Ante o feminicidio de Soledad Rey Valverde en Gondomar

Convocatorias:

Manifesto que se lerá arredor do país:

ANTE O FEMINICIDIO DE SOLEDAD REY VALVERDE EN GONDOMAR

Denunciar a violencia machista


Compañeiras de loita, o mércores chegábanos a terrible nova dun feminicidio máis en Galiza. Esta vez no concello de Gondomar en Pontevedra.

Desde o feminismo galego activamos o noso protocolo de alarma, que ten como obxectivo organizar unha resposta contundente que se materialice en mobilizacións en repulsa aos feminicidios por todo o país.

Desde o ano 2010 son 65 as mulleres que foron asasinadas na Galiza e hoxe concentrámonos de novo en sinal de repulsa. Estas son as cifras da vergoña pero os tempos de pedir xestos remataron e os de xsixir realidades son chegados.

Na loita contra os feminicidios seguimos agardando a que o mundo institucional deixe de gardar minutos de silencio e comece a preocuparse pola vida e seguridade das mulleres, de nada serven máscaras ou lazos lilás se se amparan en políticas criminais contra as mulleres.

Nos primeiros meses da pandemia as consultas aos teléfonos de atención a muller aumentaron máis dun 35%, aliás, os centros de atención ás mulleres aínda non foron declarados polo desgoberno de Feijóo como servizos esenciais. Estamos fartas de ver como o Partido Popular fai gala dunha terrible hipocrisía, repartindo paraugas lilás pola mañá e apoiándose nunha formación negacionista da violencia cara as mulleres pola tarde para poder ter o control das institucións.

Cada día temos o rexistro dunha media de 15 denuncias nos xulgados e hai activos máis de 3500 casos de violencia machista. Temos un intento de violación diario no que vai de ano e aínda con todo moitas persoas seguen a pensar que isto é un problema privado cando realmente é público.

O emprego doméstico e o traballo dos coidados, que seguen a ser caldo de cultivo para a servidume das mulleres e a violencia, a revolta das mulleres en situación de prostitución, a mercantilización dos nosos corpos mediante ferramentas capitalistas como a xestación subrogada, a noxenta abordaxe das noticias sobre os nosos asasinatos por parte dos medios, a hipersexualización nos medios de comunicación… Todo isto é só a punta do iceberg dun virus que tamén que é letal e leva moito tempo: o machismo.

Temos a obriga de organizarnos fronte a quen quere destruírnos, construír discursos inclusivos en todos os ámbitos nos que participamos, porque somos feministas o ano enteiro, porque sen organización e sen loita non hai dereitos para as mulleres.

O FEMINISMO GALEGO NON VAI AVALAR NINGÚN DISCURSO QUE SIGA A POÑER EN PERIGO A VIDA DAS MULLERES POR ISO, SEÑOR FEIJOO, SE REALMENTE QUERE PROTEXER ÁS MULLERES EXIXÍMOSLLE QUE APARTE DAS NOSAS VIDAS AS SÚAS POLÍTICAS PROPIAS DA DEREITA MACHISTA, RACISTA E ANTIGALEGA.

EXIXIMOS QUE DUNHA VEZ POR TODAS SE FAGA UNHA COBERTURA DOS FEMINICIDIOS CON PERSPECTIVA DE XÉNERO. QUE SE ABORDE DESDE IDADES TEMPERÁS A VIOLENCIA MACHISTA, QUE SE COMBATAN OS ESTEREOTIPOS, QUE SE CUESTIONE O PODER, AS RELACIÓNS, A VIOLENCIA MACHISTA, QUE SE FALE DAS OPRESIÓNS, DOS PRIVILEXIOS DE XÉNERO, DE EDUCACIÓN SEXUAL NAS ESCOLAS E AULAS DESTE PAÍS.

EXIXIMOS QUE A LEI GALEGA DE VIOLENCIA DE XÉNERO SEXA EFECTIVA.

EXIXIMOS RECURSOS SUFICIENTES PARA ABORDAR ESTE PROBLEMA E UN COMPROMISO DE VONTADE REAL PARA ACABAR CO TERRORISMO MACHISTA.

Somos o berro das que non teñen voz e por iso hoxe non queremos minutos de silencio porque o silencio é cómplice da violencia machista que nos asasina ano tras ano.

TEMOS DEREITO A SER LIBRE, IGUAIS E A ESTAR NO MUNDO SEN PAGAR POR ESA LIBERDADE.

QUERÉMONOS LIBRES E QUERÉMONOS VIVAS E SEGUIREMOS EN MARCHA ATÉ QUE TODAS SEXAMOS LIBRES.

Galiza, decembro de 2020

Material para difusión:

Ante o asasinato de Clara María Expósito Vilanova, nas Gándaras en Lugo

Disponibilizamos o texto que leremos nas concentracións polo feminicidio de Clara María Expósito Vilanova en Lugo este 8 de xaneiro de 2020.

COORDENADORA GALEGA DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES
Ante o asasinato de Clara María Expósito Vilanova, nas Gándaras en Lugo

Aínda non pasou un mes do feminicidio de Manuela Iglesias Fernández, na Pastoriza, e sen embargo vémonos de novo nas rúas para participar dunha nova xornada de loita e reivindicación do feminismo galego dando resposta á violencia machista.

Este sábado, a nosa compañeira Clara María Expósito Vilanova, de 49 anos, era atopada no baño do seu fogar, logo de ser degolada pola súa parella, F.J.B.F., de 46 anos.

Grazas á loita feminista conseguimos visibilizar os feminicidios dun xeito global e transversal, e que non se vexan como un suceso íntimo. Conseguimos reunir á poboación neste berro conxunto, nesta denuncia colectiva de que as mulleres somos asasinadas polo feito de selo, porque hai un sistema de opresión estrutural que se filtra en todos e cada uns dos comportamentos que mantemos na nosa vida e que moitas veces leva á peor e máis tráxica das consecuencias, o asasinato.

As mulleres somos o 51% da poboación mundial e precisamos vivir cos mesmos dereitos, non somos cidadás de segunda. Non queremos vivir con medo, queremos saír á rúa sempre que nos pete, emprender relacións e dalas por rematadas cando así o consideremos, sen que se atente contra as nosas vidas, porque temos dereito a vivir libremente, e porque mentres as mulleres non sexamos libres, o mundo non vivirá en paz.

Estamos cansas de denunciar as agresións machistas, as violencias institucionais, o acoso, as fendas salariais, a desvalorización dos traballos que realizamos as mulleres, todo aquilo que nos discrimina e que algúns non están dispostos a mudar porque lles beneficia, porque non queren perder os seus privilexios. Por iso precisamos que cada unha e cada un de nós mudemos os nosos comportamentos, que non toleremos ningún tipo de comentario nin actitude machista, violenta, discriminatoria, que non miremos para outro lado.

Temos que soterrar o patriarcado e apartalo das nosas vidas. Reclamamos medidas reais e efectivas para a prevención da violencia machista. Repetimos unha vez máis que só coa educación e con cambios radicais estaremos en disposición de dar pasos reais para acabar coas causas da violencia machista. Que seguimos estando soas cando denunciamos, que as nosas crianzas sofren as consecuencias da violencia cando se lles nega protección fronte aos maltratadores. Que a sociedade segue sen estar á altura da resposta que precisamos para que a vida das mulleres se coloque no centro e un asasinato deixe de ser apenas unha anécdota.

Non valen as boas palabras de condena pronunciadas ao día seguinte dun feminicidio, as declaracións institucionais, os minutos de silencio, queremos feitos, queremos unha lexislación con perspectiva de xénero, queremos que se apliquen medidas contundentes e reais, recursos e orzamentos que garantan que se pode avanzar na formación de todos os axentes que interveñen na educación, a sanidade e a prevención e atención das mulleres que sofren violencia machista, queremos avances e non compromisos.

Fronte aos discursos de odio que negan existencia da violencia, organicémonos e mobilicémonos, porque non podemos deixar de facelo mentres as aulas se baleiran de contidos de xénero e de metodoloxías pedagóxicas transformadoras, e se fala máis de pins parentais que de educación afectiva e sexual, mentres a sanidade se recorta e a detección da violencia na mesma se imposibilita, mentres os puntos de encontro familiar se enchen de maltratadores que visitan ás crianzas, os xulgados se ateigan de mulleres que deciden non facer efectiva a denuncia, se chegan a facela, as sentenzas deitan unha e outra vez custodias compartidas con agresores, as comisarías se baleiran de efectivos para vixiar as ordes de afastamento, os medios procuran o morbo nos feminicidios, as vítimas seguen cuestionadas, o machismo continúa ocupando o espazo público e se branquea aos reaccionarios que combaten os avances do feminismo.

A mensaxe que de verdade precisamos reiterar hoxe é que a mobilización e a loita pola transformación social dende o feminismo é unha tarefa que ten que ocupar os 365 días do ano. Que hai que organizarse para construír dende o local ao nacional un feminismo forte que procure avances reais e medidas transformadoras e non fique apenas en celebracións rutinarias ou meras medidas simbólicas. A axenda non pode ter descanso, non pode descansar tampouco na única aspiración de ocupar unhas institucións incapaces de ser transformadoras. As mudanzas e as transformacións sociais só son posíbeis dende a base, organizadas, e con poder para tensionar ao poder e arrincarlle os dereitos que queremos conquistar. Como arrincamos o voto, o dereito ao divorcio ou o aborto, teremos que arrincarlle a un poder machista os recursos e as medidas que contribúan para o fin da violencia machista.

Estamos e seguiremos na rúa porque urxe considerar a violencia machista como problema social e político de extrema gravidade, pero para esixir cambios REAIS. Estes asasinatos non poden ser considerados como un máis dunha longa lista de feminicidios. Non podemos asumir a cotidianidade dos asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos, máis de medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista, mais dun millar no no estado español.

Esiximos que a Lei Galega de violencia de xénero sexa efectiva, esiximos recursos e un compromiso de vontade real para acabar co terrorismo machista. Non queremos máis mulleres asasinadas. Non queremos pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito. Queremos que non haxa ningunha muller máis asasinada.

Querémonos Libres! Querémonos Vivas!

E seguiremos en marcha, ata que todas sexamos libres!

Comunicado. Ante o asasinato de Manuela Iglesias Fernández na Pastoriza

A violencia machistra volta golpear na Galiza, este domingo coñecíamos que Manuela Iglesias Fernández de 79 anos era asasinada polo seu marido, Hortensio Ónega, quen após o feminicidio suicidouse saltando pola xanela da casa. Máis unha familia e un entorno destrozados pola barbarie machista. Máis unha xornada de loita e reivindicación do feminismo galego.

Procurar as palabras que expresen a raiba que sentimos cada vez que precisamos encher as rúas do país para respostar á violencia machista faise complexo. Máis cando constatamos que apenas existes avances na resposta social cando coñecemos un novo feminicidio. No caso de Manuela o morbo con que os medios de comunicación abordan o seu asasinato, as vergoñentas palabras das autoridades igualando a asasinada co asasino ou unha sociedade que aínda non quere ver machismo e procura agarrarse a calquera outra causa posíbel.

Por aínda se nos fai difícil afrontar coletivamente que as mulleres somos asasinadas polo feito de selo, porque hai un sistema de opresión estructural que se filtra en todos e cada uns dos comportamentos que mantemos na nosa vida e que moitas veces leva á peor e máis tráxica das consecuencias, o asasinato.

Voltamos ter a necesidade de reclamar medidas reais e efectivas para a prevención da violencia machista. Repetir incansábelmente que só coa educación e con cambios radicais estaremos en disposición de dar pasos reais para acabar coas causas da violencia machista. Que seguimos estando soas cando denunciamos, que sufren as nosas fillas cando se lles nega protección fronte aos maltratadores. Que a sociedade segue sen estar á altura da resposta que precisamos para que a vida das mulleres se coloque no centro e un asasinato deixe de ser apenas unha anécdota.

Mas a mensaxe que de verdade precisamos reiterar hoxe é que a mobilización e a loita pola transformación social dende o feminismo é unha tarefa que ten que ocupar os 365 días do ano. Que hai que organizarse para construír dende o local ao nacional um feminismo forte que procure avances reais e medidas transformadores e non fique apenas en celebracións rutinarias ou meras medidas simbólicas.

A axenda non pode ter descanso, non pode descansar tampouco na única aspiración de ocupar unhas institucións incapaces de ser transformadoras. As mudanzas e as transformacións sociais só son posíbels dende a base, organizadas, e con poder para tensionar ao poder e arrincarlle os dereitos que queremos conquistar. Como arrincamos o voto, o dereito ao divorcio ou o aborto, teremos que arrincarlle a un poder machista os recursos e as medidas que contribúan para o fin da violencia machista.

Non queremos máis xestos baleiros, non queremos ministras con camisolas de explotadores que poñan feminismo, non nos serve esta xustiza machista que nos violenta a nós e ás nosas crianzas nen unhas institucións que entenden o investimento en prevención e atención á violencia machista como unha esmola.

Non nos serve que axiten o espantallo do fascismo para pedir que nos conformemos co que queiran darnos, co pouco que queren darnos. Combateremos ao fascismo mas tamén a toda aquela institución que non aplique medidas contundentes e reais, recursos e orzamentos que garantan que se pode avanzar na formación de todos os axentes que interveñen na educación, a sanidade e a prevención e atención das mulleres que sufren violencia machista.

Organicémonos e mobilicémonos, porque non podemos deixar de facelo mentres as aulas se baleiran de contidos de xénero e de metodoloxías pedagóxicas transformadoras, mentres a sanidade se recorta e a detección da violencia na mesma se imposibilita, mentres os puntos de encontro familiar se enchen de maltratadores que visitan ás crianzas, os xulgados se ateigan de mulleres que deciden non facer efectiva a denuncia, se chegan a facela, as sentenzas deitan unha e outra vez custodias compartidas con agresores, as comisarías se baleiran de efectivos para vixiar as ordes de afastamento, os medios procuran o morbo nos feminicidios, as vítimas seguen cuestionadas, o machismo continúa ocupando o espazo público e se blanquea aos reaccionarios que combaten os avances do feminismo.

Estamos e seguiremos na rúa porque urxe considerar a violencia machista como problema social e político de extrema gravedade, pero para esixir cambios REAIS. Estes asasinatos non poden ser considerados como un máis dunha longa lista de feminicidios. Non podemos asumir a cotidianidade dos asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos, máis de medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista. Máis de 1000 no estado español.

Esiximos que a Lei Galega de violencia de xénero sexa efectiva, esiximos recursos e un compromiso de vontade real para acabar co terrorismo machista. Non queremos máis mulleres asasinadas. Non queremos pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito. Queremos que non haxa ningunha muller máis asasinada.

Querémonos Libres! Querémonos Vivas!

E seguiremos en marcha, ata que todas sexamos libres!

Concentracións convocadas:

➡️ A Coruña, 20h no Obelisco
➡️ A Estrada, 20 :30h diante do Concello
➡️ A Guarda, 20:30h na Praza do reló
➡️ A Pastoriza, 20.30h na Praza do Concello
➡️ As Pontes, 20.30h na Praza do Hospital
➡️ Ames, 20h Praza da Maia
➡️ Allariz, 19.30h na Praza do Concello
➡️ Betanzos, 20h, a carón do Palco da Música
➡️ Bueu, 20h diante do Concello
➡️ Cabanas 19h diante do Concello
➡️ Carnota, 19h na Praza da Pedra
➡️ Cée, 20h na Praza 8 de Marzo
➡️ Celanova, 20h na Praza Maior.
➡️ Chantada, 20:15h a Rúa Leonardo Rodríguez
➡️ Compostela, 20h na Praza 8 de Marzo
➡️ Ferrol, 20h na Praza Amada García (Edificio Xunta)
➡️ Lalín, 20:30h diante do Casino
➡️ Lugo, 20h na Praza Maior diante do Concello
➡️ Miño , 20.30h na Praza do Parchís
➡️ Melide, 20h na Praza do Convento
➡️ Moaña, 20h na Praza do Concello
➡️ Monforte, 20:15h diante do Concello.
➡️ Noia, 20:30h. diantre do Concello
➡️ O Porriño, 20h na Praza do Concello
➡️ Ordes, 21h na Alameda
➡️ Ourense, 20h na Castañeira (Parque San Lázaro)
➡️ Pontevedra, 20:30h na Audiencia Provincial
➡️ Redondela, 20h na Praza do Concello
➡️ Ribadavia, 20h na Praza Maior
➡️ Ribadeo. 20.30 na Praza 8 marzo
➡️ Ribeira, 20h na Praza do Concello
➡️ Verín, 20h na Praza Maior
➡️ Vigo, 20h no MARCO
➡️ Vilagarcía, 20:30h na Praza de Galiza

Fóra do protocolo:
➡️ Nigrán, 20:00h na Rotonda da Ramallosa. Martes 28.

Ante o asasinato triple feminicidio en Valga de Sandra, María Elena e Alba

COORDENADORA GALEGA DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES

Ante o asasinato triple feminicidio en Valga de Sandra, María Elena e Alba

A violencia machista golpeunos con dureza este luns ao coñecer o asasinato de Sandra, María Elena e Alba diante das crianzas de 4 e 7 anos de Sandra. O asasino José Luis Abet Lafuente, o seu ex-marido, disparoulle ás tres para logo entregarse á Garda Civil. Un episodio de violencia que nos conmociona e mobiliza para dar resposta en cada recuncho do país. Máis unha vez o feminismo galego é capaz de mobilizarse en case 40 localidades para rexeitar a violencia e reclamar medidas reais e efectivas na súa prevención e combate.

Mas precisamos desta mobilización durante todo o ano, precisamos construír dende o local ao nacional um feminismo forte que procure avances reais e medidas transformadores e non fique apenas en celebracións rutinarias ou meras medidas simbólicas. A axenda non pode tomar descanso no verán e voltar co ritmo da pugna polo poder nas institucións ou para servir de apoio a medidas que non se constatan como útiles ou que non se comprometen a revisar o que falla e pór recursos ao servizo desta causa.

Fronte a este crime machista temos que lembrar que dúas das asasinadas, María Elena e Alba, non aparecerán para o estado como víctimas de violencia machista, pois pese a que este ten suscrito o convenio de Estambul e colocado a vontade de trasladar o mesmo á lexislación no Pacto de Estado, nada diso foi efectivizado ate hoxe. Segue no papel. A lexislación na Galiza, por contra, si considera estes crimes como crimes machistas, e sitúanos en posicións avanzadas para reclamar dende a nosa acción melloras ao que xa temos cunha axenda propia que tensione ás nosas institucións e dote de recursos as ferramentas das que xa dispomos.

O tempo de pedir xestos rematou, é momento de conquistar realidades.

O tan reclamado Pacto de Estado asignaba este ano ao Concello de Valga 1766,48€ para a realización de reforzo dos servizos municipais, prevención, sensibilización, atención ás víctimas… unha cantidade de miseria que amosa a absoluta falta de compromiso dese documento co combate real da violencia machista. Estamos fartas de fotos e promesas, de accións cara á galería, de minutos de silencio, condenas enérxicas e iluminacións. Queremos e reclamamos medidas contundentes e reais, recursos e orzamentos que garantan que se pode avanzar na formación de todos os axentes que interveñen na educación, a sanidade e a prevención e atención das mulleres que sufren violencia machista.

Tres mulleres asasinadas, e a normalidade continúa tras colgar a pancarta ou realizar a declaración institucional de turno, mentres as aulas se baleiran de contidos de xénero e de metodoloxías pedagóxicas transformadoras, mentres a sanidade se recorta e a detección da violencia na mesma se imposibilita, mentres os puntos de encontro familiar se enchen de maltratadores visitan ás crianzas, os xulgados se ateigan de mulleres que deciden non facer efectiva a denuncia, se chegan a facela, as sentenzas deitan unha e outra vez custodias compartidas con agresores, as comisarías se baleiran de efectivos para vixiar as ordes de afastamento, os medios procuran o morbo nos feminicidios, as vítimas seguen cuestionadas, o machismo continúa ocupando o espazo público e se blanquea aos reaccionarios que combaten os avances do feminismo.

O tempo de pedir xestos rematou, é momento de conquistar realidades.

Estamos fartas de que se use o feminismo para dar cor á acción política sen que iso redunde en melloras ou avances reais. Estamos fartas da hipocresía da dereita que recorta leis e orzamentos ao tempo que di sumarse á repulsa da violencia. Sen recursos non hai combate da violencia. Sen educación en equidade e diversidade non hai combate da violencia.

Mas non son só as institucións as resposábeis, isto tamén é tarefa de todas. En ningún tema como neste o persoal é tan político. Temos que cuestionar os cimentos mesmos da nosa educación para construirnos como suxeitos nunha sociedade na que a vida, das mulleres e de todas, debe estar no centro. Porque estamos fartas de que non se aille aos agresores nos nosos entornos máis próximos, onde nace e se perpetúa a violencia. De que se reproduza a educación machista e a discriminación que marca a lume o noso rol social a través das familias. A sociedade non pode mirar para outro lado. Todas aquelas persoas que negan a violencia machista, ou ben que a xustifican negando que o único motivo dos asasinatos é o patriarcado, é cómplice de cada asasinato.

Estamos na rúa porque urxe considerar a violencia machista como problema social e político de extrema gravedade, pero para esixir cambios REAIS. Estes asasinatos non poden ser considerados como un máis dunha longa lista de feminicidios. Non podemos asumir a cotidianidade dos asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos, máis de medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista. Máis de 1000 no estado español.

Esiximos que a Lei Galega de violencia de xénero sexa efectiva, esiximos recursos e un compromiso de vontade real para acabar co terrorismo machista. Non queremos máis mulleres asasinadas. Non queremos pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito. Queremos que non haxa ningunha muller máis asasinada.

Querémonos Libres! Querémonos Vivas!

E seguiremos en marcha, ata que todas sexamos libres!

Ante o asasinato de María José Aboy Guimarey en Valga

COORDENADORA GALEGA DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES

Ante o asasinato de María José Aboy Guimarey en Valga

Compañeiras, hai tan só catro días todo o país vivía as manifestacións máis numerosas da súa historia. Milleiros de persoas mobilizámonos para denunciar as discriminacións, a desigualdade e a violencia que sufrimos as mulleres.

Cando aínda resoan os berros das mulleres a favor da nosa vida, a nosa independencia e liberdade, os nosos dereitos… desgrazadamente voltamos á rúa para denunciar o feminicidio da nosa veciña do municipio pontevedrés de Valga, de 43 anos, asasinada dun disparo no peito o pasado domingo polo seu marido, Javier B.F. De 46 anos, quen despóis de asasinala disparouse un tiro na cabeza. E desgraciadamente non somos tantas como o pasado día 8. Esa xornada moitas quixemos crer que outro mundo era posíbel. Que por fin tiñamos aliados dispostos a rachar co machismo, acorralar a violencia, aillar aos machistas e que as feministas somos capaces de parar tanta violencia.

María Xosé xa non está, decidiron por ela que a súa tiña que rematar. Decidiron que xa non podía gozar da vida en compañía d @s propios fillos, familia, e amigas.

Mas aquí estamos novamente, somos teimudas, sairemos ás rúas as veces que faga falta até conseguir que toda a sociedade galega repita o histórico 8 de marzo e de unha resposta similar e igual de contundente fronte aos feminicidios.

Os asasinatos machistas non son loucura, son control. Control da vida das mulleres, dos nosos desexos, do noso tempo. Nós non temos valor como suxeitos para os machistas porque non somos máis que un instrumento ao servizo dos desexos masculinos, do patriarcado e do mercado, tres patas que fan de nós, as mulleres, vidas prescindíbeis. Somos a propiedade privada que se pode vender, mudar, usar, manipular e explotar. Podemos ser agredidas, violadas e asasinadas, porque se encargou moi ben o sistema de sinalarnos e atopar adxectivos adecuados para xustificar os seus actos criminais, somos malas, putas, provocadoras, malas nais, malas mulleres, malas fillas… calquera excusa serve para xustificar asasinarnos, tamén a enfermidade.

Nos vindeiros días escoitaremos que non constaban denuncias previas de violencia. Posibelmente depositaremos parte da culpa na muller que non denunciou e non en todas as persoas que dun ou doutro xeito compartían espazos cun asasino e non viron tampouco o perigo nen fixeron nada para impedilo. Porque é preciso que dunha vez por todas poñamos o foco da atención no violento, no maltratador, no asasino e non nas vítimas.

Política, mercado, publicidade, prensa, tv, películas, novelas, xeran un imaxinario de posesión e de dominación do home sobre a muller, que fai que calquera de nós poidamos ser aquelas nas que se materialice a supremacía masculina, a masculinidade hexemónica dominante. Todas aquelas persoas que negan a violencia machista, ou ben que a xustifican negando que o único motivo dos asasinatos é o patriarcado, é cómplice de cada asasinato.

Necesitamos máis medios para protexer aquelas que denuncian si, pero é fundamental arrincar de raíz a ideoloxía que permite que existan: esiximos coeducación nas escolas e formación en xénero para profesionais da medicina, para profesionais da xustiza, en definitiva, formación en todos os ámbitos. Xa temos nomeada a violencia. Agora toca loitar verdadeiramente contra ela cos medios suficientes. As mulleres non somos persoas para outros, reclamamos sermos persoas de pleno dereito, a violencia que padecemos ten que ser a primeira prioridade das políticas dos nosos gobernos. Xa está ben de que o sistema político e económico utilice a violencia que padecemos para que sigamos sendo cidadás de segunda. Cidadás que se ocupen dos traballos non remunerados que sosteñen a sociedade.

Estamos na rúa porque é urxente que dunha vez por todas se faga unha cobertura dos feminicidios con perspectiva de xénero, que se abran discusións sobre o machismo e a violencia nas escolas. Porque é preciso que se aborde desde idades temperás a violencia de xénero, que se combatan os estereotipos, que se cuestione o poder, as relacións, a violencia machista, que se fale das opresións, dos privilexios de xénero, de educación sexual nas escolas e aulas deste país.

Estamos na rúa porque urxe considerar a violencia machista como problema social e político de extrema gravedade. Estes asasinatos non poden ser considerados como un máis dunha longa lista de feminicidios. Non podemos asumir a cotidianidade dos asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos, máis de medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista. Máis de 800 no estado español.

Porque aínda que desde as filas da dereita neguen a realidade dos feminicidios, e pretendan amosar que son asasinatos que se dan entre calquera xénero ou no ámbito doméstico, o certo é que os presos por violencia machista son o terceiro maior grupo nos cárceres do estado: actualmente hai case vinte mil reclusos por esta causa, fronte a once mil por homicidios.

Queremos poder ser libres. Para circular pola noite, para andar soas polas rúas, para separarnos das nosas parellas sen medo a que nos maten. Estamos fartas da violencia mas tamén da resposta das institucións ás agresións machistas.

Esiximos que a Lei Galega de violencia de xénero sexa efectiva, esiximos recursos e un compromiso de vontade real para acabar co terrorismo machista. Non queremos máis mulleres asasinadas. Non queremos pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito. Queremos que non haxa ningunha muller máis asasinada.

Estamos aquí para amosar a nosa raiba contra a violencia machista que nos asasina. Para que toda a sociedade entenda que é a nosa vida a que esta en perigo. Que non lle pertencemos, nen nós nen a nosa vida, a ninguén. Que podo ser eu a próxima, que podes ser ti.

Que non imos ficar caladas. Que seguiremos saíndo ás rúas tras cada asasinato machista. Farémolo todos os dias que sexan necesarios, esixindo xustiza, loitando pola igualdade e polo respecto, contra os valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade esta violencia que nos atravesa.

Querémonos Libres! Querémonos Vivas!

E seguiremos en marcha, ata que todas sexamos libres!

nacional@feminismo.info | @MMMGaliza | marchamundialmulleres

#Feminicidio #Valga #QuerémonosVivas #feminismogalego #machismomata#MMM #nenunhamenos

 

Asasinato machista na Coruña

Máis unha vez as peores consecuencias do machismo golpea en Galiza: o asasinato dunha muller.

Nesta ocasión a veciña de Coruña asasinada tiña 79 anos e era sogra do asasinato que ademáis tentou secuestrar á súa crianza de 21 meses, cando o capturaron tiña billetes para viaxar con ela fóra do estado.

O machismo é a principal causa de morte das mulleres no mundo. Unha violencia que non cesa e que cando consigue continuar na sombra destrúe a vida das mulleres mesmo que non se dé a peor das súas consecuencias, o asasinato.

Por iso, e porque as respostas institucionais son absolutamente insuficientes e non cremos xa nas mentiras dos pactos de estado, voltamos mobilizarnos para reclamar solucións de futuro: unha coeducación que comece na escola e que sirva para criar unha sociedade de iguais coa vida como valor supremo, recursos para atender ás mulleres que sufren violencia, xulgados con profesionais e recursos, xuízos xustos e rápidos, acabar coa presión das custodias compartidas impostas e cunha cultura que segue a ter o machismo como piar básico do relacionamento entre persoas.

Convidámosvos a participar da CONCENTRACIÓNS que terán lugar este mércores 23 ás 20H e a denunciar cada día e en cada espazo a violencia machista.

#NenUnhaMenos

#NenUnhaMáis

#QuerémonosVivas

#BastaDeViolencia

COMUNICADO CONTRA FEMINICIDIO DE INMACULADA

COMUNICADO CONTRA FEMINICIDIO DE INMACULADA

O luns erguiámonos coa descorazonadora noticia doutra muller asasinada en Vigo, na rúa Zamora, Inmaculada Cendón Rodríguez, de 56 anos.

Esta vez o asasino non foi o seu marido, nin o seu ex-marido, nin noivo, nin ex-noivo, non, foi o seu fillo pequeno de 27 anos, que foi trasladado ao Hospital Alvaro Cunqueiro para unha avaliación psiquiátrica, aínda que non estaba tomando ningunha medicación, nin tiña ningún diagnóstico previo de ningunha enfermidade mental.

E as interrogantes de sempre, ou mais que nunca. Por que? Foi un brote de loucura ou temos que considerar a Inmaculada Cendón, unha vítima máis da violencia machista?

Nas estadísticas oficiais de vítimas de violencia de xénero non aparecerá o seu nome, unha menos nesa longa lista de vítimas, pero para nós o asasinato de Inmaculada Cendón foi un feminicidio, definido como o asasinato de mulleres por razóns asociadas ao seu xénero.

Non sabemos se con este feminicidio o seu fillo quixo impor o seu dominio sobre a súa nai. Non sabemos se foi froito do machismo e a misoxinia que alimenta o medo e a desconfianza cara a liberdade das mulleres.

Pero si sabemos que Inma era a encargada do seu coidado, que foi a responsable de lidar día a día cos seus dous fillos, de aturar e mesmo ter que denunciar, as súas agresións.

Hai moitas persoas interesadas en que as mulleres sigan vivindo a violencia machista como se fora algo persoal, do ámbito privado, onde o agresor e a vítima son os únicos responsables.

Hai moitos anos que as feministas ao analizar as causas da opresión das mulleres chegaron a conclusión de que o privado é político, pero con cada caso de feminicidio é necesario recordalo.

Cada vez que unha muller é asasinada, non podemos evitar a dor, a tristeza, a frustración e a rabia que sentimos por eses que queren impor o seu dominio asasinando.

Pero non queremos estar soas fronte a tanto sufrimento. Xa é hora de que a sociedade se comprometa dun xeito máis activo e contundente contra o feminicidio.

Convocamos a toda a sociedade para que sinta a indignación, a insatisfacción e o desasosego cando se exerce a violencia contra as mulleres, cando se asasina a nenas, avoas, as nosas irmás, mulleres, para esixir que se tomen medidas.

Convocamos a todas as forzas políticas para que tomen conciencia da magnitude do

feminicidio e tomen medidas de xeito urxente para protexernos da violencia machista e para garantir todas as axudas, recursos e medidas necesarias para combater o feminicidio dun xeito real.

Convocámosvos a todas e todos para que xunto a outras e outros soñemos a utopía doutro mundo que é necesario construír, libre de violencia contra as mulleres. Por que non é natural, non é bo continuar con tanta dor, medo, impotencia, rabia, tristeza e frustración polas múltiples violencias que acotío vivimos.

Convocamos a todas as mulleres para que se ergan, para que asuman a conciencia da súa autonomía, para que se xunten con outras mulleres, collan forzas, e poidan liberarse das opresións a través do pensamento transgresor.

Desde aquí queremos unir as nosas enerxías ás de miles de mulleres que ao redor do mundo autoconvócanse para denunciar o máis profundo rexeitamento das violencias que continuamos vivindo.

E tempo de buscar acougo e forzas, de alentar a resistencia e a rebeldía, de non deixar soas as máis vulnerables, e de loitar contra a os feminicidios.

Porque o día que nos venza o medo, o día que nos conformemos, que creamos que nada se pode facer. O día que nos calemos, ese día estaremos perdidas.

Convocámosvos para seguir achegando á construción dunha vida libre de violencias.

MANIFESTO CONTRA FEMINICIDIO DE CONCHI REGUERA

MANIFESTO CONTRA FEMINICIDIO DE CONCHI REGUERA

As mulleres somos asasinadas polos soldados do patriarcado e cales son as novas que máis se partillan pola rede social twitter?, o cambio de hora e o partido de fútbol(Celta-R.Madrid). Nos xornais en papel aparécemos cunha pequena reseña, no apartado de sucesos como algo anecdótico e cunha forma de encauzar a nova como se fora un chisme de taberna e non como tería que ser baseada nunha análisis en profundidade porque os asasinatos de mulleres que acotío acontece non é algo casual está sucedendo no noso día a día e se chama feminicidio. Termo acuñado por Diana Russell e Jane Caputi como “O asasinato de mulleres realizado por homes motivado por odio, desprezo, pracer ou por un sentimento de propiedade das mulleres. Sentimento este de propiedade que os leva ao control das amizades, da hora de chegada, do teléfono…..e a arrebatarlles as vidas como donos do seus destinos.
Día a día nos asasinan , imos caendo como nun campo de batalla. Berramos nun mundo onde non somos escoitadas. Isto nos fai pensar, que pouco valemos no ámbito público as mulleres!, uns minutos de silencio institucional, unhas palabras condenatorias, uns teléfonos para denunciar….Acaso dende as institucións non teñen meiores ideas para rachar co feminicidio nos distintos ámbitos onde as súas alas pousan?
Mentras tanto, as que seguimos vivas por Concha e por todas as que xa non veran máis a luz do día, nin sentiran os raios de sol a quentar a súa pel, nin apertaran na ledicia do reencontro nin nas despedidas, nin bicarán os seus beizos cando asi o corpo o desexase e a quen desexase… Por elas e por nós temos que unirnos en redes e baixo o parauguas feminista para empoderarnos, para facermonos fortes, desafiar e loitar contra un exercito, dentro deste modelo social de guerra no que estamos socializadas, denunciando e concienciando como asi o ven facendo a Marcha Mundial das Mulleres

Non consentiremos que a violencia machista continue asasinándonos!!!!

COMUNICADO EN REPULSA ASASINATO MACHISTA DE: BEATRIZ RODRÍGUEZ MARIÑO

COMUNICADO EN REPULSA ASASINATO MACHISTA DE:
BEATRIZ RODRÍGUEZ MARIÑO
O pasado venres foi asasinada en Arbo Beatriz Rodríguez Mariño xunto a a súa actual parella Sergio Rodríguez. Como case sempre as autoridades policiais e xudiciais non confirman o feito de que se trate dun novo caso de violencia de xénero, pero o certo é que o seu ex-compañeiro, e pai da súa filla está detido.

Nos medios de comunicación puidemos ler algúns comentarios dos compañeiros de traballo de Beatriz. Din que o seu ex nunca aceptou o feito de que ela decidira romper, que non a tratou moi ben e que últimamente metíase moito con ela por telo deixado pero que ela nunca presentou denuncia porque non o quería prexudicar, porque era o pai da súa filla…

Estes comentarios reflicten ben o problema da violencia machista:
  • Unha mala relación, que nin a sociedade nin a vítima identifican con violencia de xénero, porque entra dentro dos parámetros aceptados socialmente. Uns parámetros que grazas ao feminismo están cambiando e que actualmente levan a que moitas mulleres, a pesar de ter moi interiorizados os estereotipos e roles de xénero, poidan detectar e identificar as mostras de abuso, que  modifiquen a súa capacidade de comprensión e de sacrificio polos demais, que non estean tan predispostas a desculpar e perdoar. Un cambio que leva a que moitas mulleres decidan rachar unha relación sentimental non satisfactoria.
  • Pero este cambio de mentalidade atópase a miúdo con un home que ten crenzas estereotipadas sobre o modelo masculino e feminino, que considera a muller como inferior e séntese dono da persoa que abusa. Unha posesión que é unha forma de negar a humanidade e a identidade da parella, que socava o respecto e o recoñecemento da persoa amada. A paixón de dominio e control, xustificada como un dereito natural, que adoita desembocar na dúbida, no sentimento de traizón e na violencia se estes desexos non se satisfán. De aí ven que moitos dos asasinatos por violencia machista prodúcense cando a muller decide rachar unha relación, ou empezar unha nova, e o home non acepta perder o seu dominio.
  • Fronte a falsa crenza de que moitas mulleres presentan denuncias falsas para obter privilexios, a inmensa maioría das mulleres que sofren malos tratos ou o acoso da súa parella ou ex-parella non o denuncian. Porque seguen predispostas a desculpar e perdoar ao seu agresor; porque séntense culpables de telo abandonado e de empezar unha nova vida; porque non queren que os seus fillos ou fillas carguen coa humillación pública de ter un pai maltratador…Porque non son conscientes de que as ofensas verbais poidan desembocar en asasinato.

Pero, aínda que o tivera denunciado, a denuncia desafortunadamente non garante a seguridade das vítimas. A policía, a xustiza, as institucións, non están a pór todos os recursos necesarios para garantir á seguridade  das vítimas de violencia de xénero. O caso de Isabel Fuentes,  asasinada nun hospital público en Ourense, no mes de maio, onde se atopaba ingresada por mor dunha agresión anterior, demostra  a desprotección que sofrimos as mulleres fronte á violencia machista e a enorme distancia entre as palabras de preocupación  pola violencia de xénero e as medidas que se adoptan -mellor dito non se adoptan- para garantir a seguridade das vítimas ou facilitarlle a saída desa situación de violencia ás mulleres que a están a sufrir.

Pero non nos enganemos. É a sociedade quen ten que comprometerse na loita contra a violencia machista. Non vale conmoverse ante os asasinatos e quedar impasible o resto do ano.

Desde aquí queremos unir as nosas enerxías para denunciar o máis profundo rexeitamento das violencias que continuamos vivindo.

En sororiedade con Beatriz, con todas, tolerancia cero coa violencia machista en todas as súas manifestacións. Debémoslle a cada unha das  mulleres asasinadas, agredidas, violadas, humilladas,  e as fillas e fillos desas mulleres  o noso compromiso firme e decidido contra a violencia  machista.

ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA TEN QUE SER UN COMPROMISO DE TODAS E DE TODOS
O MACHISMO MATA, NON SEXAS CÓMPLICE.
YouTube
YouTube
Set Youtube Channel ID
Instagram
Telegram