MANIFESTO 25N: Rebelión, autodefensa contra todas as violencias machistas. Imprimir
Escrito por Marcha Mundial das Mulleres na Galiza   
Luns, 26 Novembro 2018 13:04
Rebelión, autodefensa
contra todas as violencias machistas.

No noso día a día as mulleres temos que sobrevivir con moitos tipos de violencias; económica, sexual, psicolóxica, física, reprodutiva, obstétrica, laboral, institucional… Recibimos todo tipo de violencias en maior ou menor medida na nosa vida diaria. Neste 25 de novembro queremos reivindicar a necesidade de tecermos redes de coidado e soporte nas nosas vidas fronte a esas violencias que sufrimos e facelo desde a loita feminista.

Acreditamos na autoorganización das mulleres como ferramenta definitiva para racharmos co sistema capitalista e patriarcal que nos oprime e explota desde nenas, que nos hipersexualiza, que nos cría nunha cultura da violación, que nos impide cumplir a mínima de “a igual traballo, igual salario”, que nos convirte en obxectos sen valor humano, que nos condea a pasar as nosas vidas á sombra do sistema.

No último ano coñecemos setenzas xudicias que confirman que a violencia sistémica e o monopolio da violencia por parte do Estado Español son aínda un desafío que debemos afrontar desde o feminismo, casos como o de Juana Rivas ou A Manada son simples cumes do que este sistema está disposto a facer contra as mulleres, isto exemplifica que todas as campañas nas que se anima a denunciar as violencias machistas ocultan a revitimización e mesmo a indefensión que sufrimos neses procesos de denuncia.

Todo isto constátanos de que a violencia económica consecuencia da alianza capital-patriacado segue colocando as nosas vidas e territorios en perigo, como obxectos de conquista. E é por isto que este 25 de novembro, desde a Marcha Mundial das Mulleres, queremos falar de autodefensa feminista e de autoorganización, autodefensa fronte á violencia física e psicolóxica, mais tamén fronte á económica e institucional.

Acreditamos en que entre todas seremos capaces de construírmos alternativas para as nosas vidas, coas que defendernos de todas as violencias que nos atravesan, e para conseguilo seguiremos en marcha até que todas sexamos libres.
#Autodefensa #FeminismoParaVivir #vigo
#MachismoMata #PatriarcadoCapital #AlianzaCriminal
Última actualizaciónfeita en Martes, 27 Novembro 2018 14:22