Agora que existe unha sentenza condenatoria, o goberno municipal pretende presentarse como defensor da vítima cando durante anos escolleu protexer o acosador.
A Coordinadora Local de Compostela da Marcha Mundial das Mulleres denuncia o intento do Concello de Padrón de reescribir a súa actuación no caso de acoso sexual sufrido por unha traballadora municipal, despois de que a xustiza condenase ao seu agresor por un delito de acoso sexual continuado.
Para a Marcha, o goberno municipal, a través dun comunicado publicado hoxe nalgúns medios, realiza un exercicio de propaganda política destinado a ocultar unha realidade moi diferente: a dunha vítima que durante anos denunciou situacións de acoso, que tivo que reclamar protección de maneira reiterada e que atopou máis obstáculos que apoio por parte da institución na que traballaba.
Consideramos que a sentenza é demoledora non só para o acosador, senón tamén para quen durante anos insistiu en falar de ‘presunto acoso’, poñendo en dúbida a palabra da vítima e empregando a presunción de inocencia como escusa para non actuar.
Queremos lembrar que xa en 2025 denunciamos publicamente a actuación do alcalde, Anxo Rei, por negarse a asumir as súas responsabilidades e por mirar para outro lado mentres a traballadora municipal continuaba denunciando agresións e situacións de acoso. Mentres a vítima pedía axuda, o alcalde preocupábase máis por defender a imaxe do Concello e por desacreditar as denuncias que por garantir a seguridade dunha traballadora.
Desde a MMM consideran especialmente grave que o goberno municipal pretenda agora presentar como exemplares unhas medidas que, segundo denuncian, non impediron que a vítima continuase sufrindo unha situación de angustia e desprotección durante anos. “A realidade é que quen denunciou o acoso viu condicionada a súa vida laboral e sometida a unha constante vixilancia, mentres o acosador seguía contando co amparo dunha institución que nunca fixo da protección da vítima a súa prioridade”.
“A violencia institucional non consiste só en non facer nada. Tamén consiste en cuestionar a palabra dunha muller que denuncia, en atrasar actuacións, en minimizar os feitos, en obrigar a vítima a demostrar unha e outra vez que está sendo acosada e en trasladarlle a ela o peso das consecuencias”, explican.
A Marcha Mundial das Mulleres considera que a sentenza desmonta completamente o relato mantido polo Concello durante todos estes anos. “Coa sentenza confirmouse que a vítima dicía a verdade. Confirmouse que non era un conflito laboral nin unha simple discrepancia entre persoas compañeiras de traballo. Confirmouse que existiu acoso sexual. E por iso hai responsables políticos que deberían facer unha profunda reflexión sobre o papel que xogaron neste proceso”.
A organización feminista lembra ademais que esta condena corresponde exclusivamente á primeira denuncia presentada pola traballadora e que existe unha segunda denuncia pendente de xuízo. “Por iso resulta aínda máis obsceno que o goberno municipal se felicite a si mesmo cando segue habendo procedementos abertos e cando a vítima leva anos soportando unha situación que nunca debería terse prolongado tanto tempo”.
Desde a MMM esixen ao alcalde e ao goberno municipal que pidan desculpas publicamente á vítima por non tela protexido cando máis o necesitaba e por contribuír, coa súa actuación e as súas declaracións públicas, á súa revitimización.
“A suspensión de emprego e soldo anunciada agora non é un mérito do Concello. É unha obriga que chega despois dunha condena xudicial. O que haberá que explicar é por que durante anos non se situaron claramente ao lado da vítima e por que fixeron falta tantas denuncias, tanta exposición pública e unha sentenza para adoptar medidas contundentes”.
A Marcha Mundial das Mulleres reafirma o seu compromiso coa loita contra todas as formas de violencia machista e advirte de que seguirá denunciando cada caso de violencia institucional que contribúa a desprotexer as mulleres que dan o paso de denunciar.
“Se as institucións queren combater a violencia machista, teñen que comezar por escoitar e protexer ás vítimas. Todo o demais son declaracións baleiras. O feminismo non se mide polos comunicados que se emiten cando hai unha condena; mídese polo que se fai cando unha muller pide axuda”.




