Convocatoria Abera en Ourense de cara á Campaña do 8 de Marzo

Ourense, 7 de febreiro de 2012

logo-marcha.jpg

En Loita polos nosos dereitos!

O colapso do sistema ecómico a nivel mundial e as políticas regresivas aplicadas na Unión Europea e o Estado Español están a provocar un terríbel impacto nun número cada vez maior de persoas do noso entorno. Este impacto no económico, no emprego, na sanidade, na escasa protección social e nos servizos públicos, entre outros, trae como consecuencia graves recortes para os dereitos da cidadanía e un grave empeoramento nas condicións de vida: desemprego, emprego a tempo parcial, temporalidade, perda de ingresos importante nos fogares familiares, copago da xustiza, recortes na educación, nos comedores públicos, na privatización das garderías, nos servizos sociais, na sanidade, no aumento de migracións e de mulleres e homes en risco de exclusión social.

Esta situación é máis grave no caso das mulleres pois ao impacto sobre os servizos súmanse todos os retrocesos en materia de conciliación, dereitos reprodutivos, combate da violencia machista, ou en traballos como o doméstico e de coidados non remunerados que son maioritariamente brindados polas mulleres á familia e á comunidade. O Partido Popular está a aproveitar a situación económica para desmantelar os avances acadados nestes anos: desmantelamento das secretarías da muller, redución das subvencións destinadas aos CIM (agora para grupos pro-vida), redución de orzamentos adicados a políticas de igualdade e o que demostra o ataque a todo o que ten que ver cos dereitos das mulleres: devolver o aborto ao código penal a través dos supostos de despenalización de 1985.

Fronte a isto as feministas galegas queremos facer un chamamento á mobilización na campaña deste 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres. É tempo de unir vontades e por iso estamos a traballar nunha campaña conxunta do movemento feminista na Galiza de cara a unha manifestación nacional o 11 de Marzo en Compostela.

Dende a Coordenadora de Ourense da Marcha Mundial das Mulleres cremos que tamen na nosa cidade é momento de unir vontades para defender os nosos dereitos e de cara á celebración do 8 de marzo queremos facer unha convocatoria aberta a termos unha asemblea o vindeiro martes, 14 de febreiro ás 20:00 horas no Centro Cívico Colón (rúa Colón, nº18, Zona Histórica).

 

Agardamos sumes a túa vontade á nosa
Recibe unha aperta feminista
Contacto en ourense: ourense@feminismo.info

 

Deixa un comentario

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram