25N na rúa! Combater a violencia machista é unha prioridade para a saúde de todas

Desde a Marcha Mundial das Mulleres queremos animar e chamar á mobilización das compañeiras do feminismo galego neste 25 de novembro pois nos negamos a que a reivindicación e visibilización da violencia machista neste día fique confinada en 2020.

Sabemos que os tempos son difíciles para accionar fóra das lóxicas do sistema mais cremos que non podemos renunciar a mobilizarnos e a encher as rúas de feminismo precisamente no momento no que menos visíbel é a violencia machista. Como feministas temos un compromiso de loita contra a violencia machista e coidar da saúde de todas tamén é manternos mobilizadas e organizadas.

Coa crise sanitaria da covid-19 chegou a escusa que moitas institucións e sectores estaban agardando, para devolver á esfera íntima e doméstica ás mulleres. A decisión de pechar os centros de ensino, escolas infantís, centros de día e centros de atención á diversidade, sen adoptar medidas de carácter público dirixidas a garantir os coidados de menores e persoas dependentes, supuxo que as mulleres asalariadas optasen por reducir as súas xornadas (mesmo na súa totalidade) para poder ficar a cargo da familia, ficando sen ingresos durante meses.

A pandemia mostra que os coidados foron o primeiro acto civilizado da historia e que agora, máis ca nunca se require do feminismo, do coidado do colectivo como único xeito de que as mulleres salgamos adiante, de que esta tarefa non so recaía en nos e de que as administración tomen responsabilidade.

Por outra banda, pese a que as actividades esenciais resultaron ser maioritariamente as feminizadas (ámbito sanitario, comercio de alimentación, servizos de atención ás persoas), non houbo unha reposta dos poderes públicos dirixida a revalorizar económica e socialmente estes oficios, senón que foron sometidas a unha sobreexplotación, en moitos casos, sen garantir a protección da súa saúde.

O confinamento obrigou a moitas mulleres a convivir co seu agresor, sobreexpoñéndoas a unha violencia extrema. Parece que damos pasos atrás nos avances que conseguira o feminismo organizado de converter a violencia machista nun asunto visíbel e público cun debate aberto na sociedade para volver a relegala novamente a esfera íntima. Durante os meses da crise sanitaria as institucións paralizaron a maior parte dos servizos de prevención e atención a mulleres que sofren de violencia machista, os xulgados pararon procedementos de custodias, conflitos e todo tipo de procedementos se viron aprazados. Suprimíronse programas e servizos de atención e acompañamento e ficaron escasos recursos de emerxencia que xa antes da crise sanitaria non eran quen de dar resposta ás necesidades das mulleres. En ningún momento se considerou a prevención e atención a mulleres que sofren violencia machista unha actividade “esencial” que non pode parar cando se pretende parar a vida nin cando se decide confinar á poboación e paralizar todo tipo de actividades.

Estamos nun momento de incertidume e de restricións á mobilidade e á vida pública mais desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres defendemos que non podemos abandonar as rúas e a loita contra a violencia machista e a súa visibilización. Por isto, e pola responsabilidade de saber que se o feminismo non se mobiliza, a violencia machista non vai desaparecer, tomamos a decisión de lanzar convocatorias e sumarnos ás que xa se realizaran (Compostela) para encher este 25N a rúa de feminismo. E animamos a máis localidades a sumarse a esta iniciativa.

Aliás non imos descoidar o problema pandémico e achamos tan imprescindíbel como a mobilización o garantir a seguridade de todas as que participemos. Sendo responsábeis connosco e coa nosa loita garantiremos as medidas de seguranza para que a situación actual non actúe de impedimento contra a mobilización.

· Vigo, manifestación 19h saída Vía Norte

· Ourense, manifestación 19h Subdelegación do Goberno

· A Coruña, concentración 20h no Obelisco

· Ferrolterra, concentración 19h Praza Amada García

· Compostela, concentración 20h Praza do Obradoiro

Combater a violencia machista é unha prioridade para a saúde de todas.

Galiza, novembro de 2020

1 comentario en “25N na rúa! Combater a violencia machista é unha prioridade para a saúde de todas”

Os comentarios están pechados.

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram