Palestra 'Sen as mulleres non é democracia'
Luns, 29 Xuño 2009 20:58
Marcha Mundial das Mulleres na Galiza
O pasado día 10 de xuño a Marcha Mundial das Mulleres na Galiza foi convidada a participar na palestra ‘Sen Mulleres non é Democracia: accións para cambiar o modelo económico’ organizada por ACSUR Galiza. A Palestra tivo lugar na Galería Sargadelos da Coruña e nela participaron alén da MMM representantes de ACSUR, de CCOO, do colectivo feminista Nomepisesofreghao e a feminista nicaraguana Eveling Carrazco.

Xulia Mirón da coordenadora comarcal da Coruña falou sobre a traxectoria da Marcha desde os seus inicios, da nosa perspectiva de reflexión-acción a nivel mundial e local, dos nosos documentos e das nosas propostas.
Os documentos chave da Marcha son o resultado dun profundo proceso de debate e reflexión entre mulleres dos 5 continentes e son a nosa referencia para desenvolver accións locais e internacionais. Son aprobados nos Encontros Internacionais que se celebran cada dous anos, téndose organizado o último na Galiza en Outubro do 2008. Estes documentos son elaborados partindo do mundo que nós queremos construír onde a Paz, a Xustiza social e a Democracia van prevalecer sobre a explotación e a opresión. Entre as nosas reivindicacións con respecto a muller e traballo, que foi o tema principal que se tratou nesta palestra, están:
-
A equidade e igualdade salarial tanto a nivel nacional como internacional.
-
A liberdade de sindicalización e asociación.
-
Condicións de seguridade e salubridade no traballo.
-
A anulación da débeda dos países en desenvolvemento, polo que isto significa para o conxunto da poboación e para as mulleres.
-
O levantamento dos bloqueos e embargos que sofren algúns países, de mans do imperialismo.
No 8 de marzo deste ano e baixo o título ‘As mulleres traballamos, as mulleres contamos. Non solucionaredes a crise a costa dos nosos dereitos’ a comarcal da Coruña organizou unha palestra sobre muller e traballo e unha acción de rúa na que participaron diferentes colectivos visibilizando as propostas das mulleres perante a crise.
Nestes últimos meses a comarcal da Coruña ten participado na manifestación por un convenio xusto para as traballadoras do Comercio e estivo a apoiar as reivindicacións das traballadoras de Caramelo.
Xulia concordou co resto das poñentes na importancia de facer accións xunto con outras organizacións para fortalecer redes e alianzas de defensa dos dereitos laborais, socias e políticos das mulleres.

Todos os documentos da MMM están accesíbeis na nosa páxina web
Modificado o ( Luns, 29 Xuño 2009 21:02 )
|
Apoio ás mobilizacións das traballadoras e traballadores de Caramelo na Coruña
Xoves, 14 Maio 2009 00:00
Administradora

Asistimos a unha nova vaga de despedimentos na provincia amparados pola crise, a empresa Caramelo ven de presentar un ERE que afecta a 237 empregadas ,a maioría delas mulleres, e de impor a "flexibilidade horaria" ao resto da súa plantilla. As traballadoras están en loita contra os despedimentos (folgas, mobilizacións, feches).
A Coordenadora da Coruña da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza Manifesta:
-
O seu apoio ás mobilizacións das traballadoras e traballadores de Caramelo na Coruña en defensa dos seus postos de traballo e contra as deslocalizacións.
-
Atopámonos nunha situación de crise provocada polo sistema capitalista da que se quere saír á costa dos deritos das traballadoras e traballadores aplicando a conxelación salarial, o aumento da xornada laboral, maior precarización das relacións laborais, e despedindo a traballadoras e traballadores.
-
Asistimos con preocupación á aplicación, por parte dos gobernos, de medidas contra a crise, que trasladan grandes cantidades de fundos públicos, en axudas a grandes empresas e entidades financeiras. Mentres estas non deixan de presentar EREs, e rebaixar as conquistas sociais das traballadoras e traballadores.
-
Dende os gobernos falan de igualdade, de conciliación familiar e laboral, pero as políticas que se aplican non conseguen mudar a realidade, as mulleres continuamos a ser o sector que máis sofre o desemprego, a precaridedade laboral, e a exclusión social.
-
Nós como movemento feminista e anti-capitalista, reixetamos as políticas neoliberais que os gobernos están a propor para saír da crise, e por iso esiximos políticas que aseguren o mantemento de todos os postos de traballo e os dereitos das traballadoras e traballadores, e:
-
Que a Xunta do PP non admita os EREs.
-
Que se prohiban as deslocalizacións e así evitar a perda dos postos de traballo na nosa terra.
AS MULLERES TRABALLAMOS, AS MULLERES CONTAMOS NON SOLUCIONAREDES A CRISE A COSTA DOS NOSOS DEREITOS
Modificado o ( Sábado, 16 Maio 2009 01:29 )
Palestra na Coruña en defensa do dereito ao aborto, na Sanidade Pública
Martes, 12 Maio 2009 14:31
Administradora

Palestra 'En defensa do dereito ao aborto, na Sanidade Pública! EU DECIDO! e presentación da publicación 'O dereito a decidir: situación actual e alternativas á despenalización do aborto' a cargo de Maria Traba e Carmela Garrido da Marcha Mundial das Mulleres na Coruña.
O acto terá lugar o mércores 13 de Maio na ‘Sala Pombal' na Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña ás 17:00 h.
Modificado o ( Xoves, 14 Maio 2009 09:48 )
Palestra 'Tecendo redes para conseguirmos o dereito a decidir sobre o noso corpo'
Domingo, 10 Maio 2009 13:13
Marcha Mundial das Mulleres na Galiza
O pasado xoves, 7 de Maio, tivo lugar a palestra 'Tecendo redes para conseguirmos o dereito a decidir sobre o noso corpo' no Centro social Atreu, onde nos agardaban as compañeiras de Nomepisesofreghao moreia de parafeministas desgêneradas. As mulleres encargadas de preparar o acto explicamos o proceso de loita polos dereitos sexuais e reprodutivos no marco da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza nos últimos dous anos, cal era a regulación actual en relación ao aborto, cales eran as principais medidas que se recollían nos informes do goberno sobre o tema e cales eran os puntos vindicativos da campaña "En defensa do dereito ao aborto na sanidade pública: eu decido" aos cales non íamos renunciar.
Despois da nosa exposición xurdiu o debate: a preocupación sobre se a nova lei do aborto pode supoñer unha merma das posibilidades que para algunhas mulleres supón na praxe a regulación actual, a tutela sobre a nosa capacidade de decidir que supón a esixencia de motivos documentados por terceiras persoas para poder abortar, a inseguridade xurídica na que se producen os abortos, o feito de que estes se producen en clínicas privadas ou concertadas e en malas condicións...
Na última parte da palestra o debate máis teórico sobre a situación do aborto e dos dereitos sexuais e reprodutivos axiña derivou na necesidade de articulación do movemento feminista para sumar forzas nunha loita que se presume longa. As compañeiras de nomepises, e outras mulleres alí presentes, comprometéronse a apoiar e participar da campaña da marcha en relación ao aborto e manifestaron o seu interese en artellar xuntas accións no plano local.
Modificado o ( Domingo, 10 Maio 2009 13:24 )
|
|
|
|
|
|
|
Páxina 1 de 3 |