25 de novembro

Dia Internacional pola Eliminación da Violencia machista celebrase anualmente no 25 de novembro para denunciar a violencia contra as mulleres no mundo todo e esixir políticas en todos os países para sua erradicación. A convocatoria foi iniciada polo movimento feminista latinoamericano en 1981 para marcar a data em que foram assassinadas as irmãs Mirabal na República Dominicana.

En 1999, a Assemblea Xeral das Nacións Unidas na súa resolución 54/134 asumiu o 17 de dezembro como data para a xornada de reivindicación convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gubernamentais a convocar actividades dirixidas a sensibilizar a opinión pública sobre o problema da violencia contra a mulher.

Enlaces de interese:

https://www.un.org/es/events/endviolenceday

21 de outubro

Día Internacional de Acción pola Despatoloxización Trans.

Negar a existencia e por tanto o dereito a unha vida feliz das persoas trans vai en contra da defensa dos dereitos humanos. Negar ás mulleres trans a súa identidade e o dereito a facer parte en pé de igualdade do movemento de emancipación das mulleres que é o feminismo nom só é discriminatorio senón que é racista e clasista.

Como feministas defendemos o fin das opresións e a construcción dunha vida feliz para todos os seres humanos e como mulleres a fin da nosa discriminación nunha sociedade que nos considera suxeitos subalternos.

Como feministas anticapitalistas non recoñecemos ás autoridades internacionais capacidade para decidir sobre as nosas identidades ou as das nosas crianzas e denunciamos o papel do capitalismo na mercantilización das nosas vidas e identidades.

Denunciamos o rol paternalista do Estado nos seus intentos de control sobre as nosas vidas e as das nosas crianzas. Non aceitamos a tutela psiquiátrica ou psicolóxica encamiñada a impedir a autonomía das mulleres en calquera das súas formas.

Rexeitamos os conceptos de “disforia de xénero”, “transtorno de identidade” ou “incongruencia de xénero” para definir ás persoas trans e que levan a procesos de patoloxización e mutilación corporal das persoas que son designadas socialmente cun xénero que non é o seu.

Demandamos atención sanitaria que non implique prácticas patoloxizantes nen itinerarios de medicación e cirurxía obrigada para a autodeterminación do xénero. Demandamos consecuentemente a desaparicións das Unidades de Transtorno de Identidade de Xénero.

Demandamos unha Lei Galega de Identidade redactada coa participación do movemento LGBT e feminista galego.Reclamamos a persecución dos delitos de odio contra as persoas trans.

Esiximos unha coeducación que visibilice a realidade das persoas trans e a eliminación dos materiais que perpetúan a estigmatización das persoas trans polo seu enfoque patoloxizante.

Enlaces de interese

http://www.stp2012.info/

17 de outubro

Día Internacional para a erradicación da pobreza.

A pobreza extrema afecta a 767 millóns de persoas no mundo. É unha cifra inhumana, inmensa, intolerable… mais isto resulta aínda máis infame cando vemos que as 8 persoas máis ricas do mundo teñen tantos cartos como case a metade da poboación mundial. Estes son datos que indignan e que nos mostran o demente e descarnado do sistema capitalista. O sistema que nos goberna. O sistema que nos alecciona en que as alternativas ou cuestionamentos contra él son utopías. O sistema que emprega a pobreza como combustible para funcionar, porque para uns ser moi ricos, outrxs teñen, por forza, que ser moi pobres.
Dende a economía capitalista manéxanse cifras macroeconómicas de PIB, balanzas de pago… que pouco ou nada teñen que ver coa calidade de vida real do groso da poboación senón coa fartura de grandes empresas, que crean desequilibrios inxustos entre países que espolian e países que son roubados, que invisibilizan o traballo dos coidados e das redes humanas que fan posible que o mundo da economía real poida funcionar e cubrir as carencias nas que desembocan os seus “axustes”.

Nestas cifras da pobreza, o 60% das persoas que a padecen son mulleres ou nenas. A pobreza ten nome de muller. Pese a que colaboramos igual que os homes na creación de riqueza, no reparto desta somos marxinadas. Os nosos traballos son os máis precarios, os menos dignificados e o traballo dos coidados, que asumimos maioritariamente, é invisibizado e súmase en moitos casos nunha dobre xornada. Colaboramos pois dobremente nesa riqueza da que a maioría de nós non nos beneficiamos.

Falamos da pobreza dos países do Sur que nutren co roubo dos seus recursos o consumismo obsceno de occidente e reivindicamos o reparto xusto, o dereito á soberanía alimentaria dos pobos e o fin da cobiza imperialista. Falamos tamén da pobreza nos países enriquecidos. Na Galiza, pese a que nos inundan os discursos de recuperación económica, o ano 2018 pechou con case un 23% da poboación galega en risco de pobreza ou exclusión social. A taxa de pobreza infantil é do 26% chegando en Ourense e Lugo ao 30%.

A pobreza é algo que se herda, é algo condicionado polo lugar onde naces, polo sexo, pola cor da pel, e por moitos factores que discriminan e marcan barreiras claras nas oportunidades. Son falsos os mantras do mercado de que o esforzo se remunera e xs que quedan fora do reparto é porque non producen nada: os traballos máis duros, a explotación e os abusos son anexos da vulnerabilidade económica. Na nosa sociedade ademais, aumenta cada día a cantidade de persoas con traballo que non saen das situacións de pobreza. O mercado manda e as vidas se someten á tiranía do capital. O acceso a recursos, alimentación, vivenda, educación, cultura e mesmo á socialización e o ocio estan vetados a quem é empurrada fóra do mercado laboral e económico. A vida faise imposíbel baixo a lóxica do capital.
O deterioro do mercado laboral é crecente, a precariedade, temporalidade e condicións inxustas aumentan. O que autodenominan progreso e “crecemento” depredan o noso medio ambiente, asolagando vieiros de non retorno. O mercado é insaciable e todo beneficio lle resulta suficiente.

O capitalismo e o patriarcado precisan da pobreza, precisan da desigualdade, precisan da inxustiza para existir. Son contrarios a unha vida digna. O beneficio social non o miden os cartos. Por todo isto, temos que reformular as regras económicas e reapropiarnos do noso dereito a unha vida digna e reivindicar o noso espazo neste mundo que nos debe pertencer por igual a todxs.

anticapitalistas #feminismoParaVivir

Enlaces de interese

https://www.un.org/es/observances/day-for-eradicating-poverty

28 de setembro

Día de Acción global por un aborto legal e seguro.

A Campaña 28 de Setembro Día poa Despenalización do Aborto en América Latina e O Caribe, é unha iniciativa do movemiento de mulleres latinoamericanas e caribeñas, que loitan pola despenalización do aborto, no marco da democracia, os dereitos humanos e a xustiza social.

Asumiuse o 28 de setembro como o día pola despenalización do aborto, no marco do V Encontro Feminista de Latinoamérica e o Caribe, realizado en San Bernardo, Arxentina, no ano 1990. Esta proposta fíxose pola delegación do Brasil, para rescatar o 28 de setembro de 1888, cando no Brasil se declarou a liberdade de ventres, asegurando a liberdade a todas as fillas e fillos nacidos de mulleres escravas.

A partir dese momento, as organizacións comprometidas coa campaña, organizan e promoven todos os anos accións de sensibilización para sensibilizar á sociedade e inclidir nos gobernos sobre o problema do aborto inseguro e ilegal, na loita pola despenalización onde aínda é ilegal e do pleno exercicio do dereito aí onde existen maiores avances lexislativos.

Enlaces de interese

http://www.september28.org/

http://www.abortolegal.com.ar/

Mapa do aborto no mundo:

https://rtve.carto.com/viz/292f5b51-cb01-4a0c-abfd-7a8eee104295/embed_map

23 de setembro

Día Internacional contra a explotación sexual e o tráfico de mulleres e nenas.

Un 23 de setembro de 1913 promulgouse na Arxentina a Lei nº 9.143, a primeira norma legal no mundo destinada a loita contra a explotación sexual. Coñecida como “Lei Palacios” esta regulamentación marcou un punto de inflexión na loita contra a esclavización de mulleres e crianzas para o exercicio forzado da prostitución.

A Conferencia Mundial da Coalición contra o Tráfico de Persoas promulgou o 23 de setembro como o “Día Internacional contra a explotación sexual e a trata de persoas” en coordenación coa Conferencia de Mulleres que tivo lugar en Dhaka, Bangladesh, en xaneiro de 1999.

No mundo, a abolición da escravitude, data de principios do século XX. Sen embargo, a trata de persoas no mundo sigue sendo un negocio moi rendíbel e sófrena principalmente ás mulleres e nenas, nun 80%, sendo maiormente para a explotación sexual.

No século XXI, nos países que se autoproclaman no mundo como exemplo de democracia,dereitos da cidadanía… seguen existindo escravas explotadas sexualmente. Non de xeito escondido ou soterrado, senón diante dos nosos ollos nas rúas, en pisos, ou en clubs nas estradas. Algo tan inmundo e desapiadado convive connosco sen límites nas nosas cidades e vilas.

A sociedade e as administracións toleran esta situación e miran cara outro lado, actuandosó cando a súa presencia é molesta ou a exhibición é demasiado evidente, reprimindo na maior parte dos casos ás vítimas e sen menoscabar os privilexios dos opresores.

O estado español é o primeiro consumidor europeo de prostitución, sendo consumidores un 39% de homes. Este porcentaxe non é inocente, queremos poñer o foco nos consumidores, nos que antepoñen os seus desexos a toda ética, nos que asumen que as mulleres están no mundo para o seu servizo.

Cando falamos de prostitución ou de trata, os que demandan, os que alimentan este negocio inxente, fican nun cómodo segundo plano, exentos de toda responsabilidade. Son homes cos que convivimos, pais, fillos, veciños, amigos… e sen a súa demanda este comercioinhumano non existiría.

Dende colectivos feministas e de loita contra esta lacra levase reivindicando dende hai anos unha lei integral para as vítimas de trata e unha maior protección e dotación de medios para as prostituídas. Que non sexan precisas denuncias previas das vítimas para as actuacións, que estas teñan unha maior seguridade e protección para elas e as súas familias, alternativas e programas de axuda…

Na realidade asistimos a escasas e mornas actuacións contra redes e proxenetas, áfrecuente connivencia de poderes públicos cos propios proxenetas e a vítimas totalmente desprotexidas á vista de todo o mundo. Repetimos, non están agochadas, están a vista de todo o mundo.

Como sociedade, cómpre unha resposta urxente e sen físgoas contra este mercado escravista e misóxino: Esixir que se actúe e lexisle con contundencia contra algo que non podemos aceptar e normalizar no noso entorno.

Enlaces de interese

https://www.un.org/es/observances/end-human-trafficking-day 

23 de setembro

Día da visibilidade bisexual.

Dende o 23 de setembro de 1999 conmemórase o Día Internacional da Bisexualidade, ou tamén coñecido como Día da Visibilidade Bisexual, unha data que procura a aceptación, inclusión e fin da discriminación das persoas que manteñen relacións afectivo-sexuais con outras persoas independentemente do seu xénero.

Lanzouse por iniciativa de tres activistas bisexuais dos EUA: Wendy Curry, Gigi Raven e Michael Page que denunciaron a discriminación xeralizada cara esta identidade por parte da comunidade heterosexual mas tamén por parte da comunidade LGBT.

25 de xullo

Día da Matria Galega.

Historia deste día de reivindicación de Galiza como unha Nación.

O 25 de Xullo de 1920, conforme ao acordado un ano antes na II Asemblea Nacionalista celebrada en Compostela, as Irmandades da Fala convocan por primeira vez o Día da Patria Galega coa intención, así manifestada no seu propio boletín ese mesmo día, “de autoafirmación e para que dentro de poucos anos, o 25 de Xullo, non haxa un fogar galego que non deixe de exteriorizar o seu patriotismo”. Neste primeiro trienio da década dos 20, reflectindo o arraigamento social, a celebración non pasou da organización de conferencias, homenaxes a Rosalía, presentación de libros, actuacións musicais e teatrais, ou a colocación da bandeira galega en institucións públicas, como no Concello da Coruña, xa en 1921, ou en Vigo e Compostela en 1923. A labor de dignificación da Patria e da súa simboloxía xunto á construción dun imaxinario colectivo propio encetado polas Irmandades, vaise ver cortada co Ditadura de Primo de Rivera que prohibe expresamente a celebración da data até 1930. Xa que logo, desde 1924 até 1930, a conmemoración do Día da Patria Galega quedou restrinxida aos editoriais de A Nosa Terra, xornal naquela altura vinculado ao nacionalismo, iso si, visados pola censura militar, dada a imposibilidade de celebrar actos e mesmo de exhibir simboloxía que non fose común ao conxunto do Estado.

A proclamación da II República vai permitir restaurar a convocatoria, normalizándose os actos na xornada do 25 naquelas vilas e cidades onde o nacionalismo tiña representación, organizándose xantares no que tomaban a palabra os dirixentes do Partido, distribuíndose manifestos e follas voandeiras así como recuperando espazos para a simboloxía nacional, nomeadamente a bandeira. Porén, será a partir de 1934, coa instauración do Mitin das Arengas a celebrar a partir das 11 da noite do 24 de Xullo na Praza da Quintana, cando se lle dá un novo pulo a data. O Mitin das Arengas, da que só se celebraron dúas edicións, e que xuntaba en Compostela aos nacionalistas de toda Galiza, iniciábase coa intervención dos dirixentes do nacionalismo e daba remate cunha manifestación que tiña como final a estatua a Rosalía na Ferradura, que só se puido celebrar na primeira edición. O acto que era duramente criticado na prensa da época polo seu carácter anti-español, anunciaba unha nova metodoloxía, sen experimentar na práctica nacionalista, para actuar entre as masas ao tempo que servía, en palabras de Bóveda, para facer máis real e concreta unha xornada dedicada até o entón en abstracto á Terra.

O Golpe de Estado militar e a ditadura franquista significou que durante un longo período de tempo a convocatoria do Día da Patria Galega ficara restrinxida ao ámbito da emigración, onde precisamente máis se cuestionara e seguía a cuestionar a data escollida pola súa vinculación ao “Matamouros”, propoñendo na contra o 17 de Decembro data do asasinato de Pardo de Cela, como símbolo da perda das liberdades galegas. Así e todo a mediados da década dos cincuenta comezase a celebrar o 25 de Xullo a “Misa de Rosalía” en Santo Domingos de Bonaval, onde se dan cita o conxunto dos galeguistas, fosen ou non de orientación piñeirista. Haberá que agardar a 1968 a que a UPG, fundada catro anos antes rescate a data na denominación e no contido, do secuestro á que tiñan sometido a dirixencia do Grupo de Galaxia.

O 25 de Xullo de 1968 a capital de Galiza amenceu tomada pola Policía Militar que tentaba impedir a celebración do Día da Patria Galega convocada pola Unión do Povo Galego cunha concentración na Praza do Obradoiro. Porén, as forzas represivas do franquismo, non foron quen de evitar que os nacionalistas penduraran na entrada da Alameda compostelá unha faixa co lema “Viva Galiza ceibe e socialista” que mantivo presente a reivindicación nacionalista até ben entrado o mediodía. A resposta policial era a reacción do réxime a intensa campaña de propaganda que a UPG desenvolveu durante as semanas previas ao longo da nación chamando a participar da mobilización patriótica e que se concretou na distribución de milleiros de follas voandeiras, redactadas e impresas en Madrid por Bautista Álvarez, que permitiron que a reivindicación chegara a cada recuncho da Patria. Un ano máis tarde a dirección da UPG, nunha discusión non exenta de polémica, acorda aproveitar a saída da misa de Rosalía de Castro, para celebrar a data, os berros de “Viva Galiza Ceibe”, foron coreados ao final do canto do Himno que naquela ocasión acompañouse do “Venceremos Nos”, o que provocou a intervención indiscriminada dos corpos represivos e a detención de varias persoas, entre elas, de Xaime Illa Couto.

A Unión do Povo Galego, do mesmo xeito que nos dous anos anteriores, vai seguir convocando en solitario o Día da Patria Galega entre 1970 e 1974 cun éxito desigual en canto a resposta popular e chamando, agora, a concentrarse en Santo Domingos de Bonaval. O aumento da introdución social do nacionalismo vai dar particular relevo a xornada de 1974, no que após unha intensa campaña previa de axitación social, a marcha patriótica non pode desenvolverse ao aparecer outra vez Compostela tomada pola policía tanto nas súas entradas de acceso como nas súas prazas máis céntricas. A altura de 1975 a Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), que viña de constituírse en Abril deste ano, toma o relevo da UPG na convocatoria e chama ao pobo galego a unha manifestación que partirá ás 6 da tarde de Santo Domingos de Bonaval, no que participan un milleiro de persoas, a pesar da forte presión policial, que remata coa detención de 11 militantes nacionalistas. Un ano máis tarde, respondendo tamén a un chamamento da AN-PG, 5.000 persoas mobilízanse por Compostela. A marcha que non pode saír da Alameda como estaba prevista, tras máis de 100 detencións, disólvese, tendo continuidade ao mediodía con catro manifestacións en catro puntos de Compostela e posteriormente con dúas mobilizacións ás 6 da tarde que conflúen na Ferradura, onde volven actuar con extrema dureza as forzas de orde pública.

A partir de 1978, á tradicional convocatoria da UPG e da AN-PG sumáselle outra nova, como consecuencia do proceso de galeguización formal das forzas políticas de obediencia española. Aínda así a manifestación convocada polo Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG) -alianza formada pola UPG e a AN-PG, supera de longo á da Xunta pre-autonómica co apoio da totalidade das forzas políticas de Galiza baixo a denominación de “Dia Nacional de Galicia”, agás o PSG e un pequeno grupo escindido do nacionalismo que organizan un acto no Teatro Principal, e xa en 1979 volta a ser única mobilización a convocada polo BN-PG. As organizacións e institucións convocantes no ano anterior desistiran ao verse superados pola do nacionalismo, que enche de novo a Praza da Quintana, cunha participación de 20.000 persoas. Será nestes anos cando se asenta o formato da xornada do Día da Patria Galega, tal como a coñecemos hoxe, manifestación na xornada de mañá e convivio lúdico-festivo en horario de tarde na Carballeira de Santa Susana.

O 25 de Xullo de 1980, impídese o aceso da manifestación, nesta ocasión convocada polo BN-PG e o PSG, á Praza da Quintana, recuperada para o nacionalismo nun acto pola amnistía organizado pola AN-PG o 31 de decembro de 1975 coincidindo coa visita a Galiza dos Reis españois, polo que as forzas organizadoras, BN-PG e PSG, deciden dar remate á manifestación na Alameda. No marco dunha onda represiva contra o nacionalismo, directamente vinculado ao proceso recentralizador que xa se inicia antes do Golpe de Estado do 23-F (1981) e que se acentúa cos primeiros  anos do PSOE no Goberno (outubro de 1982), onde destaca a expulsión dos deputados  nacionalistas do Parlamento (novembro de 1982), vólvese a prohibir ao aceso do nacionalismo á Quintana en 1981, 1982 e 1983. Nin eran inocentes as motivacións do poder de impedir o acceso do nacionalismo a Quintana, nin eran caprichosas as reivindicacións deste de rematar a manifestación no casco histórico; uns e outros sabiamos, que o que estaba en xogo era a exclusión e a eliminación do nacionalismo da vida do país, ben pola vía da asimilación, ben polo vía da marxinalización. Os duros enfrontamentos vividos en Compostela o 25 de Xullo de 1983 entre os militantes nacionalistas e as forzas de orde público, no que ocupa un papel central a sentada de máis de 6 horas e a carga policial na Praza de Galiza abriron a vía a que o nacionalismo recupere en 1984 a Praza da Quintana.

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram