As feministas novas, debaten nunha palestra sobre os reptos futuros do feminismo internacional

A través dun xogo de rol se propicia a comunicación das máis novas e as veteranas

O vindeiro domingo 18 ás 17 horas, as feministas novas do VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres, van dar o debate sobre as novas perspectivas do feminismo das máis xoves.

A palestra “Feministas novas : novas perspectivas no feminismo internacional” será exposta polas  delegadas  do Quebec (Anne Valerie Lemieux Breton), Portugal (Sandra Silvestre), Galiza (Zorahaida Casales) e unha representante do colectivo As Lerchas. Por Haití Samia Salomon, con unha representante do colectivo Refraca. Natalia Capellini do Brasil, por formar parte do Secretariado Internacional, vai facer a sua intervención en relación coa Marcha Mundial das Mulleres.

Esta palestra-exposición será un modo de explorar os proxectos ou campañas de cada territorio  e servirá para logo abrir a reflexión sobre os logros do feminismo, a relación coas máis veteranas, as posibilidades de colaboración internacional, e a construción dunha axenda común de xoves feministas.

Para o luns 20 de outubro desenvolverase o obradoiro “Experiencias e desafíos do traballo das mulleres xoves”, na Residencia de Panxón. Este obradoiro terá a forma de xogo de rol no que as máis novas se porán no papel das veteranas e viceversa co fin de afondar na comprensión interxeracional. Deste modo aprofundarase no coñecemento das realidades sociais dos diferentes continentes desde a perspectiva das xoves e das veteranas feministas, fomentaranse os intercambios interculturais e interxeracionais, e crearanse redes de diálogo para o entendemento.

Deixa un comentario

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram