25N Ourense

Este 25N saímos ás rúas contra a violencia machista e contra a invisibilidade que esta loita esta vivindo durante a crise sanitaria. A vida postérgase, para, confínase, pero a violencia continúa!

Coa crise sanitaria da covid-19 chegou a escusa que moitas institucións e sectores estaban agardando para devolver á esfera íntima e doméstica ás mulleres. Para voltar responsabilizarnos da reproducciónda da vida e dos coidados individuais e colectivos. 

A decisión de pechar os centros de ensino, escolas infantís, centros de día e centros de atención á diversidade, sen adoptar medidas de carácter público dirixidas a garantir os coidados de menores e persoas dependentes, supuxo que as mulleres asalariadas optasen por reducir as súas xornadas (mesmo na súa totalidade) para poder ficar a cargo da familia, ficando sen ingresos durante meses. 

Pese a que as actividades esenciais resultaron ser maioritariamente as feminizadas (ámbito sanitario, comercio de alimentación, servizos de atención ás persoas, no fogar, na limpeza), non houbo unha reposta dos poderes públicos dirixida a revalorizar económica e socialmente estes oficios, senón que foron sometidas a unha sobreexplotación, en moitos casos, sen garantir a protección da saúde das traballadoras.

O confinamento obrigou a moitas mulleres a convivir co seu agresor, sobreexpoñéndoas a unha violencia extrema. Ademáis sumou en moitos fogares xornadas de teletraballo con tempos de coidado e coa necesaria organización para manter as redes afectivas e sociais sostendo ás persoas máis vulnerábeis durante os peores momentos de confinamento e distanciamento social. 

Durante os meses da crise sanitaria as institucións paralizaron a maior parte dos servizos de prevención e atención a mulleres que sofren de violencia machista, os xulgados pararon procedementos de custodias, conflitos e todo tipo de procedementos se viron aprazados. Suprimíronse programas e servizos de atención e acompañamento e ficaron escasos recursos de emerxencia que xa antes da crise sanitaria non eran quen de dar resposta ás

necesidades das mulleres. En ningún momento se considerou a prevención e atención a mulleres que sofren violencia machista unha actividade “esencial” que non pode parar cando se pretende parar a vida nin cando se decide confinar á poboación e paralizar todo tipo de actividades. 

Durante os meses da crise sanitaria as institucións paralizaron a maior parte da atención médica como consultas ordinarias, a preparación ao parto ou a atención a procesos de saúde en marcha. O contexto da Covid-19 está a servir de excusa para realizar ecografías e partos sen acompañante, separacións da díada nai/bebé, interferencias na lactación materna, parto coa colocación de mascarilla e sen posibilidade de mobilidade, incrementando a violencia obstétrica contra nós… Actuacións todas elas, contrarias aos dereitos das mulleres e as crianzas. 

Cos protocolos da covid19 multiplicáronse os retrasaos na aplicación de sentenzas e se mantiveron actitudes previas nos procesos de denuncia nos que as mulleres continuamos a ser cuestionadas e agredidas polo sistema xudicial. 

A crise sanitaria trae consigo unha crise económica que bate nas máis vulnerábeis e que precariza a quen peor estaba. Neste contexto as mulleres voltamos ser as máis agredidas pois en moitos casos a carga de coidados obrigou a abandonar os empregos remunerados e en moitas outras estes empregos viron reducidas as súas xornadas cun empeoramento das condicións económicas, a paralización do traballo informal polo confinamento ou os despedimentos dos empregos domésticos ou de coidados recaeron sobre todo sobre nós. 

Neste contexto de violencias cara as mulleres as nosas compañeiras trans estan a sufrir ademáis ataques dende dentro e fóra do feminismo que se suman ás xa numerosas violencias que enfrentan día a día con altísimos porcentaxes de desemprego, acoso e agresións e discriminación. A crise sanitaria tamén veu a empeorar as súas condicións de vida. 

E fronte a isto o que tivemos nos momentos máis duros da crise sanitaria foron ás veciñas, ás compañeiras, ás nosas irmás e amigas, redes de apoio mútuo e de coidados que nos sostiveron nos peores momentos, que sairon ao rescate das que máis sufriron estas violencias e que fixeron o que estado non foi capaz de facer: soster a vida. 

Traballadoras dos servizos esenciais que teñen empregos precarios, salarios de miseria e condicións miserábeis foron as que sosteron a vida das máis vulnerábeis, as que se mantiveron firmes mentres todo afundía ao redor. As nosas iguais, as nosas amigas, veciñas, compañeiras, que priorizaron a vida fronte a todo e que renunciaron a que nos roubaran os afectos e a comunidade en medio do estado de excepción, apodado de alarma. 

E tivemos, temos e teremos sempre a organización e o feminismo como ferramenta colectiva para denunciar as violencias que sufrimos, aquelas para as que o sistema e a sociedade xa miran como a sexual ou física e aquela que aínda hoxe non se vé como violencia pero que nos agrede constantemente na dura tarefa de vivir nun sistema que odia a vida e por iso lle quita valor. 

Feminismo para afrontar a violencia económica, xudicial, institucional, a simbólica e a física e sexual, a que existe na educación, nos medios de comunicación, na sociedade que non tolera nen que a visibilicemos e por iso arranca as nosas pancartas, os nosos lazos pretendendo así apagar a nosa protesta. 


Feminismo para combater a crise sanitaria que o capital enfronta deitando sobre nós toda a responsabilidade e toda a carga de traballo que nos ailla e nos empobrece, que nos entristece e pretende roubarnos o futuro e a alegría.

Feminismo para todas

Feminismo para mudalo todo.

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram