Category Archives: linguaxe

Unha reflexión sobre “Feminazis”

Ivan-Méndez-López

Vinte e tantos ilustrísimos e 3 ilustrísimas señoras da Real Academia Española:

Quen subscribe este artigo participou na redacción dun manual de Criterios para o uso da lingua onde se recollía un apartado sobre o uso non sexista. Como non tiven abondo, redactei unha pequena guía de linguaxe non sexista para o lugar en que traballei case catro anos. Reincidín e militei nun uso non sexista da lingua. Estou, por tanto, á disposición das autoridades académicas ou das forzas e corpos de seguranza do Estado para que procedan comigo como dispuxeren.

Hei dicir na miña defensa que no primeiro dos casos fun o único home nun proxecto que incluía outras catro voces femininas, todas elas filólogas, lingüistas, expertas. Algún e mesmo algunha de vostedes chamaranas feminazis e, por tanto, comprenderán as presións que sufrín por asinar co meu nome tal ofensa. Eu, en cambio, trátoas como amigas, expertas e mestras. Síndrome de Estocolmo, en definitiva.

No segundo non teño escusa: foi un proxecto que levei por propia iniciativa para incluír no Plan de igualdade de oportunidades do Concello de Cerceda. Ninguén mo comentou: saíu desta miña cabeza que talvez está condenada, como a miña alma, ao inferno logo de rodar palestra abaixo tras o paso pola guillotina. Por feble, por ceder ás presións dun contorno totalmente irrespirábel que nos leva aos débiles mentais, coma eu, á caer na tentación de nos render ao feminazismo.

Mais como saben, todo está orquestrado para que sexa así. Mesmo a realidade está disimulada para que aparente o que non é. Desde esas estatísticas que falan de que as mulleres cobran até un 23% menos por realizaren o mesmo traballo (nin semellante, nin menor: o mesmo), nin daquelas que salientan a feminización da pobreza, mesmo nos países desenvolvidos (e xa non digamos nos países do terceiro mundo); nin aqueloutras que demostran a cativa presenza de mulleres nos cargos directivos das empresas. E sobre todo, aquilo que se di que o uso da lingua é machista. Todo mentira: as vítimas son, na realidade, verdugos.

Concordo tamén con vostedes cando salientan que están para recoller os usos existentes na sociedade e que, ao non se reflectir a linguaxe non sexista nesta, as guías que censuran deben servir como combustíbel nas innúmeras cachelas que se deberán prender nas prazas maiores das vilas de toda a xeografía patria. É boa verdade: como o uso de yeans, cederróm, cedé, güisqui, totalmente naturais nas persoas que xuntan letras en castelán. Igual que o uso oral da terminación -ado dos participios dos verbos da primeira conxugación.

Vaian os parágrafos anteriores como descargo da miña conduta imperdoábel. Con todo, se me permiten e se non serve para aumentar a miña condena penal (ou a forca), existen algúns matices, que non oposición firme, que me gustaría facerlles, dispensando. Perdóenme, máis unha vez, pola ousadía.

A lingua non é inmutábel. As linguas están vivas, adáptanse, mudan. Talvez demoran máis que a sociedade, talvez van un paso por detrás. E pur si muove. E aínda máis, a lingua podemos mudala entre todos e de feito mudámola. Hoxe hai avogadas, doutoras, xuízas e mesmo médicas. Con normalidade e con uso real. Unha ousadía só hai uns anos que hoxe é realidade.

As elites tamén saben como mudala e abofé que o fixeron ao longo da historia e que mesmo o fan hoxe en día. Tradicionalmente había cociñeiras, mais hoxe a alta cociña está chea de chefs. Os homes que actuaban como secretarias de toda a vida pasaron a ser auxiliares administrativos. Os modistos internacionais, homes moitos, puxeron un o a unha palabra e ninguén convulsionou posuído por un anxo caído. E non falemos de cambios máis sutís que hoxe abondan e sobre os que vostedes, vinte e tantos señores e tres señoras, non perden o tempo en redactar informes.

O uso da lingua é machista. Foron séculos de dominación masculina que procede xa desde o latín de que deriva a lingua que defenden. A sociedade segue a ser machista, menos que hai 30, 40, 50 anos, un século ou 5, mais segue a ser machista. Como sociedade temos dúas opcións: sentármonos a gozar do espectáculo ou, pola contra, sermos axentes activos contra ela. Para vostedes talvez o espectáculo sexa gorentoso. Para min, reprobábel. E é lícito que, como persoa, actúe e, como membro da sociedade, intente mudala, modificala, mellorala en definitiva. Seguirei a empregar persoas no canto de homes, seguirei a empregar dobretes e seguirei a empregar xenéricos, seguirei a feminizar profesións sempre que for posíbel, e acho que a xente seguirá a entenderme. É a miña pequena achega a iso que algúns chaman igualdade.

Teñan consideración deste pecador. A miña alma xa está condenada, polo que lles pido misericordia e que me deixen caer outra vez na tentación de empregar esa linguaxe desprezábel.

PD: a respecto de feminazis, vese que vostedes teñen intelixencia abonda. É unha reductio ad hitlerum ben argallada e que callou en parte da sociedade. Un neoloxismo que demostra que, cando queremos, facemos lingua, modificamos e cambiamos.
Mesmo até os significados e as palabras máis horrendos.

Publicado o 6 de Marzo de 2012 en …porque queren roubarnos o que hai - [Simplemente outro blog].

[*Iván Méndez López ou @eche_o_que_hai, filólogo por vocación, técnico de normalización por convicción, e por profesión desempregado e con minijobs [ivan_mendez].