MACHISTAS FÓRA DAS INSTITUCIÓNS!

O FEMINISMO GALEGO DENUNCIA O COMPORTAMENTO MACHISTA DO GOBERNO NO PP NA XUNTA 

Os colectivos e organizacións feministas asinantes deste manifesto, repudiamos o comportamento de todo o goberno do Partido Popular á fronte da Xunta de Galicia tras coñecer que o Conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, foi imputado por un delito de agresión sexual. 

En maio de 2024, as organizacións feministas galegas manifestabamos nun comunicado o noso rexeitamento á eliminación da Secretaría Xeral de Igualdade do organigrama do goberno da Xunta, denunciabamos que, a pesar das mostras de fortaleza do feminismo galego nos últimos tempos e do clamor social pola necesidade de políticas decididas cara á superación das discriminacións que historicamente se cometeron coas mulleres, non se albiscaban por parte do goberno da Xunta políticas encamiñadas a este fin.

Todo o contrario, rexeitabamos a separación da abordaxe da violencia de xénero e a igualdade en dous departamentos diferentes, a Dirección Xeral contra a Violencia de Xénero e a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, cando para nós a violencia e a desigualdade eran dúas caras da mesma moeda, manifestando que non se podían poñer en práctica medidas efectivas contra a violencia que non ataquen as desigualdades. Non concordabamos con poñer á fronte da Dirección Xeral contra a violencia a un home, aínda que tivese unha experiencia como xurista.

Un ano despois asistimos a un espectáculo mediático protagonizado por cargos de goberno da Xunta, aproveitando a súa situación de poder e control dos medios de comunicación, para apoiar pública e persoalmente a un conselleiro que foi imputado por un delito de agresión sexual contra unha muller.

Desde que se coñeceron os feitos, non houbo unha soa mensaxe pública por parte de ningún membro do goberno, nin do Presidente Alfonso Rueda; nin da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García Martínez; nin de Roberto Barba Alverdro, Director Xeral contra a Violencia de Xénero, manifestando tolerancia cero cos agresores sexuais, exixindo xustiza e reparación para a vítima. 

Todo o contrario, no canto de facelo, permitiron e alentaron que o conselleiro utilizase o cargo para convocar os medios de comunicación e puidese espallar impunemente a mensaxe de que foi obxecto dunha denuncia inxustificada e que defendería a súa inocencia sen que houbese nin a máis mínima réplica, saíndo da rolda de prensa entre aplausos e desexos de que se faga xustiza e poidan recuperalo para a vida pública (ou sexa opinando publicamente que estabamos ante unha denuncia falsa dunha muller).

O resto do goberno non emitiu nin unha soa declaración facendo mención á necesidade de denunciar as agresións, de condenar a violencia sexual, nin manifestando o apoio á denunciante, senón agradecendo o xesto da dimisión como algo honorable.

Lembramos as persoas que nos representan no Parlamento Galego, que foron elixidas como tales, que a violencia de xénero non é un asunto privado, senón un problema estrutural e social que require de posicionamentos sen fisuras e de actuacións firmes. Condenamos a actuación do goberno do PP e exiximos que se sitúen no único lugar posíbel: a carón e da man de quen sufre a violencia, e de fronte a quen realiza as agresións. 

Precisamente porque acreditamos en que as institucións teñen que dar exemplo, exiximos a inmediata dimisión das persoas que, desde as súas situacións de poder, avalaron e perpetraron a violencia: o Presidente Alfonso Rueda, a Conselleira de Política Social e Igualdade Fabiola García e o Director Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero Roberto Barba.

Asinamos este manifesto: Marcha Mundial das Mulleres Galiza, Secretaría de Mulleres da CIG, Moradaura, Colectivo Feminista das Mariñas, INXURGA, Colectivo Feminista Deza-Tabeirós, Foro Feminista de Lugo, Secretaria da Muller STEG, Mulleres en Acción da Barbanza, Exeria Mulleres Cristiás Galegas, Arrolos de Teta, Observatorio da Mariña pola Igualdade, Asociación de Mulleres Area Loura do Val Miñor, Asociación Xornalistas Galegas, Resposta Feminista Vigo, AGAMME (Asociación Galega contra o Maltrato a Menores), Plataforma Feminista Galega, Colectivo Feminista da Gudiña, Azos Feministas, Asociación Feminista Polamiuda, Feminismo en pé, Unión de Muchachas, Mulheres Nacionalistas Galegas, O Soño de Lilith, Nós Mesmas, Xiara, Avante LGBT, Mulleres STEG

Ante o feminicidio de Maritza na Coruña

🔴🔴 ALERTA FEMINISTA 📢 MOBILIZACIÓNS 🔴🔴

Novamente un asasinato machista na Galiza e un goberno ausente, cando non cómplice de agresores. Este martes 17 de xuño respostamos novamente nas rúas cheas de indignación ante un novo feminicidio!

Todas á rúa, BASTA DE VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES!

CONCENTRACIÓNS

A Coruña, 20h Obelisco
A Guarda, 20h Praza Avelino Vicente
As Pontes, 20:30h Praza do Hospital
Betanzos, 20h Palco da Música
Carnota, 20h Praza da Pedra
Cee, 20:30h Praza 8 de marzo
Celanova, 19:30 Praza das Pitas
Chantada, 20:30h Praza do Cantón
Compostela, 20h Praza 8 de marzo
Ferrol, 20h Praza de Armas
Lalín, 20:30h KM0
Melide, 20:30h Praza do Convento
Moaña, 19:45h Praza do Concello
O Porriño, 20h diante do Concello

O Rosal, 20h diante do Concello
Ourense, 20h Castañeira
Padrón, 21h diante do Concello
Ponteceso, 20:30h Praza do Recheo
Pontedeume, 20h diante do Concello
Pontevedra, 20h Audiencia Provincial
Ribadavia, 20h Praza da Madalena
Ribadeo, 20h Praza 8 de marzo
Ribeira, 20h Praza do Concello
Tui, 20h Praza da Inmaculada
Val Miñor, 20h Cruce da Ramallosa
Vilalba, 20:30h Casa da Cultura
Vigo, 20h no MARCO
Vilagarcía, 20h Praza de Galiza

MANIFESTO

MATERIAL PARA AS MOBILIZACIÓNS

Ante o feminicidio de Marisol Costa de Moraña

Este xoves 12 de xuño respostamos nas rúas ante o feminicidio de Marisol Costa de 49 anos.

Mobilizacións 12 de xuño:

A Coruña, 20h Obelisco
As Pontes, 20:30h Praza do Hospital
Betanzos, 20h Palco da Música
Carnota, 20h Praza da Pedra
Celanova, 20h Praza das Pitas
Compostela, 20h Praza 8 de marzo
Ferrol, 19h Praza de Armas
Lugo, 20h diante do Concello
Melide, 19h Praza do Convento
Moaña, 20h Praza do Concello
Moraña, 20:30h Praza do Concello
O Porriño, 20h diante do Concello
O Rosal, 20h diante do Concello
Ourense, 20h Castañeira
Pontevedra, 20h na Audiencia
Val Miñor, 21h Cruce da Ramallosa
Vigo, 19h no MARCO
Vilagarcía, 20h Praza de Galiza

Ante o feminicidio de Josefa F.G. As Ermidas, O Bolo.

feminicidio Josefa F.G

Este martes 8 de abril respostamos nas rúas ante o feminicidio de Josefa F.G. de 76 anos asasinada polo seu marido.

CONVOCATORIAS

A Coruña, 20h Obelisco
A Gudiña, 12:30 diante do Concello
A Rúa, 20h Praza do Concello
As Pontes, 20:30h Praza do Hospital
Betanzos, 20h Palco da Música
Cangas, 20:30h diante do Concello
Carnota, 20h Praza da Pedra
Celanova, 20h Praza das Pitas
Chantada, 20:30h Praza do Cantón
Compostela, 20h Praza 8 de marzo
Ferrol, 20h Praza de Armas
Lalín, 20.30h KM0
Melide, 20:30h Praza do Convento
Moaña, 19:30h Xardíns do Concello
O Porriño, 20h diante do Concello
O Rosal, 20:30h diante do Concello
Ourense, 20h Castañeira
Pontevedra, 20h Audiencia Provincial
Ribadavia, 20h Praza da Madalena
Ribeira, 20h Praza do Concello
Ribadeo, 20h Praza 8 de marzo
Tui, 20:30h Praza da Inmaculada
Val Miñor, 20h Cruce da Ramallosa
Vigo, 20h Museo Marco
Vilalba, 20:30h Casa da Cultura
Vilagarcía, 20h Praza de Galicia

MANIFESTO

MATERIAL PARA DESCARGAR

Pasta para descarregar as imaxes en pdf: feminicidios

Mobilizacións 8M

8M mobilizacións

En todo o mundo o feminismo prepara este Día Internacional das Mulleres Traballadoras con mobilizacións e actividades de todo tipo para colocar na axenda a necesidade dun feminismo forte para conquistar dereitos reais para as mulleres traballadoras.

Tamén o movemento feminista galego se prepara para ocupar as rúas e prazas con concentracións e mobilizacións ao longo de todo o territorio.

En marcha para transformar a vida das mulleres, até que todas sexamos libres!

8 de marzo

· A Coruña 20h Obelisco

· As Pontes 18.30h diante do Concello

· Betanzos 18h Paco da Música

· Catoira 20h baixo Multiusos

· Celanova 13:30h Praza das Pitas (Antigo cárcere de Mulleres)

· Compostela 18h Praza 8 de Marzo

· Ferrol 20h Praza Amada García

· Lalin 12.30h KM 0

· Lugo 20h diante da Xunta

· Marín 18h Praza 8 de marzo

· Melide 20h na Praza do Convento

· O Porriño 20h Diante do Concello

· Ourense 19h Castañeira (subdelegación)

· Ponteceso 12h Praza do Recheo

· Pontevedra 17h Praza 8 de Marzo

· Ribadavia 13h diante do Castelo

· Ribadeo 18h Instituto de Ribadeo

· Ribeira 19h Praza Porta do Sol

· Val Miñor 12.30h no cruce da Ramallosa

· Vigo 18.30h Praza dos Cabalos

· Vilagarcía de Arousa 12h Praza Galicia

· Vilalba 13h Templete – Praza da Constitución

9 de marzo

· Carnota 11.30h Cadea de Mulleres, Praia de Carnota

MANIFESTO

MATERIAL para descarregar

VOANDEIRA para descarregar

https://drive.google.com/file/d/1pPKFLNxZ2A2Iv4NpHFM-1A3NQ4kFYg0y/view?usp=sharing

8M: 8 reivindicacións urxentes para transformar a vida das mulleres

8M 2025

EN MARCHA PARA TRANSFORMAR A VIDA DAS MULLERES

No marco da campaña nacional 25 anos en marcha pola vida das mulleres, este 8M, día internacional da muller traballadora a Marcha Mundial das Mulleres coloca o foco en OITO destas 25 reivindicacións: as que apuntan máis cara as demandas inmediatas e urxentes que, cren, cómpre defender desde o feminismo galego neste 8 de marzo. 

8M: 8 REIVINDICACIÓNS URXENTES PARA TRANSFORMAR A VIDA DAS MULLERES. 

  1. Reivindicamos un traballo digno: con salarios dignos en centros de traballo libres de violencias, cunha xornada laboral que nos permita conciliar e termos vida, cunha remuneración igualitaria, con protección para as nosas vidas e con adaptación de medios con perspectiva de xénero, que sexa compatíbel coas discapacidades, coas maternidades, coa lactación, etc.
  2. Reivindicamos un sistema público de coidados: que atenda en todas as etapas da vida (escolas infantís, atención á dependencia e coidados na vellez tanto no fogar como en centros públicos). Demandamos retribucións e condicións de traballo dignas para as traballadoras do fogar, demandamos tamén que o tempo destinado ao coidado familiar sexa retribuído, teña cotización e acceso a prestacións sociais. 
  3. Reivindicamos o acceso universal a unha  vivenda digna. Demandamos a creación dun banco galego de vivenda social cuxo reparto responda a criterios obxectivos e con perspectiva de xénero, demandamos tamén unha rede habitacional de urxencia para mulleres vítimas de violencia machista. 
  4. Reivindicamos un servizo galego de saúde que atenda as necesidades do conxunto da poboación en todo o territorio e que garanta a prevención e a atención á saúde física e mental das mulleres e as nenas. Con especial atención aos dereitos reprodutivos e á eliminación da violencia obstétrica. 
  5. Demandamos o reforzo dos Centros de Información ás Mulleres (CIM), a Rede Galega de Acollemento e o aumento dos recursos para acceso á vivenda das mulleres en situación de violencia, a atención psicolóxica integral na Atención Primaria e reverter a privatización dos centros de crise 24h para vítimas de violencia sexual que o PP puxo en mans de multinacionais.
  6. Reivindicamos a regularización de todas as persoas migrantes e demandamos a derrogación inmediata da Lei da Estranxeiría e das políticas de fronteira criminais da Unión Europea.
  7. Aspiramos a construír un novo paradigma de sustentabilidade da vida, cunha xestión pública da auga e a enerxía e unha transición enerxética xusta, social e ambientalmente. Exiximos a paralización dos proxectos extractivistas e de industrias de enclave na Galiza que atentan contra o noso territorio e a vida das mulleres, nomeadamente o proxecto de ALTRI, a Mina de Touro e o cese de actividade doutros proxectos altamente contaminantes e devastadores como a pasteira ENCE. Polo contrario, defendemos un desenvolvemento económico baseado na transformación das nosas materias primas, complementario e harmónico coa produción agrícola, gandeira e mariñeira, que propicie emprego de calidade para que as mozas do noso país non teñan que emigrar.
  8. Demandamos o cumprimento da lei intregral contra a violencia machista e a transversalidade do feminismo en todas as políticas que se desenvolvan en todos os niveis institucionais. Exiximos unha resposta social contundente fronte aos discursos de odio e reaccionarios que normalizan a violencia. 

Mobilizacións confirmadas: 

  • A Coruña 20h Obelisco
  • Compostela 18h Praza 8 de Marzo
  • Ferrol 20h Praza da Armada
  • Ponteceso 12h Praza do Recheo
  • O Porriño 20h Diante do Concello
  • Ourense 19h Castañeira (subdelegación)

Seguimos traballando para concretar e sumar o resto de mobilizacións deste 8M ao longo do país. 

Presentación da campaña polo 25 aniversario da Marcha

rolda 25 anos

A Marcha Mundial das Mulleres ven de presentar a campaña que desenvolverá ao longo deste ano 2025 en torno á celebración e reivindicación do seu 25 aniversario como organización feminista na Galiza e no mundo. 

Con inicio neste 8M a campaña desenolverá máis de 30 actividades ao longo do país cunha manifestación nacional o 5 de outubro exixindo medidas reais para transformar a vida das mulleres traballadoras.

A Marcha Mundial das Mulleres naceu no ano 2000 en resposta a un chamado á movilización mundial das feministas anticapitalistas do mundo por parte das compañeiras do Quebec. Cando aínda non existían os fenómenos virais nen as posibilidades que hoxe existen de organización a nivel global feministas de todos os continentes uniron a súa voz para loitar contra a violencia machista e o empobrecimiento das mulleres. 

Naquela altura o feminismo galego respondeu a este chamado constituíndo a Coordenadora Nacional Galega da Marcha que leva 25 anos traballando a nivel local e internacional en pé de igualdade con compañeiras de máis de 60 países, dende Brasil a Moçambique, o Sahara Occidental, Kurdistán, Palestina, Cuba ou Guatemala até as Filipinas ou o Xapón. Elaborando análises colectivas e tamén trasladando a realidade e as alternativas feministas das mulleres galegas ao resto de compañeiras do mundo.

Ao longo destes 25 anos foron moitas as reivindicacións e accións que desenvolveu, dende a mobilización de mulleres de aquel 9 de marzo de 2003 na que mulleres de todo o país se desprazaron a Cee para berrar xuntas “Nem Guerras, nem machismo nem marés. Nunca máis chapapote patriarcal”, aos diferentes momentos chave na loita polo dereito ao aborto coa campaña de autoinculpacións de 2008 ou o impulso da plataforma galega polo dereito ao aborto ante a ameaza do PP en 2014, a Marcha iniciou a resposta coordenada fronte aos feminicidios no noso país, hoxe parte da axenda do conxunto do feminismo galego, reivindicou o 8M e o 25N con campañas nacionais e coa mobilización coordenada ao longo do país moito antes que estas datas tivesen a relevancia social que hoxe teñen. Tamén visibilizou  o 24 de maio de rana plaza, reivindica días como a visibilidade lésbica galega, ou o  día internacional para a erradicación da pobreza. A Marcha elabora un calendario nacional de accións co foco centrado no local. Organizou xornadas de formación, de debate, de partilla e reflexión colectiva e fixo parte da vida de centos de mulleres que se achegaron ao longo destes anos ao colectivo para loitar xuntas polos seus dereitos. A Marcha ten sido quen de poñer unha axenda feminista galega no centro da vida das galegas. 

As militantes da Marcha Mundial das Mulleres non queren que este 25 aniversario sexa só unha celebración da súa memoria, senón que sirva de impulso para seguir traballando e sumando mulleres á loita feminista na Galiza. Adicarán todo este ano, a partir do 8 de marzo, a desenvolver actividades por todo o país nas que colocar na axenda as que seguen a ser hoxe, 25 anos despóis, reivindicacións e exixencias que consideran imprescindíbeis para mudar a vida das mulleres traballadoras. 

Inician esta campaña este 8 de marzo, co lanzamiento de 8 reivindicacións urxente para transformar a vida das mulleres, e continuarán ao longo do ano desenvolvendo os 25 eixos de traballo que nestes anos de historia as teñen levado a percorrer o país e a realizar infinidad de actividades por todo o territorio. A Coordinadora Galega da Marcha ven de elaborar para este aniversario unha nova táboa reivindicativa que a través de 25 bloques ou temáticas de traballo desenvolve a maior parte das cuestións sobre as que colocan o foco como colectivo feminista. Queren que sexa tamén a súa folla de ruta para a acción nos próximos anos e que lles permita articular accións máis globais con demandas concretas ás institucións co fin de conquistar mudanzas e transformacións reais. 

A Marcha Mundial das Mulleres fai un chamamento á sociedade galega á mobilización activa en favor dos dereitos das mulleres. Após 15 anos de goberno do Partido Popular na Galiza fan un balanzo tremendamente negativo para os dereitos das mulleres, o máis recente o desmantelamento dos Centros de Información ás Mulleres, a privatización dos centros de crise 24 horas ou a desaparición da Secretaría Xeral de Igualdade. Analizan que vivimos momentos de crise do capitalismo que impactan de forma devastadora na vida das mulleres, sen sistema de coidados público son as mulleres quenes soportan toda esa carga e ademáis cos salarios e pensións máis baixas do estado o que dificulta o sostén da vida a nivel de alimentación saudábel, acceso a vivenda, independencia económica e benestar emocional. 

Por todo isto convocan a construír un camiño colectivo que teña como resultado unha mobilización nacional o 5 de outubro para colocar no centro da axenda social a necesidade de mudanzas reais para mellorar a vida das mulleres. Convidando a todas as compañeiras do feminismo galego e a toda a socidade galega a sumarse a esta mobilización. 

Até finai de ano programarán máis de 30 actividades ao longo do país, que irán anunciando unha vez que pase o 8 de marzo, data na que ocuperán as rúas, como levan facendo dende hai 25 anos, co conxunto do movemento feminista galego, para seguir loitando pola vida das mulleres.

Como di o lema internacional: até que todas sexamos libres. 

25 anos, 25 reivindicacións

25 anos

Marcha Mundial das Mulleres é un movemento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres, colectivos feministas e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Traballamos de forma asemblearia e por consenso en coordenadoras locais.

Desde o ano 2000 as mulleres da Galiza mobilizámonos a través de accións internacionais, nacionais e locais, en torno á loita anticapitalista, pola xustiza económica, o cambio político e social e os dereitos reprodutivos das mulleres.

25 anos despois, e aínda recoñecendo os avances conquistados, fican moitos dereitos por conseguir para garantir unha igualdade real.

Esta é a nosa táboa reivindicativa, froito dun proceso de reflexión e acción en común por parte de todas as mulleres que integramos as Coordenadoras Locais da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza, onde combinamos reivindicacións mundiais coas problemáticas galegas para que os gobernos da Xunta e do estado se fagan eco das nosas demandas.

Estas son as ideas polas que seguimos loitando.

Descarga o documento completo neste enlace:

Ante o feminicidio de Rejane Soares de Godoy en Cervo, Viveiro.

feminicidio viveiro

Este venres 20 de decembro respostamos nas rúas ante o feminicidio de Rejane, de 42 anos, a mans da súa parella.

Non hai peor forma de rematar este 2024 que tendo que amosar unha vez máis unha resposta contundente nas rúas ante unha violencia completamente normalizada pola socidade en que vivimos. Estamos fartas de violencia, de minutos de silencio, de que só se fale do combate do machismo coas nosas mortas acima de mesa.

CONVOCATORIAS

A Coruña, 20h Obelisco

A Guarda, 20h Praza do Reloxo

As Pontes, 20.30h Praza do Hospital

Betanzos, 20h Palco da Música

Cangas, 20h diante do Concello

Carnota, 20h Praza da Pedra

Celanova, 18h Praza das Pitas

Chantada, 20.30h Praza do Cantón

Compostela, 20h Praza 8m

Ferrol, 19h praza de Armas

Melide, 20.15h Praza do Convento

Moaña, 19:45h Xardíns do Concello

Lalín, 20.30h KM0

Lugo, 20h diante do Concello

O Porriño, 20h diante do Concello

O Rosal, 19h Praza do Calvario

Ourense, 20h na Castañeira

Pontevedra ,19:30h na Audiencia

Ribadavia, 20h Praza Maior

Ribadeo, 20h Praza 8 de Marzo

Vigo, 20h no MARCO

Vilagarcía de Arousa, 20h Praza Galicia

Viveiro, 19h Praza do Concello

MANIFESTO

CARTELERÍA PARA IMPRIMIR

25N | A violencia machista ten moitas formas: combatámolas todas!

No Día Internacional contra a violencia machista a Marcha Mundial das Mulleres quere colocar o foco na multitude de formas que toma a violencia machista e que ten como resultado máis terríbel o feminicidio. 

O feminismo organizado leva décadas denunciando os crimes machistas como  máxima expresión da violencia machista, mas esta violencia toma numerosas formas que tecen unha rede de opresión sobre as mulleres, nomeadamente as de clase traballadora, que cómpre enfrontar en todas as súas dimensións para avanzar na transformación social e na construción dunha sociedade xusta e feminista.

A maior parte das agresións non teñen lugar en espazos alleos ao cotiá senón nos entornos máis próximos: familia, lecer, traballo, ensino, espazos de participación social e política. E son estos espazos onde é máis difícil enfrontala e combatela.

Negación da violencia machista.

Fronte ao avance do movemento feminista colocando no debate público a centralidade do combate da violencia machista para a transformación social existe unha reacción da dereita e dos sectores máis reaccionarios da sociedade de negación da mesma. 

Esta posición avanza na destrución de conquistas como o consenso social sobre a necesidade dunha educación en igualdade nunha sociedade activa no combate da discriminación e a violencia machista.

Desaparición das políticas públicas.

Após unha década de conquistas en materia de dereitos para as mulleres, a crise capitalista que enfrontamos co desmantelamento do público como ariete trae consigo o abandono das políticas públicas de prevención, detección, acompañamento e sensibilización fronte á violencia.

Hai un número cada vez maior de institucións que recortan programas e iniciativas para loitar contra a violencia machista.

Normalización da violencia

Na última década o feminismo colocou nun espazo central da vida pública a denuncia dos feminicidios e das agresións machistas. Hoxe asistimos á normalización desta violencia extrema contra as mulleres onde a reacción social se limita a continuar o reconto de asasinatos sen mover nada da axenda pública.

Malia que o feminismo convoca en ducias de localidades do país unha resposta contundente a cada crime a participación social é escasa e as institucións empregan a mobilización social para “cumplir” mentres desmantelan as súas políticas de igualdade.

Agresións e debate social.

Após a vaga mobilizadora que o feminismo reimpulsou en 2018 os debates sobre a violencia machista, especialmente a sexual, ocupan parte do debate público o que permite visibilizar que a violencia é sistemática e transversal.

O avance no debate público permitiu colocar no foco non só as diferentes violencias machistas (sexuais, institucionais, xudiciais, sociais) senón a transversalidade de moitas delas a nivel social. 

A prioridade é organizarse

Logo dunha gran vaga mobilizadora que incorporou a moitas mulleres á axenda feminista e incrementou a potencia nas rúas o feminismo vive unha fase de repregamento e desaparición de moitos grupos nacidos ao abeiro desas mobilizacións. 

Factores externos como a reacción conservadora e os ataques constantes que o movemento feminista sufriu nos últimos anos e internos como a necesaria clarificación ideolóxica e a orientación estratéxica da loita feminista en cada territorio multiplicaron o seu efecto desmovilizador nun contexto de crise global da participación política e do incremento das propostas e apostas individuais, virtuais ou non. 

Dende a Marcha Mundial das Mulleres analizamos que estos anos de grandes mobilizacións serviron para incorporar compañeiras pero non para fixar reivindicacións e axendas comúns e propias que nos permitan interpelar as diferentes esferas do poder patriarcal para impugnar alén das grandes consignas. 

Os avances sociais e as transformacións son lentas mas requiren de mudanzas sociais e mudanzas materiais concretas, neste contexto defendemos que manter o pulso e a estructura organizativa é o maior reto que o feminismo enfronta e ao que debemos adicar a maior parte do noso esforzo militante. 

Tomar as rúas, construír asembleas e organizazción e crear alternativas concretas para mudar a vida das mulleres é o traballo que temos por diante. 

Este 25 N estas son as nosas demandas inmediatas para o combate da violencia machista:

  • Fronte á violencia psicolóxica: educación en igualdade e medidas de autoprotección que nos permitan vivir sen medo, combater os estereotipos de feminidade e masculinidade que reforzan os roles de xénero e nos sitúan na subordinación e dependencia.
  • Fronte á violencia sexual: acceso ao traballo remunerado, vivenda e apoio psicolóxico continuado ás mulleres vítimas, especialmente ás que viven situacións de trata e ás que queren abandonar a prostitución.
  • Fronte á violencia xudicial: para evitar a revitimización reclamamos formación para o persoal funcionario e ampliación dos xulgados de xénero ao conxunto das cidades do país; garantías de protección para as vítimas e para as súas crianzas, nin custodia nin réxime de visitas para os pais denunciados por maltrato. Ante a privatización da xestión dos centros de atención ás vítimas por parte da Xunta, reclamamos que todos os medios que se poñan a disposición, así como a súa xestión, deben de ser públicos, única forma de que prime o interese de servizo fronte a intereses de lucro.
  • Fronte á violencia na saúde: a saúde das mulleres debe terse en conta na ciencia médica e farmacolóxica, que historicamente só tiveron unha perspectiva androcéntrica. Demandamos servizos públicos de saúde que garantan o coidado do conxunto da poboación, con medios e prazos razoábeis, que eviten sobrecargar  as mulleres cos coidados de doentes e dependentes. Precisamos que a educación sexual forme parte da saúde, que se garanta o dereito ao aborto na rede sanitaria pública máis cercana e que se poña fin a prácticas médicas que constitúen violencia obstétrica.
  • Fronte á violencia no traballo: que se obrigue ás empresas a teren protocolos de acoso, se fagan públicos e se poñan en práctica; que se difundan todas as formas de violencia e se garanta que todas as persoas que conviven no traballo as identifiquen e coñezan os mecanismos para denuncialas e, sobre todo, que as vítimas conten sempre con todas as medidas de protección.
  • Fronte á incomprensíbel separación das competencias de igualdade e de violencia de xénero en dúas Direccións Xerais e á supresión da Secretaría Xeral de Igualdade no goberno do PP na Xunta, reclamamos que as políticas de igualdade deben ser centrais na organización dun goberno que pretenda acabar coa violencia de xénero. E engadimos que a persoa que asuma o papel de rexer ou coordenar as políticas contra as violencias de xénero debería ter formación en igualdade e coñecer as alternativas feministas para o combate de todas as formas de discriminación das mulleres, entre as que se encontran as violencias contras as mulleres.

MOBILIZACIÓNS

A Coruña, 20h Obelisco

Cee, 20h Praza 8 de marzo

Compostela, 20h Praza 8M

Fene, 19h Praza do Concello

Laxe, 20h Praza Ramón Juega

O Porriño, 20h Praza do Concello

Ourense, confirmada

Ponteceso, 20h Praza do Recheo

YouTube
YouTube
Set Youtube Channel ID
Instagram
Telegram