A Marcha Mundial das Mulheres presenta a Feira de Soberanía Alimentaria como un referente para reflexionar sobre modelos de producción e consumo de alimentos

Eva Gil en representación da Iniciativa pola Soberania Alimentar dos Povos, foro que agrupa a Veterinarios Sin Fronteiras, Sindicato Labrego Galego, Verdegaia e Amarante; Rebeca Iglesias en representación do colectivo “Asociación Cultural Caleidoskopio” ; María García da Vocalía de Muller e Medio Ambiente de ADEGA, e Mariola Mourelo e Lupe Ces en representación da Marcha Mundial das Mulleres, presentaron en Vigo a Feira de Soberanía Alimentaria que se vai desenvolver na Praza da Estrela desta cidade este fin de semana, sábado e domingo en horario continuado de once da mañá a nove da noite.

“A feira está inspirada nos debates que as delegadas da Marcha están realizando sobre o ben común e o acceso ao recursos, na residencia de Panxón” apunta Lupe Ces, “é unha oportunidade para reflexionar sobre un novo modelo de alimentación que priorice a soberania e os dereitos das persoas fronte as multinacionais”. “Se falamos da fame no mundo, do acceso aos recursos, de pobreza, estamos falando de problemas que sofren maioritariamente as mulleres, de aí a importancia de apoiar iniciativas como a da Marcha e organizar e ampliar redes que traballen pola soberanía alimentaria”, afirmou Eva Gil. Mariola Mourelo fixo fincapé nos aspectos organizativos da feira que vai constar de tres carpas con espazos de debate, de lecer e stans onde mais de vinte colectivos entre asociacións, cooperativas e explotacións agrarias, van pór os seus proxectos á debate e os seus produtos á venda. “Non se trata dunha feira de mostras máis, nen dunha feira gastronómica, é o produto dun traballo colectivo onde todos os grupos implicados consensuaron o proxecto que vai estar aberto á cidadanía este fin de semana na cidade de Vigo”. O Colectivo Caleidoskopio intégrase nesta iniciativa desde posturas do activismo vegano “hai que ter en conta que cando falamos de soberanía alimentaria hai que reflexionar tamém sobre a cantidade de recursos que consumimos, por exemplo, unha alimentación vegana representa un 10% do consumo total de auga que implica a alimentación basada no consumo de carne”.

María García da Vocalía de ADEGA, incidiu en que as mulleres teñen que participar na tomas de decisións sobre os procesos de produción e consumo de alimentos, e en xeral na evolución do território.

Deixa un comentario

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram