Compostela // Non temos que pedir permiso!

De cara ao 25N a MMM anunciou unha ruada nocturna na que un grupo de mulleres sairíamos a percorrer as rúas de Compostela, ataviadas con mandis, fachos e fouciñas. A nosa acción tiña a intención da denuncia social manifestando a outra cara do medo, a de arrepoñernos a el, deixando claro que estamos fartas de ser acosadas, de non poder saír á rúa pola noite sen ser violentadas, humilladas e en casos extremos, agredidas, violadas ou asasinadas.

A piques de comezar a polícia nacional incautou as nosas fouciñas por orde da Subdelegación do Goberno e recriminou non ter solicitado permiso á mesma. Cabe destacar que o alcalde de Compostela, do mesmo partido que ostenta a Subdelegación, estivo na manifestación preto de nós, e non se achegou en ningún momento para explicarnos as suas intencións ocultas de sancionarnos. O PSOE acude ás nosas manifestacións mentres maquina ás nosas costas como pode sancionarnos, como pode facernos calar, como pode castigarnos.

Fomos identificadas pola polícia nacional, que advertiu que recibiremos sanción administrativa, malia terlle exposto que era unha actuación pacífica polas rúas, como se puido comprobar cando a levamos a cabo. Este é o patriarcado e a súa dobre cara: por un lado, a propia Subedelgación concédenos o recoñecemento Meninas 2022 uns dias antes, que rexeitamos porque non cremos en institucións machistas e, polo outro, cando loitamos contra a súa opresión, veñen a por nós ás agochadas, intimidándonos e sancionándonos, con covardía. Estas son as mesmas institucións que se fartan a dicir que non hai medios para protexer ás vítimas da violencia machista mais que, pola contra, poden escoltar a menos de 20 mulleres cunha grilleira chea de policías nunha ruada pacífica.

Cando loitamos contra o patriarcado, sempre está a se reinventar, este 25N foi coa escusa da nosa propia protección, pero o feminismo é máis forte, somos moitas, moi bravas e, aínda nos quedan máis fouciñas coas que recoller o froito da semente de vencer.

QUÉRENNOS CON MEDO BRAVAS NOS TERÁN! Até que todas sexamos libres.

Compostela, 27 de novembro de 2022.

// A violencia machista e a represión franquista contra as mulleres. Montse Fajardo.

Hoxe da man das compas de Orgullo Galego , haberá unha conversa con Monste Fajardo sobre a violencia e represión contra as mulleres no franquismo.

Fundamental visibilizar ás invisibilizadas.

+ info sobre Montse Fajardo: https://gl.wikipedia.org/wiki/Montse_Fajardo

Vídeo da conversa de Montse Fajardo: https://www.youtube.com/watch?v=V_n80Iiio4k

twitch.tv/orgullogalego

YouTube
YouTube
Set Youtube Channel ID
Instagram
Telegram