O Foro Internacional de Soberanía Alimentaria

O Foro Internacional de Soberanía Alimentaria, celebrado o sábado 18 de outubro no Auditorio Caixanova de Vigo tivo dúas partes, unha primeira na que a través dunha palestra participada por Gladys Alfaro (México), Lidia Senra (Galiza) e Irene León (Ecuador) se apresentou a soberanía alimentaria como unha saída para os pobos, e un instrumento de acción para as mulleres, e unha segunda parte onde se explicaron experiencias concretas.

A través de un vídeo, Gladys Alfaro demostrou como foi posíbel mellorar as condicións de vida da comunidade en Chiapas, a través da capacitación das mulleres, da sua formación, partindo do feito de que son elas as que se responsabilizan da alimentación das familias. Garantir o dereito das mulleres ao acceso á terra é fundamental, e con iso garantir que se valore e visibilice o traballo das mulleres, que é esencial e do que depende case toda a produción.

Exemplificou con moito acerto isto facéndonos reflexionar a partir dunha taza de café. “Cando pensamos nunha taza de café, pensamos en todos os pasos que levou:  sementalo, aboalo, coidalo, colheitalo. Mas debemos lembrar que toda a familia o despulpa, o pon a secar e participa na sua moa. Todo isto é recoñecido, mais detrás da produción de café hai traballo reprodutivo, o realizado polas mulleres que se levantan para coidar os animais, para atender os nenos, e que arroupan o traballo desenvolvido polo resto da comunidade; iso non se ve na taza de café”.

Lidia Senra, da Galiza, labrega e sindicalista e de Vía Campesina, lembrou que a proposta da Soberanía Alimentaria xurdiu de Vía Campesina, dous anos despois de crearse a OMC, que está ao servizo das multinacionais, e que nela radica a auténtica solución para a fame no mundo.

Comentou que cada minuto que pasa, Europa perde unha pequena explotación campesina, e que case sempre ao frente delas está unha muller, exemplificando con isto que é un tema que non só afecta aos paises menos desenvolvidos.

A importación de pensos para animais significa que se limita o dereito á produción dos países onde os monocultivos impeden o cultivo variado para a alimentación local, e con isto sustentábel.

Hai que favorecer as producións sustentábeis, e evitar que o diñeiro público fomente o agronegocio a través da produción de alimentos industrializada, e evitar tamén a manipulación xenética das sementes.

Irene León de Ecuador, lembrou que a vivenda é un recurso básico, e que a actual crise inmobiliaria está afectando a este recurso e  propiciando que os estados fagan inversións absurdas para salvar a banca especulativa. Este diñeiro  podía servir para orientar a vida das persoas e acabar coa fame.

A visión globalizada da produción dos alimentos conduce á desaparición da produción local e de calidade, a maioría das veces de man das mulleres. “Temos que facer visíbel o traballo das mulleres na agricultura, as hortas das mulleres son laboratorio de coñecemento, onde se conservan e reproducen as sementes. Se este coñecimento fose feito por un grupo de científicos terían un premio nobel. Isto ten moito valor, a bioxenética é recoñecida como a ciencia do século XXI.

Os centos de persoas que encheron o Auditorio tiveron ocasión de participar  a través das súas perguntas e suxestións. Algunha destas intervencións se centrou na xustificación da soberanía alimentaria para Europa, que non pode ser o mesmo que para África por exemplo. Vía campesina conta con organizacións labregas en Europa –contesta Lidia Senra–, e estas organizacións entenden que hai que exercer a solidariedade para solucionar a fame no mundo, esa solidariedade pasa por ter claro que o camiño para que se desenvolvan as agriculturas é que as terras dos paises do sur para alimentar as vacas dos paises do norte deberían ser dedicadas á produción de alimentos para a cidadanía. As multinacionais compran barato e venden caro, trafican con alimentos, alí onde poidan. O que hai é unha crise de produción de alimentos. Cada pais do mundo ou grupos de paises deberían poder protexerse nas fronteiras contra a importación de produtos que non necesiten.

Todas as intervencións coincidiron en que se están construíndo novas relacións entre a agricultura e as  mulleres, que se está a  valorizar o coidado, o traballo reprodutivo e que con toda esa reflexión quizá se estea redefinindo o feminismo.


A segunda parte do Foro centrouse na exposición de proxectos concretos.

Caridad Ynares de Filipinas contou como experiencias concretas de substitución de monocultivos lograron reconducir algunhas explotacións agrarias, sen usar fertilizantes químicos, en explotacións sostíbeis. A súa organización, Sarilaya, promove a axuda ao rural, forma as labregas e labregos e loita contra os produtos transxénicos e as sementes tranxénicas e as multinacionais, en definitiva Sarilaya promove a mellora das zonas rurais no seu conxunto.

Sobre Mali falou Nana Aicha Cisse, dun dos países mais pobres do mundo influido pola relixión e a cultura, e en concreto falou dos programas de creación de infraestruturas de irrigación (en Mali chove só tres meses ao ano) para poder cultivar todo o ano e dar a oportunidade de traballar ás mulleres, porque os campos convértense en colectivos. Para coñecer as auténticas necesidades da comunidade, recorreuse ás mulleres, quen só se expresaron con liberdade cando os homes non estaban diante.

Outras accións que teñen a ver coa alimentación e a nutrición foron expostas por ela, e dentre elas destacamos a comunicación estabelecida entre as mulleres do agro e das cidades, un dos temas recorrentes ao longo do Encontro.

Denise Vuillon de Francia, é unha labrega de AMAP, asociación que promove un consumo acordado entre o sector produtor e o consumidor. As mulleres, sobretodo, consumidoras decatáronse en Francia dos efectos nefastos do sobreprodutivismo na agricultura, e advertiron que se estaba a dar unha situación de inseguridade alimentaria.
Así naceu este proxecto de produción de temporada respeitoso coa diversidade e sostíbel, amparado nun contrato de 6 meses con consumidores e consumidoras que recollen cada semana unha cesta do produto. É unha nova maneira de producir e consumir responsábelmente, que favorece a agricultura local, que economiza no uso das embalaxes, e que permiten consumir os produtos tal e como son, sen manipulación, sen fertilizantes nen produtos químicos, porque se traballa a limpeza dos campos a man.

Da Galiza, Rosario Sánchez, do proxecto « O Grelo Verde » explicou a introdución dos alimentos locais nos comedores escolares. Comezaron en Laza, e agora o seu proxecto é acollido en moitos outros centros de ensino, onde ademais desenvolven actividades como unha biblioteca itinerante, teatro, etc. De Cataluña, Esther Vivas, representante da “Xarxa de Comsum Solidari” explicou  o traballo da súa organización desde o ano 1996, baixo os principios da soberanía alimentaria e o comercio xusto.

Deixa un comentario

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram