Proxección “Cubanas: mujeres en revolución” de Maria Torrellas

[ Vigo ] A Marcha Mundial das Mulleres de Vigo organizou o venres 25 de outubro xunto coas compañeiras da Terra sen amos Asociación de Amizade GalegoCubana Francisco Villamil unha proxección sobre as mulleres cubanas na revolución.

Desfrutamos do documental “Cubanas: mujeres en revolución” de Maria Torrellas, no que coñecemos mellor as figuras de Haydée Santamaría, que participou do primeiro intento de tomar o Moncada, Vilma Espin, quen foi parte do exército rebelde dende 1958, entre outras participantes históricas. O filme apresenta testemuñas de mulleres das xeracións máis novas e diversos ámbitos –médicas, científicas, artistas e militantes– que encaran algúns dos temas que as tiveron como motor e polos que as mulleres cubanas son recoñecidas en todas partes do mundo: educación e medicina entre elas.

#Internacionalismo #FeminismoParaVivir #FeminismoErevolucion

Acción contra a pobreza en Vigo

Na véspera do día internacional para a erradicación da pobreza, xuntámonos na dinoseta coas compas de Os NinguénsRSP Vigo e Distopía para recordar a situación de emerxencia que están sufrindo tantas veciñas e veciños, agravada pola brecha de xénero.

🛑🛑 16 de Outubro, 19h Porta do Sol. Vigo

Acción de rúa en Vigo o pasado 16. Plantámonos ante a desigualdade para recordar as reivindicacións dunha rede institucional de apoio ás persoas empobrecidas, que padecen sufrimientos psicolóxicos, físicos e sociais, que acurtan a vida máis de seis anos. Queremos pelexar pola emancipación, que asegure non necesitar do asistencialismo vertical. Queremos prioridade para o humano, e a existencia material garantida para todas por dereito.

Charla sobre Soberanía Alimentaria

🌱🌱🌱A Marcha Mundial das Mulleres desexa convidarvos ao faladoiro sobre Soberanía Alimentaria que terá lugar o vindeiro xoves 26 de Setembro, no local de Arbore (Rúa López Mora, 30) e que contará, coa presenza da Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba.

Na semana na que a mocidade, e os movementos sociais, impulsados polos colectivos ecoloxistas convocan actos e mobilizacións para por o foco de atención na importancia que ten o clima sobre as nosas vidas e reivindicar a importancia de cambiar os nosos hábitos para preservar o clima, que tanto nos afecta, a Marcha Mundial das Mulleres que entre os seus obxectivos estratéxicos de acción contempla o do ben común e o acceso aos recursos, non podía quedar ao marxe destas reivindicacións; querendo por o énfase nesta charla no Dereito dos pobos á soberanía alimentaria, entendido como aquel dereito dos pobos a alimentos nutritivos e culturalmente axeitados, accesibles,
producidos de forma sostible e ecolóxica, e o seu dereito a decidir o seu propio sistema alimentario e produtivo, pondo o seu foco no vínculo importante entre a muller e a terra.

O feminismo, e nomeadamente o ecofeminismo, vén denunciando a desigualdade brutal no reparto da terra e a necesidade de coidar a natureza como sustentadora da vida.

A Marcha Mundial das Mulleres fai unha crítica integral ao actual modelo e aposta por un feminismo antisistema que se opoña á actual orde capitalista, patriarcal, racista, e colonial.. Por iso as súas accións van encamiñadas a desenvolver e implementar accións e propostas que denuncien as institucións económicas e financeiras que promoven a explotación e degradación dos nosos recursos, cambio climático e perda de biodiversidade. Loitar por unha autoxestión dos nosos recursos ambientais que se basee nun modelo de desenvolvemento que respecte as necesidades básicas das xeracións presentes e futuras; sabendo que esa aposta non é fácil nin cómoda, mas é a máis coherente coa nosa defensa dunha sociedade con novas relacións, con outras formas de organizar o traballo, da dignidade da xente do rural e de garantir a substentabilidade.

Sabemos tamén que o horizonte de transformación e formas de loita constrúense en cada momento analizando o contexto e a realidade máis próxima a cada muller; e implementando accións que comecen co cambio dende cada comunidade ou localidade.

Neste empeño de construír un feminismo que transforme o mundo e a vida das mulleres a afirmación do carácter anticapitalista, antipatriarcal e antirracista do feminismo é esencial para construír unha sociedade diferente que coloque a vida no centro.

Por iso nesta charla escoitaremos como Isabel fai unha análise da realidade das mulleres galegas, o seu vínculo co mar e a terra e a súa incesante loita contra institucións públicas e privadas, que tentan afastalas dos seus medios de vida e produción tradicionais. En definitiva por no centro a muller como motor do cambio e da loita por un mundo que preserve un planeta máis xusto, máis respectuoso co medio, máis igual, sen violencia e garanta o acceso ao ben común e aos recursos naturais.

28X. Mural en Vigo

Sempre ceibes e orgulosas! Hoxe en Vigo mural polo Orgullo na Praza da Pedra. Como cada ano presentes no orgullo de Vigo celebrando a diversidade e reivindicando a fin do heteropatriarcado capitalista!

Faladoiro “Saúde das Mulleres, maltratada e invisibilizada”

Convidamos dende a MMM a participar neste faladoiro a celebrar o vindeiro 29 de maio, ás 19:00 hs na Casa Galega da Cultura en Vigo.

A través da história o sistema patriarcal considerou que o modelo masculino era o único, tomouno como modelo universal e servía de referencia para todos.
Polo tanto, non se estudiou cómo afectaban as diferentes doenzas e os diferentes tratamentos ás mulleres.

Dende a MMM reflexionamos na necesidade de reverter esta situación actual, de reflexionar sobre as diferentes realidades nas que nos oprime o patriarcado e, entre todas, conseguir a igualdade entre mulleres e homes e as súas diversidades con respecto a saúde.

Acción pola paz e o desarme

Este 24 de Maio, Día internacional da Muller pola Paz e o Desarme, as mulleres da Marcha Mundial das Mulleres da Galiza queremos lembrar as guerras que padecen mulleres irmáns en todo o mundo e farémolo na rúa cunha lectura pública. Anímate e participa!

“Participa para poder decidir a Europa que queremos”

O pasado xoves, as compañeiras da CL da MMM de Vigo, participaron na mesa redonda “Participa para poder decidir a Europa que queremos” organizada por Amigos da Terra e na que tamén participaron SoS Racismo Galicia, ATTAC, Amnistía Internacional SLG e Ecoloxistas en acción. Unha vez máis a Marcha manifestou o seu rexeitamento ante a institución actual, capitalista e patriarca, que pon no centro a económía por riba da vida das persoas.

Rana Plaza na Memoria

[24/05/2019]
#RanaPlazaEstáEmTodasAsPartes
#QuenFaiATuaRoupa
Fotos das accións de rúa e a charla con Nanda Couñago coordenadora da Campaña Roupa Limpa en Galicia, e baixo o título: “De explotadas en Galicia a explotadas en Bangladesh”.

A coordinadora da campaña Roupa Limpa (SeTEM) en Galicia falou de como a traxedia de Rana Plaza en Bangladesh no ano 2013, no que morreron ao redor de 1000 mulleres traballadoras do téxtil, puxo sobre a mesa o debate sobre as condicións de traballo do sector, tanto en Galicia, onde aínda quedan algunhas poucas fábricas, como nos países en desenvolvemento, cara onde a industria téxtil deslocaliza a súa forza laboral na procura de baixos custos mesmo ao prezo dos dereitos humanos e a vida das mulleres.

En Galicia, a ameaza da deslocalización forza ás traballadoras a aceptar condicións de traballo infrahumanas en canto a prezos e prazos.

Nos paises en desenvolvemento, a pobreza extrema convirte ás mulleres en man de obra cautiva obrigada a soportar condicións de traballo tan extremas como as que provocan desmaios masivos polas condicións de falta de ventilación e hixiene, como o acoso laboral e sexual, ou as condicións físicas dos edificios que levaron ao derrube (anunciado) do taller de confección en Bangladesh, desmaios masivos polas condicións de salubridade e hixiene

A falta de unha lexislación firme que garanta salarios dignos, que regule as condicións de seguridade e saúde, que combata a evasión fiscal das firmas, e que as obrigue a publicar información sobre o proceso de producción e a responsabilizarse del, dificulta aínda máis o avance cara á mellora das condicións de traballo do sector téxtil.

Todas e todos usasmos roupa, todas e todos estamos involucrados neste drama.

YouTube
YouTube
Set Youtube Channel ID
Instagram
Telegram