Comunicado da Coordenadora Local de Ourense da Marcha Mundial das Mulleres
Neste xullo de 2024 coñecemos a condena de 13 anos de prisión e 21 de inhabilitación imposta a Martiño Ramos, profesor no C.P.I Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea), por abusar dunha menor.Queremos expresar unha serie de consideracións:
1. Expresamos todo o noso apoio á agredida, á súa familia e entorno e colocámonos ao seu dispor para o que elas precisen. Sabemos que a reparación non pode ser apenas vía xustiza ordinaria senón que compre tamén unha dimensión social da mesma que acompañe á agredida e ao entorno. Queremos expresar a máis fonda sororidade con elas.
2. Expresamos igualmente todo o noso apoio á comunidade de alumnas e familias que veñen sufrindo a desinformación, a falta de explicacións e a innación tanto do centro educativo como da Consellería de Educación. Cómpre reclamar de forma urxente protocolos que protexan ás agredidas e á comunidade educativa e aparten aos agresores do contacto coas crianzas dende o momento no que existe denuncia. A seguranza das nosas fillas está por cima do exercicio da profesión, neste caso educativa, noutros casos a que for.
3. Reiteramos a importancia de acreditar nas mulleres e nenas que denuncian violencia, no imprescindíbel de non revictimizar nen cuestionar os relatos e de denunciar, xudicial e socialmente, todas as agresións machistas á mínima sospeita de atoparnos cun caso de violencia. Polo noso propio coidado e polo coidado das outras, que tamén poden estar sendo agredidas polo agresor. Sabemos que a denuncia xudicial implica recibir sobre nós toda a violencia institucional e por iso a nosa tarefa como feministas é tamén construír unha rede de apoio e seguranza que sustente ás agredidas que deciden emprender a vía xudicial.
4. Denunciamos a cumplicidade e inacción do profesorado do C.P.I Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea) que incluso se manifestou a favor do condenado ao coñecer a existencia da denuncia e que non acompañou á denunciante e ao alumnado nun proceso tan difícil como este. Coa mesma contundencia queremos denunciar á dirección do centro que non só non acompañou senón que, sabemos, ten xogado un papel nefasto á hora de facilitar a denuncia dos comportamentos do agresor e non acompañou a pais e nais nun proceso de diálogo, contacto e información para xestionar a situación en todos estes anos.
5. Consecuencia desta nefasta xestión por parte do profesorado e direción do centro a agredida tivo que mudar o centro educativo sufrindo unha nova agresión, desta volta por parte do sistema educativo, que fai recaer sobre ela a responsabilidade de atopar un espazo seguro.
6. Dende a Marcha Mundial das Mulleres temos coñecemento da denuncia dende o momento en que esta foi realizada en 2022 mas non foi até este xullo de 2024 que coñecemos, pola prensa, o alcance das acusacións e dos feitos que se probaron na investigación da denuncia. Dende que tivemos coñecemento da denuncia defendemos á denunciante e se non temos emprendido accións públicas ten sido porque hai menores implicadas e o seu benestar está por cima de calquera consideración.
7. Martiño Ramos foi unha persoa moi activa nos movemento sociais de Ourense na última década, moitas de nós compartimos con el momentos de activismo e mesmo ocio e é para nós un shock constatar que existía no noso entorno un depredador que abusou dunha menor. Non quixemos expresar unha posición pública dende a inmediatez destes días porque precisábamos reunirnos, falar, analizar, pois para nós unha situación desbordante no personal. Temos claro cal é o noso papel político de denuncia deste sistema e dos criminais que operan nel, mas as militantes feministas tamén nos atopamos en muitas ocasións con esa sensación de vulnerabilidade e inseguranza ao descubrir que nos nosos entornos existen agresores que constrúen toda unha fachada pública que agocha a súa violencia e un entorno que, logo da denuncia da agredida, xustifica, desculpa e encubre ao agresor en lugar de acompañar á agredida. Sabemos que é difícil, mas é un paso imprecindíbel para afrontar unha resposta feminista ás violencias machistas.
8. Rexeitamos enérxicamente o uso partidario das agresións machistas, nomeadamente a intervención de Gonzalo Jácome, Alcalde de Ourense, - mas non só- nas redes sociais tentando enfangar no lodo da batalla partidaria cunha cuestión tan importante como e a violencia e as agresións machistas. Ningún espazo político está libre de conter agresores e TODOS deben realizar unha fonda tarefa de formación, prevención e acompañamiento en caso de detectar casos de violencia machista.
9. Incluímos neste uso morboso e partidario aos medios de comunicación locais que non tiveron ningún coidado da agredida e do seu entorno na maneira en que trataron a información. Estamos fartas de que se banalice e espectacularice o que sucede arredor das agresións sexuais e demandamos unha ética feminista que se enfoque na agredida e na reparación, na medida en que iso é socialmente posíbel, das agredidas.
10. Constatamos que, como neste caso, os agresores atopan nos novos modelos de masculinidade fachadas dende as que continuar reproducindo o machismo e nas redes sociais ferramentas moi útles para alentar os seus crimes. Precisamos un debate colectivo sobre como abordar o uso destas redes e sobre como protexernos, como mulleres e nenas, do mal uso que de estas se fai, co fin de previr e intervir nestas formas de violencia que se ben xa existían, hoxe toman novas formas a través destas ferramentas.
Queremos finalizar reiterando o noso apoio á agredida, a nosa sororidade e admiración por loitar pola xustiza. Hoxe a xustiza patriarcal aínda non é quen de cumplir coa reparación necesaria mas damos pasos firmes para construír unha que si o sexa. Obrigadas por dar un paso, por ti e por todas as demáis, no camiño de identificar e facer denuncia pública dos agresores machistas. Podes contar con nós para o que precises.
Agosto 2024
Materiais para difundir o comunicado en redes: