O vindeiro 7 de maio terá lugar en Ourense o xuízo no que Carlos da Aira denuncia á compañeira Dores Asorei por suposta intromisión contra a súa honra. Este xuízo é para nós un paso máis nas múltiples violencias que este home ven exercendo contra Dores Asorei.
O noso coñecemento sobre a denuncia destas violencias ten xa un longo camiño, mas nunca nos foi solicitado, como colectivo ou a título individual, unha intervención concreta nen no ámbito público nen no privado por parte de Dores Asorei. Con todo, moitas de nós fomos testemuñas da violencia social exercida polo denunciante e no ano 2021 lanzamos un texto denominado “Erradicar as agresións machistas e a violencia social dos espazos sociais e culturais. (https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSde4PQsnvpe_2pD1qqKH7y4hY88L0lLDOydACdPjcLp3CUhwA/viewform)” que tiña por obxecto chamar a atención sobre o que estaba acontecendo nos movementos sociais en Ourense dos que se pretendía excluír a Dores a través dunha campaña de desprestixio impulsada polo seu agresor.
Nestes últimos anos tivemos coñecemento de que Carlos da Aira empregou o nome da nosa organización e de varias das nosas compañeiras para afirmar un apoio e un respaldo que NUNCA lle demos. Ante isto queremos realizar unha serie de aclaracións públicas para que se coñeza con claridade a nosa posición:
– Dores Asorei nunca solicitou á Marcha Mundial das Mulleres nen as activistas que dela facemos parte intervir no seu proceso.
– O coñecemento sobre a violencia social, psicolóxica e outras que Carlos da Aira exerceu sobre Dores Asorei nestes anos vivímolo en primeira persoa, como mulleres e como organización, e en moitas ocasións asumindo consecuencias ante a nosa negativa a respaldar o relato do denunciante.
– Nen a Marcha Mundial das Mulleres nen ningunha das mulleres que dela facemos parte avalamos o relato de Carlos da Aira, non o fixemos antes e non o facemos agora. Non hai ningunha información da que dispoñamos que nos faga dubidar de brindar un apoio incondicional á compañeira Dores Asorei.
– Participamos, como colectivo e a título individual, nas diferentes accións e movementos que se deron no seo dos espazos sociais en que participamos para deter esa violencia social, denunciala e evitar que seguise reproducíndose. Seguimos facéndoo e non deixaremos de facelo despóis do 7 de maio.
– Sabemos que a xustiza non é hoxe feminista e que non ten a capacidade de reparar. O resultado dun xuízo para defensa da “honra” non mudará en nada a realidade sobre as violencias que o denunciante leva exercido contra Dores Asorei nestes anos, nen o noso apoio caraa ela.
– A demanda interposta a Dores Asorei e que terá como consecuencia este xuízo é máis unha agresión cara ela e o resultado dun novo ataque en reposta á campaña de reparación impulsada dende o tecido social a raíz da publicación do libro “Cantos de dor e liberdade por Palestina”. É inadmisíbel que os agresor pretenda victimizarse e empregar a xustiza para facelo.
– Seguimos demandando , como no 2021, a reparación fronte á violencia social e psicolóxica que sufriu Dores Asorei. Temos a obriga ética de restituír colectivamente a imaxe pública da agredida; se todas exercemos a violencia social, todas somos responsábeis de reparala.
– As Mulleres da Marcha Mundial das Mulleres estaremos o 7 de maio ás portas do xulgado acompañando e apoiando a Dores. Sempre estivemos, estamos e estaremos á súa disposición se nalgún momento quere e precisa a nosa intervención e apoio.
– Convocamos a apoiar á compañeira o 7 de Maio ás 9 da mañá nos Xulgados novos (R. Velázquez, s/n, 32002 Ourense) https://maps.app.goo.gl/ZSnyRK6SLN3bf78j9
Ourense, 17 de abril de 2026







