Comunicado da MMM en relación á manifestación do 25 de Novembro de 2025 en Compostela

Comunicado 25N 2025

A Marcha Mundial das Mulleres de Compostela convoca á manifestación do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres, con saída ás 20h desde a Praza 8 de marzo, cun percorrido similar ao dos últimos anos, e rematando na Praza de Praterías.

Neste 25 de novembro do 2025, mobilizámonos sob o lema Combater a violencia institucional para acabar coa violencia machista, porque sabemos que a violencia institucional constitúe o carácter estrutural da violencia machista, permeando a cada ámbito da vida e impedindo a conquista dos nosos dereitos. Precisamos reconstruír con perspectiva feminista toda a engrenaxe institucional da nosa sociedade para eliminar as discriminacións e as violencias que sufrimos as mulleres galegas. Con esta tarefa e a organización como a nosa mellor ferramenta seguimos en marcha, até que todas vivamos libres de violencia.

Desde o feminismo organizado, desde a Marcha Mundial das Mulleres, levamos décadas denunciando os crimes machistas como máxima expresión da violencia machista, mais esta violencia toma numerosas formas que tecen unha rede de opresión sobre as mulleres, nomeadamente as de clase traballadora, que cómpre enfrontar en todas as súas dimensións para avanzar na transformación social e na construción dunha sociedade xusta e feminista.

A violencia institucional ocorre cando axentes ou membros de organismos públicos levan a cabo de xeito inadecuado as súas funcións e non proporcionan nin a información nin os servizos de forma adecuada provocando un trato inxusto e incorrendo en situacións de abuso de poder. Neste sentido, calquera autoridade pode incorrer neste tipo de prácticas que teñen efectos discriminatorios e negativos directos nos dereitos das mulleres e que poden afectar tanto a integridade individual como a colectiva.

Velaí os eixos polos que este ano saímos ás rúas no 25N. En Compostela será nunha manifestación convocada pola MMM que sairá da Praza 8 de marzo ás 20h. No que respecta a esta convocatoria, queremos trasladar que nos últimos anos, tanto nas datas do 8M como do 25N a MMM ven convocando manifestación en solitario despois de situacións vividas en convocatorias conxuntas, pola disensión existente con outros colectivos na abordaxe de cuestións como a transexualidade. Na manifestación do 25 de novembro do ano 2023 e en aras da unidade do feminismo, decidimos dar pasos para acadar unha manifestación única, como así tivo lugar. Mais, lamentabelmente houbo quen aproveitou esa convocatoria conxunta para amosar condutas transfóbicas, cousa que desde a MMM non toleramos. Tivemos coñecemento de feitos moi desagradábeis acontecidos nesa manifestación do 25N de 2023, entre eles agresións ao colectivo LGTB+, polo que a nosa organización decidiu non volver convocar conxuntamente cos outros colectivos implicados, que acollen persoas con esas condutas transfóbicas.

Por iso, igual que fixemos o pasado 25 de novembro de 2024 e o 8 de marzo deste ano, de cara a este 25 de novembro desde a MMM preparamos a manifestación conmemorativa do 25N en Compostela. A MMM de Compostela, comunicou en tempo e forma á Subdelegación do Goberno a celebración dunha manifestación o 8M, con saída ás 20h desde a Praza 8 de marzo. Mais a nosa sorpresa foi atoparnos con outra convocatoria, que se lanza para a mesma hora e lugar, e coa pretensión de ser unitaria, mais na que figura como organizadora algunha das mesmas plataformas que en varias ocasións e concretamente na manifestación do 25N 2023 ampararon as condutas tránsfobas polas que decidimos non volver convocar conxuntamente.

A nosa sorpresa foi maior, ademais, ao coñecer que a Subdelegación do Goberno, logo do informe favorábel da Policía Local de Compostela, autorizou dúas manifestacións que concordan en hora, lugar e percorrido, algo que no pasado xa supuxo confusión e mesmo problemas de seguridade e que, desde logo, non é o proceder habitual nestes casos.

Facemos un chamamento a aquelas mulleres que consideran, coma nós, que o feminismo é unha loita diaria que busca estabelecer e mellorar os dereitos das mulleres. Para a MMM o suxeito político do feminismo é a muller, sen importar o pasaporte, nin o q diga o D.I., nin o que se lea socialmente negando a nosa voz. Para nós muller é a persoa que coida, que é nai se quere, que aborta se lle peta, que non ten descendencia se así o decide, solidaria, sacrificada, que non promociona no traballo porque hai barreiras que llo impiden, que sofre violencia machista, institucional, obstétrica, e que loita todos os días para derrubar un patriarcado que a oprime pola súa condición, sexa esta biolóxica ou non. Esas son as mulleres polas que loitamos as mulleres da MMM. E non imos pasar por sumarnos a convocatorias que baixo a aparencia da unidade agochan condutas que van en contra desta cuestión fundamental para as mulleres e para a nosa organización, ademais de pretender invisibilizar o traballo de organizacións que loitamos todo o ano pola fin do patriarcado.

Tamén queremos comunicar publicamente algo que xa trasladamos tanto á Subdelegación do Goberno como á Policía Local: non entendemos como se autorizan dúas manifestacións concorrentes en hora e lugar e, desde logo, facemos responsábeis a estas institucións que así o autorizaron das incidencias ou problemas que poidan xurdir na xestión e transcurso destas manifestacións.

Nese sentido, cobra aínda máis valor o lema da campaña da Marcha Mundial das Mulleres para este 25N: Combater a violencia institucional para acabar coa violencia machista.

25N: Combater a violencia institucional para acabar coa violencia machista.

25N 2025

Neste 25 de novembro do 2025, desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres en Galiza mobilizámonos sob o lema Combater a violencia institucional para acabar coa violencia machista, porque sabemos que a violencia institucional constitúe o cáracter estructural da violencia machista, permeando a cada ámbito da vida e impedindo a conquista dos nosos direitos. Precisamos reconstruír con perspectiva feminsta toda a engranaxe institucional da nosa sociedade para eliminar as discriminacións e as violencias que sufrimos as mulheres galegas. Con esta tarefa e a organización como a nosa mellor ferramenta seguimos en marcha, até que todas vivamos libres de violencia.

▶ A Coruña, 20h Obelisco

▶ As Pontes, 20.30h Praza do Hospital

▶ Betanzos, 20h Praza do Camp

▶ Carnota, 18.30h Praza da Pedra

▶ Chantada, 20.30h Praza do Cantón

▶ Compostela, 20h Praza 8 de Marzo

▶ Marín, 20h Praza 8 de Marzo

▶ Melide, 20h Praza do Convento

▶ Narón, 19h Praza da Gándara

▶ O Porriño, 20h Praza do Concello

▶ Ourense, 20h Castañeira (San Lázaro)

▶ Ponteceso, 20.30h Prada do Recheo

▶ Pontedeume, 20h Praza do Concello

▶ Pontevedra, 20h Praza da Peregrina

▶ Ribadavia, 20h Praza da Madalena

▶ Ribadeo, 19h Praza 8 de Marzo

▶ Vilagarcía, 20h Praza de Galicia

▶ Vilalba, 20h Praza da Constitución

▶ Vigo, 20h Vía Norte

25N: Combater a violencia institucional para acabar coa violencia machista.

O feminismo organizado leva décadas denunciando os crimes machistas como  máxima expresión da violencia machista, mas esta violencia toma numerosas formas que tecen unha rede de opresión sobre as mulleres, nomeadamente as de clase traballadora, que cómpre enfrontar en todas as súas dimensións para avanzar na transformación social e na construción dunha sociedade xusta e feminista. 

A violencia institucional ocorre cando axentes ou membros de organismos públicos levan a cabo de xeito inadecuado as súas funcións e non proporcionan nin a información nin os servizos de forma adecuada provocando un trato inxusto e incorrendo en situacións de abuso de poder. Neste sentido, calquera autoridade pode incorrer neste tipo de prácticas que teñen efectos discriminatorios e negativos directos nos dereitos das mulleres e que poden afectar tanto a integridade individual como a colectiva. 

Violencia xudicial

Todas as persoas que atendan un caso de violencia contra as mulleres: sexa económico, laboral, sexual, físico, psicolóxico, deben garantir unha formación e experiencia axeitada para detectalo, tratar as persoas que denuncian estes feitos con empatía e sensibilidade, realizar un seguimento de todo o proceso e aplicar a lexislación tendo en conta o sistema patriarcal imperante para evitar unha revitimización das mulleres.

Para frear esta violencia institucional no marco da xustiza é preciso coñecer e sinalar o que esta pasando, facernos conscientes de que de nada serve todo o traballo que facemos para que a sociedade tome consciencia, identifique e denuncie a violencia machista se o proceso de denuncia vai colocar ás mulleres e ás crianzas en situación de sufrir máis violencia.

  • Exiximos o fin da custodia compartida imposta con maltratadores.
  • Exiximos a creación de xulgados específicos e excluíntes de violencia machista por todo o territorio galego, especialmente nas principais cidades e vilas. 
  • Exiximos información pública do proceso de denuncia machista e dos dereitos das mulleres: a estar acompañadas por avogadas no momento da denuncia, á atención psicolóxica e o acompañamento, a solicitar medidas de protección, a coñecer os recursos á súa disposición.
  • Demandamos formación específica de todo o persoal e axentes que atenden a mulleres que sufren violencia machista en todos os níveis da administración pública: policial, xudicial, administrativo e social.
  • Esiximos que os recursos públicos postos a disposición da atención e o acompañamento das mulleres que sufren violencia machista mediante programas ou finanzamento público traballen de forma coordenada e se informe da disponibilidade dos mesmos a todos os axentes que interveñen. A violencia machista non sabe de horarios de oficina.
  • Reclamamos a revisión da atención e servizo que se presta nos organismos públicos nos que se emiten informes que afectan aos procesos de denuncia: Incrementar o persoal do IMELGA e supervisar a súa formación en materia de violencia machista para evitar que se empreguen invencións como o Síndrome de Alienación Parental contra as mulleres.
  • Exiximos a modificación do decreto dos Puntos de Encontro Familiar para esixir formación específica sobre violencia machista ás traballadoras dos mesmos, garantir a protección das nenas e nenos e establecer un tratamento diferenciado para casos nos que exista sospeita de violencia machista e facelo con xestión pública e non privatizada. Tamén a súa modificación para exixir que nos casos de viollencia machista non se empregue pois a finalidade deste recurso é a normalización das relacións familiares.
  • Exiximos a retirada das visitas e patrias potestades das crianzas a homes denunciados por agresión sexual ou maltrato infantil ante a existencia de sentenza firme por violencia machista.

Violencia obstétrica

A violencia obstétrica dase nos procesos relativos á saúde sexual e reproductiva das mulleres e do mesmo xeito que durante o embarazo, parto e puerperio as mulleres son infantilizadas, degradadas, tratadas de forma humillante, se lles negan dereitos e se toman decisións sobre o seu corpo e saúde sen o seu consentemento nas insterrupcións voluntarias do embarazo e no proceso que conlevan tamén se dan estas violencias. 

  • Exiximos a promoción e protección da lactación materna. 
  • Reclamamos que se garanta o dereito ao acompañamento para probas diagnósticas e partos (en toda circunstancia). Incluíndo o pel con pel coa nai nas necesáreas. 
  • Exiximos información e consentimento expreso das mulleres para a realización de manobras ou intervencións durante o embarazo, o parto e o puerperio.
  • Exiximos o cese inmediato da realización de prácticas desaconselladas pola OMS e o propio Ministerio de Sanidade, como a manobra Kristeller ou a manobra Hamilton, episiotomías de forma rutinaria, puntos do canal do parto innecesarios e non consentidos, etc.
  • Denunciamos a instrumentalización dos partos e os intentos de “acortar” os procesos naturais.
  • Demandamos o reforzo das áreas obstétricas e de lactancia dos hospitais galegos e a revisión das prácticas desactualizadas. 
  • Existimos a inclusión dun sistema de cribado e seguimento que asegure e sosteña a saúde mental e emocional nos procesos de embarazo/ parto/ posparto/ aborto/ perda xestacional.

Violencia dende as institucións 

Após unha década de conquistas en materia de dereitos para as mulleres, a crise capitalista que enfrontamos co desmantelamento do público como ariete trae consigo o abandono das políticas públicas de prevención, detección, acompañamento e sensibilización fronte á violencia. Hai un número cada vez maior de institucións que recortan programas e iniciativas para loitar contra a violencia machista, nomeadamente unha Xunta de Galiza que separa as competencias de igualdade e de violencia de xénero en dúas Direccións Xerais e elimina a Secretaría Xeral de Igualdade.

  • Exiximos que as políticas de igualdade sexan centrais na organización dun goberno que pretenda acabar coa violencia de xénero. 
  • Exiximos o fin do racismo institucional coa derrogación da Lei da Extranxeiría e das políticas de fronteira criminais da Unión Europea así coma a regularización de todas as persoas migrantes.
  • Exiximos a promoción da igualdade e a xustiza entre todas as persoas, mulleres, homes, persoas non binarias,… e entre todos os pobos do mundo.
  • Demandamos unha educación de calidade, igualitaria e feminista en que se promovan a igualdade e a diversidade como eixos transversais a todos os currículos. 
  • Exiximos o cumprimento da lei integral contra a violencia machista e que esta  estea en constante actualización para podermos ser quen de combater as novas formas de violencia que aparecen cada día. 
  • Exiximos a transversalidade do feminismo en todas as políticas que se desenvolvan en todos os niveis institucionais (dende os Concellos ao goberno do Estado).
  • Exiximos a dotación económica suficiente para poder abordar a violencia machista, tanto na Galiza como no Estado Español. 
  • Exiximos recursos e campañas específicas que vaian polos centros de ensino e de traballo deste País, que non fiquen meramente en cartelaría que non se emprega.  

Violencia económica

Traballo

O capitalismo non cesou na súa pugna por impoñer o capital fronte á vida. A engranaxe capitalista e patriarcal afóganos diariamente con traballos temporais, precarizados, pensións insuficientes. Condenan ás mulleres a sobrevivir precariamente nun sistema que busca o lucro sobre todas as cousas. Un sistema que se agudizou nos últimos tempos coas crises de prezos e coa inflación que nos afecta aínda máis ás mulleres.

  • Reivindicamos a existencia dun sistema de seguridade social universal, a consolidación de empregos con dereitos sociais, igualdade e equidade salarial entre mulleres e homes, condicións axeitadas para a produción e a comercialización para as labregas, artesás, e pequenas comerciantes, acceso ao emprego para as mulleres, acceso á terra e aos recursos.
  • Exiximos salarios dignos en centros de traballo libres de acoso e violencias machistas, permisos retribuidos relacionado cos coidados e dereito á promoción profesional libre de estigmas. 
  • Exiximos a inmediata redución da xornada laboral, como mínimo, a 30 horas. 
  • Reclamamos igualdade de salarios por igual traballo, o cal pasa por unha eliminación da segregación profesional e por unha valorización económica das tarefas tradicionalmente feminizadas.
  • Demandamos protección da saúde das mulleres en situación de maternidade, lactancia, discapacidade… garantizando adaptacións dos postos de traballo.
  • Reivindicamos a revisións da saúde e avaliacións de riscos dos postos de traballo tendo en conta a perspectiva de xénero, incluíndo mulleres trans.
  • Fomento da contratación en situacións de especial desvantaxe.

Coidados

Revindicamos que os coidados deben ser asumidos polo conxunto da sociedade, co obxectivo de que a comunidade sirva como ferramenta para construír vidas dignas. A sociedade debe garantir que as mulleres podamos desenvolver as nosas escollas de vida con dignidade e liberdade. 

Coidar das outras, sexan crianzas, persoas maiores, con enfermidade ou doenzas que requiran do apoio doutras persoas debe ser un labor valorizado socialmente e retribuído, tanto se o coidado está profesionalizado, en mans do capital ou dentro dos servizos públicos, como se este depende dunha persoa ou rede de persoas da contorna. Coidar e ser coidadas debe ser un dereito. 

  • Reclamamos un sistema público de coidados que garanta coidados en todas as etapas da vida a quen o precise. (Escolas infantiles para quen as precisar, atención á dependencia e coidados na vellez tanto no fogar como en centros públicos). 
  • Existimos que os empregos relacionados cos coidados teñan retribucións e condicións de traballo dignas, nomeadamente para as empregadas do fogar o recoñecemento no estatuto das traballadoras e a súa incorporación á réxime xeral da seguridade social. 
  • Demandamos que o tempo destinado ao coidado familiar sexa retribuído e xere tempo de cotización e acceso a prestacións sociais (desemprego, xubilación, incapacidade, etc).
  • Exiximos unha baixa de maternidade que garanta unha retribución económica digna durante o primeiro ano de vida con permisos transferíbeis. 

Vivenda

O acceso desigual a vivenda xera condicións de vida desiguais, reforzando desigualdades de xénero, clase e raza. No capitalismo a propiedade de vivenda ten cara de home. A ausencia de vivenda social e de políticas sociais cun foco claro na cuestión da vivenda, os prezos de venda e alugueiros elevados e abusivos, vivendas que non cumpren os requisitos mínimos de salubridade,  que as mulleres teñamos contratos e salarios máis precarios, pensións máis baixas, con moitas veces crianzas ao cargo, colocanos nunha situación vulnerable que nos leva a vivir en condicións de supervivencia. Esta desigualdade exponnos ademáis a máis violencias económicas, sociais e familiares.  

  • Exiximos que a vivenda sexa un dereito e o fin da súa mercantilización.
  • Demandamos a creación dun banco galego de vivenda social cuxo reparto responda a criterios obxectivos e con perspectiva de xénero.
  • Exiximos unha rede habitacional de urxencia para mulleres vítimas de violencia machista que vertebre o noso territorio
  • Reclamamos, no inmediato, a creación dunha liña de axuda específica de vivenda para mulleres (que atenda ás cuestións reais que nos atravesan: familias monomarentais, vítimas de violencia machista, salarios inferiores, pensións inferiores…)  
  • Reivindicamos o acceso libre e universal á vivenda, sen que este acceso teña que estar amparado en cuestións de nacionalidade, clase social ou estabilidade laboral. 

25N | A violencia machista ten moitas formas: combatámolas todas!

No Día Internacional contra a violencia machista a Marcha Mundial das Mulleres quere colocar o foco na multitude de formas que toma a violencia machista e que ten como resultado máis terríbel o feminicidio. 

O feminismo organizado leva décadas denunciando os crimes machistas como  máxima expresión da violencia machista, mas esta violencia toma numerosas formas que tecen unha rede de opresión sobre as mulleres, nomeadamente as de clase traballadora, que cómpre enfrontar en todas as súas dimensións para avanzar na transformación social e na construción dunha sociedade xusta e feminista.

A maior parte das agresións non teñen lugar en espazos alleos ao cotiá senón nos entornos máis próximos: familia, lecer, traballo, ensino, espazos de participación social e política. E son estos espazos onde é máis difícil enfrontala e combatela.

Negación da violencia machista.

Fronte ao avance do movemento feminista colocando no debate público a centralidade do combate da violencia machista para a transformación social existe unha reacción da dereita e dos sectores máis reaccionarios da sociedade de negación da mesma. 

Esta posición avanza na destrución de conquistas como o consenso social sobre a necesidade dunha educación en igualdade nunha sociedade activa no combate da discriminación e a violencia machista.

Desaparición das políticas públicas.

Após unha década de conquistas en materia de dereitos para as mulleres, a crise capitalista que enfrontamos co desmantelamento do público como ariete trae consigo o abandono das políticas públicas de prevención, detección, acompañamento e sensibilización fronte á violencia.

Hai un número cada vez maior de institucións que recortan programas e iniciativas para loitar contra a violencia machista.

Normalización da violencia

Na última década o feminismo colocou nun espazo central da vida pública a denuncia dos feminicidios e das agresións machistas. Hoxe asistimos á normalización desta violencia extrema contra as mulleres onde a reacción social se limita a continuar o reconto de asasinatos sen mover nada da axenda pública.

Malia que o feminismo convoca en ducias de localidades do país unha resposta contundente a cada crime a participación social é escasa e as institucións empregan a mobilización social para “cumplir” mentres desmantelan as súas políticas de igualdade.

Agresións e debate social.

Após a vaga mobilizadora que o feminismo reimpulsou en 2018 os debates sobre a violencia machista, especialmente a sexual, ocupan parte do debate público o que permite visibilizar que a violencia é sistemática e transversal.

O avance no debate público permitiu colocar no foco non só as diferentes violencias machistas (sexuais, institucionais, xudiciais, sociais) senón a transversalidade de moitas delas a nivel social. 

A prioridade é organizarse

Logo dunha gran vaga mobilizadora que incorporou a moitas mulleres á axenda feminista e incrementou a potencia nas rúas o feminismo vive unha fase de repregamento e desaparición de moitos grupos nacidos ao abeiro desas mobilizacións. 

Factores externos como a reacción conservadora e os ataques constantes que o movemento feminista sufriu nos últimos anos e internos como a necesaria clarificación ideolóxica e a orientación estratéxica da loita feminista en cada territorio multiplicaron o seu efecto desmovilizador nun contexto de crise global da participación política e do incremento das propostas e apostas individuais, virtuais ou non. 

Dende a Marcha Mundial das Mulleres analizamos que estos anos de grandes mobilizacións serviron para incorporar compañeiras pero non para fixar reivindicacións e axendas comúns e propias que nos permitan interpelar as diferentes esferas do poder patriarcal para impugnar alén das grandes consignas. 

Os avances sociais e as transformacións son lentas mas requiren de mudanzas sociais e mudanzas materiais concretas, neste contexto defendemos que manter o pulso e a estructura organizativa é o maior reto que o feminismo enfronta e ao que debemos adicar a maior parte do noso esforzo militante. 

Tomar as rúas, construír asembleas e organizazción e crear alternativas concretas para mudar a vida das mulleres é o traballo que temos por diante. 

Este 25 N estas son as nosas demandas inmediatas para o combate da violencia machista:

  • Fronte á violencia psicolóxica: educación en igualdade e medidas de autoprotección que nos permitan vivir sen medo, combater os estereotipos de feminidade e masculinidade que reforzan os roles de xénero e nos sitúan na subordinación e dependencia.
  • Fronte á violencia sexual: acceso ao traballo remunerado, vivenda e apoio psicolóxico continuado ás mulleres vítimas, especialmente ás que viven situacións de trata e ás que queren abandonar a prostitución.
  • Fronte á violencia xudicial: para evitar a revitimización reclamamos formación para o persoal funcionario e ampliación dos xulgados de xénero ao conxunto das cidades do país; garantías de protección para as vítimas e para as súas crianzas, nin custodia nin réxime de visitas para os pais denunciados por maltrato. Ante a privatización da xestión dos centros de atención ás vítimas por parte da Xunta, reclamamos que todos os medios que se poñan a disposición, así como a súa xestión, deben de ser públicos, única forma de que prime o interese de servizo fronte a intereses de lucro.
  • Fronte á violencia na saúde: a saúde das mulleres debe terse en conta na ciencia médica e farmacolóxica, que historicamente só tiveron unha perspectiva androcéntrica. Demandamos servizos públicos de saúde que garantan o coidado do conxunto da poboación, con medios e prazos razoábeis, que eviten sobrecargar  as mulleres cos coidados de doentes e dependentes. Precisamos que a educación sexual forme parte da saúde, que se garanta o dereito ao aborto na rede sanitaria pública máis cercana e que se poña fin a prácticas médicas que constitúen violencia obstétrica.
  • Fronte á violencia no traballo: que se obrigue ás empresas a teren protocolos de acoso, se fagan públicos e se poñan en práctica; que se difundan todas as formas de violencia e se garanta que todas as persoas que conviven no traballo as identifiquen e coñezan os mecanismos para denuncialas e, sobre todo, que as vítimas conten sempre con todas as medidas de protección.
  • Fronte á incomprensíbel separación das competencias de igualdade e de violencia de xénero en dúas Direccións Xerais e á supresión da Secretaría Xeral de Igualdade no goberno do PP na Xunta, reclamamos que as políticas de igualdade deben ser centrais na organización dun goberno que pretenda acabar coa violencia de xénero. E engadimos que a persoa que asuma o papel de rexer ou coordenar as políticas contra as violencias de xénero debería ter formación en igualdade e coñecer as alternativas feministas para o combate de todas as formas de discriminación das mulleres, entre as que se encontran as violencias contras as mulleres.

MOBILIZACIÓNS

A Coruña, 20h Obelisco

Cee, 20h Praza 8 de marzo

Compostela, 20h Praza 8M

Fene, 19h Praza do Concello

Laxe, 20h Praza Ramón Juega

O Porriño, 20h Praza do Concello

Ourense, confirmada

Ponteceso, 20h Praza do Recheo

25N // Organicémonos contra as violencias machistas!

A data 25 de novembro, escollida no 1981 no I Encontro Feminista Latino – Americano e do Caribe, presta homenaxe ás irmás Mirabal, vítimas do feminicidio e da ditadura. Elas foron ecarceradas, violadas e asasinadas a mando da ditadura da República Dominicana nos anos 60. En nome da memoria colectiva, o día marca as loitas polo fin das violencias contra as mulleres.

Neste 25 de novembro do 2023, desde a Marcha Mundial das Mulleres en Galiza, mobilizámonos sob o lema Organicémonos contra as violencias machistas, porque achamos máis que imprescindíbel a autoorganización das mulleres, a autoorganización da loita feminista para combater este sistema que nos condena. Porque non imos deixar de loitar até que todas sexamos libres.

Manifesto

Consulta as mobilizacións! [en actualización 23/11]

A Coruña, 19h Obelisco
As Pontes, 18:30h Praza do Hospital
Ames, 12h Praza do Concello
Betanzos, 18:30h Palco da Música
Carnota, 19h Praza da Pedra
Catoira, 20h Alamedia do Concello
Cee, 20h Praza 8M
Compostela, 20h Praza 8M mani |21:30h Ruada P. Praterías
Ferrol, 19h Praza do Himno
Lalín, 12:30h Praza da Igrexa
Lugo, 20h Multiusos da Xunta
Monforte, 17h Praza de España
O Porriño, 20h diante do Concello
Ordes, 19h Alameda
Ourense, 12:30 Acción Paseo – Concordia | 19:30h Mani Subdelegación

Padrón, 20h Praza de Macías
Ponteceso, 13h Praza do Recheo
Pontedeume, 12h Praza do Concello
Pontevedra, 12h Praza de Ourense
Rianxo, 12h Praza de Padrón
Ribadavia, 20h Praza Maior
Ribadeo, 19:30h Praza 8 de marzo
Val Miñor, 20:30h Cruce da Ramallosa
Vigo, 20h Vía Norte/Urzaiz
Vilagarcía, 12h Praza de Galicia
Vilalba, 18:30h Praza da Constitución

Compostela // Non temos que pedir permiso!

De cara ao 25N a MMM anunciou unha ruada nocturna na que un grupo de mulleres sairíamos a percorrer as rúas de Compostela, ataviadas con mandis, fachos e fouciñas. A nosa acción tiña a intención da denuncia social manifestando a outra cara do medo, a de arrepoñernos a el, deixando claro que estamos fartas de ser acosadas, de non poder saír á rúa pola noite sen ser violentadas, humilladas e en casos extremos, agredidas, violadas ou asasinadas.

A piques de comezar a polícia nacional incautou as nosas fouciñas por orde da Subdelegación do Goberno e recriminou non ter solicitado permiso á mesma. Cabe destacar que o alcalde de Compostela, do mesmo partido que ostenta a Subdelegación, estivo na manifestación preto de nós, e non se achegou en ningún momento para explicarnos as suas intencións ocultas de sancionarnos. O PSOE acude ás nosas manifestacións mentres maquina ás nosas costas como pode sancionarnos, como pode facernos calar, como pode castigarnos.

Fomos identificadas pola polícia nacional, que advertiu que recibiremos sanción administrativa, malia terlle exposto que era unha actuación pacífica polas rúas, como se puido comprobar cando a levamos a cabo. Este é o patriarcado e a súa dobre cara: por un lado, a propia Subedelgación concédenos o recoñecemento Meninas 2022 uns dias antes, que rexeitamos porque non cremos en institucións machistas e, polo outro, cando loitamos contra a súa opresión, veñen a por nós ás agochadas, intimidándonos e sancionándonos, con covardía. Estas son as mesmas institucións que se fartan a dicir que non hai medios para protexer ás vítimas da violencia machista mais que, pola contra, poden escoltar a menos de 20 mulleres cunha grilleira chea de policías nunha ruada pacífica.

Cando loitamos contra o patriarcado, sempre está a se reinventar, este 25N foi coa escusa da nosa propia protección, pero o feminismo é máis forte, somos moitas, moi bravas e, aínda nos quedan máis fouciñas coas que recoller o froito da semente de vencer.

QUÉRENNOS CON MEDO BRAVAS NOS TERÁN! Até que todas sexamos libres.

Compostela, 27 de novembro de 2022.

25N // Se o presente é loita, o futuro será libre!

Mobilízate este #25N: [en actualización]

→ A Coruña, 20h no Obelisco.
→ A Estrada, 20h30 Praza do Concello
→ As Pontes, 19h30 Praza do Hospital
→ Betanzos, 20h30 detrás do palco da música
→ Carnota, 19h30 Praza da Pedra
→ Catoira, 20h Alameda do Concello
→ Cee, 20h na Praza 8 de marzo
→ Celanova, 19h30 Praza Maior
→ Compostela, 20h Praza 8 de marzo
→ Lalín, 20h30 Praza da Igrexa
→ Lugo, 20h diante da Subdelegación do Goberno
→ Narón, 19h30 Praza da Gándara
→ Noia, 20h30 diante do Concello
→ O Porriño, 20h Praza do Concello
→ Ordes, 20h30 Alameda
→ Ourense, 20h Castañeira
→ Ponteceso, 20h Praza do Recheo
→ Pontevedra, 20h Audiencia Provincial
→ Ribadavia, 20h Praza Maior
→ Sarria, 20h30 Praza da Vila
→ Val Miñor, 20h no Cruce da Ramallosa
→ Vigo, 20h Vía Norte
→ Vilagarcía, 20h30 Praza de Galiza
→ Vila de Cruces, 19h Praza da Igrexa
→ Vilalba, 20h30 na Praza da Constitución

Poderás descargar aquí o noso manifesto

Material descargábel

Posicionamento político da Coordinadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres:

A data 25 de novembro, escollida no 1981 no I Encontro Feminista Latino – Americano e do Caribe, presta homenaxe ás irmás Mirabal, vítimas do feminicidio e da ditadura. Elas foron ecarceradas, violadas e asasinadas a mando da ditadura da República Dominicana nos anos 60. En nome da memoria colectiva, o día marca as loitas polo fin das violencias contra as mulleres. 

Neste momento, vivimos nun contexto de crise no que sentimos a devastación causada polo capitalismo, que se tornou aínda máis visíbel nestes últimos 3 anos desde a pandemia e que se incrementou cos movementos xeopolíticos no leste do continente europeo que agudizaron a inflación e a carestía da vida até chegar uns niveis sen precedentes e que de novo, aumentou a situación de emerxencia social e crise. 

Hoxe, as contradicións acumuladas polo capitalismo chegaron ao punto de ser insostíbeis, o aumento do desemprego, da inseguranza,  a inestabilidade económica… volveu evidente que o sistema precisa aumentar a explotación e o empobrecemento xeral da poboación para poder sobrevivir. A privatización e mercantilización dos servizos públicos, a crise ecolóxica e climática, os intereses capitalistas e corporativos colocados por diante da nosa saúde, o poder imparábel das transnacionais… son efectos do agravamento do conflito capital-vida. 

Sabemos que son tempos difíciles para facer traballo fóra das lóxicas do sistema mais é a nosa obriga, neste 25 de novembro, seguir sinalando as violencias que nos atravesan a todas e cada unha de nós e que cada día son agravadas por un sistema no que non poderemos nunca sermos libres. 

É por isto que escollemos o lema Se o presente é loita, o futuro será libre, para podermos ser quen de analizar todas as violencias que nos atravesan e ter a capacidade de dar unha resposta contundente e alzar a voz en denuncia de todas elas. Porque ningunha pode ter cabida na nosa vida. 

A violencia psicolóxica: as emocións anteceden e, a súa vez, forman parte de todas as violencias coas que o patriarcado nos agrede. Algunhas destas violencias correspóndense con iso que Bourdieu definiu como violencia simbólica; aquela indirecta e dificilmente identificábel, que nos converte en persoas agredidas mais sen consciencia de selo. Esta violencia, aínda que non se exerce de xeito directo sobre todas nós, sirve como un aviso, a través do medo, sobre aquilo que non debemos ser ou facer; aconteceu no verán, coas picadas denunciadas masivamente por mozas cuxo obxectivo era, fundamentalmente, reforzar a posición de poder do xénero masculino sobre as mulleres e arrebatarnos a liberdade de gozar seguras do noso tempo de ocio.

Neste caso co medo e noutros milleiros con diversas emocións, o patriarcado tenta anularnos coma suxeito de noso, tendo como ferramenta fundamental a violencia psicolóxica que sobre nós se exerce. En moitos casos esta violencia diríxese á nosa individualidade, como acontece nos casos de violencia machista que moitas mulleres sofren nas súas relacións de parella. Porén, todas nós sufrimos unha violencia psicolóxica estrutural, non individualizada, que determina en certa medida a nosa relación co mundo e a nosa autoconcepción.

Esta violencia psicolóxica estrutural viría representada polos canons de beleza, polo mito do amor romántico, pola división do traballo e pola idea mesma de feminidade. Consistiría na imposición duns estándares -físicos, románticos, laborais e emocionais- imposíbeis de acadar e mesmo prexuizosos para nós e o noso entorno. Estes estándares reforzarían os roles de xénero que nos sitúan nunha situación de dependencia e subordinación ao home na que este exerce violencia sistemática sobre nós. A súa vez, os medios de comunicación, a arte e toda manifestación na que o capital ostenta a hexemonía viría a reproducilos e reforzalos.

De igual modo, estas ideas, en tanto en canto a división público-privada non existe realmente, virían a manifestarse na nosa vida persoal de diferentes formas. A nivel individual, cunha maior tendencia das mulleres a situacións de depresión ou trastornos como os da conducta alimentaria, relacionándose coa carga mental, o traballo no eido dos coidados que se complentaría co propio traballo asalariado ou a imposición dun canon imposíbel de acadar. A nivel relacional, coa vixencia dun mito acerca do amor romántico que reforza os roles de xénero na esfera da parella, romantiza as situacións de abuso e maltrato sufridas por moitas mulleres e xustifica a violencia exercida polo home.

Para pór fin a todas estas violencias baixo a violencia psicolóxica, acreditamos na existencia de institucións que faciliten a loita contra este sistema e por iso reclamamos:

  • Reforzo da atención psicolóxica nos CIM
  • Reforzo da atención psicolóxica nos centros Quérote +
  • Atención psicolóxica con perspectiva de xénero garantida na seguridade social. 

A violencia na saúde mental das mulleres: a ausencia de perspectiva de xénero na medicina é un serio problema para a nosa saúde. No día a día, sabemos que a atención a homes e mulleres ante síntomas similares relacionados co malestar emocional, non se analizan co mesmo rigor nas consultas médicas, e a miúdo trivialízanse ou menosprézanse as expresións de malestar das mulleres. Aliás, padecemos todas as persoas unha atención sanitaria que carece de recursos suficientes para prestar a atención necesaria e que habitualmente recorre á saída fácil do tratamento farmacolóxico, negando o acceso a outro tipo de solucións verdadeiramente terapéuticas. 

Historicamente a psiquiatría converteu en doenzas mentais os malestares que padecemos as mulleres por efecto das violencias machistas que sufrimos ao longo de toda a nosa vida. O invento da histeria como doenza mental propia das mulleres dá boa mostra do papel da psiquiatría como ferramenta coercitiva ao servizo do patriarcado. Non só coas mulleres, tamén coas persoas homosexuais e trans actuou como correctora das disidencias coa norma. En nome da ciencia médica practicouse o illamento en centros psiquiátricos, as técnicas como o electroshock, a contención mecánica, as terapias de conversión, a droga dura da medicación, etc. A crenza popular de seren as tolas persoas agresivas facía aceptábel o uso destas prácticas e arredalas da sociedade, ficando así oculta a doenza psíquica e o seu estigma para a persoa e a familia. Aínda persisten as prácticas que anulan a vontade destas persoas, que lles negan calquera capacidade de decisión, convertendo as familias ou os profesionais nos seus enterradores en vida. 

A patoloxización do malestar emocional está máis presente que nunca. É a consecuencia das dinámicas sociais do sistema capitalista e patriarcal, que só obedecen á máxima do beneficio económico das minorías, unha sociedade a cada paso máis deshumanizada, onde a atención e os coidados que todas precisamos non teñen cabida.

A depresión e a ansiedade son diagnósticos que se multiplican por tres no caso das mulleres. E non é estraño se temos en conta que a atención ás persoas dependentes seguímola asumindo case exclusivamente as mulleres, que multiplicamos as nosas tarefas coas dobres xornadas, que o noso traballo está infravalorado, que soportamos a presión das exixencias dos canons de beleza e da suposta feminidade a través da obxectualización do noso corpo, que convivimos co medo ou coa experiencia de sermos vítimas de agresións sexuais e outras violencias… Todo isto non se cura con psicofármacos, o que nos cómpre é derrubar o sistema capitalista e patriarcal e nese camiño aspiramos á realización dos seguintes obxectivos inmediatos:

  • Unha atención sanitaria con perspectiva de xénero que dea prioridade á saúde mental.
  • Que se aborde a saúde mental desde  terapias humanizadas, desde a atención, a comunicación e o respecto.
  • Unha educación inclusiva, que ensine o autocoñecemento do corpo e das emocións, co que se aprenda a situar nun lugar central o coidado propio e o coidado das outras.

A violencia sexual:  Hai unha problemática que atinxe á totalidade do territorio galego, Galiza é a quinta comunidade con máis mulleres en situación de prostitución e con máis burdeis, colocándose por diante doutras do Estado Español con maior poboación. O emprego de substancias para inhibir a vontade das mozas nos espazos de ocio, os ataques sistémicos ás xogadoras de equipos deportivos, as agresións sexuais… son exemplos da mesma problemática: a obxectificación e hipersexualización das mulleres. 

Somos vistas como un obxecto de pracer, sen vontade nin opinión, categorizadas como humanas de segunda, as eternas vítimas rexulgadas nun sistema baseado na cultura da violación. O dedo acusador nunca sinala o agresor, sempre á agredida. Somos as agredidas quen debemos readaptarnos para encaixar nos roles que nos impoñen, quen temos que xustificar o non ser agredidas para encaixar nun sistema no que o patriarcado nos explota e agrede. 

Fronte á violencia sexual que golpea na vida de moitas mulheres de diferentes xeitos pedimos: 

  • Programas que favorezan a superación da situación de mulleres en situación de prostitución e de trata. 
  • Acceso das persoas prostituídas e as súas crianzas a mecanismos de protección social (vivenda, saúde, escolarización, formación profesional…)
  • Creación, por parte do Estado Español, de programas de saída da prostitución que garantan ás mulleres a oportunidade de iniciar un novo proxecto de vida, libre de todo tipo de violencia. 
  • Talleres e obradoiros de educación sexual que se impartan a axentes orgánicos que traballen con calquera tipo de violencia sexual. 

A violencia institucional: A violencia institucional ocorre cando axentes ou membros de organismos públicos levan a cabo de xeito inadecuado as súas funcións e non proporcionan nin a información nin os servizos de forma adecuada provocando un trato inxusto e incorrendo en situacións de abuso de poder. Neste sentido, calquera autoridade pode incorrer neste tipo de prácticas que teñen efectos discriminatorios e negativos directos nos dereitos das mulleres e que poden afectar tanto a integridade individual como a colectiva. 

Quen goberna e lexisla, actúa e traballa en suposto beneficio da totalidade da poboación. Este tipo de agresións contra a vida das mulleres pode darse de xeitos moi diferentes, unha das máis visibles é a que exercen as forzas policiais e que a maior parte das veces se dan en contextos de desigualdade. Deste xeito, actúan violando os seus propios límites e controlan ou maltratan sectores populares dun modo co que non actuarían cos sectores poderosos. A violencia que exercen as propias forzas de seguridade vaise sumando ás das propias institucións públicas que en moitos casos se manifesta con neglixencias, falta de solucións, indiferenza, mal proceder a mantenta…

Un exemplo moi recorrente da violencia institucional é a chamada revitimización, cando ocorre un dano a cause dun delito, é a vítima a que ten que falar disto. Isto quere dicir que a vítima volve padecer un perxuízo ao ser cuestionada polo delito que se cometeu contra ela, isto é aínda maior cando falamos da violencia machista na xustiza. 

  • Violencia xudicial

Cada día nas comisarías e xulgados da Galiza mulleres que denuncian violencia machista ven violentados os seus dereitos á defensa, á protección das súas fillas ou á protección fronte aos seus agresores. Falta de asesoramento cando se decide denunciar e no momento da denuncia e do atestado policial que as acompañará durante todo o proceso posterior, medidas cautelares que na mesma orden se dita afastamento para os agresores e vistas do agresor ás súas crianzas, réximes de visitas para agresores sexuais das crianzas, informes que culpabilizan, xulgan ou revictimizan ás mulleres, unha xudicatura machista empeñada en que os maltratadores poden ser bos pais para crianzas que a lexislación xa define como vítimas de violencia machista, falta de formación, falta de empatía e implicación dos axentes que interveñen nos procesos xudiciais, falta de xulgados específicos de violencia machista, …

Todo isto sucede cada día no noso país, marcando a vida de mulleres e crianzas para as que a violencia nunca remata coa denuncia senón que pasa do ámbito máis privado ao público, engadindo á violencia machista a institucional. Non se trata só de que se emitan sentenzas machistas; trátase de todo o proceso xudicial que lonxe de protexer ás mulleres e ás crianzas acaba por sometelas a máis violencias.

A responsabilidade de que isto remate é colectiva, comezando por todas e cada unha unha das persoas que interveñen no proceso: dende quen recibe á agredida cando vai denunciar, pasando por quen realiza os informes ignorando o benestar das mulleres e das crianzas, a quen dicta sentenza ou atende nos puntos de encontro familiar. Cada unha destas intervencións pode xerar unha violencia ou contribuír para acabar con ela.

Para frear esta violencia institucional no marco da xustiza é preciso coñecer e sinalar o que esta pasando, facernos conscientes de que de nada serve todo o traballo que facemos para que a sociedade tome consciencia, identifique e denuncie a violencia machista se o proceso de denuncia vai colocar ás mulleres e ás crianzas en situación de sufrir máis violencia.

Por isto reclamamos ás institucións:

  • Información pública do proceso de denuncia machista e dos dereitos das mulleres: a estar acompañadas por avogadas no momento da denuncia, á atención psicolóxica e o acompañamento, a solicitar medidas de protección, a coñecer os recursos á súa disposición.
  • Formación específica de todo o persoal e axentes que atenden a mulleres que sufren violencia machista en todos os níveis da administración pública: policial, xudicial, administrativo e social.
  • Dotar aos CIMM da Galiza de medios suficientes para a atención e asesoramento de mulleres que sufran violencia e que ese persoal que acredite formación específica en violencia machista.
  • Esixir que os recursos públicos postos a disposición da atención e o acompañamento das mulleres que sufren violencia machista mediante programas ou finanzamento público traballen de forma coordenada e se informe da disponibilidade dos mesmos a todos os axentes que interveñen. A violencia machista non sabe de horarios de oficina.
  • Revisión da atención e servizo que se presta nos organismos públicos nos que se emiten informes que afectan aos procesos de denuncia: Incrementar o persoal do IMELGA e supervisar a súa formación en materia de violencia machista para evitar que se empreguen invencións como o Síndrome de Alienación Parental contra as mulleres.
  • Modificar o decreto dos Puntos de Encontro Familiar para esixir formación específica sobre violencia machista ás traballadoras dos mesmos, garantir a protección das nenas e nenos e establecer un tratamento diferenciado para casos nos que exista sospeita de violencia machista e facelo con xestión pública e non privatizada.
  • Modificar o decreto dos Puntos de Encontro Familiar para esixir que nos casos de viollencia machista non se empregue pois a finalidade deste recurso é a normalización das relacións familiares.
  • Solucións económicas reais para as mulleres que denuncian violencia machista que garantan a súa capacidade económica como incrementar o salario da liberdade en cuantía e duración.
  • Esiximos á Xunta de Galiza instar ao Ministerio de Xustiza e ao goberno do Estado a:
  • Aplicar a lexislación internacional en materia de violencia machista retirando as visitas das crianzas a homes denunciados por agresións machista ate a existencia dunha sentenza firme.
  • Retirar as visitas e patrias potestades das crianzas a homes denunciados por agresión sexual ou maltrato infantil ante a existencia de sentenza firme por violencia machista.
  • Reclamar o fin da imposición da custodia compartida imposta con maltratadores.
  • Modificar a Lei 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero para establecer medidas de protección das crianzas vítimas de violencia machista fronte ao agresor.
  • Creación de máis xulgados específicos de violencia machista na Galiza con persoal especializado.

Tamén a violencia na saúde e no sistema de saúde galego que nos priva sistematicamente do acceso a un sistema sanitario autocentrado en nós. Un sistema sanitario que é desmantelado por momentos desde o goberno da Xunta de Galiza, que precisa maior investimento, que precisa pór atención na saúde das mulleres. Condeamos a violencia que se desenvolve no sistema de saúde, desde a falta de investimento e educación sexual, como a falta de formación de moitas das profesionais no SERGAS, a aínda non garantida práctica de interrupción do embarazo en todos os hospitais do noso país, a violencia xinecolóxica e obstétrica, o incumprimento sistemático dos plans de parto, a vulneración dos dereitos en todos os aspectos na saúde das mulleres. Para isto reclamamos: 

  • Unha liña de programas de formación e divulgación sobre dereitos sexuais e reprodutivos a través dos CIMM en colaboración coas entidades locais.
  • Campañas especificas de acceso a anticonceptivos e programas de educación afectivo sexual a través dos Centros Quérote +
  • Unha materia obrigatoria no Ensino Obrigatorio con contidos específicos sobre educación afectivo-sexual, relacións, identidade e xéneros.
  • Maior investimento en saúde das mulleres, é dicir, máis investigación en patoloxías que afectan especialmente ás mulleres.
  • Dereito ao aborto garantido na sanidade pública galega
  • A exixencia do cese da violencia obstétrica cara as mulleres

// Compostela: sentada o 25N convocada por URXE! e Xuntxs por políticas

Comunicado en apoio á sentada convocada por URXE! e Xuntxs por políticas o 25N en Santiago de Compostela.

A USC leva anos branqueando a violencia patriarcal no seo da súa institución.

Centos de alumnas vense inmersas en situacións de acoso, abusos e agresións nas súas aulas, por parte de compañeiros e profesorado sen que a institución que ten obriga de ofrecerlles espazos seguros, a USC, se manifeste e posicione contra tales violencias, tomando medidas contra elas.

As mulleres accedemos a unha universidade pública onde somos constantemente violentadas sen que tales actos teñan consecuencias. Debemos seguir compartindo espazos cos nosos abusadores e agresores, ou decidir abandonar os nosos estudos e vida para resgardarnos nun espazo seguro onde non sintamos continuamente medos que coartan as nosas liberdades de ser e estar. Porén, eles seguen impunes, nos mesmos espazos, onde seguirán acosando, abusando e agredindo a outras compañeiras.

É por todo isto, que as organizacións estudantís URXE! e Xuntxs por políticas da USC están a convocar unha sentada para o vindeiro 25N, Día internacional contra a violencia de xénero, diante de dita facultade e en dous tramos horarios (12:00 – 13:00h e 17:00 – 18:00h).

Reclámase que:

– A USC sexa un espazo seguro onde todas e todos poidamos disfrutar dunha docencia de calidade e segura.
– As persoas agresoras deixen de gozar de impunidade como até o de agora.
– A seguridade e comodidade de todas as alumnas nas súas aulas.

Dende a Marcha Mundial de Mulleres da Galiza queremos mostrar todo o noso apoio e solidariedade coa mobilización convocada e coas mulleres vítimas desta violencia patriarcal na USC, animando a todas aquelas que poidan a participar nesta sentada e mobilizarnos unha vez máis polos nosos dereitos, polas nosas vidas. Ver menos

25N Combater a xustiza patriarcal para acabar coa violencia machista

📣 Mobilizámonos contra as violencias machistas!!! 📣 Convocatorias do feminismo galego 👇👇💜

➡️ A Coruña, 20h Manifestación! desde o Obelisco
➡️ A Estrada, 20.30h Diante do Concello
➡️ As Pontes, 20.30h na Praza do Hospital.
➡️ Barreiros, 20h diante do Concello
➡️ Betanzos, 20.30 h detrás do Palco da Música
➡️ Carballo, 20h na Praza do Concello
➡️ Carnota, 19.30h Praza de Pedra
➡️ Catoira, 20h no adro de Catoira
➡️ Cee, 20.30h na Praza 8 de Marzo
➡️ Celanova, 19.30h na Praza Maior
➡️ Cervo, 20h Praza dos Campos (San Cibrao)
➡️ Chantada, 20h na Praza do Cantón
➡️ Compostela, 20h Praza 8 de Marzo
➡️ Fene, 17h na Praza do Concello.
➡️ Lalín, 20.30h no Km0
➡️ Lugo, 19.30h diante do Xulgado.
➡️ Melide, 20h Praza do Convento
➡️ Muros, 20h diante do Concello
➡️ O Porriño, 20h. na Praza do Concello
➡️ Ordes, 21h na Alameda
➡️ Ourense, 12h diante dos xulgados novos 20h Manifestación desde Subdelegación do Goberno
➡️ Padrón, 20h na Rúa Rosalía de Castro
➡️ Pontevedra, 19.30h Audiencia Provincial
➡️ Ribadavia, 20h Praza Maior
➡️ Ribeira, 19h Praza do Concello
➡️ Val Miñor, 20h no Cruce da Ramallosa.
➡️ Vilaboa, 19.30h diante do Concello
➡️ Vilalba, 20.30h Praza da Constitución
➡️ Vila de Cruces, 20.30h Praza do Concello
➡️ Vilagarcía, 20.30 desde Praza Galicia
➡️ Vigo, 20h Manifestación! desde Vía Norte
➡️ Xinzo, 20h Praza Carlos Casares

#ViolenciaMachista#XustizaPatriarcal#SeÉMachistaNonÉxustiza#RespostaFeminista#FeminismoParaVivir#MachismoMata#BastadeMachismo

MANIFESTO 25N DE 2021

MATERIAL PARA DESCARGAR

Galería de imaxes das mobilizacións do 25N de 2020

Estamos nun momento de incertidume e de restricións á mobilidade e á vida pública mais desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres defendemos que non podemos abandonar as rúas e a loita contra a violencia machista e a súa visibilización. A saúde é unha cuestión prioritaria.

Dende a Marcha Mundial das Mulleres levamos dende o inicio da crise sanitaria defendendo a saúde como unha cuestión vital para as mulleres e a sociedade no seu conxunto e reivindicamos un sistema de saúde forte que poda dar resposta a esta e outras crises, con contratos decentes do persoal e recursos suficientes. Neste 25N defendemos ademáis que a loita contra a violencia machista é unha cuestión de saúde, individual e colectiva. Unha sociedade que non se mobiliza para combater a violencia que sufren as mulleres e as crianzas é unha sociedade enferma e que a crise sanitaria non pode ser unha excusa para desmobilizarnos.

Acción o día 24 en Vigo

Vídeo manifesto das compañeiras de FEM Forte que recolle textos da Marcha Mundial das Mulleres

Campaña de denuncia en Ourense dos asasinatos de Nerea Añel e Socorro Pérez

Este 25N saímos ás rúas contra a violencia machista e contra a invisibilidade que esta loita esta vivindo durante a crise sanitaria. A vida postérgase, para, confínase, pero a violencia continúa! Lugares das mobilizacións:

📣 A Coruña, concentración 20h no Obelisco
📣 As Pontes, concentración 19.30h na Praza do Hospital
📣 E Estrada, concentración 20h diante do Concello
📣 Ferrolterra, concentración 19h Praza Amada García
📣 Carballo, cazolada 19.30h dende os balcóns
📣 Catoira, concentración 20h no Adro
📣 Celanova, concentración 19h na Praza Maior
📣 Compostela, concentración 20h Praza do Obradoiro
📣 Lalín, 20.30h concentración KM0.
📣 Lugo, 20h diante do Concello
📣 Marín, cazolada 20.30h dende os balcóns
📣 Miño, concentración 20.30h Praza do Parchís
📣 Ourense, manifestación 19h Subdelegación do Goberno
📣 San Cosme de Barreiros, 20h diante do Concello
📣 Vedra, concentración 20.30h velódromo municipal.
📣 Vigo, manifestación 19h saída Vía Norte
📣 Vilaboa, 20h diante do Concello
📣 Vilagarcía, concentración 20.30h na Praza de Galicia

25N Ourense

Este 25N saímos ás rúas contra a violencia machista e contra a invisibilidade que esta loita esta vivindo durante a crise sanitaria. A vida postérgase, para, confínase, pero a violencia continúa!

Coa crise sanitaria da covid-19 chegou a escusa que moitas institucións e sectores estaban agardando para devolver á esfera íntima e doméstica ás mulleres. Para voltar responsabilizarnos da reproducciónda da vida e dos coidados individuais e colectivos. 

A decisión de pechar os centros de ensino, escolas infantís, centros de día e centros de atención á diversidade, sen adoptar medidas de carácter público dirixidas a garantir os coidados de menores e persoas dependentes, supuxo que as mulleres asalariadas optasen por reducir as súas xornadas (mesmo na súa totalidade) para poder ficar a cargo da familia, ficando sen ingresos durante meses. 

Pese a que as actividades esenciais resultaron ser maioritariamente as feminizadas (ámbito sanitario, comercio de alimentación, servizos de atención ás persoas, no fogar, na limpeza), non houbo unha reposta dos poderes públicos dirixida a revalorizar económica e socialmente estes oficios, senón que foron sometidas a unha sobreexplotación, en moitos casos, sen garantir a protección da saúde das traballadoras.

O confinamento obrigou a moitas mulleres a convivir co seu agresor, sobreexpoñéndoas a unha violencia extrema. Ademáis sumou en moitos fogares xornadas de teletraballo con tempos de coidado e coa necesaria organización para manter as redes afectivas e sociais sostendo ás persoas máis vulnerábeis durante os peores momentos de confinamento e distanciamento social. 

Durante os meses da crise sanitaria as institucións paralizaron a maior parte dos servizos de prevención e atención a mulleres que sofren de violencia machista, os xulgados pararon procedementos de custodias, conflitos e todo tipo de procedementos se viron aprazados. Suprimíronse programas e servizos de atención e acompañamento e ficaron escasos recursos de emerxencia que xa antes da crise sanitaria non eran quen de dar resposta ás

necesidades das mulleres. En ningún momento se considerou a prevención e atención a mulleres que sofren violencia machista unha actividade “esencial” que non pode parar cando se pretende parar a vida nin cando se decide confinar á poboación e paralizar todo tipo de actividades. 

Durante os meses da crise sanitaria as institucións paralizaron a maior parte da atención médica como consultas ordinarias, a preparación ao parto ou a atención a procesos de saúde en marcha. O contexto da Covid-19 está a servir de excusa para realizar ecografías e partos sen acompañante, separacións da díada nai/bebé, interferencias na lactación materna, parto coa colocación de mascarilla e sen posibilidade de mobilidade, incrementando a violencia obstétrica contra nós… Actuacións todas elas, contrarias aos dereitos das mulleres e as crianzas. 

Cos protocolos da covid19 multiplicáronse os retrasaos na aplicación de sentenzas e se mantiveron actitudes previas nos procesos de denuncia nos que as mulleres continuamos a ser cuestionadas e agredidas polo sistema xudicial. 

A crise sanitaria trae consigo unha crise económica que bate nas máis vulnerábeis e que precariza a quen peor estaba. Neste contexto as mulleres voltamos ser as máis agredidas pois en moitos casos a carga de coidados obrigou a abandonar os empregos remunerados e en moitas outras estes empregos viron reducidas as súas xornadas cun empeoramento das condicións económicas, a paralización do traballo informal polo confinamento ou os despedimentos dos empregos domésticos ou de coidados recaeron sobre todo sobre nós. 

Neste contexto de violencias cara as mulleres as nosas compañeiras trans estan a sufrir ademáis ataques dende dentro e fóra do feminismo que se suman ás xa numerosas violencias que enfrentan día a día con altísimos porcentaxes de desemprego, acoso e agresións e discriminación. A crise sanitaria tamén veu a empeorar as súas condicións de vida. 

E fronte a isto o que tivemos nos momentos máis duros da crise sanitaria foron ás veciñas, ás compañeiras, ás nosas irmás e amigas, redes de apoio mútuo e de coidados que nos sostiveron nos peores momentos, que sairon ao rescate das que máis sufriron estas violencias e que fixeron o que estado non foi capaz de facer: soster a vida. 

Traballadoras dos servizos esenciais que teñen empregos precarios, salarios de miseria e condicións miserábeis foron as que sosteron a vida das máis vulnerábeis, as que se mantiveron firmes mentres todo afundía ao redor. As nosas iguais, as nosas amigas, veciñas, compañeiras, que priorizaron a vida fronte a todo e que renunciaron a que nos roubaran os afectos e a comunidade en medio do estado de excepción, apodado de alarma. 

E tivemos, temos e teremos sempre a organización e o feminismo como ferramenta colectiva para denunciar as violencias que sufrimos, aquelas para as que o sistema e a sociedade xa miran como a sexual ou física e aquela que aínda hoxe non se vé como violencia pero que nos agrede constantemente na dura tarefa de vivir nun sistema que odia a vida e por iso lle quita valor. 

Feminismo para afrontar a violencia económica, xudicial, institucional, a simbólica e a física e sexual, a que existe na educación, nos medios de comunicación, na sociedade que non tolera nen que a visibilicemos e por iso arranca as nosas pancartas, os nosos lazos pretendendo así apagar a nosa protesta. 


Feminismo para combater a crise sanitaria que o capital enfronta deitando sobre nós toda a responsabilidade e toda a carga de traballo que nos ailla e nos empobrece, que nos entristece e pretende roubarnos o futuro e a alegría.

Feminismo para todas

Feminismo para mudalo todo.

YouTube
YouTube
Set Youtube Channel ID
Instagram
Telegram