Neste 25 de novembro do 2025, desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres en Galiza mobilizámonos sob o lema Combater a violencia institucional para acabar coa violencia machista, porque sabemos que a violencia institucional constitúe o cáracter estructural da violencia machista, permeando a cada ámbito da vida e impedindo a conquista dos nosos direitos. Precisamos reconstruír con perspectiva feminsta toda a engranaxe institucional da nosa sociedade para eliminar as discriminacións e as violencias que sufrimos as mulheres galegas. Con esta tarefa e a organización como a nosa mellor ferramenta seguimos en marcha, até que todas vivamos libres de violencia.
A Coruña, 20h Obelisco
As Pontes, 20.30h Praza do Hospital
Betanzos, 20h Praza do Camp
Carnota, 18.30h Praza da Pedra
Chantada, 20.30h Praza do Cantón
Compostela, 20h Praza 8 de Marzo
Marín, 20h Praza 8 de Marzo
Melide, 20h Praza do Convento
Narón, 19h Praza da Gándara
O Porriño, 20h Praza do Concello
Ourense, 20h Castañeira (San Lázaro)
Ponteceso, 20.30h Prada do Recheo
Pontedeume, 20h Praza do Concello
Pontevedra, 20h Praza da Peregrina
Ribadavia, 20h Praza da Madalena
Ribadeo, 19h Praza 8 de Marzo
Vilagarcía, 20h Praza de Galicia
Vilalba, 20h Praza da Constitución
Vigo, 20h Vía Norte
25N: Combater a violencia institucional para acabar coa violencia machista.
O feminismo organizado leva décadas denunciando os crimes machistas como máxima expresión da violencia machista, mas esta violencia toma numerosas formas que tecen unha rede de opresión sobre as mulleres, nomeadamente as de clase traballadora, que cómpre enfrontar en todas as súas dimensións para avanzar na transformación social e na construción dunha sociedade xusta e feminista.
A violencia institucional ocorre cando axentes ou membros de organismos públicos levan a cabo de xeito inadecuado as súas funcións e non proporcionan nin a información nin os servizos de forma adecuada provocando un trato inxusto e incorrendo en situacións de abuso de poder. Neste sentido, calquera autoridade pode incorrer neste tipo de prácticas que teñen efectos discriminatorios e negativos directos nos dereitos das mulleres e que poden afectar tanto a integridade individual como a colectiva.
Violencia xudicial
Todas as persoas que atendan un caso de violencia contra as mulleres: sexa económico, laboral, sexual, físico, psicolóxico, deben garantir unha formación e experiencia axeitada para detectalo, tratar as persoas que denuncian estes feitos con empatía e sensibilidade, realizar un seguimento de todo o proceso e aplicar a lexislación tendo en conta o sistema patriarcal imperante para evitar unha revitimización das mulleres.
Para frear esta violencia institucional no marco da xustiza é preciso coñecer e sinalar o que esta pasando, facernos conscientes de que de nada serve todo o traballo que facemos para que a sociedade tome consciencia, identifique e denuncie a violencia machista se o proceso de denuncia vai colocar ás mulleres e ás crianzas en situación de sufrir máis violencia.
- Exiximos o fin da custodia compartida imposta con maltratadores.
- Exiximos a creación de xulgados específicos e excluíntes de violencia machista por todo o territorio galego, especialmente nas principais cidades e vilas.
- Exiximos información pública do proceso de denuncia machista e dos dereitos das mulleres: a estar acompañadas por avogadas no momento da denuncia, á atención psicolóxica e o acompañamento, a solicitar medidas de protección, a coñecer os recursos á súa disposición.
- Demandamos formación específica de todo o persoal e axentes que atenden a mulleres que sufren violencia machista en todos os níveis da administración pública: policial, xudicial, administrativo e social.
- Esiximos que os recursos públicos postos a disposición da atención e o acompañamento das mulleres que sufren violencia machista mediante programas ou finanzamento público traballen de forma coordenada e se informe da disponibilidade dos mesmos a todos os axentes que interveñen. A violencia machista non sabe de horarios de oficina.
- Reclamamos a revisión da atención e servizo que se presta nos organismos públicos nos que se emiten informes que afectan aos procesos de denuncia: Incrementar o persoal do IMELGA e supervisar a súa formación en materia de violencia machista para evitar que se empreguen invencións como o Síndrome de Alienación Parental contra as mulleres.
- Exiximos a modificación do decreto dos Puntos de Encontro Familiar para esixir formación específica sobre violencia machista ás traballadoras dos mesmos, garantir a protección das nenas e nenos e establecer un tratamento diferenciado para casos nos que exista sospeita de violencia machista e facelo con xestión pública e non privatizada. Tamén a súa modificación para exixir que nos casos de viollencia machista non se empregue pois a finalidade deste recurso é a normalización das relacións familiares.
- Exiximos a retirada das visitas e patrias potestades das crianzas a homes denunciados por agresión sexual ou maltrato infantil ante a existencia de sentenza firme por violencia machista.
Violencia obstétrica
A violencia obstétrica dase nos procesos relativos á saúde sexual e reproductiva das mulleres e do mesmo xeito que durante o embarazo, parto e puerperio as mulleres son infantilizadas, degradadas, tratadas de forma humillante, se lles negan dereitos e se toman decisións sobre o seu corpo e saúde sen o seu consentemento nas insterrupcións voluntarias do embarazo e no proceso que conlevan tamén se dan estas violencias.
- Exiximos a promoción e protección da lactación materna.
- Reclamamos que se garanta o dereito ao acompañamento para probas diagnósticas e partos (en toda circunstancia). Incluíndo o pel con pel coa nai nas necesáreas.
- Exiximos información e consentimento expreso das mulleres para a realización de manobras ou intervencións durante o embarazo, o parto e o puerperio.
- Exiximos o cese inmediato da realización de prácticas desaconselladas pola OMS e o propio Ministerio de Sanidade, como a manobra Kristeller ou a manobra Hamilton, episiotomías de forma rutinaria, puntos do canal do parto innecesarios e non consentidos, etc.
- Denunciamos a instrumentalización dos partos e os intentos de “acortar” os procesos naturais.
- Demandamos o reforzo das áreas obstétricas e de lactancia dos hospitais galegos e a revisión das prácticas desactualizadas.
- Existimos a inclusión dun sistema de cribado e seguimento que asegure e sosteña a saúde mental e emocional nos procesos de embarazo/ parto/ posparto/ aborto/ perda xestacional.
Violencia dende as institucións
Após unha década de conquistas en materia de dereitos para as mulleres, a crise capitalista que enfrontamos co desmantelamento do público como ariete trae consigo o abandono das políticas públicas de prevención, detección, acompañamento e sensibilización fronte á violencia. Hai un número cada vez maior de institucións que recortan programas e iniciativas para loitar contra a violencia machista, nomeadamente unha Xunta de Galiza que separa as competencias de igualdade e de violencia de xénero en dúas Direccións Xerais e elimina a Secretaría Xeral de Igualdade.
- Exiximos que as políticas de igualdade sexan centrais na organización dun goberno que pretenda acabar coa violencia de xénero.
- Exiximos o fin do racismo institucional coa derrogación da Lei da Extranxeiría e das políticas de fronteira criminais da Unión Europea así coma a regularización de todas as persoas migrantes.
- Exiximos a promoción da igualdade e a xustiza entre todas as persoas, mulleres, homes, persoas non binarias,… e entre todos os pobos do mundo.
- Demandamos unha educación de calidade, igualitaria e feminista en que se promovan a igualdade e a diversidade como eixos transversais a todos os currículos.
- Exiximos o cumprimento da lei integral contra a violencia machista e que esta estea en constante actualización para podermos ser quen de combater as novas formas de violencia que aparecen cada día.
- Exiximos a transversalidade do feminismo en todas as políticas que se desenvolvan en todos os niveis institucionais (dende os Concellos ao goberno do Estado).
- Exiximos a dotación económica suficiente para poder abordar a violencia machista, tanto na Galiza como no Estado Español.
- Exiximos recursos e campañas específicas que vaian polos centros de ensino e de traballo deste País, que non fiquen meramente en cartelaría que non se emprega.
Violencia económica
Traballo
O capitalismo non cesou na súa pugna por impoñer o capital fronte á vida. A engranaxe capitalista e patriarcal afóganos diariamente con traballos temporais, precarizados, pensións insuficientes. Condenan ás mulleres a sobrevivir precariamente nun sistema que busca o lucro sobre todas as cousas. Un sistema que se agudizou nos últimos tempos coas crises de prezos e coa inflación que nos afecta aínda máis ás mulleres.
- Reivindicamos a existencia dun sistema de seguridade social universal, a consolidación de empregos con dereitos sociais, igualdade e equidade salarial entre mulleres e homes, condicións axeitadas para a produción e a comercialización para as labregas, artesás, e pequenas comerciantes, acceso ao emprego para as mulleres, acceso á terra e aos recursos.
- Exiximos salarios dignos en centros de traballo libres de acoso e violencias machistas, permisos retribuidos relacionado cos coidados e dereito á promoción profesional libre de estigmas.
- Exiximos a inmediata redución da xornada laboral, como mínimo, a 30 horas.
- Reclamamos igualdade de salarios por igual traballo, o cal pasa por unha eliminación da segregación profesional e por unha valorización económica das tarefas tradicionalmente feminizadas.
- Demandamos protección da saúde das mulleres en situación de maternidade, lactancia, discapacidade… garantizando adaptacións dos postos de traballo.
- Reivindicamos a revisións da saúde e avaliacións de riscos dos postos de traballo tendo en conta a perspectiva de xénero, incluíndo mulleres trans.
- Fomento da contratación en situacións de especial desvantaxe.
Coidados
Revindicamos que os coidados deben ser asumidos polo conxunto da sociedade, co obxectivo de que a comunidade sirva como ferramenta para construír vidas dignas. A sociedade debe garantir que as mulleres podamos desenvolver as nosas escollas de vida con dignidade e liberdade.
Coidar das outras, sexan crianzas, persoas maiores, con enfermidade ou doenzas que requiran do apoio doutras persoas debe ser un labor valorizado socialmente e retribuído, tanto se o coidado está profesionalizado, en mans do capital ou dentro dos servizos públicos, como se este depende dunha persoa ou rede de persoas da contorna. Coidar e ser coidadas debe ser un dereito.
- Reclamamos un sistema público de coidados que garanta coidados en todas as etapas da vida a quen o precise. (Escolas infantiles para quen as precisar, atención á dependencia e coidados na vellez tanto no fogar como en centros públicos).
- Existimos que os empregos relacionados cos coidados teñan retribucións e condicións de traballo dignas, nomeadamente para as empregadas do fogar o recoñecemento no estatuto das traballadoras e a súa incorporación á réxime xeral da seguridade social.
- Demandamos que o tempo destinado ao coidado familiar sexa retribuído e xere tempo de cotización e acceso a prestacións sociais (desemprego, xubilación, incapacidade, etc).
- Exiximos unha baixa de maternidade que garanta unha retribución económica digna durante o primeiro ano de vida con permisos transferíbeis.
Vivenda
O acceso desigual a vivenda xera condicións de vida desiguais, reforzando desigualdades de xénero, clase e raza. No capitalismo a propiedade de vivenda ten cara de home. A ausencia de vivenda social e de políticas sociais cun foco claro na cuestión da vivenda, os prezos de venda e alugueiros elevados e abusivos, vivendas que non cumpren os requisitos mínimos de salubridade, que as mulleres teñamos contratos e salarios máis precarios, pensións máis baixas, con moitas veces crianzas ao cargo, colocanos nunha situación vulnerable que nos leva a vivir en condicións de supervivencia. Esta desigualdade exponnos ademáis a máis violencias económicas, sociais e familiares.
- Exiximos que a vivenda sexa un dereito e o fin da súa mercantilización.
- Demandamos a creación dun banco galego de vivenda social cuxo reparto responda a criterios obxectivos e con perspectiva de xénero.
- Exiximos unha rede habitacional de urxencia para mulleres vítimas de violencia machista que vertebre o noso territorio
- Reclamamos, no inmediato, a creación dunha liña de axuda específica de vivenda para mulleres (que atenda ás cuestións reais que nos atravesan: familias monomarentais, vítimas de violencia machista, salarios inferiores, pensións inferiores…)
- Reivindicamos o acceso libre e universal á vivenda, sen que este acceso teña que estar amparado en cuestións de nacionalidade, clase social ou estabilidade laboral.







