Category Archives: feministas

O Inquisidor

gallardonrouco

O ministro Gallardón quere converter em lei o que é simplesmente doctrina de fe. Segue o caminho planeado polo nacional-catolicismo, amplamente representado nas instituiçons. Um caminho planeado longe da transparência e da democracia, nos sombrios espaços das seitas mais poderosas, chamem-se Opus Dei, Comuniom e Libertaçom ou Neocatecumenato. A vida das mulheres e das nenas, graças a este obediente inquisidor, vai estar constringida à moral dumha Igreja que é capaz de obrar o milagre de recolher mais dum milhom de euros nos seus cepilhos.

Assim, como no tempo onde nos mandavam torturar e queimar nas praças públicas, para liberar as nossas almas possuídas polo mal da bruxaria, agora o inquisidor, quere liberar-nos da violência estrutural que nega os nossos direitos, dando-lhe de beber à opinom pública um vinho de arrecendos democráticos que agocha o mortal veleno da misoginia, mentres mulheres e nenas, quedam expostas ao lume da maternidade imposta.

Chega a sua perversom ao extremo de converter a malformaçom do feto num problema de discriminaçom. As leis e os direitos que nelas tenhem que estar garantidos, estam em mans de mentes obsessionadas em legislar, acotar e dominar, o que consideram o espaço-força origem do pecado: a sexualidade e o corpo das mulheres. A Inquisiçom carga de novo contra as cidadás livres, que poidam decidir, com toda a informaçom necessária, levar a termo ou nom um embaraço, com malformaçons ou sem elas, é o seu direito.

Lupe Ces

Fonte: Caranza Free Opiniom

Das alertas dos obispos e a ‘ideoloxía de xénero’

HONDURAS feministas_en_resistencia

O portavoz da conferencia espiscopal, José Antonio Martínez Camino, acaba de decirnos que a sociedade está ‘enferma’ pola ‘ideoloxía de xénero’, di este señor que esa ‘ideoloxía’ trouxo consigo aumento de abortos, divorcios, explotación das mulleres, anticoncepción, relacións sexuais fóra do matrimonio, prostitución, violencia de xénero e adicións.*

Obviando por un momento que estamos a falar da opinión do representante dunha seita que hostigou históricamente á humandiade cos seus preceptos e ‘leis’ e condenou ás mulleres dende os seus textos fundacionais a ocupar un lugar de sometemento e sufrimento, é irritante ter que escoitar como se sitúan no mesmo plano e con frivolidade, violencia de xénero e divorcios ou aborto e relacións sexuais fóra do matrimonio.

Moitas das cuestións que sinalan son conquistas que custaron moito sufrimento e a vida de moitas mulleres, conquistas que nos fan máis libres, que nos devolven a soberanía sobre os nosos corpos, que nos permiten ser donas do noso futuro, decidir sobre as nosas vidas, vivir a nosa sexualidade con liberdade, planificar a nosa maternidade, termos, en definitiva, o control das nosas vidas que históricamente estivo en mans dos homes.

É todo isto o que realmente preocupa aos obispos, a nosa liberdade, a nosa capacidade de decisión e a súa consecuente perda de poder sobre nós. Esa ‘ideoloxía’ da que falan, non é máis que a toma de consciencia das mulleres das nosas opresións e a nosa loita por acabar con elas.

Chegadas a este punto poderíamos decir que os obispos son uns imbéciles, que ás feministas non nos importa nada do que esa xente poda decir e quedar tan tranquilas, pero non é certo, non podemos quedar tranquilas ante o ataque permanente que sufrimos por parte da Igrexa Católica a través dos seus voceiros. Dende obispos que piden nos púlpitos que aturemos a violencia de xénero como mostra de abnegación cristiá ata estes que culpan á loita polos nosos dereitos de todos os males coñecidos e por coñecer da sociedade na que vivimos.

Sería moi fácil lembrarlles aos que tanto falan de relacións sexuais fóra do matrimonio e ‘vicios’ a súa traxectoria histórica como censores, torturadores, perseguidores e limitadores de liberdades, como ferramenta necesaria para a opresión das mulleres. Sería tan fácil como lembrarlles que seguimos exixindo que respondan ante a xustiza polos casos de abusos a menores que ocultan e incluso xustifican na máis noxenta das conductas e que o facemos dende a nosa ‘ideoloxía de xénero’.

Dende esa ‘ideoloxía de xénero’ da que alertan os obispos as mulleres levamos toda a nosa hisrtoria loitando para ser libres, para vivirmos nunha sociedade máis xusta para nós, porque acreditamos en que unha sociedade máis xusta para as mulleres é unha sociedade máis xusta para tod@s. E dende aí denunciamos estes ataques da conferencia episcopal, este novo intento por tomar o control sobre as nosas vidas, por estigmatizar os nosos comportamentos que escapan das súas normas, por afogar as nosas liberdades.

Esta alerta que semella máis un ‘chamamento á orde’ por parte da Igrexa ven a sumarse ao capital e aos conservadores nunha ofensiva represora e moralista que busca devolvernos ao lugar da historia do que levamos séculos loitando por saír.

Seguen recortando os nosos dereitos pero na loita pola nosa emancipación xa non hai volta atrás, non valen alertas nen chamados a volver ocupar o lugar que algunha vez quixeron para nós. Estamos decididas a ser libres, o loitar polos nosos dereitos, polos dereitos de todas. Somos traballadoras, putas, precarias, lesbianas, trans, represaliadas, violadas, ciganas, presas, sudacas, desviadas, nais, fillas, irmás, amigas, negras, amas de casa, traballadoras do fogar, asalariadas, proletarias, migrantes, presas… e seremos todo o que queiramos ser.

Unha muller

* La verdad del amor humano. Orientaciones sobre el amor conyugal, la ideología de género y la legislación familiar.

Leccións do 8 de marzo

foto11maio

O feminismo galego recuperou este 8 de marzo a unidade de acción contra as políticas conservadoras do capital. Despois de moitos anos de falta de entendemento e diverxencias en canto aos campos de acción de loita no país o movemento feminista reuniuse novamente para articular unha campaña nacional conxunta que dese resposta aos ataques das políticas neoliberais e ultracatólicas que o Partido Popular aplica dende a súa chegada primeiro ao goberno da Xunta e máis tarde ao goberno do Estado.

A Campaña ‘Mulleres en loita polos nosos dereitos’ recuperou un espazo de reflexión, debate e entendemento no que o movemento feminista traballou, dende as súas diferentes ópticas, para elaborar unha táboa de reivindicacións e exixencias como o dereito ao aborto libre e gratuíto, medidas e recursos para a erradicación da violencia machista, sanidade pública, universal e gratuíta con especial atención á saúde das mulleres, prestacións sociais e pensións dignas, equiparación laboral para as traballadoras do fogar, garantía de plenos dereitos para as persoas migrantes, medidas para eliminar a feminización da pobreza e para garantir igualdade laboral, dereito a escoller e gozar da sexualidade libremente, a coeducación, medidas para garantir unha vida plena ás persoas con diversidade funcional, aplicación da Lei de titularidade compartida nas explotacións agrarias, medidas para favorecer a atención aos coidados… Reivindicacións que se traballaron a través de palestras, proxeccións, exposicións, actos de rúa e que culminaron na mobilización nacional do domingo 11 de maio.

Catro anos despois do VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres celebrado en Vigo que supuxo unha das maiores mobilizacións feministas do noso país, a campaña conseguiu encher, nun ambiente festivo e reivindicativo, as rúas de Compostela de colectivos, organizacións e mulleres de todo tipo que reclamaron xuntas os seus dereitos. Esta campaña conxunta e o seu éxito, tanto das actividades locais como da mobilización nacional, amosa a forza que ten o movemento feminista na Galiza e a necesidade de revitalizalo para dar resposta aos ataques que sofren as mulleres.

O feminismo (os feminismos), como parte dos movementos sociais na Galiza, ten pasado por momentos de incerteza e fraqueza coa multiplicación dos referentes e a atomización das organizacións, mais, a diferenza doutros, mantén a súa capacidade de entendemento e de acción colectiva como unhas das súas maiores fortalezas, como se ten demostrado este 8 de marzo.

Compre, dende as diferentes realidades e reflexións, dende as diversas análises e prácticas feministas, dende a pluralidade dos feminismos, contribuír a reforzar esta unidade para facer fronte aos cada vez maiores  recortes de dereitos e ataque ás liberdades das mulleres. Só cun movemento feminista forte, plural,  poliédrico e diverso é posíbel artellar dende todas as frontes a resposta necesaria ao capitalismo e ao seu mellor aliado: o patriarcado.

Perder todos os dereitos, recuperar todas as loitas.

A necesidade dun movemento feminista forte reside tamén na forza dos ataques que se lanzan contra os dereitos das mulleres nun momento no que non só son as políticas económicas de precarización laboral ou salarial das mulleres ao que hai que enfrontarse, senón todos os ataques da dereita ultracatólica que están a elaborar leis e medidas que sitúan ás mulleres en épocas pasadas, cun discurso que devolve a familia nuclear ao centro da vida das persoas e relega as mulleres ao rol tradicional de nais e esposas.

Dende os sectores máis reaccionarios emprégase a coartada da crise para agudizar a situación de precariedade e desigualdade laboral e social das mulleres. Así, o PP desmantela dende a súa chegada á Xunta todos os avances en materia de políticas de igualdade que se tiñan dado ata o de agora e ataca os dereitos conquistados polas mulleres nos últimos anos.

Unha das primeiras decisións do executivo de Feijóo foi a eliminación do Servizo Galego de Igualdade e das oficinas de I+B, seguiron a eliminación do programa ENTENDO que daba resposta xurídica, médica e psicolóxica ao colectivo LGTB, a eliminación do orzamento do Plan concertado da Seguridade Social que inclúe o Servizo de axuda no Fogar e a perda dos postos das auxiliares do SAF, eliminou o programa Preescolar na casa, cancelou a posta en marcha do servizo ‘Kanguros’, abandonou os plans de saúde de Atención á Muller, subiu as taxas das garderías, duplicou as taxas dos comedores escolares, reduciu nun 377% os programas destinados a accións para a igualdade, protección e promoción das mulleres, á metade as axudas por fillas/os menores de 3 anos e paralizou o Plan Galego de Emprego Feminino contemplado na Lei 2/2007.

Pero todos estes recortes pola ‘austeridade’ non poden esconder que as políticas aplicadas son fondamente ideolóxicas, como a aprobación do Plan de apoio á muller embarazada que relega as mulleres ao rol de nais, que dá dereitos aos ‘non nacidos’ facendo que conten como membros da unidade familiar mentres nos nega ás mulleres o dereito a acudir a un especialista a realizar unha revisión postparto.

A esta precarización da vida das galegas con todos os recortes feitos dende a Xunta seguen as políticas conservadoras do PP na súa chegada ao goberno do Estado: unha reforma laboral que dispara o  desemprego, a precariedade e aumento da temporalidade xa alta do emprego feminino e unha reforma das pensións que incrementan a desigualdade e a dificuldade das mulleres para acadar unha xubilación xusta.

Estas reformas, xunto co anuncio de volver incluír o aborto no código penal devolven a tutela sobre as nosas vidas, a nosa sexualidade e a nosa maternidade ao estado tras anos de loita feminista para conseguirmos ser máis independentes e máis libres.

Ante esta situación é que o movemento feminista debe cobrar maior protagonismo, como neste 8 de Marzo, reaxir con forza para mobilizarse na defensa dos dereitos das mulleres e saír ás rúas a reclamar que no noso corpo non mandan os conservadores e nas nosas vidas non manda o capital.

Ximena González

Fonte: Arredista, revista do MGS

Deixa pasar! deixa pasar! son feminista e o mundo vou mudar!

_MG_1157

Nun tempo no que a ofensiva patriarcal pretende dobregarnos con todo o seu aparato as galegas amosamos que rebelámonos ante os recortes nos nosos dereitos.

Síntome satisfeita de ter participado na convocatoria do pasado domingo. Aínda que recoñezo que botei de menos ir acompañada da simboloxía coa que me sinto identificada e da que me sinto orgullosa, teño que salientar que foi unha ledicia formar parte dunha marea violeta que, por unha xornada, tinxiu de malva as rúas compostelás.

Baixo o lema Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos!, fomos miles as mulleres que camiñamos nunha manifestación unitaria impulsada aló polo mes de decembro por distintas organizacións e colectivos como Andaina, a CUT, Faraxa, Feminismos Compostela, Marcha Mundial das Mulleres, Nós Mesmas, Rede Feminista Galega, Sindicato Labrego Galego, Somos Dexenerando, STEG e a propia CIG.

Na marcha, que saíu da estación de trens de Compostela, e rematou nunha ateigada Praza da Quintana, berramos consignas -nun marcado ambiente festivo- dirixidas a criticar o actual marco laboral (“Reforma Laboral, ofensiva patriarcal”) e a demandar postos de traballo de calidade (“Queremos emprego, traballo xa temos”), a denunciar a violencia de xénero ( “Rebelión, desobediencia, contra a súa violencia”), atacando á xerarquía eclesiástica(“Déixame en paz, Rouco Varela, esta é unha mensaxe de María Magdalena”), e fundamentalmente a demandar dereitos sexuais e reprodutivos (“Nós parimos, nós decidimos”, “Na miña cona non manda ninguén”, “Aborto libre e gratuíto”, “Sexualidade non é maternidade”, “Parir non é o destino da muller”) alén de reivindicar investimento público en servizos sociais (con lemas como “Na sanidade, na educación, se nos movemos iranos moito mellor”).

Á convocatoria sumáronse tamén algúns homes, compañeiros de militancia, parellas dalgunhas, pais e fillos doutras, que, dun xeito discreto apoiaban a nosa mobilización. Que salientaban non só o carácter reivindicativo da mesma, senón o diferente ambiente da mesma. Porque onte Compostela era unha festa, todas as consignas eran musicadas e bailadas, desde o inicio ate o remate, onde bailamos ao son de Habelas Hainas.

O feito de non poder amosar as siglas das organizacións que arrouparon a convocatoria (ese foi un dos acordos aos que chegamos nas múltiples asembleas e que non fomos quen de mudar) non permite visualizar a todas aquelas que, pese a non aparecer na faixa inicial, si o fixeron nas seguintes. Alén das organizacións convocantes, había mozas e mulleres do BNG e Galiza Nova e doutras organizacións do eido do nacionalismo e do ecoloxismo, tamén mozas de organizacións estudantís como os Comités Abertos ou a Liga estudantil, asembleas de mulleres de distintos colectivos, compañeiras da asociación de empregadas do fogar XIARA… Puidemos estar máis. É obvio que na convocatoria podían ter participado máis organizacións feministas. E igual deberiamos ter visualizado a outras moitas que traballan a reo polos dereitos das mulleres, que ou ben non asistiron ou que non ficaban identificadas como tales. Teremos que reflexionar sobre este aspecto en vindeiras convocatorias.

Pero o que ninguén pode discutir é que reunir a miles de mulleres, no medio dunha situación como a actual, de escepticismo e desencanto, onde parece estar tan estendido aquilo de “non hai que facerlle”, é todo un éxito. Máis aínda cando existen tantos prexuízos dentro do movemento feminista a participar como tal en organizacións mixtas. E aínda por riba a facelo sen siglas. Ou cando outras organizacións que foron chamadas a participares na convocatoria, non só se desmarcaron da mesma, senón que mesmo contraprogramaron á mesma hora, na praza do lado, outro acto.

Aínda así, as mulleres amosamos onte que non estamos dispostas a tirar pola borda séculos de loita polos nosos dereitos. Velaí estabamos as mozas, e as máis vellas… mulleres que teñen un emprego e desempregadas… sindicalistas e políticas… heterosexuais, lésbicas, bisexuais … nais, fillas, avoas, irmás, netas… amigas e compañeiras, aquelas que decidimos libremente ter crianzas, e libremente non telas…ate as que fuxen de calquera etiquetaxe… toda unha amalgama de mulleres unidas fronte á mesma reivindicación. Nun tempo no que a ofensiva patriarcal pretende dobregarnos con todo o seu aparato, desde a ofensiva do poder político e da man e por boca da xerarquía eclesiástica, as galegas amosamos que rebelámonos ante os recortes nos nosos dereitos.

Logo de ver como cada vez son máis as mulleres despedidas, vítimas de expedientes de regulación de emprego, e de despedimentos de balde grazas á reforma laboral, como se incrementan os problemas para tentar compatibilizar a maternidade co posto de traballo, como as mutuas impiden aleitar ás nosas crianzas con todas as garantías para a saúde das traballadoras e das súas fillas, como estamos a padecer os recortes no investimento público, a suba das taxas nas escolas infantís, o copago na sanidade e nos servizos de atención ás persoas dependentes, logo dun boicot sen precedentes á dispensación da pílula postcoital e de pretender levar ao cárcere ás mulleres que decidan interromper de xeito voluntario a súa preñez, compraceume comprobar que as mulleres de Galiza non imos ficar caladas fronte aos ataques.

Para as mulleres da CIG foi unha semana intensa, de roldas de prensa, de concentracións -o día 8 de marzo- de delegadas en repulsa aos recortes de dereitos diante de empresas, administración e mutuas en todo o país, de xornadas de debate con distintas organizacións, de actos públicos e de mobilizacións, que culminaron o día 10 de marzo -Día da Clase obreira galega- coas manifestacións convocadas pola central nacionalista en todo o país, en contra dos recortes máis agresivos que supón a ultima reforma laboral para o conxunto da sociedade, preparando unha folga xeral convocada en Galiza para o día 29. Porque as mulleres que formamos parte da Confederación traballamos a reo e loitamos para cambiar o patriarcado desde as estruturas onde se agacha, combaténdoo nas mesas de negociación dos convenios, nas plataformas de igualdade, no día a día como traballadoras, como técnicas, como delegadas e liberadas sindicais. Facémolo coa oposición dos homes, pero tamén coa súa colaboración, necesaria para acadar a igualdade.

Mais na xornada de onte as mulleres feministas que formamos parte de organizacións mixtas camiñamos a carón doutras integradas só por mulleres, e fixémolo tamén do lado de outras moitas que non militan nin participan de xeito organizado. Porque o noso obxectivo segue a ser o mesmo: mudar a orde estabelecida, loitar contra o patriarcado, aínda que desde outro tipo de posturas e posicionamentos. Tal e como berrábamos co lema: DEIXA PASAR! DEIXA PASAR! SON FEMINISTA E O MUNDO VOU MUDAR!

O 11 de marzo de 2012 as mulleres amosámoslles ao resto da cidadanía galega que é posíbel aproveitar os puntos de coincidencia de cada unha das organizacións que traballamos a prol do feminismo, e recollendo todo aquilo que nos une, desde o respecto e a tolerancia, desde a unión e a non exclusión, que así podemos gañar máis espazo.

Onte non houbo xerarquías, senón un recoñecemento de cada unha de nós, no marco dun pacto político de xénero entre mulleres como interlocutoras, ou o que é o mesmo, onde a sororidade ficou como nexo de unión entre as mulleres que decidimos participar nesta mobilización. Ogallá cunda o exemplo.

Margarida Corral Sánchez
Fonte:  Terra e Tempo

O relevo

DSC07058

Hoje nas ruas de Compostela pudemos comprovar que o Feminismo Galego é um movimento social arraigado, criativo e com fortes alianças com outros movimentos e organizaçons políticas. Mas se algo brilhou com pleno protagonismo e resultou confirmado na realidade palpável para quem olhar a manifestaçom, foi o relevo geracional que o Feminismo Galego vinha gestando nestes últimos anos, e hoje viu-se consolidado.

Este feito resulta transcendente ante umha ofensiva patriarcal que está a realizar um bombardeio constante contra os direitos e liberdades acadados pola luita feminista desde a década dos setenta. Um relevo geracional, que está alimentado desde muitas fontes, mas que tem na vontade integradora, de reconhecimento das diferenças, da posta em valor da pluralidade, que o próprio movimento pratica, a sua máxima possibilitadora.

O Feminismo Galego soubo flexibilizar nesta convocatória as formas organizativas que vinham liderando o movimento. A Marcha Mundial das Mulheres tomou a decissom política de replegar-se como guarda-chuvas que acobilhava à maioria do movimento, para aparecer em pé de igualdade com outros colectivos e organizaçons mixtas que demandavam essa nova rede. Decissom que resultou acertada. Eis a maior fortaleza da MMM, tanto a nível galego como a nível internacional: construir-se em cada momento como a expressom mais útil para a defensa dos nossos direitos e liberdades.

Na Galiza conseguiu-se umhas semanas ao redor da data do 8 de março, onde a cidadania soubo da vontade de reagir do movimento feminista, realizando concentraçons, manifestaçons, actos de propaganda, comunicaçom e reflexom, destinados à denuncia das políticas capitalistas aplicada no mar revolto da estafa chamada crise, e a vontade do movimento, para enfrontar a onda patriarcal mais abafante das últimas décadas, que pretende à nossa volta ao século XIX.

Lupe Ces

http://lupeces.blogspot.com