17 de outubro

Día Internacional para a erradicación da pobreza.

A pobreza extrema afecta a 767 millóns de persoas no mundo. É unha cifra inhumana, inmensa, intolerable… mais isto resulta aínda máis infame cando vemos que as 8 persoas máis ricas do mundo teñen tantos cartos como case a metade da poboación mundial. Estes son datos que indignan e que nos mostran o demente e descarnado do sistema capitalista. O sistema que nos goberna. O sistema que nos alecciona en que as alternativas ou cuestionamentos contra él son utopías. O sistema que emprega a pobreza como combustible para funcionar, porque para uns ser moi ricos, outrxs teñen, por forza, que ser moi pobres.
Dende a economía capitalista manéxanse cifras macroeconómicas de PIB, balanzas de pago… que pouco ou nada teñen que ver coa calidade de vida real do groso da poboación senón coa fartura de grandes empresas, que crean desequilibrios inxustos entre países que espolian e países que son roubados, que invisibilizan o traballo dos coidados e das redes humanas que fan posible que o mundo da economía real poida funcionar e cubrir as carencias nas que desembocan os seus “axustes”.

Nestas cifras da pobreza, o 60% das persoas que a padecen son mulleres ou nenas. A pobreza ten nome de muller. Pese a que colaboramos igual que os homes na creación de riqueza, no reparto desta somos marxinadas. Os nosos traballos son os máis precarios, os menos dignificados e o traballo dos coidados, que asumimos maioritariamente, é invisibizado e súmase en moitos casos nunha dobre xornada. Colaboramos pois dobremente nesa riqueza da que a maioría de nós non nos beneficiamos.

Falamos da pobreza dos países do Sur que nutren co roubo dos seus recursos o consumismo obsceno de occidente e reivindicamos o reparto xusto, o dereito á soberanía alimentaria dos pobos e o fin da cobiza imperialista. Falamos tamén da pobreza nos países enriquecidos. Na Galiza, pese a que nos inundan os discursos de recuperación económica, o ano 2018 pechou con case un 23% da poboación galega en risco de pobreza ou exclusión social. A taxa de pobreza infantil é do 26% chegando en Ourense e Lugo ao 30%.

A pobreza é algo que se herda, é algo condicionado polo lugar onde naces, polo sexo, pola cor da pel, e por moitos factores que discriminan e marcan barreiras claras nas oportunidades. Son falsos os mantras do mercado de que o esforzo se remunera e xs que quedan fora do reparto é porque non producen nada: os traballos máis duros, a explotación e os abusos son anexos da vulnerabilidade económica. Na nosa sociedade ademais, aumenta cada día a cantidade de persoas con traballo que non saen das situacións de pobreza. O mercado manda e as vidas se someten á tiranía do capital. O acceso a recursos, alimentación, vivenda, educación, cultura e mesmo á socialización e o ocio estan vetados a quem é empurrada fóra do mercado laboral e económico. A vida faise imposíbel baixo a lóxica do capital.
O deterioro do mercado laboral é crecente, a precariedade, temporalidade e condicións inxustas aumentan. O que autodenominan progreso e “crecemento” depredan o noso medio ambiente, asolagando vieiros de non retorno. O mercado é insaciable e todo beneficio lle resulta suficiente.

O capitalismo e o patriarcado precisan da pobreza, precisan da desigualdade, precisan da inxustiza para existir. Son contrarios a unha vida digna. O beneficio social non o miden os cartos. Por todo isto, temos que reformular as regras económicas e reapropiarnos do noso dereito a unha vida digna e reivindicar o noso espazo neste mundo que nos debe pertencer por igual a todxs.

anticapitalistas #feminismoParaVivir

Enlaces de interese

https://www.un.org/es/observances/day-for-eradicating-poverty

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram