APOIO ÁS XOGADORAS DO CLUBE LEIS 26 FUTBOL SALA
FÓRA MACHISMO DO DEPORTE
O pasado mes de novembro tres xogadoras do Club Leis 26 de Fútbol Sala de Pontevedra rachaban co seu silencio e denunciaban nos medios de comunicación e no xulgado o trato denigrante e vexatorio por parte do Presidente do devandito Club, José Antonio Nieto San Juan.
As tres xogadoras relataban como este home durante 15 longos meses, valéndose dunha posición de superioridade amparada no seu cargo dentro do Club as trataba dun xeito denigrante, vexatorio e humillante de forma continua; insultábaas chamándoas putas ou lesbianas; provocaba situacións incómodas ás xogadoras raianas no acoso sexual buscando encontros illados e individuais con elas; mandáballes mensaxes a horas intempestivas, moitas veces con alto contido erótico e sexual.
Estes feitos desencadearon o medo, a inseguridade e o menoscabo na súa integridade moral e psíquica ata que acordaron denunciar tales feitos e foron expulsadas do Club, xunto co seu adestrador e catro directivos.
As mulleres Marcha Mundial das Mulleres, cheas de rabia ao coñecer un novo caso de violencia contra as mulleres, esta vez no ámbito deportivo quere denunciar esta situación e amosar o noso apoio a estas xogadoras.
Non podemos consentir que unha vez máis as mulleres deportistas teñan que aturar un trato vexatorio e situacións de acoso, e que non sexan recoñecidas como profesionais dentro do mundo do deporte.
Esiximos as autoridades da Federación Galega de Fútbol, Secretaria Xeral de Igualdade e Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que se tomen as medidas oportunas para denunciar, sancionar e afastar ao Presidente do Club Leis 26 de Fútbol Sala de Pontevedra.
Lembrámoslle aos responsables deportivos e políticos que o Código de Ética Deportiva da UNESCO establece que as organizacións deportivas teñen a responsabilidade de velar pola implantación de garantías no contexto dun marco xeral de apoio e protección a menores, novas e mulleres, con obxecto de protexer do abuso e acoso sexual aos grupos antes mencionados.
É absolutamente inadmisible que unha persoa, amparándose na súa posición de poder como presidente dun club deportivo, leve a cabo actuacións de acoso sexual e trato vexatorio, tanto en espazos públicos como privados, e resulta sumamente grave que as autoridades pertinentes non tomen medidas inmediatas.
Chamamos as xogadoras e xogadores doutros clubs deportivos a manifestarse en contra do machismo e a discriminación dentro do deporte.
Non poderemos conseguir a igualdade no deporte si consentimos que condutas discriminatorias e machistas sigan permitíndose dentro do ámbito deportivo.