Quen somos?

A Marcha Mundial das Mulleres

A Marcha Mundial das Mulleres é un movemento internacional de accións feministas que reúne grupos e organizacións de base que traballan para eliminar as causas da pobreza e da violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e discriminación cara ás mulleres. Os nosos valores e accións oriéntanse a un cambio político, económico e social. Os mesmos que se centran na globalización da solidariedade, na igualdade entre mulleres e homes, entre as propias mulleres e entre os pobos; o respecto e recoñecemento da diversidade entre as mulleres; na multiplicidade das nosas estratexias; na valorización do liderado das mulleres, e no fortalecemento de alianzas entre as mulleres e outros movementos sociais progresistas.

Nacida do desexo de reunir ás mulleres do mundo en torno a un proxecto común, impúxose rapidamente como un formidable movemento mundial despois da organización da Marcha das Mulleres no ano 2000, dando ao movemento feminista a oportunidade de manifestarse e facerse ouvir en todas as esferas.

Logramos, no ano 2000, que retumben os nosos pasos e as nosas voces, como poucas veces ten sucedido. Para conseguilo recurrimos a unha receita moi sinxela, de eficacia confirmada, que consiste en abrir espazos que propicien o diálogo entre as mulleres, no cal estas poidan narrar as súas vidas e atopar o fío condutor para actuar xuntas. É precisamente deste modo que cada unha de nosoutras estivemos abrindo camiños durante os últimos anos. Coa Marcha Mundial das Mulleres temos dado un paso máis para ampliar as redes de influencia entre nós, e logramos facer sentir a nosa presenza tanto aos encargados das decisións que se atopan preto de nós, como a aqueles máis protexidos do noso escrutunio, que se atopan en institucións como a ONU, o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional.

É precisamente esa a nosa principal razón para marchar: aumentar o alcance e o impacto da nosa análise. Unha análise que nos ten levado a querer redefinir as regras polí­ticas, sociais e económicas que nos rexen. O feminismo é un pensamento, un proxecto social, unha alternativa, unha maneira distinta de ver o mundo. O feminismo vai máis alá da simple constatación das desigualdades e da necesidade de permitir o acceso ao poder. Desfacer os sistemas que perpetúan o medo á diferenza, que atizan o odio das diferenzas e xustifican a violencia: denunciar os sistemas que xeran a exclusión e aumentan a dominación. Estes son os motivos que nos animan.

Podedes atopar máis información sobre a Marcha Mundial das Mulleres na páxina internacional: https://marchemondiale.org/

A nosa táboa reivindicativa

Na defensa dos dereitos laborais e outros medios de subsistencia das mulleres:

  • Aplicación dunha política real que revise os distintos sectores laborais, convenios, negociacións marco… que faga realidade “igual salario para un traballo de igual valor”.
  • Causalización da contratación temporal reducíndoa ás necesidades de produción conxuntural. Persecución, por parte da Inspección de Traballo, das empresas que utilizan a economía submerxida ou abusen da contratación temporal. Para evitar este abuso aumentar o custo dos seguros sociais deste tipo de contratos.
  • Eliminación nos convenios de todos aqueles incentivos que promovan o abandono do posto de traballo por mor do casamento. Así mesmo de calquera outra cláusula discriminatoria referida a vestiario, división do traballo por sexos, permisos e linguaxe.
  • Integración das traballadoras do servizo doméstico no Réxime Xeral da Seguridade Social. Mentres esa integración non sexa efectiva, aplicación ás empregadas no servizo doméstico dos mesmos beneficios laborais e sociais, alén das prestacións e subsidios de desemprego, que as persoas afiliadas ao Réxime Xeral.
  • Permiso laboral e salario íntegro ao longo do primeiro ano de vida da crianza.
  • Libre aceso á titularidade da explotación agraria das mulleres labregas. Revisión das limitacións á produción impostas pola Unión Europea.
  • Adaptación da lexislación laboral ás distintas realidades do marisqueo na Galiza e aos distintos colectivos de mariscadoras.
  • Aplicación da xornada laboral de 35 horas semanais sen redución de salario. Eliminación das horas extra salvo en casos de forza maior que serán retribuídas en tempo libre.
  • Ampliación do servizo de comedores escolares a todos os centros públicos de ensino. Creación dunha rede de xardíns de infancia que se adapte ao horario laboral.
  • Garantía dos dereitos recollidos no réxime xeral da Seguridade Social para os traballos realizados polas mulleres presas. Aplicación dentro dos cárceres do dereito fundamental ao traballo.
  • Garantir o dereito ao traballo remunerado, normalizado e o máis integrado posible ás mulleres con discapacidades. Control por parte das Inspeccións de Traballo para que non se utilicen as desgravacións por minusvalías nas contratacións para perpetuar a súa marxinación no mundo laboral.

Contra da pobreza e a exclusión social:

  • Creación dun Salario Social Universal igual ao salario mínimo interprofesional .
  • Igualación das pensións mínimas ao salario mínimo interprofesional.
  • Conservación dentro dos cárceres do dereito a perciber pensións. Aumento da rede pública de asistencia e residencia xeriátrica.
  • Plano global de retorno que garanta a inserción social e laboral das emigrantes.
  • Responsabilidade subsidiaria do estado con respecto ás pensións de mantenza mentres non se efective a resolución xudicial en casos de separación ou divorcio.

Contra da violencia de xénero:

  • Aumento da aplicación de medidas preventivas como o “afastamento”, recollidas na Lei de Axuizamento Criminal e no Código Penal.
  • Aplicación da lei de proteción de testemuñas ás mulleres ameazadas polos seus agresores.
  • Creación en todos os xulgados do turno de oficio específico para mulleres.
  • Aplicación do artigo 408 do Código Penal ao persoal de xustiza e das forzas de seguridade que coa sua práctica machista perpetuen a violencia de xénero.
  • Elaboración dun Plan Galego de Loita contra da Violencia de Xénero, con dotación orzamentaria suficiente, onde participen, tanto na sua redación como no seu seguimento e avaliación as organizacións feministas.
  • Paralización de todos os expedientes de extradición das mulleres prostituídas.
  • Campañas de deslexitimación dos usuarios da prostitución como cómplices do comercio e explotación das mulleres.
  • Persecución dentro dos cárceres das agresións às mulleres presas. Inhabilitación dos xuíces de vixilancia penitenciaria que non investiguen as denuncias apresentadas polas presas ou as suas familias.

Polos dereitos sexuais , de saúde e reprodutivos:

  • Implantación en todos os centros de saúde de consultas xinecolóxicas. Instauración destas consultas nos centros penitenciarios con módulos de mulleres.
  • Revisión xinecolóxica anual, completa e adecuada ás distintas idades.
  • Cursos de formación específica para todo o persoal sanitário en relación a aquelas doenzas que afectan dun xeito diferenciado ás mulleres.
  • Eliminación na sanidade pública da obxeción de conciencia do persoal sanitario en relación aos dereitos sexuais e reprodutivos.
  • Dereito ao aborto, libre e gratuito con cobertura real na sanidade pública.
  • Sanidade pública, universal e gratuíta. Inclusión dos servizos e intervencións derivadas do cambio de sexo.
  • Ampliación da rede de Centros de Orientación Sexual, actualmente COF, con atención específica ás mulleres mozas. Garantir o acceso gratuíto da mocidade aos métodos anticonceptivos.
  • Creación da área de educación sexual no currículo educativo con participación de profesionais de Sexoloxía, representantes de organizacións de loita pola liberdade sexual e feministas.
  • Aplicación da cobertura da sanidade pública, con todos os seus servizos, ás mulleres en prisión e ás inmigrantes.

Polo remate de todo tipo de discriminación:

  • Persecución de todas as expresións sociais, institucionais, culturais, económicas… que discriminen ás lesbianas.
  • Igualdade de direitos para todas as persoas independentemente da sua prática sexual (adopción, herdanza, coberturas sociais…).
  • Legalización da situación de todas as persoas inmigrantes, dereito á reunificación familiar.
  • Plan específico de actuación contra a marxinación das mulleres ciganas, fomentando na rede de ensino público o interculturalismo; con programas específicos de formación profesional e políticas de emprego e vivenda.
  • Plano específico de actuación contra a marxinación das mulleres con discapacidades onde se contemple unha actuación real no sistema educativo de respecto e integración da diferenza, políticas de vivenda e apoio profesional que fagan realidade a sua independencia persoal. Respecto ao dereito de autodeterminación dos seus corpos e das súas vidas.
YouTube
YouTube
Instagram
Telegram