As traballadoras galegas temos moitos motivos para ir á folga xeral este 11 de novembro, por iso a Marcha Mundial das Mulleres sumámonos ao traballo de preparación desta folga animando a todo o feminismo galego a sumar a súa forza e traballo nesta xornada de loita da clase traballadora.
Queremos transformar o mundo para transformar a vida das mulleres e transformar a vida das mulleres para transformar o mundo, e para termos vidas dignas estas son as nosas esixencias:
1.- Queremos empregos, salarios e pensións dignas. Queremos un sistema público de protección para o desemprego con cobertura das necesidades básicas: vivenda, alimentación e subministros.
2.- Queremos maternidades dignas: un sistema público de escolas infantís e baixas xustas remuneradas para a crianza e a conciliación.
3.- Queremos a vida no centro: un sistema radicalmente diferente mas en canto non chega demandamos un sistema público de benestar que dea soporte ás persoas máis vulnerábeis e garantía de vidas felices.
4.- Queremos educación feminista para transformar o mundo: un sistema público de esino con perspectiva feminista que garanta a non discriminación e unha aprendizaxe libre.
5.- Queremos saúde para a vida das mulleres: un sistema público de saúde con perspectiva feminista, investimento e recursos humanos para a prevención, acompañamento e atención á saúde das mulleres.
6.- Queremos os nosos dereitos sexuais e reproductivos garantidos.
7.- Queremos os coidados fóra do mercado: un sistema público de atención á dependencia e ás nosas maiores, con condicións dignas para traballadoras e usuarias.
8.- Queremos dereitos para todas: un sistema público que garanta os dereitos de todas, a fin dos discursos de odio e a desaparición das leis de estranxería.
9.- Queremos a fin da violencia machista: uns servizos públicos que traballen na prevención, acompañamento e atención das mulleres que sufren violencia machista. Esiximos máis
recursos e programas públicos para traballar na erradicación da violencia machista.
10.- Queremos protexer e preservar o noso territorio: que o territorio e os bens comúns que conten sexan de xestión pública e non un ben de mercado a espoliar e arrasar polo capital.
11.- Queremos un mundo en paz: combatemos o imperialismo e queremos o fin das guerras e os xenocidios que asolan o mundo impulsados polo capital.
Descarga o material en pdf para usar na túa localidade:
A Coordenadora Local de Ourense inicia unha serie de encontros de traballo para preparar o 25N na cidade cun convite aberto a participar a todas as mulleres que así o decidan.
Como parte dese traballo haberá o 25 de outubro un encontro de mulleres con convivio e xornada de traballo.
Agora que existe unha sentenza condenatoria, o goberno municipal pretende presentarse como defensor da vítima cando durante anos escolleu protexer o acosador.
A Coordinadora Local de Compostela da Marcha Mundial das Mulleres denuncia o intento do Concello de Padrón de reescribir a súa actuación no caso de acoso sexual sufrido por unha traballadora municipal, despois de que a xustiza condenase ao seu agresor por un delito de acoso sexual continuado.
Para a Marcha, o goberno municipal, a través dun comunicado publicado hoxe nalgúns medios, realiza un exercicio de propaganda política destinado a ocultar unha realidade moi diferente: a dunha vítima que durante anos denunciou situacións de acoso, que tivo que reclamar protección de maneira reiterada e que atopou máis obstáculos que apoio por parte da institución na que traballaba.
Consideramos que a sentenza é demoledora non só para o acosador, senón tamén para quen durante anos insistiu en falar de ‘presunto acoso’, poñendo en dúbida a palabra da vítima e empregando a presunción de inocencia como escusa para non actuar.
Queremos lembrar que xa en 2025 denunciamos publicamente a actuación do alcalde, Anxo Rei, por negarse a asumir as súas responsabilidades e por mirar para outro lado mentres a traballadora municipal continuaba denunciando agresións e situacións de acoso. Mentres a vítima pedía axuda, o alcalde preocupábase máis por defender a imaxe do Concello e por desacreditar as denuncias que por garantir a seguridade dunha traballadora.
Desde a MMM consideran especialmente grave que o goberno municipal pretenda agora presentar como exemplares unhas medidas que, segundo denuncian, non impediron que a vítima continuase sufrindo unha situación de angustia e desprotección durante anos. “A realidade é que quen denunciou o acoso viu condicionada a súa vida laboral e sometida a unha constante vixilancia, mentres o acosador seguía contando co amparo dunha institución que nunca fixo da protección da vítima a súa prioridade”.
“A violencia institucional non consiste só en non facer nada. Tamén consiste en cuestionar a palabra dunha muller que denuncia, en atrasar actuacións, en minimizar os feitos, en obrigar a vítima a demostrar unha e outra vez que está sendo acosada e en trasladarlle a ela o peso das consecuencias”, explican.
A Marcha Mundial das Mulleres considera que a sentenza desmonta completamente o relato mantido polo Concello durante todos estes anos. “Coa sentenza confirmouse que a vítima dicía a verdade. Confirmouse que non era un conflito laboral nin unha simple discrepancia entre persoas compañeiras de traballo. Confirmouse que existiu acoso sexual. E por iso hai responsables políticos que deberían facer unha profunda reflexión sobre o papel que xogaron neste proceso”.
A organización feminista lembra ademais que esta condena corresponde exclusivamente á primeira denuncia presentada pola traballadora e que existe unha segunda denuncia pendente de xuízo. “Por iso resulta aínda máis obsceno que o goberno municipal se felicite a si mesmo cando segue habendo procedementos abertos e cando a vítima leva anos soportando unha situación que nunca debería terse prolongado tanto tempo”.
Desde a MMM esixen ao alcalde e ao goberno municipal que pidan desculpas publicamente á vítima por non tela protexido cando máis o necesitaba e por contribuír, coa súa actuación e as súas declaracións públicas, á súa revitimización.
“A suspensión de emprego e soldo anunciada agora non é un mérito do Concello. É unha obriga que chega despois dunha condena xudicial. O que haberá que explicar é por que durante anos non se situaron claramente ao lado da vítima e por que fixeron falta tantas denuncias, tanta exposición pública e unha sentenza para adoptar medidas contundentes”.
A Marcha Mundial das Mulleres reafirma o seu compromiso coa loita contra todas as formas de violencia machista e advirte de que seguirá denunciando cada caso de violencia institucional que contribúa a desprotexer as mulleres que dan o paso de denunciar.
“Se as institucións queren combater a violencia machista, teñen que comezar por escoitar e protexer ás vítimas. Todo o demais son declaracións baleiras. O feminismo non se mide polos comunicados que se emiten cando hai unha condena; mídese polo que se fai cando unha muller pide axuda”.
Vivimos unha crise profunda do sistema capitalista global que é estrutural: non é só económica, senón tamén política, social e ecolóxica. A competencia entre potencias polos recursos naturais, polos mercados e polas cadeas produtivas está a reorganizar o mundo sobre bases de militarismo e imperialismo. As guerras, sancións e inxerencias convértense en ferramentas para asegurar intereses xeoestratéxicos, como vemos nas agresións contra pobos que resisten a dominación imperialista, desde Palestina até países sometidos a bloqueos como Cuba ou o ataque á soberanía nacional de Venezuela.
Esta dinámica vai acompañada dunha nova carreira armamentística en Europa. A UE impulsa máis cooperación en defensa mentres os estados elevan os seus orzamentos para cumprir cos obxectivos da OTAN, nun contexto no que o gasto militar leva anos medrando e bate cifras récord. Ao mesmo tempo multiplícanse os debates sobre a creación dun exército europeo e plans de reindustrialización militar.
