Táboa Reivindicativa da Marcha Na Galiza

Na defensa dos dereitos laborais e outros medios de subsistencia das mulleres:

  • Aplicación dunha política real que revise os distintos sectores laborais, convenios, negociacións marco… que faga realidade “igual salario para un traballo de igual valor”.

  • Causalización da contratación temporal reducíndoa ás necesidades de produción conxuntural. Persecución, por parte da Inspección de Traballo, das empresas que utilizan a economía submerxida ou abusen da contratación temporal. Para evitar este abuso aumentar o custo dos seguros sociais deste tipo de contratos.

  • Eliminación nos convenios de todos aqueles incentivos que promovan o abandono do posto de traballo por mor do casamento. Así mesmo de calquera outra cláusula discriminatoria referida a vestiario, división do traballo por sexos, permisos e linguaxe.

  • Integración das traballadoras do servizo doméstico no Réxime Xeral da Seguridade Social. Mentres esa integración non sexa efectiva, aplicación ás empregadas no servizo doméstico dos mesmos beneficios laborais e sociais, alén das prestacións e subsidios de desemprego, que as persoas afiliadas ao Réxime Xeral.

  • Permiso laboral e salario íntegro ao longo do primeiro ano de vida da crianza.

  • Libre aceso á titularidade da explotación agraria das mulleres labregas. Revisión das limitacións á produción impostas pola Unión Europea.

  • Adaptación da lexislación laboral ás distintas realidades do marisqueo na Galiza e aos distintos colectivos de mariscadoras.

  • Aplicación da xornada laboral de 35 horas semanais sen redución de salario. Eliminación das horas extra salvo en casos de forza maior que serán retribuídas en tempo libre.

  • Ampliación do servizo de comedores escolares a todos os centros públicos de ensino. Creación dunha rede de xardíns de infancia que se adapte ao horario laboral.

  • Garantía dos dereitos recollidos no réxime xeral da Seguridade Social para os traballos realizados polas mulleres presas. Aplicación dentro dos cárceres do dereito fundamental ao traballo.

  • Garantir o dereito ao traballo remunerado, normalizado e o máis integrado posible ás mulleres con discapacidades. Control por parte das Inspeccións de Traballo para que non se utilicen as desgravacións por minusvalías nas contratacións para perpetuar a súa marxinación no mundo laboral.

Contra da pobreza e a exclusión social:

  • Creación dun Salario Social Universal igual ao salario mínimo interprofesional .

  • Igualación das pensións mínimas ao salario mínimo interprofesional.

  • Conservación dentro dos cárceres do dereito a perciber pensións. Aumento da rede pública de asistencia e residencia xeriátrica.

  • Plano global de retorno que garanta a inserción social e laboral das emigrantes.

  • Responsabilidade subsidiaria do estado con respecto ás pensións de mantenza mentres non se efectivice a resolución xudicial en casos de separación ou divorcio.

Contra da violencia de xénero:

  • Aumento da aplicación de medidas preventivas como o “afastamento”, recollidas na Lei de Axuizamento Criminal e no Código Penal.

  • Aplicación da lei de proteción de testemuñas ás mulleres ameazadas polos seus agresores.

  • Creación en todos os xulgados da quenda de oficio específico para mulleres.

  • Aplicación do artigo 408 do Código Penal ao persoal de xustiza e das forzas de seguridade que coa súa práctica machista perpetúen a violencia de xénero.

  • Elaboración dun Plan Galego de Loita contra da Violencia de Xénero, con dotación orzamentaria suficiente, onde participen, tanto na súa redacción como no seu seguimento e avaliación as organizacións feministas.

  • Paralización de todos os expedientes de extradición das mulleres prostituídas.

  • Campañas de deslexitimación dos usuarios da prostitución como cómplices do comercio e explotación das mulleres.

  • Persecución dentro dos cárceres das agresións ás mulleres presas. Inhabilitación dos xuíces de vixilancia penitenciaria que non investiguen as denuncias apresentadas polas presas ou as súas familias.

Polos dereitos sexuais , de saúde e reprodutivos:

  • Implantación en todos os centros de saúde de consultas xinecolóxicas. Instauración destas consultas nos centros penitenciarios con módulos de mulleres.

  • Revisión xinecolóxica anual, completa e adecuada ás distintas idades.

  • Cursos de formación específica para todo o persoal sanitario en relación a aquelas doenzas que afectan dun xeito diferenciado ás mulleres.

  • Eliminación na sanidade pública da obxeción de conciencia do persoal sanitario en relación aos dereitos sexuais e reprodutivos.

  • Dereito ao aborto, libre e gratuíto con cobertura real na sanidade pública.

  • Sanidade pública, universal e gratuíta. Inclusión dos servizos e intervencións derivadas do cambio de sexo.

  • Ampliación da rede de Centros de Orientación Sexual, actualmente COF, con atención específica ás mulleres mozas. Garantir o acceso gratuíto da mocidade aos métodos anticonceptivos.

  • Creación da área de educación sexual no currículo educativo con participación de profesionais de Sexoloxía, representantes de organizacións de loita pola liberdade sexual e feministas.

  • Aplicación da cobertura da sanidade pública, con todos os seus servizos, ás mulleres en prisión e ás inmigrantes.

Polo remate de todo tipo de discriminación:

  • Persecución de todas as expresións sociais, institucionais, culturais, económicas… que discriminen ás lesbianas.

  • Igualdade de dereitos para todas as persoas independentemente da súa práctica sexual (adopción, herdanza, coberturas sociais…).

  • Legalización da situación de todas as persoas inmigrantes, dereito á reunificación familiar.

  • Plan específico de actuación contra a marxinación das mulleres ciganas, fomentando na rede de ensino público o interculturalismo; con programas específicos de formación profesional e políticas de emprego e vivenda.

  • Plano específico de actuación contra a marxinación das mulleres con discapacidades onde se contemple unha actuación real no sistema educativo de respecto e integración da diferenza, políticas de vivenda e apoio profesional que fagan realidade a súa independencia persoal. Respecto ao dereito de autodeterminación dos seus corpos e das súas vidas.

contactos coa marcha

Coordenadora Nacional Galega Marcha Mundial das Mulheres
Rúa Romil, 20, baixo
36202 Vigo-Galiza
CIF G-15773013

Coord. A Coruña 639 78 76 26
Coord. Compostela:  647735737
Coord. Vigo: 630486886
Coord. Ourense: 652140217
Coord. Ferrolterra: 636 87 86 06

Queres recibir información?

Se desexas recibir información da Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres facilítanos o teu enderezo electrónico.

Facebook
Facebook
YouTube
YouTube
Instagram
Telegram