Ante o feminicidio de Soledad Rey Valverde en Gondomar

Convocatorias:

Manifesto que se lerá arredor do país:

ANTE O FEMINICIDIO DE SOLEDAD REY VALVERDE EN GONDOMAR

Denunciar a violencia machista


Compañeiras de loita, o mércores chegábanos a terrible nova dun feminicidio máis en Galiza. Esta vez no concello de Gondomar en Pontevedra.

Desde o feminismo galego activamos o noso protocolo de alarma, que ten como obxectivo organizar unha resposta contundente que se materialice en mobilizacións en repulsa aos feminicidios por todo o país.

Desde o ano 2010 son 65 as mulleres que foron asasinadas na Galiza e hoxe concentrámonos de novo en sinal de repulsa. Estas son as cifras da vergoña pero os tempos de pedir xestos remataron e os de xsixir realidades son chegados.

Na loita contra os feminicidios seguimos agardando a que o mundo institucional deixe de gardar minutos de silencio e comece a preocuparse pola vida e seguridade das mulleres, de nada serven máscaras ou lazos lilás se se amparan en políticas criminais contra as mulleres.

Nos primeiros meses da pandemia as consultas aos teléfonos de atención a muller aumentaron máis dun 35%, aliás, os centros de atención ás mulleres aínda non foron declarados polo desgoberno de Feijóo como servizos esenciais. Estamos fartas de ver como o Partido Popular fai gala dunha terrible hipocrisía, repartindo paraugas lilás pola mañá e apoiándose nunha formación negacionista da violencia cara as mulleres pola tarde para poder ter o control das institucións.

Cada día temos o rexistro dunha media de 15 denuncias nos xulgados e hai activos máis de 3500 casos de violencia machista. Temos un intento de violación diario no que vai de ano e aínda con todo moitas persoas seguen a pensar que isto é un problema privado cando realmente é público.

O emprego doméstico e o traballo dos coidados, que seguen a ser caldo de cultivo para a servidume das mulleres e a violencia, a revolta das mulleres en situación de prostitución, a mercantilización dos nosos corpos mediante ferramentas capitalistas como a xestación subrogada, a noxenta abordaxe das noticias sobre os nosos asasinatos por parte dos medios, a hipersexualización nos medios de comunicación… Todo isto é só a punta do iceberg dun virus que tamén que é letal e leva moito tempo: o machismo.

Temos a obriga de organizarnos fronte a quen quere destruírnos, construír discursos inclusivos en todos os ámbitos nos que participamos, porque somos feministas o ano enteiro, porque sen organización e sen loita non hai dereitos para as mulleres.

O FEMINISMO GALEGO NON VAI AVALAR NINGÚN DISCURSO QUE SIGA A POÑER EN PERIGO A VIDA DAS MULLERES POR ISO, SEÑOR FEIJOO, SE REALMENTE QUERE PROTEXER ÁS MULLERES EXIXÍMOSLLE QUE APARTE DAS NOSAS VIDAS AS SÚAS POLÍTICAS PROPIAS DA DEREITA MACHISTA, RACISTA E ANTIGALEGA.

EXIXIMOS QUE DUNHA VEZ POR TODAS SE FAGA UNHA COBERTURA DOS FEMINICIDIOS CON PERSPECTIVA DE XÉNERO. QUE SE ABORDE DESDE IDADES TEMPERÁS A VIOLENCIA MACHISTA, QUE SE COMBATAN OS ESTEREOTIPOS, QUE SE CUESTIONE O PODER, AS RELACIÓNS, A VIOLENCIA MACHISTA, QUE SE FALE DAS OPRESIÓNS, DOS PRIVILEXIOS DE XÉNERO, DE EDUCACIÓN SEXUAL NAS ESCOLAS E AULAS DESTE PAÍS.

EXIXIMOS QUE A LEI GALEGA DE VIOLENCIA DE XÉNERO SEXA EFECTIVA.

EXIXIMOS RECURSOS SUFICIENTES PARA ABORDAR ESTE PROBLEMA E UN COMPROMISO DE VONTADE REAL PARA ACABAR CO TERRORISMO MACHISTA.

Somos o berro das que non teñen voz e por iso hoxe non queremos minutos de silencio porque o silencio é cómplice da violencia machista que nos asasina ano tras ano.

TEMOS DEREITO A SER LIBRE, IGUAIS E A ESTAR NO MUNDO SEN PAGAR POR ESA LIBERDADE.

QUERÉMONOS LIBRES E QUERÉMONOS VIVAS E SEGUIREMOS EN MARCHA ATÉ QUE TODAS SEXAMOS LIBRES.

Galiza, decembro de 2020

Material para difusión:

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram