IDENTIFICADAS NA CONCENTRACIÓN EN OURENSE!

Este martes 14 de febreiro rexistramos unha queixa ante a Subdelegación do Goberno de Ourense por identificar a compañeiras o pasado martes 8 de febreiro logo da concentración polo feminicidio que tivo lugar en Baiona.

A Marcha Mundial das Mulleres cando organiza activdades reivndicativas faino de xeito responsabel. Por exemplo a manifestación do 8 M o ano 2021 en Ourense, en plena pandemia. Manifestación moi nutrida, que arrancando de Juan XXIII, percorreu as rúas da nosa vila ate o Complexo Hospitalario. Foi un exemplo de bon proceder e así foi recollido na prensa escrita. En todo momento mantivemos as esixencias que se nos fixeron de seguridade -baixo ameaza de sanción-, como a distancia de dous metros entre todas e cada unha das numerosas persoas que participaron foran ou non foran convivintes, e toda a xente acudiu ca obrigatoria mascarilla e amosou disposición a facilitar o benestar coletivo.

Dende o ano 2010 contamos 69 mulleres asainadas por violencia machista na Galiza. Cada un deses terribles asasinatos motivou a mesma convocatoria por pate da MMM en Ourense:

“Concentración ás 20h na Castañeira”

Estas convocatorias da MMM en resposta aos feminicidios non se limitan á vila de Ourense, convocouse neste caso en 32 localidades da Galiza, noutras ocasións en máis ou menos cidades mas nos últimos 8 anos nunca en menos de 20 por convocatoria. Sabemos que co mesmo motivo outras organizacións, partidos políticos, colexios, sindicatos, concellos e institucións autonómicas e estatais convocan concentracións e minutos de silenzo na nosa cidade sen que reciban o trato que vivimos o pasado 8 de febreiro.

Estas concentracións realizadas tras un feminicidio, son de raiba e de dor, e o sentimento que nos invade ante a cara máis cruel da violencia é a desolación, a impotencia, a indignación….

O pasado día 8 de febreiro por desgraza houbo que convocar xa que Beatriz Lijó Gesteira, de 47 anos foi asasinada diante das súas fillas menores. En Ourense non foi das concentracións máis numerosas que temos realizado, e ao remate, cando a xente xa andaba medio dispersa, dous axentes uniformados pedíronnos a nosa identificación.

Repítesenos cada vez que hai ocasión que non hai efectivos suficientes dos corpos de seguridade do Estado para garantir a seguridade das mulleres con ordes de afastamento… semella que si son abondo para presentarse ao finalizar unha concentración e ocupar o seu tempo e o noso identificando activistas feministas.

Hai moito tempo que a policia non interviña nunha das nosas actividades/accións e menos para identificar a compañeiras. Perplexas, preguntamos o motivo obtendo como resposta que ao ser máis de vinte persoas e non termos tramitado o permiso tiñan que proceder á identificación.

Negámonos a que a ocupación dunha acera (onde realizamos as concentracións) teña que estar tutelada polo Estado, e xa temos manifestado en máis ocasións que a ocupación de espazos que non implican alteración algunha da cidade non deben ser obxeto da actuación policial. Nunca antes se nos requerira a identificación ao finalizar a concentración ante un feminicidio e agardamos que non volte reptirs

Mas non só a policia uniformada nos pediu identificarnos senón que de entre a xente que aínda quedaba arredor da Castañeira, apareceron dous axentes máis, sen uniforme que insistiron en identificarnos, e un deles recoñece ser él o que dá a orde.

Ante isto a nosa queixa na Subdelegación do Goberno de Ourense, en mans do PSOE para coñecer os motivos que levan a esta actitude cara o feminismo organizado na cidade. Que provocou este cambio de actitude na policía, que motivou que viñeran a interceptar a tres mulleres da organización, con que finalidade?

Non comprendemos esta acción policial cando estamos fartas de escoitar que contamos cun Pacto de Estado pola Igualdade que compromete a todas as Institucións a volcarse na loita contra a violencia de xénero, e que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado están especialmente implicados nesta loita.

Esiximos saber por que se envían axentes de paisano ás nosas mobilizacións.

Ourense, 15 de febreiro de 2023

YouTube
YouTube
Set Youtube Channel ID
Instagram
Telegram