Información xeral sobre o VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres

DATAS E ESPAZOS:

  • As datas de celebración son do 14 ao 20 de Outubro.
  • O lugar de celebración do Encontro Internacional é a Residencia de Panxón no concello de Nigrán (Pontevedra).
  • As actividades programadas para toda a cidadanía galega, concretamente o Foro de Soberanía alimentaria, celebrarase no Auditorio Caixanova de Vigo, a praza da Estrela da cidade de Vigo será o escenario da Feira de Soberanía Alimentaria os 18 e 19 de outubro e a Praza do Concello de Vigo o lugar do acto de creación do milladoiro e o de partida da manifestación.

Mulleres en marcha até que todas sexamos libres! é o lema que enmarca o VII Encontro Internacional da Marcha Mundial  das Mulleres que se celebra nesta ocasión na Galiza, sendo destacábel o feito de que este é o primeiro Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres celebrado en Europa.

Este encontro que se está a celebrar na Galiza ten enorme importancia porque se situa no ecuador de accións programadas, e será o momento de valorar o alcance dos logros conseguidos, e a acción pendente para os dous vindeiros anos. Son catro os bloques de acción que serán obxecto de debate ao longo dos días 15, 16, 17  e 18 pola mañá: Paz e antimilitarismo, Ben común e acceso aos recursos, Violencia contra as mulleres, Traballo das mulleres.

Os obxectivos marcados pola coordenadora internacional para estes dias de debate son moi ambiciosos; ademais da definición da acción mundial para o 2010, vaise facer unha reflexión e análise dos desafíos actuais do movimento feminista, e esta análise non vai ser allea á situación actual de crecente militarización do mundo, o avance do neoliberalismo co consecuente empobrecemento dos pobos e o renascimento dos integrismos relixiosos.

Para estrear o Encontro Internacional, a Marcha Mundial Galega realizou unha presentación cargada de poesía, no seu primeiro día, o martes 14, que colocou a Galiza como acolledora das mulleres do mundo, facendo a recepción que toda boa anfitrioa desexa para as súas hóspedes mais queridas: as mulheres do mundo; e entregando en cestas simbólicas os produtos da terra, a terra mesma e coa nosa tradición musical herdada polas mulleres galegas ao longo da historia.
Así comeza a festa-reunión-encontro das mulleres do mundo na Galiza, e continuará nos vindeiros días coa participación de delegacións de mulleres dos cinco continentes.

  • Asia: Bangladesh, Nepal, India, Filipinas.
  • África: Mali, Burkina Faso, Congo, Ruanda, Burundi, Costa de Marfil, Senegal, Túnez, Benin, África do sul, Gambia, Ghana, Mozambique, as Azores.
  • Latino América: Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, Ecuador, O Salvador, Guatemala, Haití, México , Perú.
  • América do Norte: Estados Unidos, Canadá, Québec.
  • Medio Oriente: Marrocos, Palestina, Saharaui, Pakistán,Turquía.
  • Europa: Bélxica, Cataluña, España, Francia, Galiza, Grecia, Italia, País Vasco, Portugal, Suiza, Chipre.

No contexto do Encontro Internacional, terá lugar a FEIRA DE SOBERANÍA ALIMENTARIA que se celebrará os18 e 19 de outubro desde as 11 da mañá na Praza da Estrela en Vigo. Con esta feira, a Marcha Mundial das Mulleres quere criar un espazo para o debate sobre os principios nos que está baseado o dereito dos pobos á súa soberanía alimentaria, que se concreta no dereito a producir as comunidades o seu propio modelo alimentario baseado na produción e consumo a través do mercado local, con prezos xustos, comercio en pé de igualdade e respecto pola terra e os seus recursos como a auga ou as sementes, e tendo como piar o recoñecemento do traballo das mulleres.
A filosofia que inspira esta feira está moi lonxe do que unha feira de mostras convencional, o cal lle dá un carácter especial e participativo. Os colectivos participantes contribuiron con ideas que conduciron por exemplo a que o espazo para as crianzas estea coordenado por Permacultura e As Corcerizas. A feira contará con 3 carpas.

CARPA 1: COLECTIVOS E PROXECTOS
A feira dedica este espazo a colectivos que desenvolven proxectos de soberanía alimentaria en Galiza, colectivos galegos con exposicións e venda de produtos e realización de obradoiros formativos e divulgativos. Os colectivos que participan na feira son Permacultura, ADEGA, Iniciativa pola Soberania Alimentar (dentro deste particularmente Amarante) e Amigos da Terra/As Corcerizas e Entrepueblos. A continuación o programa do sábado 18 e domingo 19.

CARPA 2: DEBATES E PROXECCIÓNS
Este espazo estará dedicado a debates e proxeccións sobre os proxectos de consumo responsábel na Galiza, as mulleres do mar como axentes de soberanía alimentaria, a seguridade alimentaria e a produción ecolóxica, a artesanía alimentaria. A continuación o programa para o sábado 18 e domingo 19.

CARPA 3: PUNTO DE ENCONTRO E FESTA

É un espazo dedicado ao encontro, ao descanso e ao lecer. Contará con exposicións, palco para actuacións e ambigú con pequenos refrixerios elaborados con produtos do país, ademais de cafés e infusións comercializadas baixo os principios do Comercio Xusto. Na xornada do domingo, ao remate da manifestación, haberá distintas ofertas de xantar.
A xestión do café-bar da feira estará a cargo de A Cova dos Ratos, do CS Caleidoskopio de Vigo, un colectivo que non funciona como unha empresa e que non responde a motivacións simplemente comerciais e monetarias. Eles ofertarán  comida e bebidas respeitando os principios básicos de soberania Alimentar e Comercio Xusto.


CARPA 1: COLECTIVOS E PROXECTOS

Mañá

  • 11:30 Obradoiro “Consumo responsábel para mulleres” Carmen Domínguez Grandal (Árbore)
  • 12:30 Presentación ‘A Cova da Terra: 13 anos de experiencia asociativa no consumo consciente’ Clara Mª Raposo González (A Cova da Terra)
  • 13:00 Obradoiro “Contrapublicidade sobre muller e soberanía alimentar. Paula Lubián (Verdegaia)
  • 12–14 Espazo de crianzas Actividades coordinadas por Daria Czibulkova (Permacultura) e Raquel Vázques (Amigos da Terra)

Tarde

  • 16-20 Espazo de Crianzas Daria Czibulkova (Permacultura) e Raquel Vázquez (Amigos da Terra)
  • 16:30 Presentación: ‘Rexurdir do Millo Corvo. Testemuña dunha tradición’ Victoria Martinez Barreiro (Asociación Cultural Meiro)
  • 17:00 Obradoiro para crianzas  “Como facer Pan ecolóxico”. Cesar Lema (Permacultura-Plataforma anti-transxénicos de Tui)
  • 19:00 Presentación: “Muller Naturalmente”. María García (Adega)
  • 19:30 Presentación da Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos. Eva Gil (ISAP)
  • 20:00 Presentación da Iniciativa Árbore. Manuel González Garrido (Árbore)
  • 20:30 Presentación: “Do Comercio Xusto à Soberania Alimentar’. Victor Barro Casal (Amarante)


CARPA 2: DEBATES E PROXECCIÓNS

Mañá

  • 12:00 Vídeo: “Nós, as mulleres da aldea”
  • 13:00 Vídeo e charla: “Campesinas, semilla de cambio” Monserrat Benito Soriano (Entrepueblos)
  • 14:00 Vídeo: ‘Historia das cousas’ Crítica ao actual sistema de producción de consumo

Tarde

  • 16-19 Espazo de crianzas. Daria Czibulkova (Permacultura) e Raquel Vazquez (Amigos da Terra)
  • 16:00 Vídeo: ‘The Greening of Cuba’ Agricultura biolóxica en Cuba
  • 16:30 Vídeo: ‘Las chicas dulces’ Cooperativa de producción de mermeladas en Ecuador
  • 17:00 Soberanía Alimentar nos proxectos de consumo responsábel. Amarante – As corcerizas/Amigos da Terra-Manuel González Garrido ( Cooperativa Arbore)- Lucía Ferreiro (Proxecto Amorodo)
  • 18:30 Presentación e Vídeo “A Semente: A India e Etiopía Andrea Manuela García Corzo (Implicadas no desenvolvemento)
  • 20:00 As mulleres do mar, axentes de soberanía alimentar: Alicia Rodríguez Pérez, expresidenta da Asociación de Mariscadoras de Moaña. Julia Haz Barrientos, Agrupación das Mariscadoras da Ría de Corme e Laxe. Carmen Calvar, Cofradia de Lourizán.

 

CARPA 1: COLECTIVOS E PROXECTOS

Tarde

 

  • 16:30 Obradoiro: “Compostaxe caseira: construción de composteiro” María R. Lafuente e Desirée González (Adega)
  • 18:00 Presentación: “Consomes ou devoras” Paula Lubián (Verdegaia)
  • 18:30 Presentación ‘Semente: Iniciativa de consumo responsábel’. Laura Benso (Semente)
  • 19:00 Presentación “Encarando o cénit do petróleo, decrecemento: vivir mellor con menos” Antonio Palma (Permacultura Galiza)
  • 19:30 Presentación “Centro de Educación Ambiental As Corcerizas. Mostrando realidades, espertando conciencias. Consumo responsable, enerxías renovables e bioconstrución’  Analía Moares (As corcerizas/Amigos da terra)


CARPA 2: DEBATES E PROXECCIÓNS


Mañá

  • 11:00 Vídeo ‘As mulleres de Vía Campesina’
  • 12:30 Vídeo ‘En perigo de escasez de comida’ A crise enerxética da mán de  Bill Mollison, o precursor da permacultura.

Tarde

  • 16:15 Vídeo ‘Que estamos a comer hoxe? Transxénicos control biolóxico’
  • 17:00 Debate “Soberanía e seguridade alimentaria, a produción ecolóxica” Cesar Lema (Plataforma Anti-tranxénicos), Teresa Rua Pardo (Cooperativa Xoaniña), Marta García (Craega), Ana Rodríguez (Sindicato Labrego Galego)
  • 18:30 Debate “A Artesanía alimentaria. Valoracións, regulamentación e proxectos” Carmen Freire (Secretaria Xeral do SLG), Xosé Manuel Durán (Asociación Galega de Apicultura)
  • 20:00 Feche feira. “Marchando pola Soberanía Alimentar” Coa participación de tres delegadas da Marcha Mundial das Mulleres no VII Encontro Internacional.


O FORO INTERNACIONAL DE SOBERANÍA ALIMENTARIA
está ideado para propiciar o debate e a reflexión sobre a perspectiva feminista nos principios da  soberanía alimentaria. Terá lugar o sábado 18 de outubro no Auditorio Caixanova de Vigo, co seguinte programa.

17:00hs. SOBERANÍA ALIMENTARIA, UN DEREITO DOS POBOS, UNHA FERRAMENTA PARA AS MULLERES

  • GLADYS ALFARO (Mexico), representante do CIAM (Centro de Investigación e Acción da Muller Latinoamericana) e delegada do Comité Internacional da Marcha Mundial das Mulleres.
  • LIDIA SENRA (Galiza) , labrega da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego e de Vía Campesina
  • IRENE LEÓN (Ecuador), socióloga e directora da área de muller de ALAI (Axencia Latinoamericana de Información) e colaboradora de Vía Campesina.

19:30hs. CONSTRUÍNDO SOBERANÍA ALIMENTARIA, REALIDADES E PROXECTOS.

  • CARIDAD YNARES (Jing) (Filipinas), avogada de Sarilaya-Kasarian Kalayaan e delegada do Comité Internacional da Marcha Mundial das Mulleres.
  • NANA AICHA CISSÉ (Mali), colaboradora da coordenadora de Organizacións Campesiñas de mali e delegada do Comité  Internacional da Marcha Mundial das Mulleres.
  • DENISE VUILLON (Francia), labrega e representante de AMAP (Association pour le Maintien de l’Agriculture Paysanne em France)
  • ROSARIO SÁNCHEZ (Galiza), labrega e representante do proxecto «O Grelo Verde»
  • ESTHER VIVAS (Catalunya), representante da “Xarxa de Comsum Solidari”

A MANIFESTACIÓN será o domingo 19 de outubro desde as 12.00h con saída na Praza do Concello de Vigo, baixo o lema “MARCHA CON NÓS PARA MUDAR O MUNDO”. Percorrerá as rúas de Vigo até a Estación Marítima.

No seu comezo terá lugar a construción dun Milladoiro coa participación de todas as delegadas da Marcha Mundial das Mulleres. Este milladoiro ten un valor simbólico como construción milenaria de ofrenda ás deusas e deuses para protexernos e guiarnos no camiño. Agora é o lema “Mulleres en marcha até que todas sexamos libres” o que cobra sentido coa construción deste milladoiro. As pedras  traeranas dos seus respectivos países as delegadas.

Foron tres mozas da Escola de Belas Artes, Ana Gesto e Ada Adriana e Marta López quen crearon este proxecto artístico. As sandalias feitas en bronce están deseñadas a partir da zoca tradicional que as mulleres galegas utilizaron no traballo. Confórmase así unha peza cunha carga simbólica que une o universal ( a viaxe representada na sandalia) co particular (a forza) a través do calzado das mulleres. Vaise realizar un grande espectáculo ideado e creado por estas tres novas escultoras-artistas coa colaboración de Uxía Pedreira e Nut teatro, no que participaremos para coller forza e enerxía para a marcha.

O domingo pola tarde as FEMINISTAS NOVAS van celebrar un encontro para debater sobre as novas perspectivas no feminismo internacional. Será  ás 17.00 horas no Centro Social Caixanova de Vigo.

Como parte das actividades organizadas polas mais novas da Marcha, mulleres de diferentes países falarán dos proxectos e campañas que están a desenvolver no seu territorio, salientando as principais dificultades e logros no seu traballo como xoves feministas, relacións coas compañeiras máis veteranas e as posibilidades de colaboración internacional.

Deixa un comentario

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram