En que contexto chegamos a este 8M
Desde a Marcha Mundial das Mulleres, no camiño cara a este Día Internacional das Mulleres Traballadoras, partimos dunha idea central: non hai emancipación das mulleres sen transformación do sistema político, económico e social que organiza o mundo. Levamos décadas sinalando que a pobreza, a violencia e a desigualdade son parte fundamental do capitalismo, do imperialismo e do patriarcado.
Por iso, a análise feminista debe ser internacionalista e situada no noso tempo: entender as dinámicas globais que condicionan as nosas vidas e explicarmos como esas dinámicas se concretan nun territorio como a Galiza.
Crise global do sistema
Vivimos unha crise profunda do sistema capitalista global que é estrutural: non é só económica, senón tamén política, social e ecolóxica. A competencia entre potencias polos recursos naturais, polos mercados e polas cadeas produtivas está a reorganizar o mundo sobre bases de militarismo e imperialismo. As guerras, sancións e inxerencias convértense en ferramentas para asegurar intereses xeoestratéxicos, como vemos nas agresións contra pobos que resisten a dominación imperialista, desde Palestina até países sometidos a bloqueos como Cuba ou o recente ataque á soberanía nacional de Venezuela.
Esta dinámica vai acompañada dunha nova carreira armamentística en Europa. A UE impulsa máis cooperación en defensa mentres os estados elevan os seus orzamentos para cumprir cos obxectivos da OTAN, nun contexto no que o gasto militar leva anos medrando e bate cifras récord. Ao mesmo tempo multiplícanse os debates sobre a creación dun exército europeo e plans de reindustrialización militar.
No Estado español tamén se promove este aumento do gasto militar para alcanzar “oficialmente” (en realidade xa se superou esa porcentaxe) arredor do 2 % do PIB, en liña cos compromisos coa OTAN e coa UE, medida impulsada polo PSOE nun contexto de necesidades sociais crecentes. Esta aposta polo rearme convive coa limitación de investimentos en sanidade, educación, dependencia ou vivenda, trasladando o custo da crise á clase traballadora. O militarismo non é só política exterior: é unha forma de organizar a economía e a sociedade que prioriza a industria armamentística e o control das fronteiras por riba da vida.
As consecuencias recaen especialmente sobre as mulleres. As guerras e as políticas imperialistas provocan desprazamentos forzados, explotación laboral, violencia sexual e pobreza, mentres as mulleres sosteñen a supervivencia das comunidades mediante os coidados e a organización comunitaria. A crise global do sistema non é circunstancial, senón expresión dun modelo que precisa da guerra, da desigualdade e da explotación para continuar, e que non pode garantir vidas dignas nin pobos libres.
Galiza nun modelo dependente
Galiza forma parte deste sistema nunha posición periférica e dependente, cun modelo baseado na exportación de enerxía e materias primas, mentres as decisións sobre o territorio, a industria ou os servizos públicos se toman fóra. Esta dependencia, económica, política e social, limita as posibilidades dun proxecto de vida digno para a maioría da poboación.
O modelo produtivo consolidado combina baixo valor engadido, extractivismo e deslocalización. Proxectos como o macrocomplexo de celulosa de Altri ou acordos como o tratado UE-Mercosur exemplifican esta lóxica: iniciativas que responden a intereses externos, aumentan a presión sobre o agro, a pesca ou a soberanía alimentar e precarizan ás pequenas produtoras galegas.
Este modelo afecta especialmente ás mulleres, concentradas en sectores precarizados e sobrecargadas polo traballo de coidados pola falta de servizos públicos. Desde a Marcha Mundial das Mulleres defendemos a autonomía económica como condición da igualdade real e denunciamos a mercantilización da vida. En Galiza, a falta de soberanía limita a capacidade de decidir sobre o modelo produtivo e dificulta garantir dereitos para as mulleres e para a clase traballadora.
Por iso, falar de feminismo en Galiza implica falar de soberanía e de construír un modelo que poña a vida no centro.
A crise dos coidados e o custo da vida
A crise do custo da vida evidencia as contradicións do sistema. A inflación, a vivenda inaccesible, a enerxía cara e os alimentos encarecidos golpean con máis forza á clase traballadora e, dentro dela, ás mulleres, responsables maioritarias do sostemento dos fogares e das redes comunitarias. Cando soben os prezos ou faltan servizos públicos, somos as mulleres quen reorganizamos a vida diaria para garantir alimentación e coidados, asumindo máis traballo invisible e renunciando ao tempo propio.
En Galiza isto vese nas mulleres maiores con pensións mínimas que sosteñen familias enteiras, nas traballadoras precarizadas e nas mulleres migrantes que ocupan postos no sistema de coidados. A vivenda inaccesible e os alimentos encarecidos converten a crise económica nunha crise da vida cotiá.
O capitalismo sostense sobre a división sexual do traballo e a invisibilización dos coidados, maioritariamente non remunerados ou mal pagados. Por iso, a análise feminista non pode separarse da análise económica e territorial: falar de custo da vida é falar de coidados, de dereitos sociais e de redistribución da riqueza. Sen reorganizar os coidados non hai igualdade real nin vida digna para a clase traballadora.
Terra viva.
Defensa do territorio e soberanía alimentar.
Galiza sofre un modelo extractivista que converte o territorio nun espazo de negocio para multinacionais e grandes capitais. Isto exprésase en macroeólicos e minaría agresiva, proxectos industriais contaminantes, forestación intensiva e incendios estruturais, proxectos de polígonos de eólica mariña nas nosas costas…
Este modelo destrúe ecosistemas, economías locais e redes comunitarias. Desde o feminismo defendemos o territorio e denunciamos proxectos que devastan comunidades e biodiversidade, porque a loita feminista está ligada á defensa dos bens comúns e da vida.
As mulleres sostemos economías locais, saberes produtivos e redes comunitarias, e por iso falar de terras vivas é falar de soberanía alimentar: producir alimentos sanos, locais e accesibles, recoñecendo o traballo das mulleres no ciclo produtivo. Sen territorio non hai soberanía, e sen terra viva non hai futuro para este país.
Pobos libres.
Soberanía, antifascismo e corpos libres
A crise sistémica capitalista e a mudanza que desde os anos 90 se dá desde un mundo unipolar até un escenario máis multipolar, representan un grande risco para os EUA, que ve como se pon en cuestión a súa hexemonía económica no mundo.
A resposta que se dá ante isto é unha ofensiva imperialista cun militarismo á alza que coincide, non de maneira casual, cunha vaga autoritaria a nivel mundial na que a ultradereita está a gañar posicións de poder en moitos estados
O avance da ultradereita e o fascismo en Europa e no mundo é unha resposta reaccionaria á crise do sistema que busca reforzar o control social e garantir un modelo baseado na desigualdade. O fascismo aliméntase do medo e do empobrecemento e ataca dereitos básicos, promovendo racismo, machismo e LGTBIfobia, mentres cuestiona dereitos reprodutivos, dereitos das persoas migrantes, dereitos laborais e dereitos culturais e lingüísticos.
A ofensiva autoritaria concrétase en políticas que restrinxen a liberdade sobre os nosos corpos, criminalizan a protesta, endurecen as leis migratorias e normalizan discursos de odio. O control dos corpos convértese nunha ferramenta para disciplinar ás mulleres e ás disidencias e limitar a soberanía dos pobos.
Desde a MMM defendemos un feminismo plural, antirracista, antiimperialista e internacionalista, que entende que a emancipación das mulleres está ligada á liberdade dos pobos. En Galiza, pobos libres significa decidir sobre o territorio e o modelo económico, defender a lingua e a cultura propias, garantir dereitos para todas as traballadoras e vivir sen medo nin discriminación.
Sen liberdade sobre os corpos, sen dereitos para todas as mulleres, tamén para as migrantes, e sen respecto pola lingua e pola cultura non hai soberanía real nin pobos libres. O feminismo constrúe esa liberdade desde abaixo, tecendo solidariedade entre mulleres e entre pobos para facer fronte ao fascismo e ao imperalismo e abrir camiños cara a outro sistema.
Vidas dignas.
Apostamos por un cambio profundo no modelo económico e social que organiza a produción, a distribución da riqueza e o sostemento da vida. Desde o feminismo afirmamos que non haberá igualdade real sen transformar estas bases materiais e sen recoñecer que a economía que garante a vida é a dos coidados e dos bens comúns.
Reivindicamos acceso aos bens comúns, traballo digno e un sistema público de coidados, fronte a un modelo que mercantiliza dereitos básicos e se sostén sobre o traballo non remunerado ou mal pagado das mulleres. En Galiza, falar de vida digna implica sistema público e comunitario de coidados, servizos públicos universais, vivenda accesible, emprego digno no rural e nas cidades e redistribución real da riqueza.
A precariedade laboral feminizada, as pensións mínimas e a sobrecarga de coidados amosan que a crise do sistema é tamén unha crise da vida cotiá. Sen servizos públicos suficientes as mulleres compensan con máis traballo invisible; sen emprego digno multiplícanse as cadeas globais de coidados; sen vivenda accesible aumenta a dependencia económica.
Os coidados non poden seguir recaendo sobre as mulleres como responsabilidade privada. Son un dereito colectivo e unha base da economía, porque sen coidados non hai produción nin comunidade. Garantir vida digna significa reorganizar tempo, riqueza e poder para poñer a vida no centro.
Feminismo é revolución
Falamos de que o feminismo é revolución porque cuestiona as raíces do sistema que destrúe a vida e coloca no centro aquilo que o capitalismo invisibiliza: os corpos, os coidados, o territorio e a soberanía dos pobos. Non é unha reivindicación sectorial: o feminismo é unha proposta política que entende que a igualdade real require transformar radicalmente o modelo económico, social e cultural.
Fronte ao imperialismo e militarismo que sementan guerra e pobreza, o feminismo aposta pola solidariedade entre pobos e pola paz con xustiza social. Fronte ao extractivismo que converte os territorios en espazos de negocio para uns poucos, defende a terra e os bens comúns como base da vida. Fronte ao fascismo e a ultradereita que pretenden controlar corpos e identidades, reivindica corpos libres e diversidade.. Fronte ao capitalismo que precariza e mercantiliza a vida, coloca os coidados e a redistribución da riqueza no centro da organización social.
Desde Galiza, esta análise convértese nunha proposta política concreta: un feminismo internacionalista, popular e galego que entende que sen soberanía non hai igualdade, que sen coidados non hai economía e que sen comunidade non hai futuro. Un feminismo que constrúe esperanza desde abaixo, que tece alianzas entre mulleres e entre pobos, e que traballa para transformalo todo.
CONVOCATORIAS:
A Coruña, 18h Obelisco
As Pontes, 12h diante do Concello
Betanzos, 12h Palco da Música
Cangas, 12h diante do Concello
Compostela, 19h Bonaval, 20h Praza 8 Marzo
Ferrol, 19hrs Praza de Amada García
Lalín, 12h KM 0
Lugo, 12h diante da Xunta
Ourense, 12.30h Bispo Cesáreo, 18h Castañeira (subdelegación)
O Porriño, 18h Praza do Concello
Pontevedra, 18h Praza Peregrina
Ribadavia, 13h Praza da Madalena
Ribadeo,12h Aparcadoiro rotonda da entrada á vila
Ribeira, 12:30h Praza do Concello
Val Miñor, 12:30h Cruce da Ramallosa
Vilagarcía, 12h Praza Galicia
Vilalba, 13.30h Praza da Constitución
Vigo, 18h Praza dos Cavalos























