo, redactei unha pequena guía de linguaxe non sexista para o lugar en que traballei case catro anos. Reincidín e militei nun uso non sexista da lingua. Estou, por tanto, á disposición das autoridades académicas ou das forzas e corpos de seguranza do Estado para que procedan comigo como dispuxeren.

Hei dicir na miña defensa que no primeiro dos casos fun o único home nun proxecto que incluía outras catro voces femininas, todas elas filólogas, lingüistas, expertas. Algún e mesmo algunha de vostedes chamaranas feminazis e, por tanto, comprenderán as presións que sufrín por asinar co meu nome tal ofensa. Eu, en cambio, trátoas como amigas, expertas e mestras. Síndrome de Estocolmo, en definitiva.

No segundo non teño escusa: foi un proxecto que levei por propia iniciativa para incluír no Plan de igualdade de oportunidades do Concello de Cerceda. Ninguén mo comentou: saíu desta miña cabeza que talvez está condenada, como a miña alma, ao inferno logo de rodar palestra abaixo tras o paso pola guillotina. Por feble, por ceder ás presións dun contorno totalmente irrespirábel que nos leva aos débiles mentais, coma eu, á caer na tentación de nos render ao feminazismo.

Mais como saben, todo está orquestrado para que sexa así. Mesmo a realidade está disimulada para que aparente o que non é. Desde esas estatísticas que falan de que as mulleres cobran até un 23% menos por realizaren o mesmo traballo (nin semellante, nin menor: o mesmo), nin daquelas que salientan a feminización da pobreza, mesmo nos países desenvolvidos (e xa non digamos nos países do terceiro mundo); nin aqueloutras que demostran a cativa presenza de mulleres nos cargos directivos das empresas. E sobre todo, aquilo que se di que o uso da lingua é machista. Todo mentira: as vítimas son, na realidade, verdugos.

Concordo tamén con vostedes cando salientan que están para recoller os usos existentes na sociedade e que, ao non se reflectir a linguaxe non sexista nesta, as guías que censuran deben servir como combustíbel nas innúmeras cachelas que se deberán prender nas prazas maiores das vilas de toda a xeografía patria. É boa verdade: como o uso de yeans, cederróm, cedé, güisqui, totalmente naturais nas persoas que xuntan letras en castelán. Igual que o uso oral da terminación -ado dos participios dos verbos da primeira conxugación.

Vaian os parágrafos anteriores como descargo da miña conduta imperdoábel. Con todo, se me permiten e se non serve para aumentar a miña condena penal (ou a forca), existen algúns matices, que non oposición firme, que me gustaría facerlles, dispensando. Perdóenme, máis unha vez, pola ousadía.

A lingua non é inmutábel. As linguas están vivas, adáptanse, mudan. Talvez demoran máis que a sociedade, talvez van un paso por detrás. E pur si muove. E aínda máis, a lingua podemos mudala entre todos e de feito mudámola. Hoxe hai avogadas, doutoras, xuízas e mesmo médicas. Con normalidade e con uso real. Unha ousadía só hai uns anos que hoxe é realidade.

As elites tamén saben como mudala e abofé que o fixeron ao longo da historia e que mesmo o fan hoxe en día. Tradicionalmente había cociñeiras, mais hoxe a alta cociña está chea de chefs. Os homes que actuaban como secretarias de toda a vida pasaron a ser auxiliares administrativos. Os modistos internacionais, homes moitos, puxeron un o a unha palabra e ninguén convulsionou posuído por un anxo caído. E non falemos de cambios máis sutís que hoxe abondan e sobre os que vostedes, vinte e tantos señores e tres señoras, non perden o tempo en redactar informes.

O uso da lingua é machista. Foron séculos de dominación masculina que procede xa desde o latín de que deriva a lingua que defenden. A sociedade segue a ser machista, menos que hai 30, 40, 50 anos, un século ou 5, mais segue a ser machista. Como sociedade temos dúas opcións: sentármonos a gozar do espectáculo ou, pola contra, sermos axentes activos contra ela. Para vostedes talvez o espectáculo sexa gorentoso. Para min, reprobábel. E é lícito que, como persoa, actúe e, como membro da sociedade, intente mudala, modificala, mellorala en definitiva. Seguirei a empregar persoas no canto de homes, seguirei a empregar dobretes e seguirei a empregar xenéricos, seguirei a feminizar profesións sempre que for posíbel, e acho que a xente seguirá a entenderme. É a miña pequena achega a iso que algúns chaman igualdade.

Teñan consideración deste pecador. A miña alma xa está condenada, polo que lles pido misericordia e que me deixen caer outra vez na tentación de empregar esa linguaxe desprezábel.

PD: a respecto de feminazis, vese que vostedes teñen intelixencia abonda. É unha reductio ad hitlerum ben argallada e que callou en parte da sociedade. Un neoloxismo que demostra que, cando queremos, facemos lingua, modificamos e cambiamos.
Mesmo até os significados e as palabras máis horrendos.

Publicado o 6 de Marzo de 2012 en …porque queren roubarnos o que hai - [Simplemente outro blog].

[*Iván Méndez López ou @eche_o_que_hai, filólogo por vocación, técnico de normalización por convicción, e por profesión desempregado e con minijobs [ivan_mendez].

Deixa pasar! deixa pasar! son feminista e o mundo vou mudar!

_MG_1157

Nun tempo no que a ofensiva patriarcal pretende dobregarnos con todo o seu aparato as galegas amosamos que rebelámonos ante os recortes nos nosos dereitos.

Síntome satisfeita de ter participado na convocatoria do pasado domingo. Aínda que recoñezo que botei de menos ir acompañada da simboloxía coa que me sinto identificada e da que me sinto orgullosa, teño que salientar que foi unha ledicia formar parte dunha marea violeta que, por unha xornada, tinxiu de malva as rúas compostelás.

Baixo o lema Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos!, fomos miles as mulleres que camiñamos nunha manifestación unitaria impulsada aló polo mes de decembro por distintas organizacións e colectivos como Andaina, a CUT, Faraxa, Feminismos Compostela, Marcha Mundial das Mulleres, Nós Mesmas, Rede Feminista Galega, Sindicato Labrego Galego, Somos Dexenerando, STEG e a propia CIG.

Na marcha, que saíu da estación de trens de Compostela, e rematou nunha ateigada Praza da Quintana, berramos consignas -nun marcado ambiente festivo- dirixidas a criticar o actual marco laboral (“Reforma Laboral, ofensiva patriarcal”) e a demandar postos de traballo de calidade (“Queremos emprego, traballo xa temos”), a denunciar a violencia de xénero ( “Rebelión, desobediencia, contra a súa violencia”), atacando á xerarquía eclesiástica(“Déixame en paz, Rouco Varela, esta é unha mensaxe de María Magdalena”), e fundamentalmente a demandar dereitos sexuais e reprodutivos (“Nós parimos, nós decidimos”, “Na miña cona non manda ninguén”, “Aborto libre e gratuíto”, “Sexualidade non é maternidade”, “Parir non é o destino da muller”) alén de reivindicar investimento público en servizos sociais (con lemas como “Na sanidade, na educación, se nos movemos iranos moito mellor”).

Á convocatoria sumáronse tamén algúns homes, compañeiros de militancia, parellas dalgunhas, pais e fillos doutras, que, dun xeito discreto apoiaban a nosa mobilización. Que salientaban non só o carácter reivindicativo da mesma, senón o diferente ambiente da mesma. Porque onte Compostela era unha festa, todas as consignas eran musicadas e bailadas, desde o inicio ate o remate, onde bailamos ao son de Habelas Hainas.

O feito de non poder amosar as siglas das organizacións que arrouparon a convocatoria (ese foi un dos acordos aos que chegamos nas múltiples asembleas e que non fomos quen de mudar) non permite visualizar a todas aquelas que, pese a non aparecer na faixa inicial, si o fixeron nas seguintes. Alén das organizacións convocantes, había mozas e mulleres do BNG e Galiza Nova e doutras organizacións do eido do nacionalismo e do ecoloxismo, tamén mozas de organizacións estudantís como os Comités Abertos ou a Liga estudantil, asembleas de mulleres de distintos colectivos, compañeiras da asociación de empregadas do fogar XIARA… Puidemos estar máis. É obvio que na convocatoria podían ter participado máis organizacións feministas. E igual deberiamos ter visualizado a outras moitas que traballan a reo polos dereitos das mulleres, que ou ben non asistiron ou que non ficaban identificadas como tales. Teremos que reflexionar sobre este aspecto en vindeiras convocatorias.

Pero o que ninguén pode discutir é que reunir a miles de mulleres, no medio dunha situación como a actual, de escepticismo e desencanto, onde parece estar tan estendido aquilo de “non hai que facerlle”, é todo un éxito. Máis aínda cando existen tantos prexuízos dentro do movemento feminista a participar como tal en organizacións mixtas. E aínda por riba a facelo sen siglas. Ou cando outras organizacións que foron chamadas a participares na convocatoria, non só se desmarcaron da mesma, senón que mesmo contraprogramaron á mesma hora, na praza do lado, outro acto.

Aínda así, as mulleres amosamos onte que non estamos dispostas a tirar pola borda séculos de loita polos nosos dereitos. Velaí estabamos as mozas, e as máis vellas… mulleres que teñen un emprego e desempregadas… sindicalistas e políticas… heterosexuais, lésbicas, bisexuais … nais, fillas, avoas, irmás, netas… amigas e compañeiras, aquelas que decidimos libremente ter crianzas, e libremente non telas…ate as que fuxen de calquera etiquetaxe… toda unha amalgama de mulleres unidas fronte á mesma reivindicación. Nun tempo no que a ofensiva patriarcal pretende dobregarnos con todo o seu aparato, desde a ofensiva do poder político e da man e por boca da xerarquía eclesiástica, as galegas amosamos que rebelámonos ante os recortes nos nosos dereitos.

Logo de ver como cada vez son máis as mulleres despedidas, vítimas de expedientes de regulación de emprego, e de despedimentos de balde grazas á reforma laboral, como se incrementan os problemas para tentar compatibilizar a maternidade co posto de traballo, como as mutuas impiden aleitar ás nosas crianzas con todas as garantías para a saúde das traballadoras e das súas fillas, como estamos a padecer os recortes no investimento público, a suba das taxas nas escolas infantís, o copago na sanidade e nos servizos de atención ás persoas dependentes, logo dun boicot sen precedentes á dispensación da pílula postcoital e de pretender levar ao cárcere ás mulleres que decidan interromper de xeito voluntario a súa preñez, compraceume comprobar que as mulleres de Galiza non imos ficar caladas fronte aos ataques.

Para as mulleres da CIG foi unha semana intensa, de roldas de prensa, de concentracións -o día 8 de marzo- de delegadas en repulsa aos recortes de dereitos diante de empresas, administración e mutuas en todo o país, de xornadas de debate con distintas organizacións, de actos públicos e de mobilizacións, que culminaron o día 10 de marzo -Día da Clase obreira galega- coas manifestacións convocadas pola central nacionalista en todo o país, en contra dos recortes máis agresivos que supón a ultima reforma laboral para o conxunto da sociedade, preparando unha folga xeral convocada en Galiza para o día 29. Porque as mulleres que formamos parte da Confederación traballamos a reo e loitamos para cambiar o patriarcado desde as estruturas onde se agacha, combaténdoo nas mesas de negociación dos convenios, nas plataformas de igualdade, no día a día como traballadoras, como técnicas, como delegadas e liberadas sindicais. Facémolo coa oposición dos homes, pero tamén coa súa colaboración, necesaria para acadar a igualdade.

Mais na xornada de onte as mulleres feministas que formamos parte de organizacións mixtas camiñamos a carón doutras integradas só por mulleres, e fixémolo tamén do lado de outras moitas que non militan nin participan de xeito organizado. Porque o noso obxectivo segue a ser o mesmo: mudar a orde estabelecida, loitar contra o patriarcado, aínda que desde outro tipo de posturas e posicionamentos. Tal e como berrábamos co lema: DEIXA PASAR! DEIXA PASAR! SON FEMINISTA E O MUNDO VOU MUDAR!

O 11 de marzo de 2012 as mulleres amosámoslles ao resto da cidadanía galega que é posíbel aproveitar os puntos de coincidencia de cada unha das organizacións que traballamos a prol do feminismo, e recollendo todo aquilo que nos une, desde o respecto e a tolerancia, desde a unión e a non exclusión, que así podemos gañar máis espazo.

Onte non houbo xerarquías, senón un recoñecemento de cada unha de nós, no marco dun pacto político de xénero entre mulleres como interlocutoras, ou o que é o mesmo, onde a sororidade ficou como nexo de unión entre as mulleres que decidimos participar nesta mobilización. Ogallá cunda o exemplo.

Margarida Corral Sánchez
Fonte:  Terra e Tempo