Sempre coas agredidas, nunca cos agresores. Comunicado da Coordenadora de Ourense.

Comunicado Ourense

O vindeiro 7 de maio terá lugar en Ourense o xuízo no que Carlos da Aira denuncia á compañeira Dores Asorei por suposta intromisión contra a súa honra. Este xuízo é para nós un paso máis nas múltiples violencias que este home ven exercendo contra Dores Asorei.

O noso coñecemento sobre a denuncia destas violencias ten xa un longo camiño, mas nunca nos foi solicitado, como colectivo ou a título individual, unha intervención concreta nen no ámbito público nen no privado por parte de Dores Asorei. Con todo, moitas de nós fomos testemuñas da violencia social exercida polo denunciante e no ano 2021 lanzamos un texto denominado “Erradicar as agresións machistas e a violencia social dos espazos sociais e culturais. (https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSde4PQsnvpe_2pD1qqKH7y4hY88L0lLDOydACdPjcLp3CUhwA/viewform)” que tiña por obxecto chamar a atención sobre o que estaba acontecendo nos movementos sociais en Ourense dos que se pretendía excluír a Dores a través dunha campaña de desprestixio impulsada polo seu agresor.

Nestes últimos anos tivemos coñecemento de que Carlos da Aira empregou o nome da nosa organización e de varias das nosas compañeiras para afirmar un apoio e un respaldo que NUNCA lle demos. Ante isto queremos realizar unha serie de aclaracións públicas para que se coñeza con claridade a nosa posición:

– Dores Asorei nunca solicitou á Marcha Mundial das Mulleres nen as activistas que dela facemos parte intervir no seu proceso.

– O coñecemento sobre a violencia social, psicolóxica e outras que Carlos da Aira exerceu sobre Dores Asorei nestes anos vivímolo en primeira persoa, como mulleres e como organización, e en moitas ocasións asumindo consecuencias ante a nosa negativa a respaldar o relato do denunciante.

– Nen a Marcha Mundial das Mulleres nen ningunha das mulleres que dela facemos parte avalamos o relato de Carlos da Aira, non o fixemos antes e non o facemos agora. Non hai ningunha información da que dispoñamos que nos faga dubidar de brindar un apoio incondicional á compañeira Dores Asorei.

– Participamos, como colectivo e a título individual, nas diferentes accións e movementos que se deron no seo dos espazos sociais en que participamos para deter esa violencia social, denunciala e evitar que seguise reproducíndose. Seguimos facéndoo e non deixaremos de facelo despóis do 7 de maio.

– Sabemos que a xustiza non é hoxe feminista e que non ten a capacidade de reparar. O resultado dun xuízo para defensa da “honra” non mudará en nada a realidade sobre as violencias que o denunciante leva exercido contra Dores Asorei nestes anos, nen o noso apoio caraa ela.

– A demanda interposta a Dores Asorei e que terá como consecuencia este xuízo é máis unha agresión cara ela e o resultado dun novo ataque en reposta á campaña de reparación impulsada dende o tecido social a raíz da publicación do libro “Cantos de dor e liberdade por Palestina”. É inadmisíbel que os agresor pretenda victimizarse e empregar a xustiza para facelo.

– Seguimos demandando , como no 2021, a reparación fronte á violencia social e psicolóxica que sufriu Dores Asorei. Temos a obriga ética de restituír colectivamente a imaxe pública da agredida; se todas exercemos a violencia social, todas somos responsábeis de reparala.

– As Mulleres da Marcha Mundial das Mulleres estaremos o 7 de maio ás portas do xulgado acompañando e apoiando a Dores. Sempre estivemos, estamos e estaremos á súa disposición se nalgún momento quere e precisa a nosa intervención e apoio.

– Convocamos a apoiar á compañeira o 7 de Maio ás 9 da mañá nos Xulgados novos (R. Velázquez, s/n, 32002 Ourense) https://maps.app.goo.gl/ZSnyRK6SLN3bf78j9

Ourense, 17 de abril de 2026

En apoio de Sara Outeiral Cameán

Diferentes colectivos e individualidades feministas e do sindicalismo de clase en Vigo condenamos todo tipo de agresións machistas, en calquera espazo; e tamén ás organizacións sociais e políticas que, en troques de asumir a súa responsabilidade na erradicación das violencias patriarcais, só ofrecen silenciamento e humillación á vítima, e complicidade e cobertura ao agresor. Este modus operandi significa que as organizacións promoven, avalan e perpetúan as violencias machistas e o sistema heteropatriarcal. Por isto, esiximos que as organizacións sociais e políticas que conscientemente actuaron dende a inoperancia e o secretismo, e na que ademais está integrado e incluso ostenta un cargo público e orgánico o maltratador rectifiquen as súas ameazas e deixen de victimizalo.

O feminismo non é un slogan. As organizacións que se nomean como feministas
teñen dúas opcións: aplicalo nas súas estruturas e practicalo ou deixar de denominarse como tal.

Logo de ler os comunicados tanto do propio maltratador, do seu partido e na propia prensa publicados nos últimos días en redes sociais e noutros medios a respeito de liberarse da denuncia e do xuízo que está en marcha máis ameazando e victimizando ao denunciado, vemos necesario lanzar todo o noso apoio á compañeira Sara Outeiral Cameán, nós crémoste! Ningunha muller pasaría por todo este proceso porque “lle apetece”.

Hai que repensar as agresións machistas que se sofren en diferentes organizacións da esquerda “revolucionaria”, sentimos a necesidade de nos situar ao seu carón e dar unha resposta como colectivo á súa denuncia porque nos identificamos coas súas palabras e queremos darlle todo o noso apoio. Ademais, queremos facer notar que os feitos máis comentados en redes sociais non é un caso illado e puntual nin é exclusivo dunha organización concreta. Sabemos por experiencia que en todas as organizacións mixtas hai casos de agresións machistas.

A publicación da nosa resposta non foi inmediata porque queriamos tomarnos o tempo para meditar, para falar coa compañeira exposta e entre nós coma activistas feministas que somos.

Ao longo dos anos temos vivido (e coñecido) ataques sexistas por parte de militantes da esquerda: como parella, como compañeiras de organización, como rede de amizade e nos espazos de lecer. Recoñecemos tamén que en máis dunha ocasión non fomos quen de afrontarmos colectivamente estas situacións.

Sabemos que hai máis persoas que as denunciadas publicamente que practican a violencia contra as mulleres nos movementos da esquerda: violencia psicolóxica, sexual, física, institucional… hai máis experiencias e casos na sombra de silencio e conivencia das organizacións e colectivos que se din de esquerdas. Os feitos que coñecemos nos últimos días son só unha pinga máis nun vaso que rebordou.

É por iso que queremos dar resposta, porque se hai casos de violencia machista que persisten durante anos, é evidente que é precisa unha mudanza de estratexias, feitos, prácticas… unha verdadeira mudanza na esquerda. Até o de agora todas as accións e medidas tomadas fan que sexan as mulleres as que desaparecen do mapa como resultado da violencia machista; son medidas que non rompen coa lóxica patriarcal.

É a mesma lóxica das medidas que criticamos cando son tomadas por estados, gobernos, empresas e partidos que cualificamos de hipócritas nos seus posicionamentos propagandísticos en relación ao terrorismo machista.

As accións e protocolos que se fan en diversas organizacións da esquerda autodenominada antipatriarcal na maioría das ocasións non funcionan porque nin garanten mudanzas reais de actitude nin respectan as vontades e as necesidades das persoas que denuncian agresión sexistas. Por que os homes que exerceron a violencia manteñen a súa membresía/as súas posicións/o seu poder de decisión dentro das organizacións ou son trasladados a cargos de poder de organizacións afíns e as mulleres agredidas desaparecemos dos espazos militantes/das áreas de socialización e lecer/dos nosos barrios, vilas ou aldeas? Que se está a reproducir?

Ben, na nosa opinión, fica unha mensaxe moi clara: que unha vez máis somos as mulleres as que temos o problema, aquelas que temos que ser castigadas e culpadas. Como feministas sabemos que o problema non é a seguridade das mulleres, senón as posicións de poder e, nomeadamente, de poder patriarcal que se exercen para agredir. Sabemos que o problema non é a sub-representación feminina, senón a super-representación masculina patriarcal. Sabemos que o problema non é o que vai pasar se se sabe senón que pasará se non se sabe. Se non nos facemos responsables das actitudes e da violencia sexista, e rexeitamos adoptar formas de funcionamento para erradicala nas organizacións, estamos condenadas a que se repitan.

O eco da pedra picada ao longo dos anos polos feminismos resoa nas nosas vidas e quen formamos parte de Feminismo Unitario de Vigo non podemos nin queremos ficar alleas e caladas. A denuncia pública das agresións dentro dos colectivos e organizacións da esquerda é un sinal do traballo realizado polo feminismo e fai que, por sorte, nos movementos de esquerda non todo continúe como se nada pasara.

Agora que a orde patriarcal abanea, máis que nunca, sabemos que nada vai cambiar se non mudamos as nosas vidas porque o persoal é político e o momento é agora. É o momento de non adiar a eliminación da violencia machista dentro dos espazos de loita que din querer reverter todo. Porque estamos a loitar por construír o novo, e se no momento da verdade non deixamos caer as vellas prácticas que ten realmente de novo?

Ademais, non só queremos centrarnos nestas evidencias senón como a prensa vitimizou ao maltratador sen nin sequera asegurarse de que a súa información era a acertada, unha linguaxe sexista que nos atopamos en moitos casos dunha forma delirante. Pedímoslle aos medios que se informen, xa que se trata de casos moi delicados, e se formen en violencia machista para así poder dar a información coma corresponde. Tamén repensar o eido xudicial patriarcal ao que nos someten e á propia sociedade.

A falta de ferramentas para xestionar correctamente as agresións machistas convirte ás organizacións nunha centrifugadora que acaba ferindo a un gran número de mulleres. Non só das propias organizacións senón tamén do movemento popular que se pretende construír.

Por todo isto esiximos:

  • Un profundo debate na denominada esquerda revolucionaria e antipatriarcal da xestión, tanto interna como externa, das agresións sexistas..
  • Rectificación dos diferentes colectivos e prensa das calumnias sobre a compañeira.
  • Que a prensa utilice unha linguaxe acaída e se forme en violencia machista.
  • A dimisión do maltratador do seu cargo público e orgánico.
  • Que se dispoñan os mecanismos necesarios para asegurar que non volverá agredir.
  • Que diante dunha agresión sexista se tomen as medidas necesarias para protexer política e persoalmente a quen recibiu a agresión e non ao agresor.
  • Basta de ameazas!

Agradecemos a sinceridade e coraxe da vítima e loitadora que denunciou a agresión machista dentro das organizacións e colectivos sociais. Agardamos facer abalar a impunidade patriarcal dentro dos espazos de loita. Esperamos que outras mulleres sexan chamadas a romper o silencio ou se animen a facer o que consideren que é o máis acaído e o que realmente queren. Agardamos que se inicie un debate aberto e sincero nas organizacións da esquerda co obxectivo de adoptar novas formas e estratexias que teñan como obxectivo facer que estas sexan realmente espazos libres de violencia machista.

Finalmente, animamos a todas as mulleres que estean en situación de violencia sexista a emprender as accións que consideren necesarias e, de ser necesario, facelas públicas. Pero sobre todo, que non teñan medo de superar o sentimento de culpa e a atopar as forzas necesarias para afrontar e transformar a sociedade patriarcal na que vivimos. Non estás soa irmá, nós crémoste!

Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres.

Asinamos este comunicado con:

Feminismo Unitario Vigo
Mulheres Nacionalistas Galegas
Plataforma Feminista Galega Vigo
Mulleres en Movemento
Abrir Fenda
Secretaría da Muller da UC Vigo de CCOO
ASC As da Industria
CNT-Vigo
Anticapitalistas Galiza
Nós Mesmas

YouTube
YouTube
Set Youtube Channel ID
Instagram
Telegram