NON Á OTAN // Declaración internacional

Nós, militantes da Marcha Mundial das Mulleres, denunciamos o papel que xoga a OTAN no mundo como unha ferramenta do capital occidental para asentar e reforzar un sistema criminal que ataca frontalmente a vida de millóns de persoas no mundo e a soberanía dos seus pobos. Nacida como ferramenta para combater o bloque socialista, a OTAN foi desde entón unha ferramenta para a expansión militar, ideolóxica e económica do capital no mundo. 

Como feministas anticapitalistas a nosa axenda ten como centro de acción a defensa radical da vida fronte á ofensiva dos mercados e os seus mecanismos coercitivos e militares para impór a explotación, a violencia e o expolio das nosas vidas, dos nosos corpos e dos nosos territorios. 

Como antiimperialistas denunciamos o papel que a OTAN, ferramenta do imperialismo, xoga no proceso de acumulación capitalista e desposuimento. O antiimperialismo é fundamental para construír un feminismo popular capaz de prover alternativas para un mundo con xustiza, igualdade, paz e solidariedade. 

Estamos vivindo un momento de reorganización do poder transnacional que precisa buscar a súa propia supervivencia nunha situación extrema: un momento de maior espolio dos bens comúns, explotación da man de obra e do traballo non remunerado, crise multidimensional (climática, alimentaria, financieira e de coidados) e exacerbación do racismo. As forzas da extrema dereita en moitos países están enfrontadas cos movementos populares e, motivadas por disputas xeopolíticas, ameazan a hexemonía dos EUA, un estado sumido nunha profunda crise.  

Neste contexto, as oligarquías mundiais están apostando de volta por unha economía de guerra, que non só serve para a acumulación e o enriquecemento, tamén para o disciplinamento e control social. É neste escenario no que a OTAN xoga o seu papel de ferramenta ao servizo do imperialismo, aplicando non só unha lóxica militar, mais sobretodo unha guerra cultural e ideolóxica para impór a axenda do capital. 

Como feministas sabemos que as lóxicas de desposuimento e militares do capital impactan con maior forza nas vidas das mulleres porque a vida mesma é a que está baixo ataque. Somos as mulleres traballadoras nas que descansa, por todo o planeta, o labor de reproducir a vida, até nese sitios onde o Estado aprópiase de parte desta tarefa en tempos de crise económica, é desde aí que os recursos son primeiramente retirados e onde os recortes impactan primeiro. En Estados onde o impacto ideolóxico e económico da guerra acompaña militarización e conflito bélico, somos as mulleres, os nosos corpos e as nosas vidas, quen somos as primeiras en sufrir as consecuencias tal e como as vemos en cada conflito que o capital por en marcha para reproducirse

Denunciamos o papel dos estados membros da OTAN na súa política de reforzo e expansión capitalista arredor do mundo, dobregándose aos mandatos das oligarquías e non dos pobos, e tamén a aqueles que debuxan alianzas para a expansión ou reforzo desta estrutura a nivel mundial. 

Europa vive hoxe unha guerra fomentada polos intereses económicos do capital occidental transnacional e a resposta militar dunha Rusia nas mans da oligarquía da que a OTAN se aproveitou para acelerar o proceso de expansión en Europa e África, non só para reflotar aos EUA coa economía de guerra tamén para impoñer a axenda do capitalismo no mundo e a reorganización deste para a súa supervivencia. 

Esta axenda está sendo usada para conter o crecente descontento social que é resultado do alto custe da vida debido a un sistema en crise que busca maximizar o beneficio a costa da clase obreira, empobrecendo máis e máis ao pobo, con especial impacto nas mulleres. 

De cara á cimeira da OTAN, denunciamos o papel dos gobernos europeos que acompañan esta lóxica e que non só se someten aos interes da oligarquía tamén están dispostos a destinar recursos públicos para financialos mediante un aumento do orzamento militar até o 2% do PIB. Os gobernos invisten en armas, tecnoloxías de vixilancia e fronteiras, mentres a desigualdades aumentan e a precariedade da vida se xeraliza. 

Como movemento feminista internacional, denunciamos os intentos dos medios para esconder e normalizar conflitos e guerra no sur global, territorios que sufren sistematicamente militarización e guerras, onde é evidente o avance dos conflitos polo acaparamento da terra e dos recursos. 

Neste mundo de guerras no que o capital ataca a vida, a Marcha Mundial das Mulleres está comprometida cunha axenda política na cal a sostenibilidade da vida é o centro. A nosa loita é pola desmercantilización e expansión dos servizos públicos para apoiar a reprodución social, pola soberanía alimentar e por cambios estruturales no actual modelo de produción e consumo, orientado polo recoñemento da nosa interdependenica e a ecodependencia.  

Paz e desmilitarización son compromisos fundacionales na construción da Marcha Mundial das Mulleres, tanto como a nosa solidariedade internacionalista e incansable loita pola soberanía e autodeterminación dos pobos como condición para superar o capitalismo heteropatriarcal e racista. 

Facemos un chamamento a todas as mulleres do mundo para reforzar e ampliar a loita pola paz e a desmilitarización, para confrontar o imperialismo e construír as condicións para un mundo no que a sostenibilidade da vida estea no centro. 

Resistimos para vivir, marchamos para transformar.

Non á guerra na Ucraína! Non á OTAN!

A tensión e a escalada militar que se está a producir na Europa do Leste nos últimos días e que alcanzou a súa cimeira a raíz das declaracións de Vladimir Putin ten consecuencias perigosas para os pobos da Europa. Rusia e Ucraína. O envío diario de soldados e a carreira armamentística no medio do belicismo do imperialismo fan que a situación sexa moi preocupante. O mundo está de novo ao borde dunha guerra, tras as ambicións imperialistas, polos intereses económicos, desexosas de demostrar as súas pretensións de gran Estado. O custo desta guerra será moi elevado, especialmente para os pobos da Ucraína, Rusia, Europa e todos os países da rexión. 

Nós, da Marcha Mundial das Mulleres sempre afirmamos o noso compromiso coa loita pola paz e o rexeitamento á guerra e á militarización da sociedade. Porque a guerra é unha das expresións máis vivas da discriminación das mulleres e das crianzas. 

A coordenación da Marcha Mundial das Mulleres da rexión de Oriente Medio e Norte de África – MENA denuncia a guerra contra o pobo ucraíno, que se dirixe especialmente a mulleres e crianzas. Destacamos a magnitude do impacto desta guerra na rexión árabe, especialmente as zonas de conflito nas mulleres e crianzas de Palestina, Iemen, Líbano e Siria. Expresamos a nosa preocupación polos ataques ás mulleres e crianzas contra o seu dereito á paz e á seguranza; e tamén o temor de que a poboación sufra o mesmo destino que as mulleres e os nenos palestinianos polo roubo das súas terras e os ataques diarios contra as necesidades básicas da vida, respectando os dereitos humanos e a lexitimidade universal desde 1974, a guerra da entidade sionista contra o pobo palestiniano. 

Desde a Marcha Mundial das Mulleres, rexeitamos calquera ameaza e ataque militar contra un Estado soberano. A independencia e a integridade territoriaol de Ucraína deben ser respectadas. Estados Unidos e a OTAN deben anunciar que retiran as súas mans da Ucraína, e deben deixar de enviar armas e municións ao país o antes posíbel. O imperialismo está repetindo o que fixo no Iraque e Siria, esta vez de forma diferente na Ucraína, e unha vez máis causando sufrimento aos pobos do mundo. O conflito entre as grandes potencias fai que a humanidade pague un alto prezo. 

A Marcha Mundial das Mulleres solidarízase con todas as forzas políticas e sociais da Ucraína, Rusia e de todo o mundo que defenden unha solución pacífica á guerra. 

Nós, coa nosa posición antiimperialista e antibélica, mobilizaremos ñas mulleres na loita contra a guerra na Ucraína e na rexión. 

Resistimos para vivir, marchamos para transformar!

24M- Día da muller pola paz e o desarme

Desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das mulleres, conmemoramos neste 24 de maio o Día da Muller pola Paz e o Desarme. 

Neste día as mulleres galegas queremos lembrar as guerras nas que viven mulleres irmás de todo o mundo. Vivimos en tempos de auxe da extrema dereita, da xenofobia, do racismo e do imperialismo. 

No capitalismo é libre a circulación de mercadorías, polo que os espolios das guerras transitan libremente, non así as persoas migrantes e refuxiadas, vítimas de conflitos bélicos e do sistema económico que crea carencias para as civís durante os conflitos.

As guerras van moito máis aló do propio conflito, non ten nin que ser unha guerra per se para que as consecuencias da barbarie se visibilicen entre a poboación, as persoas mutiladas, as mulleres agredidas sexualmente, as crianzas… a poboación sobrevive aos conflitos e queda unha terra arrasada, contaminada, espoliada e condeada a outra guerra: a da fame e a precariedade.

O caso do recentemente acontecido en Colombia, onde o pobo se ergueu contra unha política tributaria inxusta onde se condeaba á clase traballadora deixou milleiros de imaxes da barbarie que poden provocar as forzas armadas dun Estado corrompido polo capitalismo máis feroz e que non conta coas vidas das persoas. 

No caso palestino, máis de 70 anos de barbarie contra un pobo fixeron estoupar a situación, as feministas e internacionalistas sempre estivemos con Palestina, hai pouco se cumpriron 73 anos da Nakba e a barbarie sionista continúa en Gaza e Cisxordania, mentres que a poboación palestina se refuxia no Líbano, Xordania e noutros moitos países fuxindo da guerra. 

Libia, Iraque, Afganistán, Siria… guerras promovidas polo mundo libre nas que o lucro é maior para o capital occidental: a venda de armas e o espolio dos países en conflito. As chamadas intervencións humanitarias pola paz deixaron e fomentaron conflitos internos alleos aos intereses dos propios países mais si aos do imperialismo. 

É grande a hipocrisía da prensa internacional nos conflitos arredor do mundo, silencian e ignoran os conflitos provocados por estados aliados da NATO e da UE (como os de Iemen, Siria, Libia, Palestina, Sáhara…), terxiversan a información dos procesos revolucionarios que se dan noutros (Venezuela, Cuba, Nicaragua, Bolivia…) e ignoran os procesos democráticos do continente africano. Onde se cumpren os acordos da soberanía dos pobos e da veracidade da información da que tanto se enorgullecen os países occidentais?

Coa pandemia tamén se evidenciaron contradicións en Occidente, a mercantilización das vacinas que se reparten de xeito desigual e arbitrario entre os Países do mundo, os sistemas represivos de liberdades cos que contan todos os países do mundo (toque de recoller, estados de alarma, emerxencia, sitio…), evidenciouse máis unha vez que o sistema atenta contra as nosas vidas e xoga coa nosa saúde.

Por último, denunciar a situación inhumana que se está a vivir nas fronteiras europeas, milleiros de persoas entran na Europa continental escapando de conflitos creados en grande parte polos intereses de Occidente e a resposta é pechar as fronteiras con barreiras físicas ou coa pura desatención do auxilio humanitario que deixa milleiros de mortes nas nosas costas e fronteiras. A criminalización das persoas, das menores e das súas migracións evidencian que a vontade occidental é ficar cos beneficios das guerras que se provocan e cos recursos que alí se espolian mentres se nega a axuda para combater as consecuencias das súas políticas.

Por iso, neste 24 de maio. as mulleres facemos un chamado internacional baixo o lema “nin guerra que nos mate, nin paz que nos oprima”, porque mentres existan estas políticas criminais de intervención imperialista e de espolio impune seguiremos en marcha. 

Solidariedade con Palestina!

Despois de máis dunha semana ininterrompida de ataques sionistas contra o pobo palestino, solidarizámonos saíndo ás rúas en Galiza.

A causa palestina foi sempre referente internacional de resistencia para todos os pobos do mundo, non podemos ficar caladas ante a barbarie do estado sionista de Israel.

Nós con Palestina porque non pode haber paz sen a súa liberdade!

+ INFO:

https://marchemondiale.org/index.php/2021/05/11/apoyo-marcha-mundial-mujeres-pueblo-palestino/?lang=es

Crónica Webinario Feminista [Resistencia e solidariedade ao longo do mundo]

Onte xuntámonos mulleres de todo o mundo para asistir ao webinario do Capire e da Marcha Mundial das Mulleres arredor da resistencia e solidariedade das mulleres ao longo do mundo. Aproveitamos a xornada para analisar o impacto da pandemia da Covid-19, que leva un ano na maior parte dos territorios, e as consecuencias desta crise para as mulleres. Se ben é certo que a análise xeral é a precariedade que trouxo ás vidas das mulleres, a desvalorización aínda maior do traballo feminino, dos coidados e a necesidade aínda maior de pór a vida no centro fronte ao capitalismo, tamén se fixo unha análise máis pormenorizada da situación dos territorios e o impacto máis concreto que sofren.

Desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres achamos fundamental partillar moitas das reflexións que se deron para achegar ao noso País a realidade de moitos outros cos que partillamos horizontes, análises e loita e tamén visibilizar a resistencia das mulleres ao longo do mundo.

En primeiro lugar,  a Covid afectou contundentemente a Asia, as compañeiras analisaron que probablemente sexan a rexión máis afectada, moitas mulleres sofren o patriarcado en todos os ámbitos da súa vida (violencia física, mental, violencia médica, agresións sexuais, feminicidios…) e carecen de ferramentas para enfrontalas. Isto só se fixo máis visíbel coa covid, os gobernos non se preocupan nin teñen estruturas para protexer á poboación e agravado coa crise da saúde, as mulleres víronse máis afectadas. Nesta rexión o traballo das mulleres non é recoñecido, disto surxiu a necesidade de organizarse arredor de grandes plataformas e de construír movementos sociais que saíron á luz para expoñer as diferentes violencias que sofren mais tamén para pedir a protección do goberno. A raíz de todo isto estouraron moitos movementos por todo o Continente Asiático: comezaron movementos de campesiñas na India, na que milleiros saen a protestar polo seu dereito á terra; houbo un grande crecemento do movemento feminista nas últimos 3 ou 4 anos; no Paquistán afortalouse neste período o movemento feminista, no que as mulleres tanto das zonas urbanas como das rurais se uniron para facer fronte á violencia, se ben é certo que o sentimento relixioso exerce moita presión as mulleres saíron ás rúas o 8M aínda sendo atacadas polo fundamentalismo relixioso. 

A relixión está sendo usada como ferramenta para limitar a liberdade das mulleres mais seguen organizadas e non van recuar, porque aprenderon como abrir os seus camiños e como expoñer as desigualdades económicas e sociais aos seus gobernos, saben como desafiar a desigualdades.

En segundo lugar, a pandemia en África non ten a amplitude que ten noutros territorios, a economía xa era débil, e a actividade das mulleres non era tan importante, a pandemia tivo efectos devastadores no sur que se sumou á contaminación terríbel nesas áreas (Mozambique, Sudáfrica…), o territorio está vivindo un período de cambios políticos, en moitos países constatan que as mulleres non teñen acceso real aos seus dereitos. Houbo un período de eleccións no que se constatou que a presenza das mulleres non era moi grande, houbo ataques terroristas en Níger que afectaron maioritariamente a mulleres; no Congo hai un movemento feminista afortalado reclamando os seus dereitos; en Costa de Marfil houbo un incremento das mulleres candidatas nas eleccións (incrementouse nun 15%), houbo traballo de base para axudar a candidatar as esas mulleres, facendo formacións para axudalas na política. 

O cambio na rexión non é evidente mais está acontecendo, houbo marchas o 8M con moito contido político detrás, hai organizacións feministas en moitos países que colaboran entre elas e que dan apoio a mulleres refuxiadas doutros territorios. 

En terceiro lugar, en Oriente Medio e Norte de África as mulleres enfrontan grandes desafíos economicos, sociais e culturais para alcanzar unha sociedade xusta. Como mulleres, teñen unha cultura diferente pero enfrontan a violencia das guerras e das crises do capitalismo que quere modelar as súas vidas, as condicions dificiles das mulleres na rexión están na fronte da loita e da dinámica. É un grande repto coordenar a rexión de cara a loita contra o capitalismo e a ocupación de territorios e todo tipo de violencia contra elas, a violencia afecta ás mulleres de todos os niveis económicos e a loita debe ser local, rexional e global contra o sistema que nos oprime. Sofren cun acceso desigual á saúde, que ficou claro coa covid, as mulleres non receben a mesma cantidade de vacinas, igual que a rexión tampouco, isto fai difícil a loita contra a pandemia. A organización económica mundial non pode permitir que isto sexa un privilexio de países ricos. 

Enfrontan os asentamentos colonialistas que desprazan ás mulleres da rexión, o presidente do país ocupante controla toda a xestión sanitaria do país no caso palestino, visbilízase tamén a loita dos rebeldes tunisinos, do pobo curdo aprisionado, da resistencia fronte a Marrocos e da resistenccia de Sudán. O feminismo mobilízase contra a militarización, o ataque e intento de control dos seus pobos e territorios. Loitan polos presos políticos, e por darlle voz ao seu pobo. O movemento feminista loita contra a ocupación das terras e resiste a diario a violencia que viven nas súas sociedades, traballaron o 8M para erguer a sua voz e saíron ás rúas en Marrocos, Líbano, Tunisia… houbo moitas mulleres detidas pola loita feminista mais non importa porque hai que loitar pola unión e pola visibilización dos conflitos activos e das loitas que hai.

“Sororidade é unha accion que xunta as mulleres e as suas fortalezas”

En cuarto lugar, como Europa sabemos que falamos da rexión hexemónica, houbo un proceso de construción política que permitiu poñer un plan de acción para o 8M, o que vemos na Europa é que temos moitos puntos en común entre nós e somos unha rexión onde a causa feminista está “máis” avanzada pero se fai desde unha perspectiva economicista (=traballo =salario) mais hai outras cousas que se deixan aparte (os coidados), por iso a pandemia trouxo a luz os problemas da perspectiva economicista, incremento da probreza polo sistema capitalista, visibillización do traballo no fogar, comunitario e dos coidados que non trouxo unha valorización dos traballos, trouxo máis fraxilidades, a conciliación, o teletraballo e minusvalorar os coidados. A saude mental tamén se viu afectada pola pandemia, que se converteu nun tema social. 

Aumento en xeral da violencia pola vixilancia das nosas vidas, perdemos o espazo público e as nosas vidas e movementos, non hai un plan para reverter estes efectos postpandemia.

Con este incremento da violencia perdeuse o acceso ao traballo digno e á saúde, á vacinación, hai unha loita entre os países  por garantir o consumo e a economía “estábel”, todo isto aumentou aínda máis a dereita e a extrema dereita que xa existía.

O 8M unimos os movementos feministas, a folga feminista fíxose en moitos países e visibilizou o traballo das mulleres, surxiron novos problemas na vivenda, nos coidados, migración, na pegada ecolóxica e tamén aumentou a demanda polos traballos dignos, mais si se marchou este día aínda coas dificultades de ocupar espazo público. 

Lanzamos as bases para seguir construíndo ese colectivo, exixir unha vida digna, que se valoren as nosas vidas, que se garanticen as liberdades, rematar coa inseguridade nas rúas, que deixen de usar ás mulleres migrantes, acabar coa lexislación abusiva da migración que condea a centos de mulleres, acabar coas transnacionais. 

Por último lugar, na rexión das Américas este ano o desafío foi e seguirá sendo loitar por unha vida digna, que se viu aínda máis frustrada pola pandemia, vimos neste ano agravarse os fenomenos atmosféricos, problemas de alimentos, situación sanitaria, perdéronse garantías do estado. Perdeuse o dereito ao traballo e moitos máis polo capitalismo, aumentou a precarización do traballo, visibilizouse a carga adicional das´mulleres; as mulleres sostemos a vida, estamos na primeira liña, ante as adversidades respondemos de forma solidaria, conxugamos entre a palabra e a organización, resistimos de maneira franca e decidida. Este 8M renovamos forzas, para pór novas cores ás nosas loitas, poñendo a sostenibilidade da vida fronte ao capitalismo, o militarismo e as ditaduras. 

O 8M foron milleiros as que se organizaron e marcharon por todo o continente, baixo o lema contundente de soster a vida no centro. Creáronse redes de coidados que foron vitais para garantir a supervivencia de moitas, púxose no centro do debate a economía feminista, a importancia da solidariedade con todas as mulleres do mundo, a importancia das loitas de todas as mulleres do continente, a resistencia e loita contra Bolsonaro, a aprobación do aborto legal na Arxentina, a Constitución chilena… Reclámanse vacinas para toda a poboación, o fin do bloqueo a Cuba, o cese dos ataques do imperialismo na rexión, medidas contra os feminicidios no territorio. 

Infórmate de máis cousas sobre o movemento Capire en: https://capiremov.org/

[INTERNACIONAL] Venezuela

Este 6 de decembro as compañeiras da Marcha Mundial acompañamos o proceso democrático de Venezuela onde as mulleres e o pobo continúan construíndo unha democracia antiimperialista e anticapitalista.

Desde a Galiza amosamos a nosa sororidade co pobo e as compañeiras venezolanas, co seu proceso democrático e coa victoria do grande polo patriótico. Parabéns!

Información dos resultados: https://www.cubainformacion.tv/…/89067-chavismo…

V Acción Internacional

Neste mes de Outubro pechamos a acción internacional. Malia a pandemia en forma de crise sanitaria e económica non nos resignamos á desmobilización.

Desde a Marcha Mundial das Mulleres levamos 20 anos combatendo, a nivel nacional e internacional, a pobreza e a violencia contra as mulleres e denunciando aos responsábeis.

Nesta acción colocamos o foco sobre as transnacionais e as fronteiras, que acaparan recursos e levan por diante a vida de millóns de mulleres no mundo.

Programa das actividades da Marcha Mundial das Mulleres en Galiza para o encerramento da V Acción:

16 OUTUBRO: Acto “A pobreza ten faciana de muller” ás 18.30 na Avda. Castelao, 2 (Coia) xunto co Foro Socioeducativo Os Ninguéns

18 OUTUBRO. Palestra “A feminización da pobreza” ás 18.30 na Alameda Nova de Cangas.

RESISTIMOS PARA VIVIR, MARCHAMOS PARA TRANSFORMAR!

Feminismo e loitas antiimperialistas.

Co galo da nosa V Acción Internacional as compas da Marcha Mundial organizan unha palestra ao vivo para falar das Loitas feministas antiimperialistas contra a militarización, a guerra e as sancións.

Falan as compas Alejandra Laprea (Venezuela), Elpídia Moreno (Cuba), Khitam Saafen (Palestina) e Dawlat Daoud (Siria).

O noso compromiso é coas mulleres e os pobos oprimidos!!

Ve a transmisión e queda coa ligazón para podelo ver en diferido 👉

Ver en youtube: https://www.youtube.com/watch?v=7zfdHIgoxOE

Boletíns de Nyeleni, a voz da Soberanía Alimentaria

O Boletín internacional Nyéléni é a voz do movemento internacional pola Soberanía Alimentaria. O seu obxectivo principal é reforzar as bases do movemento, proporcionando material accesíbel sobre temas chave e creando un espazo para que as persoas e as organizacións que participan na loita intercambien experiencias e partillen información

Web onde se pode acceder aos boletíns en diferentes linguas: https://nyeleni.org/

Recomendamos especialmente o boletín sobre Mulleres e Soberanía alimentar

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram