8M Feminismo é Revolución: terra viva, pobos libres e vidas dignas!

8m 2026

En que contexto chegamos a este 8M

Desde a Marcha Mundial das Mulleres, no camiño cara a este Día Internacional das Mulleres Traballadoras, partimos dunha idea central: non hai emancipación das mulleres sen transformación do sistema político, económico e social que organiza o mundo. Levamos décadas sinalando que a pobreza, a violencia e a desigualdade son parte fundamental do capitalismo, do imperialismo e do patriarcado. 

Por iso, a análise feminista debe ser internacionalista e situada no noso tempo: entender as dinámicas globais que condicionan as nosas vidas e explicarmos como esas dinámicas se concretan nun territorio como a Galiza

 Crise global do sistema

Vivimos unha crise profunda do sistema capitalista global que é estrutural: non é só económica, senón tamén política, social e ecolóxica. A competencia entre potencias polos recursos naturais, polos mercados e polas cadeas produtivas está a reorganizar o mundo sobre bases de militarismo e imperialismo. As guerras, sancións e inxerencias convértense en ferramentas para asegurar intereses xeoestratéxicos, como vemos nas agresións contra pobos que resisten a dominación imperialista, desde Palestina até países sometidos a bloqueos como Cuba ou o recente ataque á soberanía nacional de Venezuela.

Esta dinámica vai acompañada dunha nova carreira armamentística en Europa. A UE impulsa máis cooperación en defensa mentres os estados elevan os seus orzamentos para cumprir cos obxectivos da OTAN, nun contexto no que o gasto militar leva anos medrando e bate cifras récord. Ao mesmo tempo multiplícanse os debates sobre a creación dun exército europeo e plans de reindustrialización militar.

No Estado español tamén se promove este aumento do gasto militar para alcanzar “oficialmente” (en realidade xa se superou esa porcentaxe) arredor do 2 % do PIB, en liña cos compromisos coa OTAN e coa UE, medida impulsada polo PSOE nun contexto de necesidades sociais crecentes. Esta aposta polo rearme convive coa limitación de investimentos en sanidade, educación, dependencia ou vivenda, trasladando o custo da crise á clase traballadora. O militarismo non é só política exterior: é unha forma de organizar a economía e a sociedade que prioriza a industria armamentística e o control das fronteiras por riba da vida.

As consecuencias recaen especialmente sobre as mulleres. As guerras e as políticas imperialistas provocan desprazamentos forzados, explotación laboral, violencia sexual e pobreza, mentres as mulleres sosteñen a supervivencia das comunidades mediante os coidados e a organización comunitaria. A crise global do sistema non é circunstancial, senón expresión dun modelo que precisa da guerra, da desigualdade e da explotación para continuar, e que non pode garantir vidas dignas nin pobos libres.

 Galiza nun modelo dependente

Galiza forma parte deste sistema nunha posición periférica e dependente, cun modelo baseado na exportación de enerxía e materias primas, mentres as decisións sobre o territorio, a industria ou os servizos públicos se toman fóra. Esta dependencia, económica, política e social, limita as posibilidades dun proxecto de vida digno para a maioría da poboación.

O modelo produtivo consolidado combina baixo valor engadido, extractivismo e deslocalización. Proxectos como o macrocomplexo de celulosa de Altri ou acordos como o tratado UE-Mercosur exemplifican esta lóxica: iniciativas que responden a intereses externos, aumentan a presión sobre o agro, a pesca ou a soberanía alimentar e precarizan ás pequenas produtoras galegas.

Este modelo afecta especialmente ás mulleres, concentradas en sectores precarizados e sobrecargadas polo traballo de coidados pola falta de servizos públicos. Desde a Marcha Mundial das Mulleres defendemos a autonomía económica como condición da igualdade real e denunciamos a mercantilización da vida. En Galiza, a falta de soberanía limita a capacidade de decidir sobre o modelo produtivo e dificulta garantir dereitos para as mulleres e para a clase traballadora.

Por iso, falar de feminismo en Galiza implica falar de soberanía e de construír un modelo que poña a vida no centro.

A crise dos coidados e o custo da vida

A crise do custo da vida evidencia as contradicións do sistema. A inflación, a vivenda inaccesible, a enerxía cara e os alimentos encarecidos golpean con máis forza á clase traballadora e, dentro dela, ás mulleres, responsables maioritarias do sostemento dos fogares e das redes comunitarias. Cando soben os prezos ou faltan servizos públicos, somos as mulleres quen reorganizamos a vida diaria para garantir alimentación e coidados, asumindo máis traballo invisible e renunciando ao tempo propio.

En Galiza isto vese nas mulleres maiores con pensións mínimas que sosteñen familias enteiras, nas traballadoras precarizadas e nas mulleres migrantes que ocupan postos no sistema de coidados. A vivenda inaccesible e os alimentos encarecidos converten a crise económica nunha crise da vida cotiá.

O capitalismo sostense sobre a división sexual do traballo e a invisibilización dos coidados, maioritariamente non remunerados ou mal pagados. Por iso, a análise feminista non pode separarse da análise económica e territorial: falar de custo da vida é falar de coidados, de dereitos sociais e de redistribución da riqueza. Sen reorganizar os coidados non hai igualdade real nin vida digna para a clase traballadora.

 Terra viva.

Defensa do territorio e soberanía alimentar. 

Galiza sofre un modelo extractivista que converte o territorio nun espazo de negocio para multinacionais e grandes capitais. Isto exprésase en macroeólicos e minaría agresiva, proxectos industriais contaminantes, forestación intensiva e incendios estruturais, proxectos de polígonos de eólica mariña nas nosas costas…

Este modelo destrúe ecosistemas, economías locais e redes comunitarias. Desde o feminismo defendemos o territorio e denunciamos proxectos que devastan comunidades e biodiversidade, porque a loita feminista está ligada á defensa dos bens comúns e da vida.

As mulleres sostemos economías locais, saberes produtivos e redes comunitarias, e por iso falar de terras vivas é falar de soberanía alimentar: producir alimentos sanos, locais e accesibles, recoñecendo o traballo das mulleres no ciclo produtivo. Sen territorio non hai soberanía, e sen terra viva non hai futuro para este país.

Pobos libres. 

Soberanía, antifascismo e corpos libres

A crise sistémica capitalista e a mudanza que desde os anos 90 se dá desde un mundo unipolar até un escenario máis multipolar, representan un grande risco para os EUA, que ve como se pon en cuestión a súa hexemonía económica no mundo.

A resposta que se dá ante isto é unha ofensiva imperialista cun militarismo á alza que coincide, non de maneira casual, cunha vaga autoritaria a nivel mundial na que a ultradereita está a gañar posicións de poder en moitos estados

O avance da ultradereita e o fascismo en Europa e no mundo é unha resposta reaccionaria á crise do sistema que busca reforzar o control social e garantir un modelo baseado na desigualdade. O fascismo aliméntase do medo e do empobrecemento e ataca dereitos básicos, promovendo racismo, machismo e LGTBIfobia, mentres cuestiona dereitos reprodutivos, dereitos das persoas migrantes, dereitos laborais e dereitos culturais e lingüísticos.

A ofensiva autoritaria concrétase en políticas que restrinxen a liberdade sobre os nosos corpos, criminalizan a protesta, endurecen as leis migratorias e normalizan discursos de odio. O control dos corpos convértese nunha ferramenta para disciplinar ás mulleres e ás disidencias e limitar a soberanía dos pobos.

Desde a MMM defendemos un feminismo plural, antirracista, antiimperialista e internacionalista, que entende que a emancipación das mulleres está ligada á liberdade dos pobos. En Galiza, pobos libres significa decidir sobre o territorio e o modelo económico, defender a lingua e a cultura propias, garantir dereitos para todas as traballadoras e vivir sen medo nin discriminación.

Sen liberdade sobre os corpos, sen dereitos para todas as mulleres, tamén para as migrantes, e sen respecto pola lingua e pola cultura non hai soberanía real nin pobos libres. O feminismo constrúe esa liberdade desde abaixo, tecendo solidariedade entre mulleres e entre pobos para facer fronte ao fascismo e ao imperalismo e abrir camiños cara a outro sistema.

 Vidas dignas. 

Apostamos por un cambio profundo no modelo económico e social que organiza a produción, a distribución da riqueza e o sostemento da vida. Desde o feminismo afirmamos que non haberá igualdade real sen transformar estas bases materiais e sen recoñecer que a economía que garante a vida é a dos coidados e dos bens comúns.

Reivindicamos acceso aos bens comúns, traballo digno e un sistema público de coidados, fronte a un modelo que mercantiliza dereitos básicos e se sostén sobre o traballo non remunerado ou mal pagado das mulleres. En Galiza, falar de vida digna implica sistema público e comunitario de coidados, servizos públicos universais, vivenda accesible, emprego digno no rural e nas cidades e redistribución real da riqueza.

A precariedade laboral feminizada, as pensións mínimas e a sobrecarga de coidados amosan que a crise do sistema é tamén unha crise da vida cotiá. Sen servizos públicos suficientes as mulleres compensan con máis traballo invisible; sen emprego digno multiplícanse as cadeas globais de coidados; sen vivenda accesible aumenta a dependencia económica.

Os coidados non poden seguir recaendo sobre as mulleres como responsabilidade privada. Son un dereito colectivo e unha base da economía, porque sen coidados non hai produción nin comunidade. Garantir vida digna significa reorganizar tempo, riqueza e poder para poñer a vida no centro.

Feminismo é revolución

Falamos de que o feminismo é revolución porque cuestiona as raíces do sistema que destrúe a vida e coloca no centro aquilo que o capitalismo invisibiliza: os corpos, os coidados, o territorio e a soberanía dos pobos. Non é unha reivindicación sectorial: o feminismo é unha proposta política que entende que a igualdade real require transformar radicalmente o modelo económico, social e cultural.

Fronte ao imperialismo e militarismo que sementan guerra e pobreza, o feminismo aposta pola solidariedade entre pobos e pola paz con xustiza social. Fronte ao extractivismo que converte os territorios en espazos de negocio para uns poucos, defende a terra e os bens comúns como base da vida. Fronte ao fascismo e a ultradereita que pretenden controlar corpos e identidades, reivindica corpos libres e diversidade.. Fronte ao capitalismo que precariza e mercantiliza a vida, coloca os coidados e a redistribución da riqueza no centro da organización social.

Desde Galiza, esta análise convértese nunha proposta política concreta: un feminismo internacionalista, popular e galego que entende que sen soberanía non hai igualdade, que sen coidados non hai economía e que sen comunidade non hai futuro. Un feminismo que constrúe esperanza desde abaixo, que tece alianzas entre mulleres e entre pobos, e que traballa para transformalo todo.

CONVOCATORIAS:

📍 A Coruña, 18h Obelisco

📍 As Pontes, 12h diante do Concello

📍 Betanzos, 12h Palco da Música

📍 Cangas, 12h diante do Concello

📍 Compostela, 19h Bonaval, 20h Praza 8 Marzo

📍 Ferrol, 19hrs Praza de Amada García

📍 Lalín, 12h KM 0

📍 Lugo, 12h diante da Xunta

📍 Ourense, 12.30h Bispo Cesáreo, 18h Castañeira (subdelegación)

📍 O Porriño, 18h Praza do Concello

📍 Pontevedra, 18h Praza Peregrina

📍 Ribadavia, 13h Praza da Madalena

📍 Ribadeo,12h Aparcadoiro rotonda da entrada á vila

📍 Ribeira, 12:30h Praza do Concello

📍 Val Miñor, 12:30h Cruce da Ramallosa

📍 Vilagarcía, 12h Praza Galicia

📍 Vilalba, 13.30h Praza da Constitución

📍 Vigo, 18h Praza dos Cavalos

// Compostela: sentada o 25N convocada por URXE! e Xuntxs por políticas

Comunicado en apoio á sentada convocada por URXE! e Xuntxs por políticas o 25N en Santiago de Compostela.

A USC leva anos branqueando a violencia patriarcal no seo da súa institución.

Centos de alumnas vense inmersas en situacións de acoso, abusos e agresións nas súas aulas, por parte de compañeiros e profesorado sen que a institución que ten obriga de ofrecerlles espazos seguros, a USC, se manifeste e posicione contra tales violencias, tomando medidas contra elas.

As mulleres accedemos a unha universidade pública onde somos constantemente violentadas sen que tales actos teñan consecuencias. Debemos seguir compartindo espazos cos nosos abusadores e agresores, ou decidir abandonar os nosos estudos e vida para resgardarnos nun espazo seguro onde non sintamos continuamente medos que coartan as nosas liberdades de ser e estar. Porén, eles seguen impunes, nos mesmos espazos, onde seguirán acosando, abusando e agredindo a outras compañeiras.

É por todo isto, que as organizacións estudantís URXE! e Xuntxs por políticas da USC están a convocar unha sentada para o vindeiro 25N, Día internacional contra a violencia de xénero, diante de dita facultade e en dous tramos horarios (12:00 – 13:00h e 17:00 – 18:00h).

Reclámase que:

– A USC sexa un espazo seguro onde todas e todos poidamos disfrutar dunha docencia de calidade e segura.
– As persoas agresoras deixen de gozar de impunidade como até o de agora.
– A seguridade e comodidade de todas as alumnas nas súas aulas.

Dende a Marcha Mundial de Mulleres da Galiza queremos mostrar todo o noso apoio e solidariedade coa mobilización convocada e coas mulleres vítimas desta violencia patriarcal na USC, animando a todas aquelas que poidan a participar nesta sentada e mobilizarnos unha vez máis polos nosos dereitos, polas nosas vidas. Ver menos

Solidariedade con Palestina!

Despois de máis dunha semana ininterrompida de ataques sionistas contra o pobo palestino, solidarizámonos saíndo ás rúas en Galiza.

A causa palestina foi sempre referente internacional de resistencia para todos os pobos do mundo, non podemos ficar caladas ante a barbarie do estado sionista de Israel.

Nós con Palestina porque non pode haber paz sen a súa liberdade!

+ INFO:

https://marchemondiale.org/index.php/2021/05/11/apoyo-marcha-mundial-mujeres-pueblo-palestino/?lang=es

8M // Mobilizarnos para transformar a vida das mulleres.

O feminismo galego ten demostrado unha gran capacidade de mobilización, a través da cal fomos quen de situar Galiza no mapa mundial do Paro Internacional de Mulleres e participar activamente en varias xornadas históricas, revolucionarias, que marcaron un punto de inflexión na conmemoración do 8 de Marzo e en como se comezou a concibir a celebración desta data, marcando con forza unha axenda propia co obxectivo de construír un feminismo anticapitalista da Galiza para o mundo.

O noso obxectivo foi sempre o de denunciar a violencia institucional que sufrimos as mulleres, sinalar a quen ten responsabilidade política de reverter a situación de discriminación que padecemos, e artellar propostas que rachen con ela. As convocatorias de folga de mulleres perseguían identificar o espazo baleiro que deixan estas non só na actividade produtiva, retribuída, senón tamén no fogar, cando non se ocupan dos coidados, e ao tempo, facilitar a participación activa das mulleres nas diferentes mobilizacións convocadas en vilas, pobos e cidades galegas, rachando coas dinámicas de convocatoria de actos institucionais, e devolvendo o protagonismo ás mulleres nas súas demandas.

Mais a pesares de termos convocado as mobilizacións máis masivas da historia recente, os gobernos foron incapaces de adoptar medidas dirixidas a mellorar a nosa situación e a sociedade mantén unha distancia aínda abismal entre o que di e o que fai en relación á igualdade.

Na Galiza levamos décadas de recortes en igualdade, o PP ocupouse de facer desaparecer ou baleirar de contido e orzamentos a diversos organismos públicos de igualdade e atención á diversidade, favorecendo a entidades relixiosas e anti-abortistas no canto de garantir unha anticoncepción e unha interrupción voluntaria do embarazo na rede pública; somos vítimas de violencia obstétrica, sen que poidamos garantir coidados e atención permanente nos procesos de embarazo, parto, postparto e perdas xestacionais; seguimos a padecer recortes en materia de servizos públicos e os efectos de políticas privatizadoras nos servizos sociosanitarios e de atención ás persoas por parte do Partido Popular; políticas ultraconservadoras adoptadas co obxectivo de que sexamos unha vez máis, as mulleres, as encargadas do coidado das crianzas e persoas dependentes, sexa de xeito precarizado, con salarios míseros e condicións de traballo ínfimas, ou sexa de balde, ante a imposibilidade de poder acceder a servizos públicos, sen ter en conta a dispersión xeográfica da poboación galega e a concentración destes servizos nas cidades; ao avellentamento da poboación temos que engadirlle a emigración da nosa mocidade, por mor da inexistencia de alternativas que posibiliten o seu desenvolvemento socioeconómico no noso país.

Por outra banda, a primeira decisión política adoptada polo goberno do estado durante a crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19 consistiu en devolver á esfera íntima e doméstica ás mulleres. A decisión de pechar os centros de ensino, escolas infantís, centros de día e centros de atención á diversidade, sen adoptar medidas de carácter público dirixidas a garantir os coidados de menores e persoas dependentes, supuxo que as mulleres asalariadas optasen por reducir as súas xornadas (mesmo na súa totalidade) para poder ficar a cargo da familia, ficando sen ingresos durante meses. Colocando novamente a vida das mulleres ao servizo dunha sociedade que sequera dá valor a estes coidados.

Tamén engadir que pese a que as actividades esenciais resultaron ser maioritariamente as feminizadas (ámbito sanitario, comercio de alimentación, servizos de atención ás persoas), non houbo unha reposta dos poderes públicos dirixida a revalorizar económica e socialmente estes oficios, senón que foron sometidas a unha sobre-explotación, en moitos casos, sen garantir a protección da súa saúde, e sen que meses despois fosen recompensadas.

Desde o feminismo esiximos que se poña a sostenibilidade da vida no centro da análise das políticas públicas. Nós perseguimos o obxectivo político de transformar a realidade en sentido igualitario, mais non a costa de explotar ás mulleres ou de desposuírnos dos dereitos que temos conquistado.Debemos continuar denunciando e combatendo o capitalismo, o racismo, o colonialismo, o imperialismo e o patriarcado, na busca da conquista da igualdade e da xustiza social.

Debemos reclamar aos partidos políticos, aos movementos sociais e populares, que é imprescindíbel asumir a loita das mulleres para construír procesos realmente xustos, participativos e emancipatorios. Non imos renunciar aos avances, e non imos contentarnos con actos institucionais de recoñecemento, se non van acompañados de reformas tanxíbeis. As demandas de igualdade entre os xéneros e a loita contra o patriarcado deben ser parte da axenda do movemento feminista, mais tamén das axendas dos gobernos, e da sociedade en xeral.

Por todos estes motivos, a uns meses vista dunha nova conmemoración do 8 de marzo, consideramos que non podemos ficar inmóbiles. O sistema agarda de nós que sigamos confinadas e que aceptemos a situación como inevitábel cando non o é. Por iso facemos un chamamento a encher as vilas e cidades da Galiza de columnas de mulleres, que a distancia social imposta pola xestión da pandemia non impida a mobilización, coidándonos entre nós, como levamos feito ata agora. Salvagardando a nosa saúde, fagamos que xurda un novo modelo de mobilización, na que recuperemos a nosa visibilidade no espazo público, poñendo no foco da atención as nosas demandas, as nosas denuncias e unha advertencia aos gobernos: non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos.

Nós estaremos nas rúas, e na folga, este 8 de marzo. Manifestarémonos e ocuparemos o espazo público porque sen mobilización social non hai transformación social. Ata que haxa cambios reais, ata que todas sexamos libres nunha sociedade xusta e nun pobo libre.

Coordenadora Nacional Galega, 20 xaneiro de 2021.

25N na rúa! Combater a violencia machista é unha prioridade para a saúde de todas

Desde a Marcha Mundial das Mulleres queremos animar e chamar á mobilización das compañeiras do feminismo galego neste 25 de novembro pois nos negamos a que a reivindicación e visibilización da violencia machista neste día fique confinada en 2020.

Sabemos que os tempos son difíciles para accionar fóra das lóxicas do sistema mais cremos que non podemos renunciar a mobilizarnos e a encher as rúas de feminismo precisamente no momento no que menos visíbel é a violencia machista. Como feministas temos un compromiso de loita contra a violencia machista e coidar da saúde de todas tamén é manternos mobilizadas e organizadas.

Coa crise sanitaria da covid-19 chegou a escusa que moitas institucións e sectores estaban agardando, para devolver á esfera íntima e doméstica ás mulleres. A decisión de pechar os centros de ensino, escolas infantís, centros de día e centros de atención á diversidade, sen adoptar medidas de carácter público dirixidas a garantir os coidados de menores e persoas dependentes, supuxo que as mulleres asalariadas optasen por reducir as súas xornadas (mesmo na súa totalidade) para poder ficar a cargo da familia, ficando sen ingresos durante meses.

A pandemia mostra que os coidados foron o primeiro acto civilizado da historia e que agora, máis ca nunca se require do feminismo, do coidado do colectivo como único xeito de que as mulleres salgamos adiante, de que esta tarefa non so recaía en nos e de que as administración tomen responsabilidade.

Por outra banda, pese a que as actividades esenciais resultaron ser maioritariamente as feminizadas (ámbito sanitario, comercio de alimentación, servizos de atención ás persoas), non houbo unha reposta dos poderes públicos dirixida a revalorizar económica e socialmente estes oficios, senón que foron sometidas a unha sobreexplotación, en moitos casos, sen garantir a protección da súa saúde.

O confinamento obrigou a moitas mulleres a convivir co seu agresor, sobreexpoñéndoas a unha violencia extrema. Parece que damos pasos atrás nos avances que conseguira o feminismo organizado de converter a violencia machista nun asunto visíbel e público cun debate aberto na sociedade para volver a relegala novamente a esfera íntima. Durante os meses da crise sanitaria as institucións paralizaron a maior parte dos servizos de prevención e atención a mulleres que sofren de violencia machista, os xulgados pararon procedementos de custodias, conflitos e todo tipo de procedementos se viron aprazados. Suprimíronse programas e servizos de atención e acompañamento e ficaron escasos recursos de emerxencia que xa antes da crise sanitaria non eran quen de dar resposta ás necesidades das mulleres. En ningún momento se considerou a prevención e atención a mulleres que sofren violencia machista unha actividade “esencial” que non pode parar cando se pretende parar a vida nin cando se decide confinar á poboación e paralizar todo tipo de actividades.

Estamos nun momento de incertidume e de restricións á mobilidade e á vida pública mais desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres defendemos que non podemos abandonar as rúas e a loita contra a violencia machista e a súa visibilización. Por isto, e pola responsabilidade de saber que se o feminismo non se mobiliza, a violencia machista non vai desaparecer, tomamos a decisión de lanzar convocatorias e sumarnos ás que xa se realizaran (Compostela) para encher este 25N a rúa de feminismo. E animamos a máis localidades a sumarse a esta iniciativa.

Aliás non imos descoidar o problema pandémico e achamos tan imprescindíbel como a mobilización o garantir a seguridade de todas as que participemos. Sendo responsábeis connosco e coa nosa loita garantiremos as medidas de seguranza para que a situación actual non actúe de impedimento contra a mobilización.

· Vigo, manifestación 19h saída Vía Norte

· Ourense, manifestación 19h Subdelegación do Goberno

· A Coruña, concentración 20h no Obelisco

· Ferrolterra, concentración 19h Praza Amada García

· Compostela, concentración 20h Praza do Obradoiro

Combater a violencia machista é unha prioridade para a saúde de todas.

Galiza, novembro de 2020

YouTube
YouTube
Set Youtube Channel ID
Instagram
Telegram