No Estado español tamén se promove este aumento do gasto militar para alcanzar “oficialmente” (en realidade xa se superou esa porcentaxe) arredor do 2 % do PIB, en liña cos compromisos coa OTAN e coa UE, medida impulsada polo goberno PSOE-Sumar nun contexto de necesidades sociais crecentes. Esta aposta polo rearme convive coa limitación de investimentos en sanidade, educación, dependencia ou vivenda, trasladando o custo da crise á clase traballadora. O militarismo non é só política exterior: é unha forma de organizar a economía e a sociedade que prioriza a industria armamentística e o control das fronteiras por riba da vida. As consecuencias recaen especialmente sobre as mulleres.
As guerras e as políticas imperialistas provocan desprazamentos forzados, explotación laboral, violencia sexual e pobreza, mentres as mulleres sosteñen a supervivencia das comunidades mediante os coidados e a organización comunitaria. A crise global do sistema non é circunstancial, senón expresión dun modelo que precisa da guerra, da desigualdade e da explotación para continuar, e que non pode garantir vidas dignas nin pobos libres.
Dende a Marcha Mundial das Mulleres loitamos por un mundo en paz baseado na xustiza social e no fin das violencias e por iso o 24 de maio, día Internacional das Mulleres pola Paz e o desarme é unha data da nosa axenda reivindicativa. Neste ano ademáis queremos que sirva como axitación de cara a gran Manifestación Nacional convocada para o 30 de maio en Vigo contra o desfile das forzas armadas.
Neste 17 de maio homenaxeamos nas Letras Galegas a unha das nosas. Dende a Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres queremos expresar a inmensa ledicia e orgullo que supón para nós que Begoña Caamaño faga parte da nosa historia.
Muller comprometida con todas as causas xustas fixo do feminismo a súa bandeira, e co seu traballo incansábel e militancia comprometida contribuiu dende a base para o fortalecemento do movemento feminista galego.
A través da súa militancia nas Mulleres Nacionalistas Galegas formou parte do grupo de mulleres que no ano 2000 constituíron a Marcha Mundial das Mulleres na Galiza conectando a loita das mulleres traballadoras galegas coas loitas do conxunto das traballadoras do mundo nun proxecto anticapitalista, anticolonial, antiracista e antiimperialista que continúa hoxe loitando día a día nos cinco continentes por mellorar a vidas das mulleres.
Begoña Caamaño foi unha mullere comprometida coa transformación social e coa igualdade, coa súa participación fixo posíbel que hoxe, 26 anos despóis do noso nacemento, na Marcha Mundial das Mulleres continuemos revindicando e traballando para dar forza a ese feminismo galego do que ela fixo parte importante.
Formou parte da creación da Marcha no ano 2000 e dos primeiros Encontros Internacionais que permitiron tecer unha rede forte entre as mulleres traballadoras de todo o mundo moito antes da chegada das redes que hoxe nos conectan. Representou á Marcha Mundial das Mulleres na Galiza e a voz das mulleres galegas no 3º Encontro Internacional que tivo lugar en Montreal (Quebec) no ano 2001 baixo o lema “Un paso máis para loitar contra a pobreza e a violencia cara as mulleres” e que serviu para consolidar o un movemento internacional permanente que hoxe pervive en máis de 70 países.
Ao longo dos últimos meses realizamos actividades en O Porriño, Ferrol e Compostela en torno da figura de Begoña, o seu compromiso co feminismo e coa nosa organización, tentando contribuír a espallar a dimensión da súa figura como obreira de tantas loitas colectivas e o seu compromiso central coa loita feminista. Para nós, mulleres da Marcha Mundial, a mellor homenaxe que hoxe podemos rendir a Begoña Caamaño é continuar construíndo e fortalecendo este espazo que axudou a crear e con él o feminismo galego.
O vindeiro 7 de maio terá lugar en Ourense o xuízo no que Carlos da Aira denuncia á compañeira Dores Asorei por suposta intromisión contra a súa honra. Este xuízo é para nós un paso máis nas múltiples violencias que este home ven exercendo contra Dores Asorei.
O noso coñecemento sobre a denuncia destas violencias ten xa un longo camiño, mas nunca nos foi solicitado, como colectivo ou a título individual, unha intervención concreta nen no ámbito público nen no privado por parte de Dores Asorei. Con todo, moitas de nós fomos testemuñas da violencia social exercida polo denunciante e no ano 2021 lanzamos un texto denominado “Erradicar as agresións machistas e a violencia social dos espazos sociais e culturais. (https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSde4PQsnvpe_2pD1qqKH7y4hY88L0lLDOydACdPjcLp3CUhwA/viewform)” que tiña por obxecto chamar a atención sobre o que estaba acontecendo nos movementos sociais en Ourense dos que se pretendía excluír a Dores a través dunha campaña de desprestixio impulsada polo seu agresor.
Nestes últimos anos tivemos coñecemento de que Carlos da Aira empregou o nome da nosa organización e de varias das nosas compañeiras para afirmar un apoio e un respaldo que NUNCA lle demos. Ante isto queremos realizar unha serie de aclaracións públicas para que se coñeza con claridade a nosa posición:
– Dores Asorei nunca solicitou á Marcha Mundial das Mulleres nen as activistas que dela facemos parte intervir no seu proceso.
– O coñecemento sobre a violencia social, psicolóxica e outras que Carlos da Aira exerceu sobre Dores Asorei nestes anos vivímolo en primeira persoa, como mulleres e como organización, e en moitas ocasións asumindo consecuencias ante a nosa negativa a respaldar o relato do denunciante.
– Nen a Marcha Mundial das Mulleres nen ningunha das mulleres que dela facemos parte avalamos o relato de Carlos da Aira, non o fixemos antes e non o facemos agora. Non hai ningunha información da que dispoñamos que nos faga dubidar de brindar un apoio incondicional á compañeira Dores Asorei.
– Participamos, como colectivo e a título individual, nas diferentes accións e movementos que se deron no seo dos espazos sociais en que participamos para deter esa violencia social, denunciala e evitar que seguise reproducíndose. Seguimos facéndoo e non deixaremos de facelo despóis do 7 de maio.
– Sabemos que a xustiza non é hoxe feminista e que non ten a capacidade de reparar. O resultado dun xuízo para defensa da “honra” non mudará en nada a realidade sobre as violencias que o denunciante leva exercido contra Dores Asorei nestes anos, nen o noso apoio caraa ela.
– A demanda interposta a Dores Asorei e que terá como consecuencia este xuízo é máis unha agresión cara ela e o resultado dun novo ataque en reposta á campaña de reparación impulsada dende o tecido social a raíz da publicación do libro “Cantos de dor e liberdade por Palestina”. É inadmisíbel que os agresor pretenda victimizarse e empregar a xustiza para facelo.
– Seguimos demandando , como no 2021, a reparación fronte á violencia social e psicolóxica que sufriu Dores Asorei. Temos a obriga ética de restituír colectivamente a imaxe pública da agredida; se todas exercemos a violencia social, todas somos responsábeis de reparala.
– As Mulleres da Marcha Mundial das Mulleres estaremos o 7 de maio ás portas do xulgado acompañando e apoiando a Dores. Sempre estivemos, estamos e estaremos á súa disposición se nalgún momento quere e precisa a nosa intervención e apoio.
– Convocamos a apoiar á compañeira o 7 de Maio ás 9 da mañá nos Xulgados novos (R. Velázquez, s/n, 32002 Ourense) https://maps.app.goo.gl/ZSnyRK6SLN3bf78j9
Desde a Marcha Mundial das Mulleres, no camiño cara a este Día Internacional das Mulleres Traballadoras, partimos dunha idea central: non hai emancipación das mulleres sen transformación do sistema político, económico e social que organiza o mundo. Levamos décadas sinalando que a pobreza, a violencia e a desigualdade son parte fundamental do capitalismo, do imperialismo e do patriarcado.
Por iso, a análise feminista debe ser internacionalista e situada no noso tempo: entender as dinámicas globais que condicionan as nosas vidas e explicarmos como esas dinámicas se concretan nun territorio como a Galiza.
Crise global do sistema
Vivimos unha crise profunda do sistema capitalista global que é estrutural: non é só económica, senón tamén política, social e ecolóxica. A competencia entre potencias polos recursos naturais, polos mercados e polas cadeas produtivas está a reorganizar o mundo sobre bases de militarismo e imperialismo. As guerras, sancións e inxerencias convértense en ferramentas para asegurar intereses xeoestratéxicos, como vemos nas agresións contra pobos que resisten a dominación imperialista, desde Palestina até países sometidos a bloqueos como Cuba ou o recente ataque á soberanía nacional de Venezuela.
Esta dinámica vai acompañada dunha nova carreira armamentística en Europa. A UE impulsa máis cooperación en defensa mentres os estados elevan os seus orzamentos para cumprir cos obxectivos da OTAN, nun contexto no que o gasto militar leva anos medrando e bate cifras récord. Ao mesmo tempo multiplícanse os debates sobre a creación dun exército europeo e plans de reindustrialización militar.
No Estado español tamén se promove este aumento do gasto militar para alcanzar “oficialmente” (en realidade xa se superou esa porcentaxe) arredor do 2 % do PIB, en liña cos compromisos coa OTAN e coa UE, medida impulsada polo PSOE nun contexto de necesidades sociais crecentes. Esta aposta polo rearme convive coa limitación de investimentos en sanidade, educación, dependencia ou vivenda, trasladando o custo da crise á clase traballadora. O militarismo non é só política exterior: é unha forma de organizar a economía e a sociedade que prioriza a industria armamentística e o control das fronteiras por riba da vida.
As consecuencias recaen especialmente sobre as mulleres. As guerras e as políticas imperialistas provocan desprazamentos forzados, explotación laboral, violencia sexual e pobreza, mentres as mulleres sosteñen a supervivencia das comunidades mediante os coidados e a organización comunitaria. A crise global do sistema non é circunstancial, senón expresión dun modelo que precisa da guerra, da desigualdade e da explotación para continuar, e que non pode garantir vidas dignas nin pobos libres.
Galiza nun modelo dependente
Galiza forma parte deste sistema nunha posición periférica e dependente, cun modelo baseado na exportación de enerxía e materias primas, mentres as decisións sobre o territorio, a industria ou os servizos públicos se toman fóra. Esta dependencia, económica, política e social, limita as posibilidades dun proxecto de vida digno para a maioría da poboación.
O modelo produtivo consolidado combina baixo valor engadido, extractivismo e deslocalización. Proxectos como o macrocomplexo de celulosa de Altri ou acordos como o tratado UE-Mercosur exemplifican esta lóxica: iniciativas que responden a intereses externos, aumentan a presión sobre o agro, a pesca ou a soberanía alimentar e precarizan ás pequenas produtoras galegas.
Este modelo afecta especialmente ás mulleres, concentradas en sectores precarizados e sobrecargadas polo traballo de coidados pola falta de servizos públicos. Desde a Marcha Mundial das Mulleres defendemos a autonomía económica como condición da igualdade real e denunciamos a mercantilización da vida. En Galiza, a falta de soberanía limita a capacidade de decidir sobre o modelo produtivo e dificulta garantir dereitos para as mulleres e para a clase traballadora.
Por iso, falar de feminismo en Galiza implica falar de soberanía e de construír un modelo que poña a vida no centro.
A crise dos coidados e o custo da vida
A crise do custo da vida evidencia as contradicións do sistema. A inflación, a vivenda inaccesible, a enerxía cara e os alimentos encarecidos golpean con máis forza á clase traballadora e, dentro dela, ás mulleres, responsables maioritarias do sostemento dos fogares e das redes comunitarias. Cando soben os prezos ou faltan servizos públicos, somos as mulleres quen reorganizamos a vida diaria para garantir alimentación e coidados, asumindo máis traballo invisible e renunciando ao tempo propio.
En Galiza isto vese nas mulleres maiores con pensións mínimas que sosteñen familias enteiras, nas traballadoras precarizadas e nas mulleres migrantes que ocupan postos no sistema de coidados. A vivenda inaccesible e os alimentos encarecidos converten a crise económica nunha crise da vida cotiá.
O capitalismo sostense sobre a división sexual do traballo e a invisibilización dos coidados, maioritariamente non remunerados ou mal pagados. Por iso, a análise feminista non pode separarse da análise económica e territorial: falar de custo da vida é falar de coidados, de dereitos sociais e de redistribución da riqueza. Sen reorganizar os coidados non hai igualdade real nin vida digna para a clase traballadora.
Terra viva.
Defensa do territorio e soberanía alimentar.
Galiza sofre un modelo extractivista que converte o territorio nun espazo de negocio para multinacionais e grandes capitais. Isto exprésase en macroeólicos e minaría agresiva, proxectos industriais contaminantes, forestación intensiva e incendios estruturais, proxectos de polígonos de eólica mariña nas nosas costas…
Este modelo destrúe ecosistemas, economías locais e redes comunitarias. Desde o feminismo defendemos o territorio e denunciamos proxectos que devastan comunidades e biodiversidade, porque a loita feminista está ligada á defensa dos bens comúns e da vida.
As mulleres sostemos economías locais, saberes produtivos e redes comunitarias, e por iso falar de terras vivas é falar de soberanía alimentar: producir alimentos sanos, locais e accesibles, recoñecendo o traballo das mulleres no ciclo produtivo. Sen territorio non hai soberanía, e sen terra viva non hai futuro para este país.
Pobos libres.
Soberanía, antifascismo e corpos libres
A crise sistémica capitalista e a mudanza que desde os anos 90 se dá desde un mundo unipolar até un escenario máis multipolar, representan un grande risco para os EUA, que ve como se pon en cuestión a súa hexemonía económica no mundo.
A resposta que se dá ante isto é unha ofensiva imperialista cun militarismo á alza que coincide, non de maneira casual, cunha vaga autoritaria a nivel mundial na que a ultradereita está a gañar posicións de poder en moitos estados
O avance da ultradereita e o fascismo en Europa e no mundo é unha resposta reaccionaria á crise do sistema que busca reforzar o control social e garantir un modelo baseado na desigualdade. O fascismo aliméntase do medo e do empobrecemento e ataca dereitos básicos, promovendo racismo, machismo e LGTBIfobia, mentres cuestiona dereitos reprodutivos, dereitos das persoas migrantes, dereitos laborais e dereitos culturais e lingüísticos.
A ofensiva autoritaria concrétase en políticas que restrinxen a liberdade sobre os nosos corpos, criminalizan a protesta, endurecen as leis migratorias e normalizan discursos de odio. O control dos corpos convértese nunha ferramenta para disciplinar ás mulleres e ás disidencias e limitar a soberanía dos pobos.
Desde a MMM defendemos un feminismo plural, antirracista, antiimperialista e internacionalista, que entende que a emancipación das mulleres está ligada á liberdade dos pobos. En Galiza, pobos libres significa decidir sobre o territorio e o modelo económico, defender a lingua e a cultura propias, garantir dereitos para todas as traballadoras e vivir sen medo nin discriminación.
Sen liberdade sobre os corpos, sen dereitos para todas as mulleres, tamén para as migrantes, e sen respecto pola lingua e pola cultura non hai soberanía real nin pobos libres. O feminismo constrúe esa liberdade desde abaixo, tecendo solidariedade entre mulleres e entre pobos para facer fronte ao fascismo e ao imperalismo e abrir camiños cara a outro sistema.
Vidas dignas.
Apostamos por un cambio profundo no modelo económico e social que organiza a produción, a distribución da riqueza e o sostemento da vida. Desde o feminismo afirmamos que non haberá igualdade real sen transformar estas bases materiais e sen recoñecer que a economía que garante a vida é a dos coidados e dos bens comúns.
Reivindicamos acceso aos bens comúns, traballo digno e un sistema público de coidados, fronte a un modelo que mercantiliza dereitos básicos e se sostén sobre o traballo non remunerado ou mal pagado das mulleres. En Galiza, falar de vida digna implica sistema público e comunitario de coidados, servizos públicos universais, vivenda accesible, emprego digno no rural e nas cidades e redistribución real da riqueza.
A precariedade laboral feminizada, as pensións mínimas e a sobrecarga de coidados amosan que a crise do sistema é tamén unha crise da vida cotiá. Sen servizos públicos suficientes as mulleres compensan con máis traballo invisible; sen emprego digno multiplícanse as cadeas globais de coidados; sen vivenda accesible aumenta a dependencia económica.
Os coidados non poden seguir recaendo sobre as mulleres como responsabilidade privada. Son un dereito colectivo e unha base da economía, porque sen coidados non hai produción nin comunidade. Garantir vida digna significa reorganizar tempo, riqueza e poder para poñer a vida no centro.
Feminismo é revolución
Falamos de que o feminismo é revolución porque cuestiona as raíces do sistema que destrúe a vida e coloca no centro aquilo que o capitalismo invisibiliza: os corpos, os coidados, o territorio e a soberanía dos pobos. Non é unha reivindicación sectorial: o feminismo é unha proposta política que entende que a igualdade real require transformar radicalmente o modelo económico, social e cultural.
Fronte ao imperialismo e militarismo que sementan guerra e pobreza, o feminismo aposta pola solidariedade entre pobos e pola paz con xustiza social. Fronte ao extractivismo que converte os territorios en espazos de negocio para uns poucos, defende a terra e os bens comúns como base da vida. Fronte ao fascismo e a ultradereita que pretenden controlar corpos e identidades, reivindica corpos libres e diversidade.. Fronte ao capitalismo que precariza e mercantiliza a vida, coloca os coidados e a redistribución da riqueza no centro da organización social.
Desde Galiza, esta análise convértese nunha proposta política concreta: un feminismo internacionalista, popular e galego que entende que sen soberanía non hai igualdade, que sen coidados non hai economía e que sen comunidade non hai futuro. Un feminismo que constrúe esperanza desde abaixo, que tece alianzas entre mulleres e entre pobos, e que traballa para transformalo todo.
Confirmado o asasinato machista de María Belén F. F. de 52 anos, este domingo 1 de febreiro en Sanguiñedo, Mos, o feminismo galgo activa o protocolo de reposta e convoca mobilizacións este martes en todo o país.
▶ Incorpóranse novas convocatorias:
A Coruña, 20h Obelisco A Guarda, 20h Praza do reloxo As Pontes, 20.30h Praza do Hospital Betanzos, 20h Palco da Músic Cangas, 20h diante do Concello Carnota, 19h Praza da Pedra Compostela, 20h Praza 8M Ferrol,20h Praza de Armas Lugo, 20h diante do Concello Melide, 20.30h Praza do Convento Moaña, 19.45h Xardíns do Concello Monforte, 20h Praza de España O Rosal 19h Praza do Concello O Porriño, 20h Praza do Concello Ourense, 20h Castañeira (Subdelegación) Pontedeume, 20.15h diante do Concello Pontevedra, 20h Audiencia Ribadavia, 20h Praza da Madalena Ribadeo, 20.30h Praza 8 de Marzo Ribeira, 20h Praza do Concello Tui, 20h Praza da Inmaculada Val Miñor, 20h Cruce da Ramallosa Vigo, 20h Museo MARCO Vilagarcía de Arousa, 20h Praza Galicia Vilalba, 20h no Templete
Material para descargar e empregar nas concentracións:
Anunciamos hoxe con inmensa ledicia que ven de crearse a Coordenadora Local do Barbanza da Marcha Mundial das Mulleres. Recollendo o traballo de colectivos históricos da zona e os azos das compañeiras que se incorporaron ao feminismo nos últimos anos o esforzo de tecer rede, criar confianza e apostar por sumar forzas ao noso proxecto ten hoxe este marabilloso punto de arranque.
Benvidas compañeiras! Xuntas construímos un feminismo galego forte en defensa dos nosos dereitos. Seguimos en Marcha, até que todas sexamos libres!
Queremos facer mención especial aos colectivos feministas que se incorporan á Marcha Mundial das Mulleres coa creación desta Coordenadora, agradecendo a súa confianza e o seu traballo para sumar forzas e tecer redes que nos permitan loitar xuntas polos nosos dereitos. Benvidas compañeiras!
Comunicado da Marcha Mundial das Mulleres Galiza ante os feitos de abuso sexual que se denuncian contra o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca:
A Marcha Mundial das Mulleres en Galiza quere expresar con absoluta contundencia a súa condena fronte ás graves acusacións de acoso feitas contra o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a nosa solidariedade plena coas mulleres denunciantes. Sabemos que non é doado sinalar situacións de violencia machista en estruturas de poder que, demasiadas veces, actúan como barreiras silenciosas.
Ademais, queremos condenar explicitamente as declaracións realizadas por José Tomé ante as acusacións, nas que califica as denuncias como “montaxe” e resta credibilidade ás vítimas. Este tipo de respostas non só revitimizan ás mulleres que deron o paso, senón que reproducen os patróns do machismo institucional.
Ante a gravidade destes feitos:
Exiximos a dimisión inmediata de José Tomé de todas as súas responsabilidades políticas e institucionais. A exemplaridade pública é incompatible con manter no cargo a alguén sobre quen recaen acusacións tan graves.
Demandamos que o PSOE actúe con responsabilidade e sexa exemplar, evitando ratificar que é un partido que só performa feminismo cando lle convén, incapaz de actuar con firmeza cando as violencias machistas aparecen no seu seo. Nestes momentos debe decidir se é unha forza sistémica que antepón a súa autoprotección á defensa das mulleres ou non. É por isto que EXIXIMOS que pidan a dimisión inmediata e se deixen de dilacións e cálculos políticos.
Solicitamos ao PSOE unha investigación interna rigorosa e independente, e exiximos que quen coñecese os feitos e non actuase abandone o partido e os seus cargos, pois o silencio perpetúa a violencia.
Manifestamos que a ausencia dunha denuncia xudicial non invalida a gravidade das acusacións nin debe servir de escusa para a inacción. Os protocolos galegos de violencia machista non condicionan a actuación institucional á existencia de denuncia penal.
Instamos ao resto de organizacións políticas, nomeadamente ao Partido Popular, a non utilizar este caso como arma arroxadiza, tendo en conta os precedentes moi recentes da súa actuación neglixente co Conselleiro Villares. A violencia machista é estrutural e manifesta tamén o seu poder en escenario políticos, partidarios e institucionais.
Denuncias como esta, como a do ex-conselleiro Alfonso Villares ou as doutros cargos socialistas coñecidas estes días, son síntoma dun machismo estrutural profundo que a sociedade galega está obrigada a confrontar.
A violencia machista é algo inherente ás estruturas sociais actuais, pero iso non significa que sexa inevitable. A diferenza está en escoller entre ser valentes ou ficar caladas, entre actuar ou consentir. Debemos estar do lado da valentía, da transparencia e da protección das agredidas. As declaracións públicas de José Tomé e a súa negativa a dimitir representan a opción contraria: a de blindarse, minimizar, negar e manterse no poder custe o que custe. Así como o posicionamiento actual do PSdeG: non exixir responsabilidades, escorrer o vulto e botar balóns fóra.
Expresamos o noso apoio ás mulleres que deron o paso de denunciar. Pedimos máximo respecto á súa confidencialidade e agardamos que non exista calquera filtración ou cuestionamento público destas mulleres.