Monthly Archives: Xullo 2012

O Inquisidor

gallardonrouco

O ministro Gallardón quere converter em lei o que é simplesmente doctrina de fe. Segue o caminho planeado polo nacional-catolicismo, amplamente representado nas instituiçons. Um caminho planeado longe da transparência e da democracia, nos sombrios espaços das seitas mais poderosas, chamem-se Opus Dei, Comuniom e Libertaçom ou Neocatecumenato. A vida das mulheres e das nenas, graças a este obediente inquisidor, vai estar constringida à moral dumha Igreja que é capaz de obrar o milagre de recolher mais dum milhom de euros nos seus cepilhos.

Assim, como no tempo onde nos mandavam torturar e queimar nas praças públicas, para liberar as nossas almas possuídas polo mal da bruxaria, agora o inquisidor, quere liberar-nos da violência estrutural que nega os nossos direitos, dando-lhe de beber à opinom pública um vinho de arrecendos democráticos que agocha o mortal veleno da misoginia, mentres mulheres e nenas, quedam expostas ao lume da maternidade imposta.

Chega a sua perversom ao extremo de converter a malformaçom do feto num problema de discriminaçom. As leis e os direitos que nelas tenhem que estar garantidos, estam em mans de mentes obsessionadas em legislar, acotar e dominar, o que consideram o espaço-força origem do pecado: a sexualidade e o corpo das mulheres. A Inquisiçom carga de novo contra as cidadás livres, que poidam decidir, com toda a informaçom necessária, levar a termo ou nom um embaraço, com malformaçons ou sem elas, é o seu direito.

Lupe Ces

Fonte: Caranza Free Opiniom

Das alertas dos obispos e a ‘ideoloxía de xénero’

HONDURAS feministas_en_resistencia

O portavoz da conferencia espiscopal, José Antonio Martínez Camino, acaba de decirnos que a sociedade está ‘enferma’ pola ‘ideoloxía de xénero’, di este señor que esa ‘ideoloxía’ trouxo consigo aumento de abortos, divorcios, explotación das mulleres, anticoncepción, relacións sexuais fóra do matrimonio, prostitución, violencia de xénero e adicións.*

Obviando por un momento que estamos a falar da opinión do representante dunha seita que hostigou históricamente á humandiade cos seus preceptos e ‘leis’ e condenou ás mulleres dende os seus textos fundacionais a ocupar un lugar de sometemento e sufrimento, é irritante ter que escoitar como se sitúan no mesmo plano e con frivolidade, violencia de xénero e divorcios ou aborto e relacións sexuais fóra do matrimonio.

Moitas das cuestións que sinalan son conquistas que custaron moito sufrimento e a vida de moitas mulleres, conquistas que nos fan máis libres, que nos devolven a soberanía sobre os nosos corpos, que nos permiten ser donas do noso futuro, decidir sobre as nosas vidas, vivir a nosa sexualidade con liberdade, planificar a nosa maternidade, termos, en definitiva, o control das nosas vidas que históricamente estivo en mans dos homes.

É todo isto o que realmente preocupa aos obispos, a nosa liberdade, a nosa capacidade de decisión e a súa consecuente perda de poder sobre nós. Esa ‘ideoloxía’ da que falan, non é máis que a toma de consciencia das mulleres das nosas opresións e a nosa loita por acabar con elas.

Chegadas a este punto poderíamos decir que os obispos son uns imbéciles, que ás feministas non nos importa nada do que esa xente poda decir e quedar tan tranquilas, pero non é certo, non podemos quedar tranquilas ante o ataque permanente que sufrimos por parte da Igrexa Católica a través dos seus voceiros. Dende obispos que piden nos púlpitos que aturemos a violencia de xénero como mostra de abnegación cristiá ata estes que culpan á loita polos nosos dereitos de todos os males coñecidos e por coñecer da sociedade na que vivimos.

Sería moi fácil lembrarlles aos que tanto falan de relacións sexuais fóra do matrimonio e ‘vicios’ a súa traxectoria histórica como censores, torturadores, perseguidores e limitadores de liberdades, como ferramenta necesaria para a opresión das mulleres. Sería tan fácil como lembrarlles que seguimos exixindo que respondan ante a xustiza polos casos de abusos a menores que ocultan e incluso xustifican na máis noxenta das conductas e que o facemos dende a nosa ‘ideoloxía de xénero’.

Dende esa ‘ideoloxía de xénero’ da que alertan os obispos as mulleres levamos toda a nosa hisrtoria loitando para ser libres, para vivirmos nunha sociedade máis xusta para nós, porque acreditamos en que unha sociedade máis xusta para as mulleres é unha sociedade máis xusta para tod@s. E dende aí denunciamos estes ataques da conferencia episcopal, este novo intento por tomar o control sobre as nosas vidas, por estigmatizar os nosos comportamentos que escapan das súas normas, por afogar as nosas liberdades.

Esta alerta que semella máis un ‘chamamento á orde’ por parte da Igrexa ven a sumarse ao capital e aos conservadores nunha ofensiva represora e moralista que busca devolvernos ao lugar da historia do que levamos séculos loitando por saír.

Seguen recortando os nosos dereitos pero na loita pola nosa emancipación xa non hai volta atrás, non valen alertas nen chamados a volver ocupar o lugar que algunha vez quixeron para nós. Estamos decididas a ser libres, o loitar polos nosos dereitos, polos dereitos de todas. Somos traballadoras, putas, precarias, lesbianas, trans, represaliadas, violadas, ciganas, presas, sudacas, desviadas, nais, fillas, irmás, amigas, negras, amas de casa, traballadoras do fogar, asalariadas, proletarias, migrantes, presas… e seremos todo o que queiramos ser.

Unha muller

* La verdad del amor humano. Orientaciones sobre el amor conyugal, la ideología de género y la legislación familiar.