
COORDENADORA GALEGA DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES
Ante o asasinato de María José Aboy Guimarey en Valga
Compañeiras, hai tan só catro días todo o país vivía as manifestacións máis numerosas da súa historia. Milleiros de persoas mobilizámonos para denunciar as discriminacións, a desigualdade e a violencia que sufrimos as mulleres.
Cando aínda resoan os berros das mulleres a favor da nosa vida, a nosa independencia e liberdade, os nosos dereitos… desgrazadamente voltamos á rúa para denunciar o feminicidio da nosa veciña do municipio pontevedrés de Valga, de 43 anos, asasinada dun disparo no peito o pasado domingo polo seu marido, Javier B.F. De 46 anos, quen despóis de asasinala disparouse un tiro na cabeza. E desgraciadamente non somos tantas como o pasado día 8. Esa xornada moitas quixemos crer que outro mundo era posíbel. Que por fin tiñamos aliados dispostos a rachar co machismo, acorralar a violencia, aillar aos machistas e que as feministas somos capaces de parar tanta violencia.
María Xosé xa non está, decidiron por ela que a súa tiña que rematar. Decidiron que xa non podía gozar da vida en compañía d @s propios fillos, familia, e amigas.
Mas aquí estamos novamente, somos teimudas, sairemos ás rúas as veces que faga falta até conseguir que toda a sociedade galega repita o histórico 8 de marzo e de unha resposta similar e igual de contundente fronte aos feminicidios.
Os asasinatos machistas non son loucura, son control. Control da vida das mulleres, dos nosos desexos, do noso tempo. Nós non temos valor como suxeitos para os machistas porque non somos máis que un instrumento ao servizo dos desexos masculinos, do patriarcado e do mercado, tres patas que fan de nós, as mulleres, vidas prescindíbeis. Somos a propiedade privada que se pode vender, mudar, usar, manipular e explotar. Podemos ser agredidas, violadas e asasinadas, porque se encargou moi ben o sistema de sinalarnos e atopar adxectivos adecuados para xustificar os seus actos criminais, somos malas, putas, provocadoras, malas nais, malas mulleres, malas fillas… calquera excusa serve para xustificar asasinarnos, tamén a enfermidade.
Nos vindeiros días escoitaremos que non constaban denuncias previas de violencia. Posibelmente depositaremos parte da culpa na muller que non denunciou e non en todas as persoas que dun ou doutro xeito compartían espazos cun asasino e non viron tampouco o perigo nen fixeron nada para impedilo. Porque é preciso que dunha vez por todas poñamos o foco da atención no violento, no maltratador, no asasino e non nas vítimas.
Política, mercado, publicidade, prensa, tv, películas, novelas, xeran un imaxinario de posesión e de dominación do home sobre a muller, que fai que calquera de nós poidamos ser aquelas nas que se materialice a supremacía masculina, a masculinidade hexemónica dominante. Todas aquelas persoas que negan a violencia machista, ou ben que a xustifican negando que o único motivo dos asasinatos é o patriarcado, é cómplice de cada asasinato.
Necesitamos máis medios para protexer aquelas que denuncian si, pero é fundamental arrincar de raíz a ideoloxía que permite que existan: esiximos coeducación nas escolas e formación en xénero para profesionais da medicina, para profesionais da xustiza, en definitiva, formación en todos os ámbitos. Xa temos nomeada a violencia. Agora toca loitar verdadeiramente contra ela cos medios suficientes. As mulleres non somos persoas para outros, reclamamos sermos persoas de pleno dereito, a violencia que padecemos ten que ser a primeira prioridade das políticas dos nosos gobernos. Xa está ben de que o sistema político e económico utilice a violencia que padecemos para que sigamos sendo cidadás de segunda. Cidadás que se ocupen dos traballos non remunerados que sosteñen a sociedade.
Estamos na rúa porque é urxente que dunha vez por todas se faga unha cobertura dos feminicidios con perspectiva de xénero, que se abran discusións sobre o machismo e a violencia nas escolas. Porque é preciso que se aborde desde idades temperás a violencia de xénero, que se combatan os estereotipos, que se cuestione o poder, as relacións, a violencia machista, que se fale das opresións, dos privilexios de xénero, de educación sexual nas escolas e aulas deste país.
Estamos na rúa porque urxe considerar a violencia machista como problema social e político de extrema gravedade. Estes asasinatos non poden ser considerados como un máis dunha longa lista de feminicidios. Non podemos asumir a cotidianidade dos asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos, máis de medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista. Máis de 800 no estado español.
Porque aínda que desde as filas da dereita neguen a realidade dos feminicidios, e pretendan amosar que son asasinatos que se dan entre calquera xénero ou no ámbito doméstico, o certo é que os presos por violencia machista son o terceiro maior grupo nos cárceres do estado: actualmente hai case vinte mil reclusos por esta causa, fronte a once mil por homicidios.
Queremos poder ser libres. Para circular pola noite, para andar soas polas rúas, para separarnos das nosas parellas sen medo a que nos maten. Estamos fartas da violencia mas tamén da resposta das institucións ás agresións machistas.
Esiximos que a Lei Galega de violencia de xénero sexa efectiva, esiximos recursos e un compromiso de vontade real para acabar co terrorismo machista. Non queremos máis mulleres asasinadas. Non queremos pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito. Queremos que non haxa ningunha muller máis asasinada.
Estamos aquí para amosar a nosa raiba contra a violencia machista que nos asasina. Para que toda a sociedade entenda que é a nosa vida a que esta en perigo. Que non lle pertencemos, nen nós nen a nosa vida, a ninguén. Que podo ser eu a próxima, que podes ser ti.
Que non imos ficar caladas. Que seguiremos saíndo ás rúas tras cada asasinato machista. Farémolo todos os dias que sexan necesarios, esixindo xustiza, loitando pola igualdade e polo respecto, contra os valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade esta violencia que nos atravesa.
Querémonos Libres! Querémonos Vivas!
E seguiremos en marcha, ata que todas sexamos libres!
nacional@feminismo.info | @MMMGaliza | marchamundialmulleres
#Feminicidio #Valga #QuerémonosVivas #feminismogalego #machismomata#MMM #nenunhamenos