Primeira xornada de debate por áreas do Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres. Posta en común de experiencias e denuncia de realidades agresivas contra as mulleres.

O Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres desenvolveu a súa primeira xornada de traballo arredor da violencia contra as mulleres, a paz , os bens comúns e o traballo das mulleres. Estes foran os campos de acción determinados para esta ocasión.

Cada grupo de traballo contou coa presenza de delegadas de todos os paises e chegou ao deseño de liñas de acción que terán que ser debatidas na xornada de hoxe a través de grupos de reflexión organizados desta volta por  un criterio territorial, ou sexa por cada rexión do mundo en que está estruturada a Marcha Mundial das Mulleres, para así adaptar cada tema a cada realidade.

A partir de dous documentos elaborados con contributos das mulleres de Portugal, do Quebec, Filipinas, entre outros,  a reflexión sobre a violencia exercida contra as mulleres foi  o tema máis controvertido, por estar pendente o debate do propio termo, da dimensión da denominación desta violencia e pola multiplicidade de formas e manifestacións que esta ten.

Puideron as delegadas exercer a liberdade de denunciar a violencia machista nos seus países de orixe, e transmitir as experiencias de violencia padecidas polas súas concidadás, sabendo que isto sería imposíbel facelo no seu país.

Na coeducación, a recuperación da nosa memoria como mulleres, a creación de unha nova identidade sexual baseada  na igualdade entre as  persoas, poden estar algúns dos pasos  a dar para transformar a realidade da sociedade patriarcal que está na orixe de toda a violencia contra as mulleres.

As mulleres non queremos  ser vitimizadas por esta sociedade que pola súa conformación favorece a violencia machista. Algunhas formas de violencia son exercidas contra as mulleres de certos países e culturas; o feminicidio, nom só en Ciudad Juárez, e a obrigación para o matrimonio da muller viúva co irman do seu marido, tamén se considera violencia contra as mulleres, que non teñen capacidade de resposta no seo das súas sociedades.

O debate sobre a prostitución, de enorme complexidade, apuntou cara a necesidade de accións de denuncia ou de procura de solidaridade das propias mulleres.

Neste sentido a experiencia da coordenadora nacional da República Democrática do Congo foi explicada polas delegadas deste país, quen centraron as súas accións na conscientización das mulleres das aduanas e das policias deste país para detectar e salvar das redes da prostitución a mulleres, nenas e nenos que eran traficados polas mafias. Coa erradicación do tráfico de seres humanos se lograría apartar da prostitución a unha gran parte das persoas que a exercen, e por suposto tamén coa mellora da condición de vida das mulleres, sobre todo nos paises empobrecidos.


Hai unha expresión africana que simboliza  a falta de valía e que se podería traducir como “estás actuando como unha muller, non tes valor”

O tema da paz e a necesaria desmilitarización do planeta foi outro dos eixos de traballo deste Encontro Internacional, por seren as mulleres as primeiras afectadas, xunto coas crianzas, nas guerras.

As consecuencias da guerra e os seus efectos teñen sido avondosamente tratados. Unha análise novidosa é a que procura as causas das guerras, non a que afonda nas súas repercusións sobre os pobos. Con esta intención se planificou o traballo de debate na área de paz e antimilitarismo do Encontro. A maior parte dos paises en guerra teñen unha gran riqueza natural, son ricos; velaí a relación directa entre a riqueza e a guerra, as causas das guerras son económicas.

As guerras traen consecuencias importantes para as mulleres, e unha delas é a migración, que contrasta coa prohibición da libre circulación das persoas. A coordenadora galega da Marcha Mundial apuntou ao respecto os enormes atrancos burocráticos para conseguir os visados das delegadas de moitos países, e a imposibilidade das delegadas de Camerún, Nixeria, Irán de participar neste Encontro Internacional.

As mulleres poden xogar un importante papel nos conflitos pois poden exercer de mediadoras neles.

A formación é básica para chegar aos lugares de decisión, e nisto houbo coincidencia; a discrepancia manifestouse na valoración como positiva da implicación das mulleres nos exércitos que fan as guerras e que responden ao modelo patriarcal de organización da sociedade.
Tamén non todas as guerras son iguais, algunhas son esquecidas, outras non. Coinciden todas en descargar todo o seu caudal violento en maior medida sobre as crianzas e as mulleres. A delegada ruandesa lembrou o caso dos “nenos dos enemigos” no seu país, dobremente vítimas da guerra.

Para o Encontro Internacional do 2010 este tema será retomado e programado a través de accións concretas, centradas nas vítimas dos países en guerra.

As mulleres podemos e debemos impedir que se privaticen os servizos públicos.

A auga potábel é un recurso básico que non debe se privatizado e privado á poboación. Esta denuncia partiu no Encontro da delegada de Mali, quen alertou do perigo da provatización dos servizos máis básicos para as sociedades.

A delegada do Brasil fixo unha denuncia das industrias papeleiras que se apropiam da auga para a súa actividade industrial. “As papeleiras estanos a roubar a auga e isto impide o noso traballo da terra”

A soberania alimentaria, que vai ser o tema central do Foro do sábado 18, non se debe confundir coa seguridade alimenticia. Os agrocarburantes, representan unha utilización do agro devastadora para as persoas e a natureza. Xa Vía Campesina está a falar de necrocarburantes, porque o monocultivo é nefasto para a humanidade.

As mulleres urbanas e rurais que se deben unir para intercambio alimenticio, coñecimentos e experiencias para crear redes.

A esixencia dos dereitos para todas as mulleres por igual, a un salario mínimo, á seguridade social, e a visibilización e valoración do seu traballo foi a principal conclusión da área dedicada ao traballo das mulleres.

Rematou así unha xornada intensa, culminada cunha celebración dunha noite de solidariedade, na que as mulleres intercambiamos danzas e cancións. Segue mañá o VII Encontro da Marcha Mundial en Panxón, co intercambio de experiencias e na procura dunha análise nova e máis acaida sobre a realidade das mulleres do mundo.

Deixa un comentario

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram