Mulleres Cristiás Galegas sobre as recentes manifestacións machistas da Igrexa na Galiza

Partillamos con vos a declaración de Mulleres Cristiás Galegas sobre as recentes manifestacións machistas da Igrexa na Galiza:

Entranas de misericordia

Dirixímonos á Igrexa galega, e nomeadamente ao seu arcebispo e bispos, a raíz das declaracións de Francisco Rafael Gómez Canoura, párroco de Zas, para chamar a súa atención sobre o que nos está a preocupar na nosa Igrexa.

O obxecto deste documento é censurar unhas palabras que atentan contra os Dereitos Humanos, escritas por unha persoa concreta que se cre co dereito a podelas dicir, pero tamén denunciar o contexto eclesial que o permite e non toma medidas enérxicas para erradicar este comportamento.

No noso horizonte está a procura dunha mellor Igrexa Galega.
Non entendemos a permisividade por parte da autoridade eclesiástica respecto dun crego que hai pouco rematou o seu período de formación no seminario, un crego que a día de hoxe segue celebrando e predicando nas “súas” parroquias. E entendémola aínda menos cando o comparamos coa dureza coa que se tratan outras declaracións e situacións que non atentan contra os Dereitos Humanos como esta, e nas que non se dubida en pechar a boca ou condenar a persoas e asociacións.

Vemos unha grande distorsión respecto do tratamento das diferentes polémicas que se suscitan no seo da nosa Igrexa e isto lévanos a facer a seguinte reflexión que ten como obxectivo denunciar as actitudes que máis nos interpelan como mulleres, como cristiás e como galegas facendo propostas construtivas que nos axuden a avanzar.

Como mulleres, estamos a sentir en certos sectores da nosa Igrexa un aumento da hostilidade cara nós e cara a causa feminista, que non é outra que a igualdade de todos os fillos e fillas de Deus.

Levamos moito tempo reflexionando sobre esta cuestión, como ben poñen de manifesto o documento Nós, as mulleres na Igrexa, de novembro de 2010 e A violencia de xénero violencia contra as mulleres, de novembro de 2012 e que poden consultar na nosa web www.exeria.org.

Constatamos con tristeza o medo e receo que determinados sectores da Igrexa nos seguen tendo a nós, as mulleres, as súas irmás, medo e receo que se manifesta en actitudes de rexeitamento cando non aberta misoxinia. Cremos que pode ser debido a que a formación dos futuros sacerdotes está
demasiado nesgada cara o masculino. Os cregos deben coñecer o que pensamos ás mulleres para aprender a valorar os noso aportes á vida eclesial. Nótase moito a falla de presenza feminina na formación dos sacerdotes. Na nosa Igrexa contamos con mulleres ben preparadas, algunhas doutoras en teoloxía, outras amplamente formadas en acompañamento espiritual: mulleres que dirixen exercicios espirituais e imparten clases de teoloxía que deberían estar formando aos noso futuros sacerdotes. Non se pode apreciar o que non se coñece.

Como cristiás, vemos con preocupación como a Igrexa se está convertendo no tobo onde se agochan certos sectores de opinión nos que campan persoas que se negan a ter entranas de misericordia, que viven permanentemente en contra de todo o que de bo e xeneroso vai tendo a sociedade nos seus cambios. A Igrexa é o corpo místico de Cristo, signo e sacramento de salvación, pegada de Deus no mundo. No nome de Deus, que fixo o ceo e a terra, do seu fillo Xesucristo, nacido de muller, e do Espírito que alenta a Igrexa non nos podemos permitir ser a institución na que se refuxien o odio, a intolerancia, a inxustiza, a cobiza e o desamor.

Notamos tamén o pouco protagonismo que se lle dá a laicos e laicas, o pouco que se segue apostando por formar un Pobo de Deus adulto na fe. Estamos vendo como cada día as persoas laicas somos relegadas, infantilizadas ou directamente excluídas da acción pastoral, unha acción pastoral á que se nos convoca para elaborar documentos que logo son desactivados e esquecidos nos caixóns dos despachos. Sucedeu co concilio pastoral de Galicia e está a pasar coas conclusións dos Sínodos nas nosas igrexas locais. Sentimos que se nos convoca a participar, pero realmente non se nos escoita.

Como galegas, sentimos a dor da terra ao ver a pouca altura humana de certos sectores da xerarquía da nosa Igrexa, o escaso aprecio que lle teñen á cultura galega, como se resisten a utilizar o galego e como mesmo o desprezan. Notamos actitudes máis próximas á prepotencia que ao sentido eclesial e comunitario. Necesitamos un clero sen medo a dialogar coa comunidade eclesial e coa cultura galega, que saiba respectar as diferentes opcións das persoas, que sexan animadores de auténtica e fonda eclesialidade.

Queremos pedir a toda a Igrexa galega e nomeadamente aos seus pastores: cregos, bispos e arcebispo que renoven e os seus esforzos na formación actualizada dos novos sacerdotes, que os preparen para non ter medo de nós, as mulleres, nin do mundo plural no que viven, para que saiban dar pasos seguros e decididos pola eclesialidade, camiñando cara a formación de comunidades vivas e adultas, responsables na súa fe, sen medo ás diferenzas, acolledoras e misericordiosas, en diálogo coa cultura galega, que sexan semente do Reino de Deus na nosa terra e o mundo.

É tempo de Nadal, ogallá o neno que nace en Belén o faga tamén nos corazóns de todas as persoas.

Ogallá os nosos corazóns de pedra se converten en entranas de misericordia para poder seguir avanzando na eclesialidade, a xustiza e a paz.

Asoc. Mulleres Cristiás Galegas Exeria. Festa das Santas Inocentes. Nadal 2019.

👇👇https://www.exeria.org/

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram