8M | Feminismo organizado para varrer o patriarcado!

Ás portas do 8 de Marzo, e tras varios anos de folgas e mobilizacións masivas, ollamos atrás e compracémonos co medre da conciencia feminista,  que se revelou como o catalizador dun movemento social cunha enorme capacidade mobilizadora e transformadora. Mais para afianzar e seguir agrandando os efectos deste movemento na sociedade, debemos facer avaliación dos logros e das melloras pendentes para continuarmos avanzando na conquita última da iguadade efectiva de xénero.

Hoxe en día non se entende “políticamente correcto” cuestionar a necesidade de superar a discriminación de xénero – a non ser desde a extrema dereita-, mesmo as organizacións mainstream integraron no seu discurso a igualdade de xénero como eslogan, ao igual que as marcas comerciais. Semella que o feminismo “vende”. Mais na realidade, os cambios producidos son escasos ou nulos: a violencia contra as mulleres en múltiples vertentes continúa presente, a educación segue anquilosada sen cobrar o papel relevante que debería ter na deconstrución de roles sexistas; na actividade laboral as mulleres seguimos a padecer o chan pegañento, tratadas como man de obra de segunda, o que nos leva a soportar unhas pensións un 34% inferiores ás dos homes; os servizos públicos non cobren as necesidades de atención a dependentes e seguimos asumindo as mulleres no fogar case sempre en solitario esta tarefa; quen nos goberna serve os intereses das grandes empresas depredaroras do territorio que ameazan formas máis sustentábeis de vida e de produción , únicas capaces de asentar poboación no conxunto do territorio.

Os feminismos non poder ser un termo vacío, un eslogan de campaña, unha marca comercial, debe ser idea e praxe que nos leve a transformar o mundo na súa totalidade. Os feminismos lévannos a  entender que os coidados son esenciais, que todas as persoas dependemos as unhas das outras para vivir, que o benestar dunhas non pode ser a costa da explotación doutras, que o noso traballo ten o mesmo valor que o dos nosos compañeiros, que reclamar o dereito a vivir e traballar na nosa terra, que deixemos de expulsar ás mozas das noso país, que lles oferezamos condicións de traballo e vida digna, que na depredación capitalista non hai futuro, que a temos obriga de deixar unha Terra habitábel ás que veñan, que o lucro non pode estar por encima  nosa supervivencia no planeta.

Ás portas do 8 de Marzo queremos insistir na historia desta data que nace a comezos do século XX como día de loita, pola consecución de dereitos laborais, pola eliminación do traballo  infantil, polo dereito ao voto, contra a guerra… Tamén en Galiza a comezos do século XX as mulleres das clases populares protagonizaron revoltas reivindicando o dereito á terra para vivir do seu traballo, denunciando os impostos abusivos,  a falta de alimento polo negocio dos acaparadores… Queremos seguir o exemplo destas mulleres que se puxeron á fronte, hoxe tamén temos que seguir reivindicando a paz, que pare o xenocidio do pobo palestino,  a erradicación da pobreza enerxética, alimentaria…,  condicións de vida digna para ese 25% da poboación galega en risco de exclusión social, traballo digno en condición de igualdade para todas as mulleres, dereitos para as migrantes, erradicación das marxinalización das expresións de xénero disidentes, erradicación da trata e explotación sexual, dereito pleno sobre o noso corpo e a vivir sen medo.

O lema feminismo organizado para varrer o patriarcado é unha chamada á organización das mulleres para facermos xuntas unha revolución que o cambie todo, desde as conciencias ás formas materiais de vida, que nos reconcilie coas nosas iguais e nos una ás primeiras feministas e ás mulleres libres que nos sucederán. Unámonos e actuemos porque o futuro ou é feminista ou non será!

MOBILIZACIÓNS 8M: (actualizado 04/03)

A Coruña, 20h Obelisco
As Pontes, 20:30h Concello
Betanzos, 19:30 Palco da Música
Compostela, 20h praza 8 de marzo
Ferrol, 20h Praza Amada García
Lalín, 20h Km0
Lugo, 20h diante da Xunta
Marín, 20h Praza 8 de marzo
O Porriño, 20h Rotonda do canteiro
Ourense, 11h CHUO | 12:30h Concordia
20h Subdelegación
Pontevedra, 20:30h Praza de España
Ribadavia, 20h Praza do Concello
Ribadeo, 20h Rotonda do instituto

Ribeira, 20h Porta do Sol
Val Miñor, 13:30h Cruce da Ramallosa
Vigo, 20h Praza dos Cabalos
Vilagarcía, 20h Praza de Galiza
Vilalba, 20h Praza da Constitución

MANIFESTO

8M | Servizos públicos para mellorar a vida das mulleres

Todos os días, as mulleres estamos en loita: para sobrevivir nun mundo cheo de guerra, machismo e pobreza, para vivir a vida que queremos e para transformar o mundo con xustiza. igualdade e liberdade. O 8 de marzo é o Día internacional das mulleres. Todos os anos, nesa data, saímos ás rúas organizadas para loitar. 

O 2023 non é un ano calquera. Enfrontamos, a diario, ataques e agresións a un estado de benestar que se derruba por momentos. Enfrentamos tamén unha economía galega ao servizo de intereses alleos a Galiza. Como resultado das últimas crises fica desaparecido o suposto papel protector do sistema público de servizos sociais e a importancia dos servizos públicos no sistema capitalista vese relegada a un segundo, terceiro ou cuarto lugar. 

Levamos moitos anos denunciando o desmantelamento dos servizos públicos fronte ao lucro do grande capital, alertamos das reformas, da queda do público fronte o privado. A resistencia feminista continua alerta na Galiza. Por iso nós, da Marcha Mundial das Mulleres, dicimos: Servizos públicos para mellorar a vida das mulleres!

Queremos axudas ás rendas mínimas na Galiza

Un bo exemplo de do desmantelamento dos servizos públicos son os datos da Xunta de Galiza nas axudas ás rendas mínimas. A aparición das axudas estatais repercutiu nunha redución en todas as comunidades autónomas, mais só se ergue Galiza como avantaxada ao ser a que menos está a gastar na parte máis vulnerábel da nosa sociedade. 

Queremos unha sanidade pública.

Vivimos cun sistema sanitario debilitado até a asfixia. Cal é o resultado? Listas de espera eternas nunha crise sanitaria que levamos moitos anos vivindo e que neste momento está nunha situación dramática. Somos as mulleres as que máis pagamos os recortes no sistema sanitario, como usuarias coa nosa saúde e, como traballadoras coa precariedade. A situación deficitaria da atención primaria obrigounos a asumir unha mior atención a persoas idosas, crianzas e doente ante a falta de recursos sanitarios esenciais. O atrasamento nas citas, os desprazamentos a outros centros sanitarios ou mesmo áreas sanitarias por non funcionar adecuadamente, implica que sexamos as mulleres as que teñamos que estar sempre pendentes dos coidados das persoas coas que convivimos e temos que dedicar moito do noso tempo (e da nosa carga mental) dentro e fóra da xornada laboral. Unha vez máis vémonos obrigadas a poñer a atención doutras persoas por diante dos propios autocoidados pola carencia de recursos públicos. 

O noso sistema sanitario reflite a practica as desigualdades propias da sociedade patriarcal cando as doentes somos nós. A subordinación que as mulleres sufrimos na sociedade reprodúcese nun sistema sanitario deseñado con valores masculinos e por homes. 

Queremos un sistema educativo público.

Os recortes tamén lastran o sistema educativo: merman os cadros de persoal, pechan escolas no rural, aumenta a impartición de materias por profesorado non especialista, a desatención ás necesidades educativas especiais, etc. Todo isto non fai máis que dificultar un ensino público de calidade para as crianzas e mocidade das clases populares. 

Tamén a imposibilidade de cursar estudos superiores pola dificultade de acceso e de recebimento de bolsas en prazo, que afectan a moitas clases populares na Galiza que teñen que deixar os estudos por imposibilidade económica.

Queremos un sistema público de ensinanza con perspectiva feminista que garanta a non discriminación e unha aprendizaxe libre.

Queremos centros xeriátricos. 

Calcúlase que na Galiza hai un défice de máis de 14.000 prazas nos centros de atención a idosas. A xestión da maior parte das prazas existentes está en mais privadas, igual que en moitos centros de día. Esta aposta pola privatización repercuten nas usuarias, que teñen que padecer uns servizos que priman o lucro e non a atención.

Queremos unha vida sen violencia.  

A violencia non cesa na Galiza. É a violencia contra as mulleres e nenas nas cidades, vilas e aldeas do país, a violencia contra a poboación LGBT. Vivimos agresións físicas, acoso sexual no traballo, somos asasinadas. A causa desta violencia é a desigualdade e o machismo crecente na sociedade e impregnado neste sistema, na que as mulleres non temos cabida. 

Queremos a fin da violencia machista: uns servizos públicos que traballen na prevención, acompañamento e atención das mulleres que sofren violencia machista. Exiximos máis recursos e programas públicos para traballar na erradicación da violencia machista.

Queremos unha vida libre e autonomía das mulleres sobre os nosos corpos e sexualidades. 

Queremos que as mulleres teñamos o dereito á vida que desexemos. Isto ten que ver, inclusive, co dereito a decidir ser nais e decidir como queremos maternar, cun sistema público de escolas infantís e baixas xustas e remuneradas para a crianza e a conciliación. 

Queremos os nosos dereitos sexuais e reprodutivos garantidos.

Queremos dereitos, empregos, salarios e pensións dignas. 

Queremos un sistema público de protección para o desemprego con cobertura das necesidades básicas: vivenda, alimentación e subministracións.

Queremos que sexan para todas, precisamos dun sistema público que garanta os dereitos de todas, o fin dos discursos de odio e a desaparición das leis de estranxería. 

Estas son as nosas exixencias inmediatas!

Somos as grandes vítimas destas políticas non-sociais. Nós debemos paliar a pobreza de recursos que ofrecen as administracións, somos nós as que máis traballos ocupamos neses servizos de coidados sobreexplotas, nós somos as empobrecidas e é o noso deber darlle resposta ás carencias do sistema.

O que acontece cando fallan os servizos públicos? Debemos reducir a xornada de traballo ou mesmo renunciar a ter unha vida laboral para desenolver os coidados que os gobernos non garanten. Isto ten consecuencias: a curto prazo, na capacidade económica reducida, na sobrecarga mental, nas dificultades de poder promocionar no noso posto laboral; a longo prazo, na calidade das pensións, as galegas as máis baixas do estado e de media 350€ inferiores ás dos homes.

Neste sistema non temos a posibilidade de ter unha vida digna, con dereitos e libres de violencia. Só o feminismo e a clase traballadora unida, organizada e na rúa podemos poñer fin a un sistema de miseria e retroceso. 

Seguiremos en marcha até que todas sexamos libres. 

MANIFESTO 8 DE MARZO

[LISTAXE DE MOBILIZACIÓNS] actualización 08/03

A Coruña, 20h Obelisco
As Pontes, 20:30h saída do Concello
Allariz, 20h Praza do Concello
Ames, 18h Praza do Concello
Betanzos, 20h detrás do palco da música
Catoira, 20h Alameda
Cee, 20h Praza 8 de marzo
Chantada, 20h Praza Santa Ana
Compostela, 20h Praza 8 de marzo
Ferrol, 20h Praza Amada García
Lalín, 20h KM0
Lugo, 20h Multiusos da Xunta
Monforte, 20h Praza de España
Noia, 20h Coliseo Noela
O Porriño, 20h diante do Concello
Ordes, 20:30h Alameda
Ourense, 12:30h na Praza Maior | 20h manifestación Subdelegación
Padrón, 21:30h saída da Estatua Rosalía
Ponteceso, 20h saída do IES Eduardo Pondal
Pontevedra, 20h Praza de Ourense
Ribadavia, 20:30h Praza Maior
Ribadeo, 20h Aparcadoiro público na rotonda do instituto
Ribeira, 19:30h Praza do Concello
Val Miñor, 12:30h no cruce da Ramallosa
Verín, 12h Praza do Concello
Vigo, 20h Praza dos Cabalos
Vila de Cruces, 20:30h Praza do Concello
Vilagarcía de Arousa, 20:30h Praza de Galiza
Vilalba, 20h Praza Constitución

https://twitter.com/MMMGaliza/status/1633071853622247424

8M 2022 Nin escravas nin heroínas, mulleres con dereitos xa!

O feminismo galego ateigou as rúas de reivindicación e loita feminista reclamando o fin das violencias, da discriminación e deste sistema ecónomico que atenta contra a vida. Por un feminismo forte os 365 días do ano.

Este 8M de 2022 vivimos grandes mobilizacións en toda Galiza demostrando a forza do feminismo galego. Se hai racismo non é feminismo, patriarcado e capital alianza criminal, se hai transfobia non é feminismo ou mulleres contra a guerra, mulleres contra o capital foron palabras de orden que resoaron nas rúas de todo o país nas voces de milleiros de mulleres. Unha xornada de denuncia das desigualdades e dun sistema inxusto que nos nega vidas dignas!

Recollemos aquí unha galería de imaxes de todo o país!

Se a túa localidade non está envíanos as fotos a nacional@feminismo.info !!!

8M Dereitos reais para as mulleres traballadoras galegas!

Emprego digno · Sistema Público de Coidados · Saúde Pública de Calidade · Dereito á Vivenda · Alimentación e Suministros garantidos.

Hai máis de 100 anos que o 8 de marzo é a principal data reivindicativa do calendario feminista. Esta longa traxectoria actualízase en cada lugar do mundo e en diferentes momentos da historia como un instrumento da acción e da loita colectiva das mulleres. Na Galiza de hai 104 anos, un 8 de marzo as mulleres da comarca de Ferrolterra iniciavan unha revolta fronte aos tiranos e os caciques polo pan e unha vida digna, ao berro de “Temos fame, abaixo os acaparadores” xa entón as mulleres traballadoras amosaban ao pobo o camiño da revolta.

Sabemos que hai moito máis tempo que as mulleres son parte da loita pola emancipación e xa resistian e construían alternativas ás moitas formas de dominación. Reunir ás diversas mulleres de todo o mundo en torno dunha data é esencial para construír un suxeito político colectivo que ten raíces e historia e que coloca a igualdade a liberdade como eixos de loita.

Neste 2022 as galegas enfrontamos unha fenda salarial dun 19 e o 46,7% das traballadoras cobran menos do SMI. A temporalidade, ocupamos o 76,7% dos traballos parciais, e a precariedade, moitos dos contratos asinados por mulleres duran menos dun mes, convirten ás mulleres galegas na face da pobreza no noso país. As nosas pensionistas teñen de media 10 anos menos de cotización que os homes e un 36% das desempregadas non percibe nengún tipo de subsidio por desemprego. As mulleres galegas traballamos ademáis no sector dos servizos, o 87% das asalariadas mulleres o estan neste sector, que é un dos de maior perda de dereitos laborais o que convirte a conciliación nun papel mollado na nosa realidade diaria. O 20,05% das mulleres estaban en risco de pobreza ou exclusión social en Galiza en 2020 e a cousa non mellora.

Os recortes seguen golpeando en maior medida ás mulleres no noso país e alá onde foron aplicados: recortes en programas de prevención e atención ás mulleres agredidas, recortes dos programas relacionados coa educación e a crianza, recortes na sanidade que repercuten nos tratamentos específicos relacionados coa saúde das mulleres, desmantelamento de políticas públicas de igualdade e vivenda, exclusión social e pobreza. O 94% das axudas a través das rendas de inserción social para familias monoparentais en Galiza con para mulleres.

Vivimos unha ofensiva do capital transnacional sobre os nosos territorios que tamén impactan gravemente no noso pobo e na vida das mulleres. A destrucción do medio e a explotación dos recursos naturais trae consigo a destrucción dos modos de vida e a economía tradicional que sirven de apoio a miles de mulleres para enfrontar o impacto do capitalismo e da súa economía depredadora. Esta ofensiva depredadora da minería e o extractivismo tamén tivo en fronte a organización e a loita das mulleres na defensa do territorio.

Todos estos datos económicos evidencian que a alianza patriarcado capital continúa a pór en risco a vida das mulleres e os territorios e require dun confronto social e institucional que teña no feminismo unha das súas ferramentas imprescindíbeis.

Nun estado cada día máis antidemocrático asistimos ao crecemento de sectores conservadores e a súa influencia na política e na economía. Devolver ás mulleres aos roles tradicionais é a proposta deste sector consevador para xustificar o recorte dos servizos públicos. Dende quen defende limitar o dereito ao aborto pate quen propón eliminar os programas de igualdade para manter a explotación das mulleres no ámbito doméstico. O capitalismo, o patriarcado e o racismo manteñen deste xeito ás mulleres nunha situación de desigualdade con menos acceso á renda e aos dereitos.

Tamén observamos que o feminismo se amplia e enraiza, virou unha axenda xeral da sociedade e non só dos movementos feministas organizados. Hai múltiples grupos e formas de actuar, mas tamén contidos comúns que pasan por recoñecer o carácter patriarcal e racista do capitalismo e a centralidade da axenda do coidado, a importancia de defender a diversidade afectivo-sexual, a necesidade de afirmar valores democráticos e formas horizontais de poder e a importancia da autoorganización das mulleres.

Mas fronte a este crecemento hai unha reacción do mercado para incorporar o ideal de liberdade e igualdade. Basta ver a linguaxe feminista empregada en propaganda de roupa e cosméticos vinculada ao 8M polas mesmas empregsas que explotan o traballo e a vida das mulleres ou os apelos á participación na folga de mulleres de persoeiras vinculadas ao capital e ao poder. Isto banaliza e tira radicalidade ao feminismo, como sabemos o mercado tenta facer do feminismo o “novo espírito” do capitalismo global. Pretenden converter o noso movemento político en máis un obxeto de consumo asimilando nom só a estética senón parte esa parte da mensaxe máis desvinculada da crítica profunda do sistema capitalista.

A Marcha Mundial das mulleres fai unha crítica integral ao actual modelo e aposta por un feminismo antisistema que se opoña á actual orde capitalista, patriarcal, racista, heteronormativo e colonial. Sabemos que esa aposta non é fácil nen cómoca, mas é a máis coherente coa nosa defensa dunha sociedade con novas relacións, con outras formas de organizar o traballo, de garantir a substentabilidade da vida e onde exista espazo para novas subxetividades baseadas na autonmía e a igualdade. Sabemos tamén que o horizonte de transformación e formas de loita constrúense en cada momento analizando o contexto e como as forzas dominantes operan, por iso neste momento na Galiza a loita pola democracia, polo dereito dos pobos a decidir o seu futuro, contra a guerra, pola soberanía alimentar e a defensa do territorio e contra a explotación capitalista son eixos esenciais da axenda do feminismo para crear unha axenda de mobilización e transformación social.

Por iso neste 8M de 2022 queremos que a nosa campaña fale de dereitos reais para as mulleres traballadoras galegas, defendendo a necesidade de empregos dignos para vidas dignas, dun sistema público de coidados que dé resposta as necesidades sociais e coloque os coidados no centro, o dereito a acceder a unha vivenda en condicións dignas que nos permita desenvolver os nosos proxectos de vida así como políticas que garantan os suministros e a alimentación como dereitos básicos fronte á especulación e a acumulación capitalista e unha defensa férrea da sanidade pública como outro piar básico dunha sociedade xusta na que todas vivamos dignamente.

Seguimos comprometidas en construír un feminismo que transforme o mundo e a vida das mulleres e para iso afirmar o carácter anticapitalista, antipatriarcal e antirracista do feminismo é esencial para construír unha sociedade diferente que coloque a vida no centro.

Seguimos en marcha até que todas sexamos libres.
Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres.
8 de marzo de 2022.

CARTELERÍA

DESCARGA OS CARTAZES PARA IMPRIMIR

DESCARGA O MANIFESTO

DEMANDAS 8M 2022

CONVOCATORIAS GALEGAS 8M

A Coruña, 20h Obelisco.

As Pontes, 20h30 Concello (chegada á rúa 8 de marzo)

Allariz, 19h Campo da Barreira.

Ames, 17h Praza da Maia.

Barreiros, 20h Praza do Concello (Convocatoria da Mariña)

Betanzos, 20h30 Palco da Música (Colectivo Feminista das Mariñas)

Camariñas, 12h Praza do Concello.

Carballo, 20h Praza do Concello (Círculo Feminista de Carballo)

Chantada, 20h Praza de Santa Ana.

Compostela, 19h Praza 8 de marzo.

Ferrol, 20h Praza de España.

Lalín, 20h saída desde KM0.

Lugo, 20h Praza Horta do Seminario.

Monforte, 20h30 Praza de España.

Noia, 21h Praza do Curro.

O Porriño, 20h Praza do Concello.

Ordes, 20h Alameda.

Ourense, 20h Subdelegación do Goberno.

Pontevedra, 20h Praza do Hospital Provincial.

Ribeira, 20h Praza do Concello.

Val Miñor, 11h30 (Confluencia ás 12h30 na Ramallosa)

  • Baiona, Peirao.
  • Gondomar, Praza de Abastos.
  • Nigrán, diante do Concello.

Vigo, 19h30 Praza dos Cabalos.

Vila de Cruces, 12h Praza do Concello.

Vilaboa, 18h diante do Concello.

Vilagarcía, 20h30 Praza de Galiza.

8M // Mobilizarnos para transformar a vida das mulleres.

O feminismo galego ten demostrado unha gran capacidade de mobilización, a través da cal fomos quen de situar Galiza no mapa mundial do Paro Internacional de Mulleres e participar activamente en varias xornadas históricas, revolucionarias, que marcaron un punto de inflexión na conmemoración do 8 de Marzo e en como se comezou a concibir a celebración desta data, marcando con forza unha axenda propia co obxectivo de construír un feminismo anticapitalista da Galiza para o mundo.

O noso obxectivo foi sempre o de denunciar a violencia institucional que sufrimos as mulleres, sinalar a quen ten responsabilidade política de reverter a situación de discriminación que padecemos, e artellar propostas que rachen con ela. As convocatorias de folga de mulleres perseguían identificar o espazo baleiro que deixan estas non só na actividade produtiva, retribuída, senón tamén no fogar, cando non se ocupan dos coidados, e ao tempo, facilitar a participación activa das mulleres nas diferentes mobilizacións convocadas en vilas, pobos e cidades galegas, rachando coas dinámicas de convocatoria de actos institucionais, e devolvendo o protagonismo ás mulleres nas súas demandas.

Mais a pesares de termos convocado as mobilizacións máis masivas da historia recente, os gobernos foron incapaces de adoptar medidas dirixidas a mellorar a nosa situación e a sociedade mantén unha distancia aínda abismal entre o que di e o que fai en relación á igualdade.

Na Galiza levamos décadas de recortes en igualdade, o PP ocupouse de facer desaparecer ou baleirar de contido e orzamentos a diversos organismos públicos de igualdade e atención á diversidade, favorecendo a entidades relixiosas e anti-abortistas no canto de garantir unha anticoncepción e unha interrupción voluntaria do embarazo na rede pública; somos vítimas de violencia obstétrica, sen que poidamos garantir coidados e atención permanente nos procesos de embarazo, parto, postparto e perdas xestacionais; seguimos a padecer recortes en materia de servizos públicos e os efectos de políticas privatizadoras nos servizos sociosanitarios e de atención ás persoas por parte do Partido Popular; políticas ultraconservadoras adoptadas co obxectivo de que sexamos unha vez máis, as mulleres, as encargadas do coidado das crianzas e persoas dependentes, sexa de xeito precarizado, con salarios míseros e condicións de traballo ínfimas, ou sexa de balde, ante a imposibilidade de poder acceder a servizos públicos, sen ter en conta a dispersión xeográfica da poboación galega e a concentración destes servizos nas cidades; ao avellentamento da poboación temos que engadirlle a emigración da nosa mocidade, por mor da inexistencia de alternativas que posibiliten o seu desenvolvemento socioeconómico no noso país.

Por outra banda, a primeira decisión política adoptada polo goberno do estado durante a crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19 consistiu en devolver á esfera íntima e doméstica ás mulleres. A decisión de pechar os centros de ensino, escolas infantís, centros de día e centros de atención á diversidade, sen adoptar medidas de carácter público dirixidas a garantir os coidados de menores e persoas dependentes, supuxo que as mulleres asalariadas optasen por reducir as súas xornadas (mesmo na súa totalidade) para poder ficar a cargo da familia, ficando sen ingresos durante meses. Colocando novamente a vida das mulleres ao servizo dunha sociedade que sequera dá valor a estes coidados.

Tamén engadir que pese a que as actividades esenciais resultaron ser maioritariamente as feminizadas (ámbito sanitario, comercio de alimentación, servizos de atención ás persoas), non houbo unha reposta dos poderes públicos dirixida a revalorizar económica e socialmente estes oficios, senón que foron sometidas a unha sobre-explotación, en moitos casos, sen garantir a protección da súa saúde, e sen que meses despois fosen recompensadas.

Desde o feminismo esiximos que se poña a sostenibilidade da vida no centro da análise das políticas públicas. Nós perseguimos o obxectivo político de transformar a realidade en sentido igualitario, mais non a costa de explotar ás mulleres ou de desposuírnos dos dereitos que temos conquistado.Debemos continuar denunciando e combatendo o capitalismo, o racismo, o colonialismo, o imperialismo e o patriarcado, na busca da conquista da igualdade e da xustiza social.

Debemos reclamar aos partidos políticos, aos movementos sociais e populares, que é imprescindíbel asumir a loita das mulleres para construír procesos realmente xustos, participativos e emancipatorios. Non imos renunciar aos avances, e non imos contentarnos con actos institucionais de recoñecemento, se non van acompañados de reformas tanxíbeis. As demandas de igualdade entre os xéneros e a loita contra o patriarcado deben ser parte da axenda do movemento feminista, mais tamén das axendas dos gobernos, e da sociedade en xeral.

Por todos estes motivos, a uns meses vista dunha nova conmemoración do 8 de marzo, consideramos que non podemos ficar inmóbiles. O sistema agarda de nós que sigamos confinadas e que aceptemos a situación como inevitábel cando non o é. Por iso facemos un chamamento a encher as vilas e cidades da Galiza de columnas de mulleres, que a distancia social imposta pola xestión da pandemia non impida a mobilización, coidándonos entre nós, como levamos feito ata agora. Salvagardando a nosa saúde, fagamos que xurda un novo modelo de mobilización, na que recuperemos a nosa visibilidade no espazo público, poñendo no foco da atención as nosas demandas, as nosas denuncias e unha advertencia aos gobernos: non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos.

Nós estaremos nas rúas, e na folga, este 8 de marzo. Manifestarémonos e ocuparemos o espazo público porque sen mobilización social non hai transformación social. Ata que haxa cambios reais, ata que todas sexamos libres nunha sociedade xusta e nun pobo libre.

Coordenadora Nacional Galega, 20 xaneiro de 2021.

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram