Encontro Internacional, venres 17 de Outubro, Panxón

Na xornada de traballo do Venres 17 de Outubro, que foi plenaria, e que tiña como finalidade definir as accións para o 2010, data de celebración da Acción Global para o 17 de outubro de 2010.

Tras facer unha síntese das propostas que xurdiron nos grupos de traballo reunidos territorialmente, por rexións, e por campos de acción nos días anteriores, as mulleres foron tomando a palabra.

Os temas que xurdiron en relación coas accións son:

  • Soberanía alimentaria, relacionada co medio ambiente. Relación harmoniosa das persoas coa natureza. Cambios climáticos. O racismo contra a poboación indíxena. Privatización da natureza por parte dos gobernos a través de leis. As sementes intercambiadas nas fronteiras para fortalecer a solidariedade internacional.
  • Violencia contra as mulleres, o corpo das mulleres como botín de guerra. A violencia que sofren as mulleres presas. Criminalización da protesta. Mercantilización do corpo das mulleres.
  • Traballo libre das mulleres sen nacionalidades. Traballadoras domésticas. Valorización do traballo como fonte de riqueza para a sociedade. O traballo invisible do coidado. A non apropiación privada dos nosos traballos polas grandes potencias. Contra as fronteiras, liberdade de movimento polo mundo, e de organización para as mulleres.
  • A colonización africana.Militarización, o intercambio de armas por comida. Empresas produtoras de armas, que as fabrican e as exportan (China arma África). O norte é responsábel do que pasa no sur.
  • Historia colectiva das mulleres a través da edición dunha publicación que se irá construíndo coas historias individuais ou comúns a medida marchamos, demostrando así a forza colectiva de todas as mulleres. A solidariedade internacional.
  • A crise económica. Privatización das ganancias e socialización das perdas. Alza dos alimentos básicos. Deslocalización das empresas.

Cada coordenadora nacional, traballará estes temas en función da súa propia realidade para realizar a Acción da Marcha en marzo de 2010.

A necesidade de crear unha imaxe común de todas as  mulleres da Marcha que fortaleza a nosa  identidade como Marcha Mundial das Mulleres, para nós mesmas e para o exterior, cos valores que a definen: Igualdade, Liberdade, Paz, Xustiza e Solidariedade.

Así algunhas delegadas propuxeron a creación dun vestido, que se vai intercambiar e que demostre a internacionalidade da Marcha, a súa diversidade e a unidade a través dunha imaxe común que terá utilidade para realizar un traballo de educación popular a través da realización de obradoiros de creación desa obra común en forma de vestido.

A acción Global para o 17 de outubro do 2010 que ten como principal obxectivo fortalecer a solidariedade  internacional –estemos sempre alerta sobre o que lles pasa ás outras mulleres- consensuouse  para xirar en torno á paz e a desmilitarización, coa presenza implicita dos demais campos de acción, porque as guerras empobrecen ás mulleres, facilitan que as grandes potencias se apropien dos recursos e do seu control, provocan a violencia contra as mulleres e a violación é utilizada como unha arma de guerra, e crece a manipulación dos fundamentalismos relixiosos.

Por padeceren tantos países conflitos bélicos, algúns moi alongados no tempo, outros esquecidos, foi dificultoso escoller cal podería ser o país para a realización desta acción. Zimbawe, Palestina, Irán, Afganistán, Sudáfrica, Paquistán, Iraq, Bangladesh, Colombia, Bolivia, República Democrática do Congo, México e Turquía, foron os países nomeados.

As razóns que finalmente pesaron na escolla da República Democrática do Congo foron moitas, mais fundamentalente pesou o feito de que esta acción de solidariedade tería que ter un resultado palpable canto á mellora das condicións de vida das mulleres do país. A violencia que sofren estas mulleres é diaria, sendo espidas e violadas na súa propia casa e nas rúas. Neste país son as armas as que gobernan incluso nas casas.

Ademais da acción global, pola dificultade para o desprazamento de moitas delegadas a África, por razóns económicas e de visados, faranse tamén accións simultáneas en todo o mundo, aínda que en todas elas se terá presente o país en conflito escenario da acción global.

Deixa un comentario

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram